Logo da aprobación do texto inicial e unha vez finalizado o trámite de información pública (DOG núm. 213, do 4 de novembro de 2025), a Xunta de Goberno Local do Concello de Sanxenxo, en sesión extraordinaria realizada o 30 de xuño de 2026, acordou ratificar o texto definitivo do Convenio urbanístico para a execución do planeamento, referido á execución da rede de saneamento común aos sectores SU-1 e SU-8 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Sanxenxo e a súa conexión á rede pública municipal, texto que foi asinado polas partes intervenientes o día 10 de xullo de 2026.
En cumprimento do disposto no artigo 403.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, procédese á publicación do texto íntegro do convenio.
Sanxenxo, 24 de xullo de 2026
Telmo Martín González
Alcalde presidente
ANEXO
Texto definitivo do Convenio urbanístico para a execución do planeamento, referido á execución da rede de saneamento común aos sectores SU-1 e SU-8 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo e a súa conexión á rede pública municipal
REUNIDOS:
Telmo Martín González, co DNI (*), e enderezo para os efectos de notificacións na rúa Madrid, núm. 1, Sanxenxo 36960, Pontevedra,
Ramón Devesa Morandeira, co DNI (*), e enderezo para os efectos de notificacións en (*), e
Verónica Cernadas Capelán, co DNI (*), e enderezo para os efectos de notificacións en (*),
INTERVEÑEN:
Telmo Martín González, na súa condición de alcalde do Concello de Sanxenxo, en representación deste.
Ramón Devesa Morandeira, en nome e representación da Xunta de Compensación do sector de solo urbanizable SU-1 do PXOM de Sanxenxo, da que é presidente do seu Consello Reitor, e
Verónica Cernadas Capelán, en nome e representación da Xunta de Compensación do sector de solo urbanizable SU-8 do PXOM de Sanxenxo, da que é presidenta do seu Consello Reitor.
Recoñécense a capacidade legal necesaria para contratar e obrigarse, formalizan este convenio e
EXPOÑEN:
I. Que a Xunta de Compensación do sector SU-1 do PXOM de Sanxenxo e a Xunta de Compensación do sector SU-8 do PXOM de Sanxenxo son as encargadas de urbanizar, respectivamente, os terreos dos referidos sectores de solo urbanizable SU-1 e SU-8.
II. No marco deste desenvolvemento urbanístico, algunhas das obras que se levarán a cabo son comúns aos dous sectores, dado que lles darán servizo a ambos.
Entre esas obras que se van realizar atópase a rede de saneamento que serve os sectores SU-1 e SU-8 e que conectará coa rede municipal, segundo se describirá posteriormente máis polo miúdo.
III. O Concello de Sanxenxo está interesado en que a estación de bombeo para a impulsión do saneamento cara á PO-308 se execute nas parcelas de titularidade municipal identificadas coa referencia catastral 36051A056000040000FU e 36051A056090020000FA (sistema viario), o que permite minimizar o impacto paisaxístico que provocaría a súa localización no sistema xeral adscrito ao SU-1 e, ao mesmo tempo, evita o mantemento por parte do Concello de dúas estacións de bombeo unha vez recibidas as obras de urbanización dos sectores urbanizables números 1 e 8.
A localización elixida é, por conseguinte, máis axeitada para garantir a correcta prestación do servizo de saneamento ao conxunto das persoas usuarias dos dous sectores.
IV. Neste contexto, faise necesaria a sinatura deste convenio, co fin de concretar os dereitos e as obrigas de cada unha das tres partes intervenientes.
Consonte o exposto, subscríbese este convenio con base nas seguintes estipulacións:
Primeira. Obxecto do convenio
Este convenio ten por obxecto definir, concretar e coordinar as actuacións que as tres partes asinantes (o Concello de Sanxenxo, a Xunta de Compensación do sector SU-1 e a Xunta de Compensación do sector SU-8) deben levar a cabo para a execución da rede de saneamento común aos sectores SU-1 e SU-8 que debe conectar coa rede pública municipal ata a estrada PO-308.
Segunda. Obrigas asumidas polo Concello de Santiago
En virtude deste convenio, o Concello de Sanxenxo asume as seguintes obrigas:
1ª. Tramitar ata a súa conclusión, coa maior dilixencia e celeridade posibles, os proxectos que definen as obras a que se refire este convenio:
a) O proxecto denominado Depósito bombeo. Saneamento praia de Agra.
b) O Proxecto para a expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos terreos afectados polo Proxecto de urbanización da primeira fase da vía prevista no PXOM para a conexión do SU-1 co solo urbano consolidado de Area de Agra, no lugar da Granxa.
2ª. Poñer á disposición das xuntas de compensación dos sectores SU-1 e SU-8, para os exclusivos fins previstos neste convenio, a parcela de titularidade municipal identificada coa referencia catastral 36051A056000040000FU e o dominio público local viario identificado coa referencia catastral 36051A056090020000FA, nos que se prevé a execución da estación de bombeo de augas residuais.
O Concello de Sanxenxo mantén en todo momento a titularidade dominical sobre as referidas parcelas, así como a facultade de inspección e control sobre as obras que se executen, sen que a posta á disposición implique ningunha cesión ou transmisión de dereitos sobre o dominio público ou patrimonial do municipio.
3ª. Obter, polo procedemento legalmente establecido (acordo coas persoas propietarias, expropiación forzosa ou calquera outro mecanismo xuridicamente procedente), os solos que son actualmente de titularidade privada necesarios para as obras de conexión do saneamento dos sectores SU-1 e SU-8 coa rede municipal. Esta conexión afecta as parcelas con referencia catastral 36051A058003740000FU, 36051A058003730000FZ e 36051A058003720000FS.
4ª. Tramitar ata a súa conclusión, coa maior dilixencia e celeridade posibles, e de acordo co marco legal existente, os informes, licenzas, autorizacións e demais actos administrativos que sexan necesarios para poder acometer as obras de saneamento a que se refire este convenio.
5ª. Recibir as obras, unha vez executadas de acordo co proxecto ou proxectos técnicos aprobados, e asumir a súa conservación desde a súa recepción, sen prexuízo da aplicación do correspondente período de garantía.
Se ao recibir as obras de urbanización do SU-8 non estivese en funcionamento a estación de bombeo conxunta obxecto do presente convenio, o SU-8 poderá ser recibido e posto en carga co sistema de bombeo provisional previsto no planeamento e no proxecto de urbanización aprobados. Non obstante, este bombeo provisional será anulado tras a recepción e a posta en funcionamento da infraestrutura común ao SU-1 e SU-8.
Terceira. Obrigas asumidas polas xuntas de compensación dos sectores SU-1 e SU-8
1. As xuntas de compensación dos sectores SU-1 e SU-8 asumen, coa sinatura deste convenio, as seguintes obrigas:
1ª. Levar a cabo a contratación da empresa ou empresas profesionais que se encargarán da execución e dirección das obras de saneamento a que se refire este convenio.
2ª. Aboarlle á devandita empresa ou empresas e profesionais os importes correspondentes ás obras e aos traballos que realicen.
De forma orientativa, os orzamentos son os seguintes:
A) No proxecto Depósito bombeo. Saneamento praia de Agra, prevese un orzamento de execución material (OEM) das obras obxecto do devandito proxecto técnico de douscentos setenta e sete mil trinta e cinco euros con sete céntimos (277.035,07 €) máis IVE, e o orzamento de execución por contrata é de 398.902,79 €.
O importe da dirección de obra e da coordinación de seguridade e saúde calcúlase arredor dun cinco por cento do OEM.
B) O Proxecto de urbanización da primeira fase da vía prevista no PXOM de Sanxenxo para a conexión do SU-1 co solo urbano consolidado de Area de Agra, no lugar da Granxa, na parroquia de Dorrón, prevé que o orzamento de execución material das obras obxecto do devandito proxecto ascende á cantidade de sesenta e un mil novecentos euros con corenta céntimos (61.900,40 €) máis IVE.
O importe da dirección de obra e da coordinación de seguridade e saúde calcúlase nuns dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) máis IVE.
C) As obras de reforzo da rede de saneamento que se vai executar sobre o proxecto de urbanización do sector SU-1 para tramitar, que discorrerá dentro do devandito sector (concretamente, polas rúas B, C e D) para soportar a acometida da rede proveniente do SU-8.
O cálculo do importe de execución destas obras de reforzo consensuarase entre o SU-1 e o SU-8, co apoio do persoal técnico designado por cada sector, sen prexuízo da aprobación definitiva do proxecto de obras polo Concello de Sanxenxo, consonte os informes dos técnicos municipais.
O importe da dirección de obra e da coordinación de seguridade e saúde deste reforzo calcúlase que sexa de arredor dun cinco por cento do OEM que se fixe de maneira definitiva no transcurso da redacción do documento.
3ª. Aboar as cantidades correspondentes á obtención dos solos que son actualmente de titularidade privada necesarios para poder levar a cabo as obras do sistema de impulsión do saneamento.
Neste sentido, o Proxecto para a expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos terreos afectados polo Proxecto de urbanización da primeira fase da vía prevista no PXOM para a conexión do SU-1 co solo urbano consolidado de Area de Agra, no lugar da Granxa, prevé que, en caso de expropiación daqueles solos, o prezo xusto será duns trinta e seis mil catrocentos dezaseis euros con cincuenta e cinco céntimos (36.416,55 €).
4ª. Entregarlle ao Concello de Sanxenxo, para a súa recepción, as obras unha vez executadas, de conformidade co proxecto ou proxectos técnicos aprobados.
2. Os pagamentos que lles corresponda realizar ás dúas xuntas de compensación no cumprimento das obrigas derivadas deste convenio serán asumidos nun 54,07 % pola Xunta de Compensación do sector SU-1 e nun 45,93 % pola Xunta de Compensación do sector SU-8.
Esta distribución atende á proporción existente entre as edificabilidades previstas nas modificacións dos respectivos plans parciais, que son de 32.523 m2t para o SU-1 e de 27.622 m2t para o SU-8, por ser a edificabilidade o parámetro técnico que mellor reflicte a carga que xerará cada sector sobre a infraestrutura común de saneamento e, en consecuencia, o beneficio proporcional que obterá desta cada sector.
Malia o anterior, en relación coas obras de reforzo indicadas no punto 1.2ª.C), o importe que se vai sufragar polo SU-8 será o correspondente ao reforzo da rede de saneamento e infraestruturas necesarias para darlle servizo ao devandito ámbito (SU-8), e calcularase conforme ao indicado no punto 1.2ª.C) desta estipulación terceira.
3. Simultaneamente á sinatura deste convenio, as xuntas de compensación de ambos os sectores urbanizables comprométense a asinar un acordo privado polo cal se regulen as estipulacións correspondentes sobre a forma de contratación e de execución de pagamentos dos distintos equipamentos e axentes intervenientes nestas obras, así como as xestións que se van tramitar entre estas entidades urbanísticas para a consecución dos fins indicados neste convenio urbanístico.
Cuarta. Consecuencias en caso de incumprimento deste convenio
O eventual incumprimento das obrigas asumidas polas partes neste convenio regularase de acordo co establecido no artigo 1.124 do Código civil.
Quinta. Réxime de modificación deste convenio
Para a modificación deste convenio, será necesario o consentimento das tres partes asinantes, e seguirase o procedemento recollido na Lei do solo de Galicia e no Regulamento da Lei do solo de Galicia para a aprobación dos convenios urbanísticos.
Sexta. Duración do convenio
O prazo de vixencia deste convenio será de catro anos, e prorrogarase no caso de que algunha das partes o propoña. Todo isto sen prexuízo da obriga das partes asinantes de cumprir integramente coas obrigas previstas e asumidas que perduren máis alá do prazo de vixencia do convenio.
Sétima. Seguimento deste convenio
Para o seguimento, vixilancia e control da execución deste convenio, constituirase unha comisión de seguimento, no caso de que algunha das partes o propoña.
Malia o anterior, poderanse realizar as reunións que se consideren oportunas, por petición de calquera das partes, co fin de resolver eventuais problemas de interpretación e de cumprimento que se poidan presentar.
Oitava. Tramitación e perfeccionamento do convenio
De conformidade co disposto nos artigos 168 da Lei do solo de Galicia e 401 do seu Regulamento de desenvolvemento, unha vez rematado o trámite de exposición pública deste convenio, en caso de que por razón das alegacións presentadas se deban introducir cambios, o Concello de Sanxenxo notificaralles ás partes a proposta de texto definitivo, para o que se lle concederá un prazo de dez días hábiles para manifestar a súa conformidade, reparos ou, se é o caso, renuncia a el, trámite este ao que as partes renuncian para o caso de que o devandito texto fose idéntico ao plasmado neste documento.
Unha vez aprobado definitivamente o convenio polo órgano municipal competente, deberá ser asinado no prazo máximo de quince días contados desde a notificación do acordo ou resolución correspondente (artigos 168.4 da Lei do solo de Galicia e 402 do seu Regulamento de desenvolvemento).
Novena. Extinción do convenio
Este convenio extinguirase polo cumprimento íntegro das actuacións que constitúen o seu obxecto ou por incorrer en causa de resolución, e son causas de resolución as seguintes:
a) O transcurso do prazo de vixencia do convenio.
b) O acordo das tres partes asinantes.
c) Por instancia de calquera das partes, ante o incumprimento doutra das obrigas establecidas no convenio.
d) Por decisión xudicial que declare a nulidade do convenio.
Décima. Natureza xurídica e xurisdición competente
Este documento ten a natureza xurídica de convenio urbanístico para a execución do planeamento, nos termos previstos nos artigos 167 e seguintes da Lei do solo de Galicia e 400 e seguintes do seu Regulamento de desenvolvemento.
As previsións establecidas neste convenio non limitan nin condicionan a potestade municipal de planeamento.
As cuestións relativas á súa realización, cumprimento, interpretación, efectos e extinción serán competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.
E, en proba de conformidade con todo o convido, asinan este documento por triplicado no lugar e na data indicados no encabezamento.
Telmo Martín González. Concello de Sanxenxo.
Ramón Devesa Morandeira. Xunta de Compensación do sector SU-1.
Verónica Cernadas Capelán. Xunta de Compensación do sector SU- 8.
