O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.
O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.
As organizacións sindicais FSIE, FESP UGT, CC.OO. Ensino, FeUSO, SNEP de Galicia e CIG-Ensino comunicaron a convocatoria de folga na totalidade dos centros do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos no ámbito funcional do VII Convenio colectivo de empresas de ensino privado sustentadas total ou parcialmente con fondos públicos. Na dita comunicación indica que a folga terá lugar o día 9 de setembro de 2026 en xornada parcial (das 9.00 ás 12.00 horas).
A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde.
O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado do alumnado menor de idade. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo), dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e a seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente sustentado con fondos públicos, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados, é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.
O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a, ou, se é o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia que poida afectar a seguridade dos menores de idade ou os bens que integran un centro docente. A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das súas funcións respecto do coidado e da vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.
A necesidade de incluír como servizos mínimos a porcentaxe do 20 % do persoal docente e do persoal complementario vén motivada pola propia obriga de manter a custodia e a protección do alumnado, pois, en función do seu número, non estaría suficientemente garantida coa única presenza de dúas persoas (un membro do equipo directivo e o persoal subalterno).
Ademais, o alumnado de centros de educación especial e de unidades de educación especial en centros ordinarios requiren unha atención máis específica, o que reforza a necesidade da presenza mínima de persoal complementario.
De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o Comité de folga
DISPOÑO:
Artigo 1
Terán a consideración de servizos mínimos para os centros docentes afectados pola folga convocada para o día 9 de setembro de 2026:
– A dirección ou o membro do equipo da dirección e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros e a custodia, seguridade e protección dos menores.
– O 20 % do persoal docente e o 20 % do persoal complementario.
Artigo 2
A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo anterior será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.
Artigo 3
O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.
Artigo 4
O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal na dita situación.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
