DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 31 de agosto de 2026 Páx. 47097

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU986B).

missing image file missing image file missing image file

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten entre as súas finalidades potenciar a oferta turística galega, a través de medidas de fomento que permitan modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.

A Axencia de Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

No eido do turismo, os establecementos de aloxamento e os restaurantes inciden directamente na configuración das exixencias de calidade dos servizos turísticos. Adoptar medidas de eficiencia enerxética nos establecementos turísticos permite lograr un equilibrio entre a rendabilidade do establecemento e o cumprimento dos obxectivos ambientais e enerxéticos establecidos na normativa da Unión Europea. Precisamente por isto, a Axencia de Turismo de Galicia puxo en marcha un programa de axudas dirixidas a alcanzar os ditos obxectivos, que favorezan a redución do consumo de enerxía final e das emisións de dióxido de carbono, segundo o establecido polo artigo 7 da Directiva 2012/27/UE, do 25 de outubro de 2012, revisada pola Directiva 2018/2002, mediante o aforro enerxético, a mellora da eficiencia enerxética e o aproveitamento das enerxías renovables. Resulta esencial dar continuidade e maior protagonismo aos esforzos que se veñen realizando neste sentido. De feito unha das misións da Estratexia de Turismo Galicia 2030 é a de sostibilidade integral e, dentro dela, unha das propostas de acción recolle o desenvolvemento e consolidación de programas de incentivos e de liñas de axudas para o fomento da eficiencia enerxética e a transición verde das empresas e infraestruturas turísticas, co obxectivo de garantir a redución das emisións do sector, así como de facilitar a transformación do tecido empresarial galego. Ademais, co obxectivo de impulsar a excelencia e a sostibilidade no sector turístico de Galicia, adquírese o compromiso de dar visibilidade aos establecementos que realizan actuacións de mellora de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático, como mecanismo que acredite a realización de investimentos e a optimización da pegada de carbono dos establecementos.

Polo tanto, este investimento ten por obxecto a adecuación das empresas do sector turístico aos máis elevados estándares en materia de eficiencia enerxética e economía circular, reducindo a súa pegada de carbono. Ademais esta convocatoria de axudas é unha das medidas recollidas no Plan de medidas para axudar aos sectores con máis dificultades e ás familias ante os efectos da guerra en Oriente Medio aprobado o 30.3.2026 polo Consello da Xunta de Galicia.

Esta convocatoria será cofinanciada con cargo ao programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento público e privado da Comunidade Autónoma e das persoas beneficiarias segundo corresponda, no 40 % restante.

A convocatoria encaixa nas seguintes epígrafes do programa Galicia Feder 2021-2027:

– Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e a xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

– Obxectivo específico: RSO2.1. Fomento da eficiencia enerxética e da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

– Tipo de acción: 2.1.03. Fomento da eficiencia enerxética no sector turístico.

– Tipos de intervención:

038: Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes e medidas de apoio.

040: Eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes ou grandes empresas e medidas de apoio que cumpran os criterios de eficiencia enerxética.

– Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicador de realización:

• RCO01-Empresas apoiadas.

• RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.

b) Indicadores de resultado:

• RCR26-Consumo anual primario de enerxía (do cal: vivendas, edificios públicos, empresas, outros) en MWh/ano.

• RCR29-Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas en tn CO2 eq./ano.

Por outra banda, as axudas sométense aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU986B).

1.2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser persoa ou entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 9 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos 4 meses contados desde a data de presentación da solicitude.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia:

https://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 63 71 e 981 54 63 60.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os tribunais de instancia da sección do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

7. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 %
do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se
procede á súa convocatoria con carácter plurianual para os anos 2026-2027
(código de procedemento TU986B)

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a realización de actuacións de eficiencia enerxética nas empresas turísticas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras (código de procedemento TU986B).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda dos erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

Xustifícase a concorrencia non competitiva pola dificultade de comparar os proxectos entre si, e por favorecer o inicio dos proxectos desde a data de presentación das solicitudes, tendo en conta ademais que se prima a consecución dun maior aforro enerxético.

3. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 300.000,00 euros durante o período dos tres anos previos. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido.

4. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na falta do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo. As axudas obxecto desta convocatoria réxense, ademais, polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas, en particular:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 2831, do 15 de decembro de 2023).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohesión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados ( DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

d) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

e) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

f) Ademais, será de aplicación o cumprimento da normativa ambiental aplicable, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que regula o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE do 30 de xuño de 2021, L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles que fixa os obxectivos ambientais que se deben protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 2. Financiamento

1. Esta convocatoria será cofinanciada con cargo ao programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento público e privado da Comunidade Autónoma e das persoas beneficiarias segundo corresponda, no 40 % restante.

2. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 9.000.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, e os seguintes proxectos contables dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027:

– 2026 00003.

– 2026 00004.

– 2026 00005.

A distribución por anualidades do crédito da convocatoria é o seguinte:

Intensidade de axuda

Proxecto contable

Anualidade 2026 (€)

Anualidade 2027 (€)

Total (€)

50 %

2026 00003

500.000,00

3.500.000,00

4.000.000,00

70 %

2026 00004

300.000,00

3.200.000,00

3.500.000,00

90 %

2026 00005

100.000,00

1.400.000,00

1.500.000,00

Total

900.000,00

8.100.000,00

9.000.000,00

3. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria.

4. A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase segundo o previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 27 do mesmo corpo legal.

5. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Réxime de compatibilidade das subvencións

A percepción destas axudas non é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración, entes públicos ou privados. Non obstante, a percepción destas axudas é compatible co financiamento de actuacións de eficiencia enerxética cuxos aforros terminen convertidos en certificados de aforro enerxético (CAEs).

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a condición de peme que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases.

4. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa ou entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

f) As demais actividades recollidas no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, entre as que se atopan os investimentos relacionados coa combustión de combustibles fósiles.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 24 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o/a novo/a titular na posición xurídica da persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse actuacións subvencionables aquelas que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable, nos termos previstos no artigo 1 destas bases, e se realicen no prazo establecido nestas bases.

Para ser subvencionable a actuación proposta debe considerarse unha actuación integral e incluír, nun mesmo proxecto, como mínimo, dúas actuacións de eficiencia enerxética e unha ou máis actuacións en enerxías renovables. As actuacións de eficiencia enerxética poden ser dúas da liña A.1 ou combinar unha actuación da liña A.1 e unha da liña A.2.

O conxunto das actuacións subvencionables debe inducir unha mellora da eficiencia enerxética do edificio, medida en consumo de enerxía primaria de orixe non renovable, de como mínimo un 30 % en comparación coa situación anterior ao investimento.

Os investimentos só poderán ser subvencionables sobre a base dunha auditoría enerxética previa, en que se recollan o estado actual do edificio e as medidas de mellora propostas.

O cálculo do aforro en enerxía primaria non renovable realizarase a partir do certificado enerxético do edificio na situación actual, rexistrado no Rexistro de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia RGEEE, e o certificado enerxético do edificio coas actuacións subvencionables.

2. Pódense diferenciar as seguintes tipoloxías de proxectos subvencionables:

A. Actuacións de eficiencia enerxética.

A.1. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica.

1. Obxectivo. Reducir a demanda enerxética en calefacción e climatización dos edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a mellora da eficiencia enerxética da súa envolvente térmica no seu conxunto ou nalgún dos elementos que a compoñen.

Considéranse como tal os elementos construtivos que separan os recintos habitables do ambiente exterior (aire, terreo ou outro edificio) e as particións interiores que separan os recintos habitables dos non habitables, segundo o definido no Código técnico da edificación.

Establécense como elementos diferenciados dentro da envolvente:

A.1.1. Muros e chans en contacto co aire exterior.

A.1.2. Cubertas en contacto co aire exterior.

A.1.3. Muros, chans e cubertas en contacto con espazos non habitables ou co terreo. Medianeiras.

A.1.4. Ocos (conxunto de marco e vidro).

Para os efectos de considerar un proxecto como integral, consideraranse actuacións diferenciadas as realizadas sobre cada un destes elementos.

2. Actuacións subvencionables. Serán actuacións subvencionables aquelas que consigan unha redución da demanda enerxética actuando na envolvente térmica do edificio completo, dun local ou sobre partes dun edificio destinado a establecemento turístico.

As actuacións deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Suporán a modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para mellorar as súas características térmicas, verificándose, como mínimo, os límites establecidos nas táboas 3.1.1.a-HE1 e 3.1.3.a-HE1, do Documento básico DB HE de aforro de enerxía do Código técnico da edificación. Estes valores deben ser acreditados e/ou xustificados polo/a técnico/a competente na memoria técnica de solicitude.

b) As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

c) O custo elixible do conxunto das actuacións dentro da liña A.1 debe ser igual ou superior a 20.000,00 euros.

A.2. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

1. Obxectivo. Reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.

2. Actuacións subvencionables. Serán consideradas subvencionables todas aquelas que permitan mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación interior, dos edificios, locais ou partes dos edificios en uso destinados a establecementos turísticos. Entre as actuacións subvencionables serán, con carácter indicativo e non limitativo, as que se relacionan a seguir:

a) Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento podendo incluír tecnoloxía TIC, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación, cumprindo cos requirimentos de calidade e confort visual regulamentados.

b) Sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acceso e regulación de nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza, por zona do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, ou regulación de nivel de iluminación segundo a achega de luz natural.

c) Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.

As actuacións deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) As exixencias mínimas de eficiencia enerxética que debe cumprir a instalación de iluminación que se rehabilite son as que figuran no documento HE-3, Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, do Código técnico da edificación.

b) As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

c) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 5.000,00 euros.

B. Actuacións en enerxías renovables.

B.1. Substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica.

1. Obxectivo. Reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou parte do edificio destinado a establecemento turístico mediante o uso da enerxía solar térmica para a produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas.

2. Actuacións subvencionables. Serán actuacións subvencionables aquelas en que se substitúa enerxía convencional para produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas en edificios completos, locais ou partes de edificios existentes, por enerxía solar térmica.

Serán subvencionables as instalacións solares novas e rehabilitacións e/ou ampliacións de instalacións existentes sempre que supoñan a substitución e/ou o incremento da potencia de xeración solar e que se realicen en edificios completos, locais ou partes de edificios existentes destinados a establecementos turísticos.

As instalacións solares térmicas deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Responderán á definición de «instalación solar térmica». Enténdese por instalación solar térmica o conxunto de compoñentes encargados de realizar as funcións de captar a radiación solar incidente mediante captadores solares térmicos (captadores de aire, de concentración, captadores planos, híbridos, tubos sen carga, etc.), transformala directamente en enerxía térmica útil quentando un fluído, transportar a enerxía térmica captada ao sistema de intercambio ou de acumulación a través dun circuíto para poder utilizala despois de forma directa como calor, ou como frío a través de máquinas de absorción, adsorción, etc., nos puntos de consumo.

b) As instalacións e equipamentos cumprirán coa normativa vixente establecida no RITE, así como co documento «Guía técnica da enerxía solar térmica», elaborada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) e dispoñible na súa páxina web.

As actuacións deben cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

c) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 10.000,00 euros.

d) Establécese un custo elixible unitario máximo de 1.190 €/kW. A potencia de produción térmica calcularase tendo en conta o cociente de 0,7 kW/m2 área total captador. No caso de incorporar sistemas de produción de frío mediante enerxía térmica como máquinas de absorción, adsorción, etc., o custo subvencionable unitario máximo verase incrementado nun 50 %.

B.2. Substitución de enerxía convencional por enerxía xeotérmica.

1. Obxectivo. Reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico mediante o uso da enerxía xeotérmica para un ou varios dos seguintes usos: calefacción, climatización, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas.

2. Actuacións subvencionables. Serán actuacións subvencionables aquelas en que se substitúan instalacións de enerxía convencional para produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas en edificios completos, locais ou partes de edificios existentes, por enerxía xeotérmica.

As instalacións de xeotermia poderán ser de circuíto aberto ou pechado, ou ben sistemas de aproveitamento xeotérmico de uso directo.

No caso das instalacións de xeotermia, consideraranse custos elixibles os seguintes conceptos: o investimento en equipamentos efectuado, os custos de execución da instalación, obra civil asociada e instalacións auxiliares necesarias, así como o custo da realización dos estudos, ensaios, sondaxes e simulacións preliminares previas á realización do deseño da instalación, sondaxes exploratorios e TRT, escavacións, cimentacións, gabias, urbanización e demais elementos necesarios para a súa explotación, así como redes de calor/frío e estacións de intercambio.

Adicionalmente, terá consideración de custo elixible a distribución interior e equipamentos terminais en instalacións de bomba de calor sempre que se instalen equipamentos terminais de alta eficiencia como radiadores de baixa temperatura, chan radiante ou ventiloconvectores.

As instalacións xeotérmicas deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Deberá xustificarse a retirada total ou parcial dos equipamentos de produción de enerxía térmica existente.

b) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

c) As instalacións de xeotermia mediante bomba de calor deberán xustificar un rendemento medio estacional (SPF) superior a 2,5.

d) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 euros.

e) Establécese un custo elixible unitario máximo de 2.355,00 €/kW no caso de instalacións con circuíto aberto, e de 3.530,00 €/kW para instalacións en circuíto pechado, con captación vertical. Tomarase como potencia Ps da instalación a potencia en calefacción extraída da ficha técnica ou especificacións do fabricante de acordo cos ensaios da norma UNE-EN 14511, é dicir, para as bombas de calor xeotérmicas tomarase o valor da potencia de calefacción B0W35. Naqueles casos onde a potencia Ps non se poida xustificar con base na dita norma, presentarase un informe asinado por técnico/a competente ou empresa instaladora que xustifique a dita potencia.

B.3. Substitución de enerxía convencional por biomasa nas instalacións térmicas.

1. Obxectivo. Reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso de biomasa como combustible para calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas.

2. Actuacións subvencionables. Serán actuacións subvencionables as realizadas en instalacións de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas, que inclúan sistema de intercambio fumes/auga e que substitúan instalacións de enerxía convencional existentes en edificios completos, locais ou partes dun edificio destinados a establecementos turísticos.

Non son subvencionables os aparellos de calefacción local recollidos no Regulamento delegado (UE) nº 2015/1186 da Comisión, do 24 de abril de 2015, polo que se complementa a Directiva 2010/30/UE do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo á etiquetaxe enerxética dos aparellos de calefacción local.

As instalacións de biomasa deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Deberá xustificarse a retirada total ou parcial dos equipamentos de produción de enerxía térmica existente.

b) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

c) As caldeiras de biomasa deberán cumprir o establecido no Regulamento (UE) nº 2015/1189 da Comisión, do 28 de abril de 2015, polo que se desenvolve a Directiva 2009/125/CE do Parlamento Europeo e do Consello, en relación cos requisitos de deseño ecolóxico aplicables ás caldeiras de combustible sólido e ter unha cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a C.

d) No caso dos combustibles de biomasa deberanse cumprir os criterios de sostibilidade e de redución de emisións dos gases de efecto invernadoiro da Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables.

e) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 euros.

f) Establécese un custo elixible unitario máximo de 560,00 €/kW. Tomarase como potencia Ps da instalación a potencia nominal do/dos equipamento/s de xeración térmica, de acordo coa documentación técnica do fabricante achegada.

B.4. Substitución de enerxía convencional por sistemas de aerotermia ou hidrotermia.

1. Obxectivo. Reducir o consumo de enerxía das instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a instalación de bombas de calor de aerotermia ou hidrotermia de alta eficiencia.

2. Actuacións subvencionables. Considéranse actuacións subvencionables a substitución de instalacións de enerxía convencional en instalacións térmicas de calefacción, refrixeración ou produción de auga quente sanitaria destinadas a atender a demanda do benestar térmico e hixiene das persoas por bombas de calor de aerotermia ou hidrotermia.

Terá consideración de custo elixible a distribución interior e equipamentos terminais nas novas instalacións de bomba de calor, sempre que se instalen equipamentos terminais de alta eficiencia como radiadores de baixa temperatura, chan radiante ou ventiloconvectores.

As instalacións de aerotermia e hidrotermia deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Deberá xustificarse a retirada total ou parcial dos equipamentos de produción de enerxía térmica existente.

b) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

c) As bombas de calor deberán ter unha etiquetaxe de clase de eficiencia enerxética en modo calefacción a baixa temperatura de A ou superior de acordo co establecido no Regulamento delegado nº 811/2013 e as súas actualizacións.

Ademais, para poder considerar o sistema como renovable, a bomba de calor deberá ter un SPF superior a 2,5. Esta circunstancia xustificarase de acordo coas especificacións técnicas do fabricante do equipamento que acredite o SCOPnet a baixa temperatura segundo norma UNE-EN 14825:2024 ou tamén co documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios», emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.

d) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 euros.

e) Establécese un custo elixible unitario máximo de 1.200,00 €/kW. De acordo coa norma UNE-EN 14511, tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia 10/35º C (W10/W35) para bombas de calor auga/auga e 7/35 ºC (A7/W35) para bombas de calor aire/auga.

B.5. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo.

1. Obxectivo. Reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso da enerxía solar fotovoltaica para a produción de electricidade.

2. Actuacións subvencionables. Serán actuacións subvencionables aquelas destinadas ao desenvolvemento de instalacións solares fotovoltaicas para produción de electricidade de orixe renovable, incluídas as instalacións de almacenamento de enerxía.

Enténdese por instalacións de autoconsumo as establecidas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condiciones administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica. Así mesmo, para os efectos desta resolución tamén se consideran actuacións subvencionables, as instalacións illadas da rede non reguladas no citado Real decreto 244/2019.

Enténdese por instalación de almacenamento aquelas en que se difire o uso final de electricidade a un momento posterior a cando foi xerada, ou que realizan a conversión de enerxía eléctrica nunha forma de enerxía que se poida almacenar para a subseguinte reconversión da dita enerxía en enerxía eléctrica. Para que estas instalacións sexan elixibles, deberase dar a condición de que o almacenamento non estea directamente conectado á rede, senón que será parte da instalación de autoconsumo. En todo caso, a instalación de almacenamento deberá ser accesoria da instalación solar fotovoltaica principal para produción de electricidade, de xeito que o investimento realizado na primeira sexa inferior ao 40 % da instalación fotovoltaica principal. Non se admitirán solicitudes que non presenten ofertas claramente diferenciadas para a produción e o almacenamento.

As características que deberán verificar as instalacións para ser consideradas subvencionables serán as seguintes:

a) As instalacións realizadas deberán cumprir cos requisitos establecidos no Regulamento electrotécnico para baixa tensión (REBT), así como coa normativa vixente que lles sexa de aplicación e contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que estas as requiran.

b) As instalacións de almacenamento deberán contar cunha garantía mínima de 5 anos. As tecnoloxías chumbo-ácido para almacenamento non serán elixibles.

c) Deberán dispoñer dun sistema de xestión, control activo e monitorización tanto da xeración como da acumulación e a demanda de enerxía eléctrica.

d) O custo elixible das actuacións debe ser igual ou superior a 20.000,00 euros.

e) Establécese un custo elixible unitario máximo de 1.450,00 €/kW pico instalado, considerando a potencia instalada no campo xerador.

No caso de instalacións de acumulación, consideraranse uns custos elixibles máximos de 850,00 €/kWh de capacidade de acumulación.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Considéranse custos elixibles aqueles que sexan necesarios para acadar os obxectivos perseguidos para cada unha das tipoloxías de actuación.

Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, aqueles que afectan de xeito xenérico o proxecto e que se determinan con base no método de custos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).

Son custos directos:

a) Os custos da auditoría enerxética previa; dos honorarios profesionais satisfeitos para a elaboración, polo/a técnico/a competente, dos certificados de eficiencia enerxética previstos no Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios; da redacción dos proxectos técnicos relacionados coas tipoloxías de actuación obxecto de axuda e da dirección facultativa das actuacións. Será subvencionable polo conxunto destes conceptos ata o 15 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 25.000,00 euros.

b) Os custos de execución das obras e/ou instalacións.

c) O investimento en equipamentos e materiais efectuado.

Son custos indirectos os custos distintos dos custos directos subvencionables, que non poden vincularse directamente á actividade subvencionada, pero resultan necesarios para a súa realización, en que se inclúen os gastos administrativos, tales como xestión administrativa e contable.

En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos nos puntos anteriores.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 2 de novembro de 2027, de acordo co período de execución establecido no artigo 25. O proxecto non poderá estar finalizado antes da presentación da solicitude da axuda.

3. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, como non subvencionables. Ademais, non se considerarán subvencionables os gastos englobados nos seguintes conceptos:

a) Taxas, impostos ou tributos.

b) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, ou multas.

c) Calquera gasto asociado a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, aínda sendo necesarios para a obtención de permisos ou licenzas.

d) Seguros subscritos polo/a solicitante.

e) Gastos financeiros, reestruturacións de pasivo ou refinanciamentos, circulante e outros impostos ou taxas. Así mesmo, non serán subvencionables os gastos bancarios de calquera tipo de operación, así como aqueles que xeren autofacturación.

f) Os inmobles e artigos de exposición e de proba susceptibles de posterior venda ao público e a instalación de expositores de carácter temporal.

g) Custos asociados a sancións penais, así como gastos de procedementos xudiciais.

h) Calquera gasto de operación e mantemento das actuacións ou gastos propios da Administración.

i) Elementos de transporte.

j) Proxectos que non respecten plenamente as normas e prioridades da Unión Europea e nacionais en materia climática e ambiental e o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088. En calquera caso, non serán financiables das actividades incluídas na lista de exclusión establecida na Decisión de execución do Consello para este investimento as actividades relacionadas cos combustibles fósiles, incluída a utilización ulterior destes, coas excepcións indicadas no artigo 7.h) do Regulamento (UE) nº 2021/1058.

k) Os gastos de arrendamento de establecementos ou gastos correntes da actividade da persoa beneficiaria.

l) Os gastos correspondentes ás retribucións ordinarias do persoal fixo ou eventual laboral que teña unha relación laboral dependente das comunidades e cidades autónomas executoras.

m) Os gastos correntes para o funcionamento das entidades beneficiarias finais, incluíndo: arrendamentos, adquisición de material e subministración, ou gastos correntes en xeral.

n) A obra civil non directamente vinculada a acadar unha redución no consumo de enerxía.

4. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor do artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. As facturas deberán referirse á mesma tipoloxía de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e se responden ás definicións de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. As facturas deberán conter a razón social, o enderezo e o número ou código de identificación fiscal e mostrar unha data de emisión. Non serán admisibles as ofertas emitidas por persoas provedoras que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros). Para estes efectos, poderán considerarse indicios de falta de capacidade, entre outros, a ausencia de actividade relacionada co obxecto da oferta, a existencia de incidencias rexistrais relevantes ou a desproporción manifesta e non xustificada entre a dimensión do provedor e o alcance ou importe do encargo. Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a persoa solicitante non escolla a oferta de menor prezo, considerarase subvencionable o importe da oferta elixida, logo de motivación sucinta de que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 25.

6. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial, tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas, en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras.

Artigo 7. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As axudas reguladas por esta resolución atenderán ao principio de «non prexudicar significativamente» (principio DNSH) ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán cumprirse as seguintes condicións específicas durante a execución do proxecto:

a) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE) xerados na execución do proxecto será preparado para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición de UE. A verificación desta condición realizarase achegando os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino a reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluídos os códigos da Lista europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadada.

b) Non utilización de amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006. A verificación desta condición realizarase achegando un certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006.

2. Cando se trate de rehabilitacións integrais de edificios (rehabilitacións que, como mínimo, afecten conxuntamente a cuberta e a envolvente do edificio), a persoa beneficiaria debe garantir a protección fronte ao cambio climático daquelas infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (análise Climate Proofing). Para iso, deberá terse en conta a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, dispoñible no enderezo:

https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2027/proteccion-de-infraestruturas-fronte-ao-cambio-climatico

3. Para o caso de proxectos que inclúan a execución de infraestruturas deberá asegurarse que se cumpran as seguintes condicións:

• As actuacións que poidan afectar espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao abeiro da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia. De ser o caso, deberanse achegar os informes, autorizacións ou licenzas pertinentes coa documentación xustificativa.

• As actuacións que poidan afectar os bens culturais ou a súa contorna deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 8. Contía da axuda

A intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado. A porcentaxe máxima de subvención respecto ao custo subvencionable será:

Aforro mínimo en enerxía primaria de orixe non renovable (%)

Investimento subvencionable
Porcentaxe de axuda

30

50

40

70

50

90

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpran tres meses desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

2. Só se admitirá como máximo unha solicitude por establecemento turístico. Cada solicitude deberá recoller gastos correspondentes á tipoloxía A, que se poderá combinar coas tipoloxías restantes recollidas nestas bases reguladoras.

3. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: os datos do edificio ou establecemento en que se van realizar as actuacións, o consumo de enerxía primaria non renovable e a cualificación enerxética actuais e as previstas tras as actuacións que se van realizar, a anualidade ou anualidades previstas para a execución das actuacións, o investimento total, o gasto subvencionable e o importe total da axuda solicitada.

Tamén será de obrigada consignación o número de inscrición do certificado de eficiencia enerxética do edificio no seu estado actual no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE).

Non se admitirán certificados de eficiencia enerxética que, estando rexistrados, non se axusten ao estado actual do edificio. Neste caso, deberá tramitarse un novo certificado do edificio actual. Isto supón a necesidade de emenda da solicitude presentada e entenderase por rexistro de entrada da dita solicitude a data en que se xunte o novo certificado do edificio actual.

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta resolución para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

5. No modelo de solicitude deberán realizarse as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de solicitar ou obter algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía, así como o organismo concedente.

b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda que solicite ou lle sexa concedida para esa mesma finalidade, con indicación da súa contía e do organismo concedente.

c) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.

d) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade co artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración responsable de que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

h) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

i) Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

j) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda e garantir a súa sostibilidade financeira.

k) De ser o caso, declaración responsable de que a empresa, de acordo coa definición que se establece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, non está en crise, segundo o establecido polas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). En cumprimento do establecido no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 2021/105, a Axencia de Turismo de Galicia realizará a comprobación correspondente con base nos datos económicos achegados coa solicitude de axuda.

l) Se a subvención solicitada supera o importe de 30.000,00 euros, a entidade solicitante está incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpre os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable de que se atopa ao corrente no cumprimento dos prazos de pagamento establecidos no artigo 4 da devandita Lei 3/2004, do 29 de decembro.

m) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos Feder 2021-2027.

n) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento polo órgano concedente, segundo o establecido no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC). Este prazo quedará interrompido se se inicia un procedemento xudicial ou a pedimento da Comisión da UE.

ñ) Declaración responsable de que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (principio Do no significant harm-DNSH), previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou taxonomía) das actividades económicas ambientais sostibles.

o) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20 de maio de 2003).

p) Non ter sido sancionada con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

q) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden ás definicións de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecidas nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

r) Que se compromete a manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos.

s) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 24 das bases reguladoras.

t) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

u) Declaración responsable de que o proxecto financiado cumpre co establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC) relativo aos principios horizontais en materia de igualdade, accesibilidade e dereitos fundamentais.

v) Declaración responsable de comprometerse a facilitar os datos do titular real no caso de non atoparse dispoñible esta información no Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do inmoble. No caso de que o/a solicitante da actuación non sexa o/a propietario/a, deberase achegar adicionalmente a documentación ou contrato que acredite a facultade expresa para poder executar as obras correspondentes á actuación obxecto de axuda (contrato de arrendamento, de explotación, etc.).

c) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa, empresa en crise, así como do cumprimento da capacidade e sostibilidade financeira, deberase achegar ademais:

• Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

• Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

• Balance actualizado da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas.

d) Memoria técnica da actuación, segundo o modelo dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, subscrita por unha persoa técnica titulada competente. A documentación mínima desta memoria será a descrición da actuación que se vai realizar e das características dos materiais e equipamentos, xustificación do cumprimento dos requisitos, orzamento desagregado e planos que definan completamente a actuación.

e) Certificado da eficiencia enerxética de partida do edificio, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), e o que se prevé alcanzar coas melloras propostas e coas actuacións específicas para as que se solicita a axuda, segundo o Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinados por un/unha técnico/a competente. Con estes certificados achegaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración. O certificado enerxético do edificio mellorado e o certificado do edificio actual deben achegarse elaborados coa mesma versión e programa recoñecido de certificación, de xeito que os datos sexan comparables. O certificado mellorado incluirá todas as actuacións incluídas na solicitude de axuda.

f) Orzamento/s da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado/s.

No caso de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000,00 euros para obras e/ou 15.000,00 euros en servizos ou subministracións, presentaranse tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Os orzamentos deberán referirse a actuacións análogas e ser comparables entre si.

g) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, do estado actual da edificación en que se van levar a cabo as actuacións subvencionables e/ou dos equipamentos e sistemas sobre os que se vai actuar. No caso de substitución de equipamentos, fotografías dos equipamentos que se van substituír, incluídas imaxes lexibles das placas de características.

h) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.

Para cada unha das tipoloxías, ademais de todo o anterior, deberá presentar:

A.1. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica.

a) Todos os valores de transmitancia utilizados polo/a técnico/a competente na elaboración dos certificados de eficiencia do edificio que non sexan «por defecto», deberán estar xustificados da forma seguinte: se o valor seleccionado é «estimado» ou «coñecido», deberá achegar a composición do cerramento. Se o valor seleccionado é «coñecido» e o material utilizado non está na base de datos do programa informático de cualificación da eficiencia enerxética utilizado, deberá achegar o documento de idoneidade técnica europeo (DITE) ou ficha técnica do material utilizado. Deberase achegar sempre, no caso de vidros e cerramentos, a marcación CE ou ficha técnica da carpintaría e dos vidros, onde figuren as características térmicas destes. Os valores das características térmicas de materiais, carpintarías e vidros deben ser coherentes cos utilizados na elaboración dos certificados enerxéticos.

b) Os orzamentos presentados deberán detallar as solucións construtivas orzadas, que deberán coincidir coas descritas na memoria e nos certificados enerxéticos.

A.2. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

a) A memoria técnica incluirá un inventario dos equipamentos actuais, indicando tipoloxía, potencia e período de uso e elementos de control existentes, así como a listaxe dos futuros equipamentos, coas súas características e planos coa súa distribución.

b) Ficha técnica dos principais equipamentos proxectados (luminarias, sensores, etc.).

B.1. Substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica.

a) Ficha técnica dos principais equipamentos proxectados (colector solar, acumulación, etc.).

b) A memoria técnica deberá incluír un estudo de produción de enerxía térmica, e os seus resultados deberán ser coherentes cos utilizados no cálculo do certificado enerxético do estado final.

B.2. Substitución de enerxía convencional por enerxía xeotérmica.

a) Documentos que xustifiquen os rendementos do equipamento xerador, como por exemplo:

– Ficha técnica ou etiqueta enerxética da bomba de calor onde aparezan os rendementos medios estacionais.

– Certificado Eurovent ou similar.

– Informe subscrito polo/a técnico/a competente. Para este informe poderá usarse o documento recoñecido do RITE: prestacións medias estacionais das bombas de calor para produción de calor en edificios.

b) Os valores de rendemento enerxéticos xustificados deberán ser coherentes cos utilizados nos certificados enerxéticos.

B.3. Substitución de enerxía convencional por biomasa nas instalacións térmicas.

a) Ficha técnica do equipamento xerador proxectado, que recolla o seu rendemento enerxético.

b) Declaración de que todos os combustibles que se van utilizar teñen un valor por defecto de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro do 80 % ou superior, segundo os indicados para produción de calor establecidos no anexo VI da Directiva 2018/2001/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, tendo en conta o sistema de produción e resto de condicións que determinan o devandito valor por defecto, indicando a descrición do combustible ou dos combustibles e o valor ou os valores por defecto. No caso de que algún dos combustibles que se van utilizar non cumpra co requisito anterior, achegarase unha memoria asinada por un/unha técnico/a competente independente onde, para as condicións previstas para o proxecto e de acordo coa metodoloxía do citado anexo VI, se xustifique que para o devandito combustible a redución de gases de efecto invernadoiro é igual ou superior ao 80 %.

c) Información sobre o combustible que se vai utilizar segundo a norma UNE-EN-ISO 17225, a norma UNE 164003 ou a norma UNE 164004.

d) Acreditación por parte do fabricante do equipamento do cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e emisións para o combustible que se vaia utilizar, que non poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento de ecodeseño en vigor (segundo corresponda, Regulamento (UE) nº 2015/1185 da Comisión ou Regulamento (UE) nº 2015/1189 da Comisión).

B.4. Substitución de enerxía convencional por sistemas de aerotermia ou hidrotermia.

a) Documentos que xustifiquen os rendementos do equipamento xerador, como por exemplo:

– Ficha técnica ou etiqueta enerxética dos equipamentos proxectados, en que se poidan consultar os valores de rendemento enerxético declarados polo fabricante, onde aparezan os rendementos medios estacionais.

– Certificado Eurovent ou similar.

– No caso das bombas de calor: informe subscrito polo/a técnico/a competente. Para este informe poderá usarse o documento recoñecido do RITE: prestacións medias estacionais das bombas de calor para produción de calor en edificios.

b) Ficha técnica do equipamento no que se recolla a súa potencia ou capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo UNE-EN 14511 ou equivalente.

B.5. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo.

a) Fotografías aéreas da localización do campo captador proxectado.

b) Ficha técnica dos principais equipamentos proxectados (panel solar, inversores, baterías, equipamento de monitorización e control, etc.).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 11. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a corrección.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitarlles, de maneira motivada, que presenten unha copia autenticada electrónica.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

g) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.

h) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Consulta de titulares reais ao Rexistro Central de Titularidades Reais (RCTIR), en aplicación do disposto no artigo 69.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC) do Parlamento Europeo e do Consello. Consultada neste rexistro a condición do titular real, de non obterse resultado, consultarase a persoa responsable da entidade beneficiaria, quen deberá facilitar o dato do titular real, se non o fai perderá o dereito ao cobramento da axuda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, de ser o caso, ben co crédito que quedara libre debido á renuncia doutros/as solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 16. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de 10 días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 17. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención, obrigas das persoas beneficiarias, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o Plan financeiro e o calendario de execución, prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Na devandita resolución informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda expresado en equivalente de subvención bruta e o seu carácter de minimis, de acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de 4 meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), a Axencia de Turismo de Galicia deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, de ser o caso, os valores estimados dos indicadores de realización.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente no que se lles dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 15.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar de forma expresa a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, mediante a presentación do anexo de aceptación asinado electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria, no modelo que o órgano xestor poñerá á disposición das entidades beneficiarias conxuntamente co documento que establece as condicións da axuda (DECA). Asemade, calquera alteración que afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda deberá notificarse novamente á persoa beneficiaria, quen terá a obriga de aceptalo de ser o caso, de forma expresa, e o rexeitamento terá como consecuencia a perda do dereito ao cobramento da axuda de acordo cos parágrafos que seguen.

Nos mesmos termos, a persoa beneficiaria deberá notificar ao organismo concedente calquera cambio nas circunstancias tidas en conta para conceder a subvención, coa finalidade de que se poidan modificar en consecuencia as condicións establecidas no DECA.

Transcorrido o prazo sen que se produza a aceptación expresa na forma prevista nestas bases reguladoras, producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo da facultade da entidade beneficiaria de formular a súa renuncia conforme o previsto no punto seguinte.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 20. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante os tribunais de instancia da sección do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000,00 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas no portal web da Axencia de Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculados, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda e garantir a súa sostibilidade financeira.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ou en xeral as verificacións previstas no artigo 74 do RDC que realicen o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión, e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita Contra o Fraude ou a Fiscalía Europea, tamén auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, que achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

e) Comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 5 anos. O cómputo dese prazo comezará a contar desde o último día de pagamento á persoa beneficiaria (artigo 65 do RDC).

g) No caso de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inscritibles nun rexistro público, a entidade beneficiaria deberá manter os investimentos, durante o período dos 5 anos seguintes ao pagamento final. Ademais, deberá facer constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida. Estes requisitos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

h) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

i) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC.

j) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e da Axencia de Turismo de Galicia.

En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE do 30 de xuño de 2021, L 231), a persoa beneficiaria deberá:

• No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

• Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

• Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

• Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou de máis de 500.000,00 euros de custo total, en lugar do previsto no punto anterior, a persoa beneficiaria, tan pronto como comecen e durante toda a súa execución, colocará unha placa ou valado publicitario resistente nun lugar ben visible para o público, en que figurará o emblema da Unión Europea e a declaración de cofinanciamento, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do RDC. Ao rematar a súa execución, e antes de retirar esta placa ou valado publicitario, deberá colocar unha placa permanente coa información sobre a actuación.

• Para operacións que consistan na compra de equipamentos de máis de 500.000,00 euros de custo total, tan pronto como comecen, deberán colocar unha placa permanente coa información sobre a actuación.

• Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización, só é preciso colocar un cartel ou placa.

• Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do Organismo Intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

• A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

A Axencia de Turismo de Galicia facilitará modelos ás persoas beneficiarias a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

m) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

n) A Axencia de Turismo de Galicia realizará consultas sobre datos de titularidade real das empresas beneficiarias no rexistro habilitado para tal efecto a nivel estatal. A persoa beneficiaria estará obrigada a facilitar os datos do titular real dos perceptores de financiamento da Unión, no caso de que, requirida a dita información ás autoridades competentes, non poida dispoñer dela.

ñ) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

o) No caso de que algunha das entidades beneficiarias estea suxeita ao ámbito subxectivo de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberá respectar, no que proceda, a normativa de contratación pública na adquisición dos bens e servizos obxecto da axuda.

p) Facilitar a información relacionada coa axuda que lle poida requirir o órgano concedente. Concretamente aqueles datos que se consideren relevantes en relación co logro dos indicadores de realización e resultado tidos en conta nesta convocatoria para a execución dos proxectos.

q) Aceptar expresamente a axuda contida no DECA.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias das axudas terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 1 de decembro de 2026, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2027.

Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 2 de novembro de 2027.

En caso de non xustificarse a totalidade do investimento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % da execución material do proxecto subvencionable, nos termos en que o dito proxecto se propuxo para recibir a axuda; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 50 %, pero sen acadar o 100 % da execución material do proxecto subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa a persoa beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o número 1, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Coa dita solicitude xuntarase a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de 10 días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI da solicitante (persoa física) e de quen represente a persoa xurídica e o NIF da solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso, quen realice a solicitude terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 26. Documentación xustificativa do investimento

1. Para cobrar a subvención concedida as persoas beneficiarias deberán presentar, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV), nos prazos indicados no artigo 25.1, a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación xustificativa, en que se describan as actuacións finalmente executadas e os cambios respecto á solicitude. No caso de que os equipamentos finalmente instalados non sexan os mesmos que os que constaban na solicitude, deberá presentarse a documentación técnica requirida na solicitude referida aos cambios realizados (certificados enerxéticos, proxecto ou memoria técnica, fichas técnicas, etc.). Os cambios deben de ser mínimos con respecto á memoria inicial. Non se admitiran memorias xustificativas de actuacións non achegadas na memoria inicial.

b) Fotografías das actuacións realizadas, en que se poida apreciar claramente o detalle destas. No caso de instalación de equipamentos, achegarase fotografía do equipamento e da súa placa de características.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

c.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación da actuación, do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte o modelo do anexo V. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte punto.

c.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior ao 1.1.2026, segundo a tipoloxía de proxecto de que se trate. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao inicio do período de execución nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (1 de decembro de 2026 na primeira anualidade e 2 de novembro de 2027 na segunda anualidade).

d) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

2. Na última anualidade do proxecto, ademais da documentación xustificativa anteriormente relacionada, as persoas beneficiarias deberán presentar dentro do prazo sinalado nestas bases:

a) Proxecto ou memoria técnica das actuacións finalmente executadas, de acordo coa normativa de aplicación en cada caso, con indicación do nivel de logro obtido en relación cos valores dos indicadores de realización e resultado aplicables, de acordo coa seguinte táboa:

Inicial

Final

% aforro

Consumo anual primario de enerxía (MWh/ano)

Emisión de gases de efecto invernadoiro estimadas (tn CO2 eq./ano)

b) Informe que acredite a adecuada realización das actuacións obxecto da axuda concedida de acordo coa documentación presentada na solicitude da axuda, emitido por organismo de control ou entidade de control que cumpra os requisitos técnicos establecidos no Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación, para o exercicio da súa actividade ou por entidade de control habilitada para o campo regulamentario das instalacións térmicas reguladas pola Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, na especialidade ou especialidades que mellor se adecúen á natureza da actuación.

c) Certificado de eficiencia enerxética obtido unha vez realizadas as actuacións, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o certificado previo á intervención, subscrito por unha persoa técnica competente, que recolla as actuacións finalmente realizadas. O certificado enerxético final deberá estar inscrito no RGEEE.

d) Licenza de obras ou, no caso de comunicación previa, xustificante da comunicación cunha declaración responsable de que non foron requiridas polo concello para a súa emenda.

e) Certificado final da obra subscrito pola dirección facultativa, en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada.

f) Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán achegarse:

1º. Memoria resumo asinada polo/a técnico/a responsable da execución, onde se recolla a cantidade total de residuos xerados, clasificados por códigos LER, e os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino, onde se indique a porcentaxe de valorización alcanzada en cada unha das instalacións. Debe acreditarse o cumprimento da valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición.

2º. Certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas á autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

3º. No caso de que se produzan residuos de amianto, será necesario xustificar o seu adecuado tratamento a través da notificación previa do traslado dos residuos de amianto desde o lugar de xeración ata o xestor de residuos e os documentos de identificación dos traslados de residuos asociados a eses movementos, en aplicación do Real decreto 553/2020, do 2 de xuño, polo que se regula o traslado de residuos no interior do territorio do Estado.

g) No caso de actuacións das liñas B2, B3 e B4 achegarase copia do certificado de entrega a xestor autorizado ou punto limpo dos equipamentos retirados. O certificado debe identificar correctamente a tipoloxía e procedencia do equipamento. Non se admitirán certificados sen esta información.

h) Sempre que sexa obrigatorio, achegarase o Certificado da instalación, subscrito polo/a director/a da instalación ou instalador autorizado, rexistrado no órgano competente da Comunidade Autónoma de acordo coa normativa de aplicación, achegarase o código de acceso CSV, para ter a posibilidade de verificación se for necesario. No caso de non ser necesario o rexistro, escrito asinado polo/a técnico/a competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

i) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

j) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

k) Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 (anexo VII).

3. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 27. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da persoa beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, de acordo co establecido no artigo 25.1.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

3. Sen prexuízo do anterior, o libramento da subvención na primeira anualidade non poderá superar a cantidade establecida na resolución de concesión para este exercicio orzamentario. No entanto, os xustificantes de gasto por riba dese limiar poderán imputarse á anualidade 2027 sen que isto implique incremento da achega correspondente ao referido exercicio orzamentario.

4. Para o cobramento da segunda anualidade da subvención concedida, será requisito indispensable ter completamente executado o proxecto que fundamentou a resolución de concesión na data límite de xustificación e telo acreditado mediante a presentación da documentación xustificativa establecida nestas bases.

Artigo 28. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 24.4 destas bases reguladoras, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, a execución material do proxecto subvencionable sexa inferior ao 50 %, tal e como se establece no artigo 25.1.

e) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

f) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder, suporá a perda ou, de ser o caso, o reintegro, dun 2 % da subvención concedida.

g) No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

h) O incumprimento das obrigas de información e publicidade ao financiamento do proxecto, durante o prazo de mantemento do investimento, poderá dar lugar ao reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

2. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, poderase apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Artigo 29. Réxime de infraccións e sancións

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de mora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da persoa beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a devolución voluntaria realizada.

Artigo 30. Seguimento, control e comprobación

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia de Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

4. A Axencia de Turismo de Galicia realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados na resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 31. Medidas antifraude

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia de Turismo para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI).

3. Na loita contra a fraude a Axencia de Turismo de Galicia actuará de conformidade co Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se aplica a esta convocatoria. As ligazóns aos citados plans no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia son as seguintes:

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/presidencia/plan-antifraude-turismo-2024.pdf

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file