DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 20 de agosto de 2026 Páx. 45916

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2026, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Miño (expediente IN407A 2026/120-1).

Expediente: IN407A 2026/120-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: Substitución do CT 15CRJ6 tipo pé de apoio en mal estado por un Rural-Miño.

Concello: Miño.

Feitos:

1. O día 14.5.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de substituír un CT compacto tipo pé de apoio por atoparse en mal estado xeral, derrubado e ter chegado ao fin da súa vida útil.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Sustitución del CT 15CRJ6 tipo pé de apoio en mal estado por un Rural-Miño, asinado o día 4.5.2026 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, nº colexiado 2.980 de Vigo.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Miño, Consellería de Medio Ambiento e Cambio Climático: Servizo do Litoral, Deputación Provincial de A Coruña, Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable e Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes emitidos no prazo outorgado para ese efecto.

4. O día 17.7.2026 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de mayo).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións obxecto deste expediente están situadas entre Ponte do Porco e Ponte do Lambre, A Raña no concello de Miño e as súas características técnicas son as seguintes:

– Substitución do CT tipo pe de apoio con matrícula 15CRJ6-Montecelo/vivendas sociais (expediente IN407A 1999/253-1) por un tipo rural da mesma potencia (160 kVA) ao estar en mal estado e ademais encontrarse desnivelado por defectos na súa cimentación, sendo necesario a substitución do tramo derivación desde o CT ao apoio APR5J189//D8 do circuíto LMTA PED710 Eume 2 10 (15 kV).

– Substitución do tramo soterrado da LAT PED710 2 10 de 15 kV existente en condutor RHZ1-3x95 (37 metros), por un novo en condutor RHZ1-3x150 cunha lonxitude de 37 m, con orixe en PAS en apoio existente e final no CT proxectado.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 28 de xullo de 2026

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña