DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 28 de agosto de 2026 Páx. 46907

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de agosto de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Xea, no concello de Lobios.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Xea, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Torno e Xendive, no concello de Lobios, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O día 6.12.2025 a CMVMC de Torno e Xendive presentou dúas solicitudes (Rexel núm. 2025/3408517 e 2025/3408539) correspondentes coa proposta de revisión de esbozo dos MVMC de Xeás e Xea respectivamente, ambos da súa pertenza, no concello de Lobios.

Canda a solicitude presentaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 22.11.2025.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 2.2.2026 en relación coa citada solicitude. A revisión de esbozo solicitada comprende as partes lindeiras con particulares.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo coa mesma, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe o día 2 de febreiro de 2026 en relación coa citada solicitude. A revisión de esbozo solicitada comprende as partes lindeiras con particulares.

Porén, detectouse unha seria incidencia no expediente de clasificación do MVMC de Xeás, que vén arrastrándose dende o momento da clasificación, e que afecta tamén ao monte dos veciños de Xeás.

Así, os acordos de clasificación dos montes coñecidos como Xeás e atribuídos respectivamente aos veciños de Torno e Xendive e Xeás emanan dunha mesma resolución emitida polo Xurado Provincial dentro dun só expediente de clasificación, a cal, segundo a carpeta-ficha confeccionada para o efecto, tiña en consideración inicialmente os veciños de Xeás como única entidade propietaria; porén, tras as alegacións recibidas durante a instrución, recoñeceuse unha segunda entidade (Torno e Xendive), co cal as 21 ha do couto redondo inicial foron repartidas en dúas porcións de 7 e de 14 ha, separadas por predios de particulares, e atribuídas respectivamente a Torno e Xendive e a Xeás.

Malia a decisión reflectida no acordo de clasificación, en ningún momento se chegou a materializar a dita división, ao menos a nivel cartográfico, de xeito que na base cartográfica do Rexistro de MVMC consta un único monte de 21 ha, da pertenza de Torno e Xendive, ignorándose a realidade xurídica do monte dos veciños de Xeás.

Polo exposto, o Xurado Provincial aprobou a revisión de esbozo do MVMC Xea, pertencente aos veciños de Torno e Xendive. Mentres que rexeita a revisión de esbozo do MVMC De Xeás, pertencente aos veciños de Xeás, os cales non teñen representación e non participaron no procedemento.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe do Servizo de Montes do día 2.2.2026, o Xurado Provincial de Clasficiación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22.6.2026:

1. Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Xea, pertencente á CMVMC de Torno e Xendive, no concello de Lobios.

2. Desacoller a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Xeás, pertencente aos veciños de Xeás, no concello de Lobios.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 18 de agosto de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

ANEXO

missing image file