DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 31 de agosto de 2026 Páx. 47028

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 14 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases que rexen os premios do programa Xuventude Crea e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS310Q).

BDNS (Identif.): 926016.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/926016

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar a participación na obtención dos premios nas especialidades do programa Xuventude Crea 2026 as persoas non profesionais – exceptúase este requisito para a especialidade de teatro, modalidade pro, nos termos establecidos no capítulo II para esta especialidade–, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos feitos no ano 2026, agás o establecido no capítulo II para cada especialidade.

b) Posuír nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira residente en España no momento de presentación da solicitude, e desenvolver a actividade artística nalgunha das modalidades obxecto destes premios maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ou ser descendente de persoa emigrante galega ata o terceiro grao ou ter residencia habitual no estranxeiro, pero vinculada con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

Enténdese por profesional aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta na cal solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

Salvo no caso das especialidades de cociña, creación de videoxogos, danza moderna, DJ (disc-jóckey), música, teatro e videocreación, a participación será sempre a título individual.

Aquelas persoas que gañasen o primeiro premio dunha especialidade das convocadas na edición do ano anterior non poderán participar na mesma especialidade nesta convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto é establecer as bases que rexen a concesión dos premios do programa Xuventude Crea e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 14 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases que rexen os premios do programa Xuventude Crea e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS310Q).

Cuarto. Importe

Destínase un crédito de 87.900,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.480.10.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Especialidades dos premios do programa Xuventude Crea:

a) Artes plásticas, coas modalidades de pintura e escultura.

b) Arte urbana.

c) Banda deseñada.

d) Cociña.

e) Creación de videoxogos.

f) Danza moderna.

g) Deseño de xoias.

h) DJ (disc-jóckey).

i) Fotografía.

j) Moda.

k) Música.

l) Novela curta.

m) Poesía.

n) Teatro, coas modalidades amador e pro.

ñ) Videocreación.

Premios por cada unha das especialidades:

Un primeiro premio de 2.000 €.

Un segundo premio de 1.500 €.

Un terceiro premio de 1.000 €.

Un premio especial de 1.000 € para a modalidade de música clásica da especialidade de música.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades, a aquelas obras que consigan chegar á fase final en relación coas especialidades que establezan a dita fase a que acceden as persoas concursantes finalistas seleccionadas e que, coa avaliación da Comisión de Selección, acaden a suficiente calidade.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude