O 16 de xuño de 2025, a Xunta de Goberno local aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (regulación de usos), elaborada polo Servizo Municipal de Planeamento e Xestión Urbanística.
A modificación tramítase polo procedemento simplificado regulado no artigo 18 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia (LRRR).
Como resultado das alegacións formuladas no trámite de participación pública, elaborouse un documento reformado de aprobación provisional en que se introducen varios cambios respecto do aprobado inicialmente o 16 de xuño de 2025.
Nova exposición pública.
A Xunta de Goberno local, na sesión do 30 de xullo de 2026, acordou abrir un novo trámite de información pública sobre as modificacións propostas antes de adoptar o acordo de aprobación provisional.
Durante o prazo dun (1) mes, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia e nun xornal dos de maior difusión na provincia, calquera persoa poderá formular alegacións sobre o contido das modificacións propostas.
Consulta da documentación.
A documentación sometida a exposición pública pode consultarse na seguinte ligazón da páxina web do Concello de Santiago de Compostela: https://tinyurl.com/4dh6zj4b
Tamén se poderá consultar de forma presencial no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (sito na rúa das Casas Reais núm. 8, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.
Presentación de alegacións.
As persoas que desexen formular alegacións sobre os cambios introducidos dispoñen dun prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, consonte o disposto no artigo 30.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As alegacións deberán formularse por escrito, a través de calquera dos medios relacionados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indicando no escrito o seguinte número de identificación do procedemento: 2024/27192Y.
As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, na epígrafe Catálogo de trámites, a través do trámite Presentación de documentación e alegacións, e da opción Achega libre. Deberase introducir o dato 2024/27192Y no campo Referencia e incorporar o documento das alegacións.
As persoas xurídicas, así como as persoas físicas que as representen, só poderán presentar a súa alegación por medios electrónicos.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026
A alcaldesa
P.D. (DEC/2023/8135, do 17 de xuño de 2023)
Iago Lestegás Tizón
Concelleiro delegado de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica
