O Consello da Xunta, na súa reunión do 4 de novembro de 2024, aprobou o Plan galego de reprodución humana asistida (2024-2028). O obxectivo principal deste plan é mellorar as prestacións recollidas na carteira de servizos do Servizo Galego de Saúde e, adicionalmente, os cocientes de natalidade en Galicia.
O plan, na súa liña 5 de actuación (páxina 15), sinala que «para garantir a prestación duns servizos de vangarda e a mellor precisión e efectividade dos tratamentos, é preciso dispoñer de persoal de alta capacitación que manteña o coñecemento da organización» e, a este respecto, recoñece que «na actualidade existe un problema de atracción e retención do persoal, especialmente grave no eido da embrioloxía, xa que non é unha formación recollida dentro da actual lei de profesións sanitarias».
Na súa previsión do novo persoal que se incorporará ata o ano 2027 (páxina 21) alude, xunto a outros colectivos (persoal de xinecoloxía, de enfermería...), oito especialistas en embrioloxía: dous na Unidade de Reprodución Asistida do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, tres no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e outros tres no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Con carácter previo a estas bases, as devanditas áreas sanitarias intentaron a cobertura temporal das seis prazas (dúas en cada centro) con persoal facultativo especialista de área en Análises Clínicas/Bioquímica Clínica, e as respectivas convocatorias quedaron desertas.
Por tal motivo, coa finalidade da implementar este plan de reprodución asistida, e dado que o dimensionamento dos recursos precisos e adecuados ás novas prestacións é dunha especial complexidade, procede cubrir eses seis postos con profesionais especializados de forma prioritaria, de acordo coas necesidades derivadas destas, xa que a incorporación dos recursos de persoal que figuran no devandito plan non se cumpriu nos tempos previstos.
En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 27 de maio), e polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro (Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, así como pola Orde do 22 de abril de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, esta Dirección Xeral de Recursos Humanos
RESOLVE:
Primeiro. Convocar un procedemento específico de selección para a cobertura, mediante vinculación temporal, de seis prazas con características específicas de embriólogo/a, no ámbito das unidades de reprodución humana asistida do Servizo Galego de Saúde.
Segundo. O proceso de selección realizarase de conformidade coas seguintes bases:
Primeira. Obxecto
O obxecto desta convocatoria é a selección de persoal para o desempeño de seis postos de persoal estatutario, con características específicas de embriólogo/a, no ámbito das unidades de reprodución humana asistida do Servizo Galego de Saúde, consonte a seguinte distribución:
– Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee: dous postos.
– Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza: dous postos.
– Xerencia da Área Sanitaria de Vigo: dous postos.
A vinculación realizarase mediante nomeamentos de interinidade en praza vacante e o seu réxime de prestación de servizos poderá ser, indistintamente, en xornada de mañá e/ou de tarde, debendo realizarse as gardas presenciais ou localizadas que se fixen no servizo.
Segunda. Aspirantes
A convocatoria está dirixida ás persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, reúnan os requisitos exixidos no artigo 11.b) do Real decreto 413/1996, do 1 de marzo, polo que se establecen os requisitos técnicos e funcionais precisos para a autorización e a homologación dos centros e servizos sanitarios relacionados coas técnicas de reprodución humana asistida.
Conforme ao precepto citado, as persoas interesadas deberán posuír unha licenciatura ou grao en ciencias biomédicas (Medicina, Veterinaria, Farmacia, Bioloxía ou Química), con formación e experiencia en bioloxía da reprodución.
Terceira. Requisitos de participación
Poderán participar nesta convocatoria as persoas interesadas que, na data da finalización do prazo para a presentación de solicitudes, reúnan e acrediten os seguintes requisitos:
a) Posuír a licenciatura ou grao nalgunha das seguintes titulacións académicas oficiais:
– Medicina e Cirurxía.
– Farmacia.
– Veterinaria.
– Ciencias Biolóxicas.
– Ciencias Químicas.
b) Ter prestados servizos no ámbito das profesións habilitadas polas referidas titulacións oficiais, como mínimo durante un período de dous anos, nunha unidade de reprodución humana asistida.
c) Acreditar formación específica en reprodución humana asistida cun mínimo de 60 créditos.
Cuarta. Solicitudes de participación e documentación
As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo de instancia que se achega como anexo I, que estará á disposición das persoas aspirantes na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación acreditativa dos requisitos de participación exixidos na base anterior:
a) Titulación académica de licenciatura ou grao universitario en Medicina, Farmacia, Veterinaria, Ciencias Biolóxicas ou Ciencias Químicas (deberá ser rexistrada na epígrafe de Formación académica de Fides/Expedient-e). Non será preciso achegar esta acreditación se xa figura validada en Fides.
b) Certificado dos servizos prestados como profesional no ámbito das ciencias biomédicas (Medicina, Farmacia, Veterinaria, Bioloxía e/ou Química) en unidades de reprodución humana asistida.
c) Acreditación da formación específica en reprodución humana asistida (deberá ser rexistrada no apartado de Formación continuada de Fides/Expedient-e). Non será preciso achegar esta acreditación se xa figura validada en Fides.
O prazo de presentación das solicitudes e da documentación anexa será de dez días hábiles contados desde o seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Será causa de exclusión a presentación extemporánea da solicitude pola persoa interesada.
As solicitudes de participación e a documentación anexa dirixiranse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e poderán presentarse a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Quinta. Procedemento e tramitación
1. Publicación:
A publicación da convocatoria e as resolucións que se diten na tramitación deste procedemento realizarase conforme se establece na base oitava.
2. Tramitación:
Unha vez que finalice o prazo de presentación das solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará unha resolución coa relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas e indicará, neste último caso, a causa de exclusión. Así mesmo, abrirase un prazo de tres días hábiles para presentar as reclamacións contra esta listaxe que se consideren oportunas ou para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.
Unha vez transcorrido o devandito prazo de presentación de reclamacións, publicarase a listaxe definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa orde de chamamentos para a realización dunha entrevista, xunto coa composición da Comisión de Avaliación, e a data, o lugar e a hora de realización da devandita entrevista.
As reclamacións formuladas contra a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas entenderanse estimadas ou rexeitadas a través da relación definitiva.
Non será precisa a realización da entrevista se na citación se conta co mesmo número de profesionais dispoñibles ca prazas convocadas.
3. Entrevista:
O chamamento para a entrevista realizarase cun mínimo de 48 horas de antelación e a orde de chamamento para a citación, no caso de que proceda, efectuarase por disposición alfabética de apelidos, que comezará a partir da letra «M», de conformidade coa Resolución do 22 de xaneiro de 2026 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa orde de actuación das persoas aspirantes nos procesos de selección de persoal da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 16, do 26 de xaneiro).
As persoas aspirantes deben presentar o DNI ou documento oficial que acredite a súa identidade e nacionalidade.
Entenderase que desisten do presente proceso de selección temporal aquelas persoas aspirantes que non comparezan á entrevista convocada.
A proba consistirá na realización dunha entrevista relacionada coas funcións do posto para desenvolver.
Para a valoración da entrevista, terase en conta a máxima experiencia en procedementos relacionados coa reprodución asistida, entre outros:
• Análise de seminogramas con valoración da morfoloxía e da mobilidade espermática.
• Captación de ovocitos.
• Inseminación mediante fecundación in vitro e inxección intracitoplasmática de espermatozoides.
• Valoración da calidade embrionaria.
• Carga de embrións en cánulas de transferencia.
• Vitrificación e desvitrificación de embrións.
• Vitrificación de ovocitos.
A entrevista valorarase cun máximo de 16 puntos por cada aspirante.
4. Resolución:
A relación provisional de puntuacións obtidas polas persoas aspirantes na entrevista farase pública no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa realización, e abrirase un período de tres días hábiles para presentar reclamacións, se é o caso, sobre a puntuación obtida.
Logo de que transcorra o devandito prazo, e tras a resolución das reclamacións recibidas, publicarase a relación definitiva de puntuacións. Con esta publicación consideraranse estimadas ou desestimadas as alegacións.
Sexta. Comisión de Valoración
Constituirase unha Comisión de Valoración que terá como función a realización e a avaliación da entrevista persoal para, posteriormente, elevar a proposta de adxudicación á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde das persoas aspirantes que acaden a maior puntuación na entrevista.
A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará a composición da Comisión de Valoración para o coñecemento das persoas interesadas, de conformidade coas normas xerais contidas nestas bases.
A Comisión de Valoración estará composta pola presidencia, dúas vogalías e a secretaría. Na composición da comisión quedará garantida a presenza de profesionais con destino preferente nas áreas sanitarias que constan con unidades de reprodución humana asistida. Como mínimo, dous dos membros terán unha das titulacións ás que se dirixe a selección.
Tanto a persoa que ocupe a presidencia coma as que ocupen as vogalías serán persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira, coa titulación de licenciatura ou grao sanitario. A presidencia terá voto de calidade no caso de empate nos votos emitidos polas vogalías.
A persoa que ocupe a secretaría será técnica da función administrativa con vínculo estatutario fixo, e actuará con voz pero sen voto. Esta levantará acta de cada unha das sesións que realice a comisión.
A súa actuación rexerase polo que dispoña a normativa reguladora dos órganos colexiados. Os membros da comisión deberán absterse de intervir, o que lle deben notificar á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde cando concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público. Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros da comisión cando, ao seu xuízo, reúnan as citadas circunstancias.
Sétima. Resolución
Unha vez que remate o proceso de selección, realizarase o chamamento das persoas aspirantes que teñan a maior puntuación, para o que se terán en conta as prazas e a orde de preferencia que indicasen nas solicitudes de participación.
Oitava. Normas xerais
A publicación dos actos e resolucións que se diten na tramitación deste procedemento realizarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
No non previsto na presente convocatoria, aplicaranse supletoriamente as disposicións contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro.
Novena. Recursos
Contra a presente resolución poderá interpoñerse, nos termos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, recurso de alzada perante a persoa titular da Consellería de Sanidade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026
A directora xeral de Recursos Humanos
P.D. (Acordo do 31.7.2026)
Begoña Caamaño del Castillo
Subdirectora xeral de Xestión de Profesionais
ANEXO I
Solicitude de participación na convocatoria pública para a vinculación temporal de varias prazas con características específicas de embriólogo/a
|
Datos persoais |
|
|
Apelidos e nome: |
DNI: |
|
Enderezo: |
Data de nacemento: |
|
Poboación: |
Teléfono: |
|
Provincia: |
Enderezo electrónico: |
|
Praza ou prazas de embriólogo/a ás que opta: □ Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee. □ Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza. □ Xerencia da Área Sanitaria de Vigo. * De ter interese en máis dunha área sanitaria, deberá indicar nos cadros anteriores a orde de preferencia, onde o número 1 corresponderá á maior e o número 3 á última opción. |
|
SOLICITA:
Que se admita a presente solicitude para participar na convocatoria indicada e declara que son certos os datos que figuran nesta.
..., ... de ... 2026
Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde
Relación de documentos que se xuntan coa solicitude (base terceira da convocatoria):
□ Titulación académica de licenciatura ou grao universitario en Medicina, Farmacia, Veterinaria, Ciencias Biolóxicas ou Ciencias Químicas (deberá ser rexistrada na epígrafe de Formación académica de Fides/Expedient-e). Non será preciso achegar esta acreditación se xa figura validada en Fides.
□ Certificado dos servizos prestados como profesional habilitado coas titulacións oficiais anteriores en unidades de reprodución humana asistida.
□ Acreditación de formación específica en reprodución humana asistida (deberá ser rexistrada no apartado de Formación continuada de Fides/Expedient-e). Non será preciso achegar esta acreditación se xa figura validada en Fides.
ANEXO II
Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)
A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e o persoal profesional co que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, e establécese como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do profesional ou aspirante.
O acceso a Fides poderase realizar desde:
– Internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).
– A Intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).
1. Acceso desde Internet.
1.1. Acceso desde Internet con certificado dixital.
O persoal profesional do Servizo Galego de Saúde, así como o que proceda doutro servizo de saúde autonómico, poderá acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es
É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e o DNI electrónico (DNIe).
Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través de Internet (no enderezo www.cert.fnmt.es) ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Facenda).
Se a persoa usuaria xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.
Pola súa parte, o DNI electrónico poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.
Para a identificación da persoa usuaria mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.
As persoas usuarias poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos puntos de acreditación electrónica (PAE) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.
Os servizos que, a través desta forma de acceso, terá dispoñible o persoal profesional actualmente vinculado ao Servizo Galego de Saúde, así como aquel procedente doutros servizos de saúde que tivesen no pasado algún tipo de vinculación co devandito organismo, serán o acceso á xestión do expediente electrónico, á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e nos demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo, así como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides).
Os servizos que, a través desta forma de acceso, terá dispoñible o persoal profesional que nunca tivese un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán o acceso á xestión do expediente electrónico, á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e aos demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.
A primeira vez que un profesional acceda co certificado dixital a Fides, solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.
1.2. Acceso desde Internet sen certificado dixital.
O acceso a Fides desde Internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave 365, que lles permite aos cidadáns e cidadás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.
Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave 365 no enderezo:
https://sede.xunta.gal/chave365
2. Acceso desde a Intranet do Servizo Galego de Saúde.
Esta vía só estará dispoñible para o persoal profesional en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.
O persoal profesional cun vínculo activo terá, mediante este sistema, acceso á totalidade dos servizos e funcionalidades de Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados.
O acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e o contrasinal que o persoal profesional en activo xa ten asignado e que utiliza habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.
3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación de documentación.
Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) atópase á disposición das persoas aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e o funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados nos que poden atopar a información relativa aos seus méritos e as normas de validación da documentación que deben achegar.
