DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 21 de agosto de 2026 Páx. 46170

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 10 de agosto de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se revogan as autorizacións administrativas outorgadas para o parque eólico Pico Touriñán (IN661A 2010/3-4), se acepta a desistencia da solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción da LAT 132 kV subestación parque eólico Pico Touriñán-subestación parque eólico Monte Festeiros (IN408A 2020/165) e se arquivan os respectivos expedientes promovidos por Enel Green Power España, S.L.

De conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publícase o extracto da Resolución do 10 de agosto de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se revogan as autorizacións administrativas outorgadas para o parque eólico Pico Touriñán (IN661A 2010/3-4), se acepta a desistencia da solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción da LAT 132 kV subestación parque eólico Pico Touriñán-subestación parque eólico Monte Festeiros (IN408A 2020/165) e se arquivan os respectivos expedientes promovidos por Enel Green Power España, S.L.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita resolución dispón o seguinte:

1. Revogar as autorizacións administrativas do parque eólico Pico Touriñán, situado nos concellos da Estrada, Cerdedo Cotobade e O Campo Lameiro (Pontevedra), promovidas por Enel Green Power España, S.L.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Pico Touriñán (IN661A 2010/3-4).

3. Aceptar a desistencia da solicitude das autorizacións administrativas previa e de construción da LAT 132 kV SET PE Pico Touriñán-SET PE Monte Festeiros, localizada nos concellos de Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei e Silleda (Pontevedra), de Enel Green Power España, S.L.

4. Arquivar o expediente da LAT 132 kV SET PE Pico Touriñán-SET PE Monte Festeiros (IN408A 2020/165).

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución

1. Mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007, publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG núm. 102, do 30 de maio). Entre as solicitudes admitidas incluíuse a do parque eólico Touriñán III, promovido por Eólicos Touriñán, S.A., cunha potencia de 15 MW.

2. Mediante o Anuncio do 2 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, fíxose pública a Resolución do 26 de decembro de 2008, da Consellería de Innovación e Industria, pola que se aproba a relación de anteproxectos de instalación de parques eólicos seleccionados consonte a Orde do 6 de marzo de 2008 (DOG núm. 22, do 2 de febreiro). Entre os anteproxectos admitidos incluíuse o do parque eólico Ampliación Touriñán III, promovido por Eólicos Touriñán, S.A., cunha potencia de 15 MW.

3. O 30.12.2009, a Consellería de Economía e Industria resolveu a desistencia dos procedementos de parques eólicos en tramitación instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008 e deunos por finalizados (DOG núm. 3, do 7 de xaneiro de 2010). Entre estes parques eólicos atopábase o parque eólico Ampliación Touriñán III, tal e como se recolle no antecedente de feito segundo.

4. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publicouse a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG núm. 97, do 25 de maio) presentadas ao abeiro da Orde do 20 de xaneiro de 2010. Entre as solicitudes admitidas incluíuse a do parque eólico Pico Touriñán, cunha potencia de 30 MW.

No antecedente segundo da Resolución do 30 de abril de 2010, recóllense as sociedades titulares de plans empresariais que se acolleron á disposición adicional da Orde do 20 de xaneiro de 2010, que permitía desistir de parte dos devanditos plans admitidos a trámite en ordes de convocatoria anteriores. No fundamento de dereito quinto da resolución, detállanse estas solicitudes de desistencia, entre elas a de Eólicos Touriñán, S.A. para o parque eólico Touriñán III, que se atopaba en tramitación cunha potencia de 15 MW e que se admitira a trámite mediante a Resolución do 29 de xaneiro de 2007 recollida no antecedente de feito primeiro.

5. O 8.11.2010, Eólicos Touriñán, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións do parque eólico Pico Touriñán.

6. O 21.12.2011, Eólicos Touriñán, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para as instalacións do proxecto da liña de alta tensión entre a subestación do parque eólico Pico Touriñán e a subestación da rede de distribución Tibo 66 kV (LAT Pico Touriñán-Tibo).

7. O 16.3.2012, o xestor da rede de distribución comunicoulle a Eólicos Touriñán, S.A. o punto e as condicións de conexión para o parque eólico Pico Touriñán na subestación Tibo 66 kV.

O 10.1.2013, logo de que Red Eléctrica de España, S.A.U. emitise o informe de aceptabilidade o 30.11.2012, o xestor da rede de distribución comunicoulle á promotora o punto de conexión e acceso para o parque eólico Pico Touriñán na subestación Tibo 66 kV.

8. O 21.12.2012, a sociedade Eólicos Touriñán, S.A. notificou a fusión por absorción de Enel Green Power España, S.L., como sociedade absorbente, con Eólicos Touriñán, S.A., como sociedade absorbida, operación que se elevara a escritura pública o 20 de abril de 2012.

9. Mediante a Resolución do 28 de xaneiro de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública para autorización administrativa a declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico Pico Touriñán, nos concellos da Estrada, Cerdedo e O Campo Lameiro, na provincia de Pontevedra.

10. O 1.12.2017, a promotora solicitou a declaración de proxectos de interese especial para o parque eólico Pico Touriñán e para a LAT Pico Touriñán-Tibo. Mediante o Acordo do Consello da Xunta do 21.12.2017, ambos proxectos foron declarados de interese especial (DOG núm. 26, do 6 de febreiro de 2018).

11. O 27.6.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 9 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 157, do 20.8.2018.

12. Mediante a Resolución do 26 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade e outorgáronselle as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Pico Touriñán, cunha potencia de 24 MW e promovido por Enel Green Power España, S.L. (DOG núm. 165, do 30 de agosto). Esta resolución notificóuselle á promotora o 3.8.2018.

Na condición cuarta desta resolución establecíase o seguinte:

«4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, apartado 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, que se contarán desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa».

13. O 24.5.2019, a promotora solicitou unha modificación non substancial para o parque eólico consistente no cambio do modelo de aeroxerador proxectado, de forma que aumenta a súa potencia nominal unitaria de 3 a 3,3 MW, e a potencia total do parque eólico de 24 a 26,4 MW.

Mediante a Resolución do 3 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, recoñeceuse como non substancial a modificación do parque eólico.

14. O 4.2.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa á LAT Pico Touriñán-Tibo, que se fixo pública mediante o Anuncio do 4 de febreiro de 2020 da devandita dirección xeral (DOG núm. 33, do 18 de febreiro).

15. O 21.7.2020 e o 16.8.2022, Red Eléctrica de España, S.A.U. outorgoulle ao parque eólico Pico Touriñán os permisos de acceso e conexión, respectivamente, na subestación Silleda 400 kV.

16. O 23.12.2020, Enel Green Power España, S.L. presentou unha solicitude de autorización administrativa previa e de construción para o proxecto dunha nova infraestrutura de evacuación do parque eólico Pico Touriñán denominado LAT 132kV SET PE Pico Touriñán-SET PE Monte Festeiros.

Como consecuencia desta nova solución de evacuación proposta, que está motivada polo novo punto de conexión (Silleda 400 kV), o parque eólico deixou de estar asociado á LAT Pico Touriñán-Tibo. Así, o 17.5.2022, Enel Green Power España, S.L., como transmitente, e Greenalia Wind Power Touriñán, S.L.U., Wind Premier Rosa dos Ventos, S.L.U., Naturgy Renovables, S.L.U. e Norvento, S.L.U., como adquirentes, solicitaron a transmisión da titularidade da LAT Pico Touriñán-Tibo.

O 21.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais autorizou esta transmisión.

17. Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e o proxecto de execución das instalacións da liña de alta tensión 132 kV subestación parque eólico Pico Touriñán-subestación parque eólico Monte Festeiros, localizada nos concellos de Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei e Silleda (expediente IN408A 2020/165). Esta resolución publicouse no DOG núm. 120, do 26.6.2023.

18. O 10.7.2025, Enel Green Power España, S.L. comunicoulle a esta dirección xeral a imposibilidade de continuar co desenvolvemento do proxecto da LAT 132 kV1 SET Pico Touriñán-SET Monte Festeiros debido aos informes emitidos polas direccións xerais de Patrimonio Cultural, o 7.5.2025, e de Patrimonio Natural, o 11.6.2025, en relación co seu estudo de impacto ambiental, o que, pola súa vez, lle impide o desenvolvemento do proxecto do parque eólico.

En consecuencia, solicitou que se considere que desistiu da súa solicitude de autorización administrativa previa e de construción da liña de evacuación e que se acepte a súa renuncia ás autorizacións administrativas outorgadas para o parque eólico Pico Touriñán.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

Paula María Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático