DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 24 de agosto de 2026 Páx. 46393

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Tomiño (expediente IN407A 2026/080-4).

Expediente: IN407A 2026/080-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: peche LMTS ROS806 e substitución de celas no CT Subida Gándara Goián (36CQW4).

Concello: Tomiño.

Feitos:

1. O 14.4.2026, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Peche LMTS ROS806 e substitución de celas no CT Subida Gándara Goián (36CQW4).

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Rubén Fervenza Nicolás, colexiado 4684 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 85.652,67 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a mellora da calidade da subministración na zona de Goián, Tomiño, mediante o peche da liña de media tensión subterránea (LMTS) ROS806 Tui 6 para anelar un grupo de centros de transformación.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tomiño, a Deputación Provincial de Pontevedra, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Servizo do Patrimonio Cultural.

O Servizo do Patrimonio Cultural informou de que as actuacións proxectadas non precisan autorización, de acordo co disposto no artigo 78 da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que modifica o número 2 do artigo 45 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 8.7.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Peche LMTS ROS806 e substitución de celas no CT Subida Gándara Goián (36CQW4).

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor tipo RHZ1 3x(1x240) de 648 metros de lonxitude, coa orixe nos empalmes proxectados co condutor existente na PAR situada próxima ao CT 36CQW4 na avenida Ordóñez e final no CT existente 36CLF1 situado na rúa A Calle, nº 28.

• Substitución das tres celas de liña e unha cela de protección do centro de transformación Subida Gándara Goián (36CQW4) por un grupo de celas 2L+1P (1TC + 1 TM).

• A instalación está situada na avenida Ordóñez e na rúa A Calle, parroquia de San Cristovo de Goián, no concello de Tomiño (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Peche LMTS ROS806 e substitución de celas no CT Subida Gándara Goián (36CQW4), expediente IN407A 2026/080-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de xullo de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra