DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 31 de agosto de 2026 Páx. 47174

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU986B).

BDNS (Identif.): 926278.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/926278

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a condición de peme que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nestas bases.

4. Para os efectos destas bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas ou as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa ou entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

f) As demais actividades recollidas no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, entre as que se atopan os investimentos relacionados coa combustión de combustibles fósiles.

Segundo. Obxecto, réxime e período subvencionable

1. As subvencións teñen por obxecto a realización de actuacións de eficiencia enerxética nas empresas turísticas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado das bases reguladoras.

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 2 de novembro de 2027, de acordo co período de execución establecido no artigo 25 das bases reguladoras. O proxecto non poderá estar finalizado antes da presentación da solicitude da axuda.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU986B).

Cuarto. Financiamento

1. Esta convocatoria será cofinanciada con cargo ao Programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciación do Feder do 60 % do gasto elixible, computándose como cofinanciamento nacional o investimento público e privado da Comunidade Autónoma e das persoas beneficiarias segundo corresponda, no 40 % restante.

2. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 9.000.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, e os seguintes proxectos contables dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027:

– 2026 00003.

– 2026 00004.

– 2026 00005.

A distribución por anualidades do crédito da convocatoria é o seguinte:

Intensidade de axuda

Proxecto contable

Anualidade 2026 (€)

Anualidade 2027 (€)

Total (€)

50 %

2026 00003

500.000,00

3.500.000,00

4.000.000,00

70 %

2026 00004

300.000,00

3.200.000,00

3.500.000,00

90 %

2026 00005

100.000,00

1.400.000,00

1.500.000,00

Total

900.000,00

8.100.000,00

9.000.000,00

Quinto. Contía da axuda

A intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado. A porcentaxe máxima de subvención respecto ao custo subvencionable será:

Aforro mínimo en enerxía primaria de orixe non renovable (%)

Investimento subvencionable
Porcentaxe de axuda

30

50

40

70

50

90

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpran tres meses desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia