Mediante a Orde do 30 de xuño de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 129, do 13 de xullo, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Consellería de Política Social e Igualdade.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, así como nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria e adxudicarlle destino ao funcionario cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, seleccionado consonte o establecido nas bases da convocatoria, realizada mediante a Orde da Consellería de Política Social e Igualdade do 30 de xuño de 2026, no posto de traballo que se indica no propio anexo.
Segundo. O cesamento no actual destino do funcionario que obtivo praza producirase no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
Se na data en que debe cesar no seu destino, o funcionario está a gozar dun período de licenza, vacacións ou permiso, o prazo para efectuar o cesamento empezará a contar a partir do día seguinte ao da súa incorporación.
A toma de posesión da praza adxudicada deberase realizar no prazo dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento se non implica cambio de residencia, no prazo de sete días hábiles se comporta cambio de residencia ou no prazo dun mes se comporta o reingreso ao servizo activo, consonte o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
Terceiro. A xefatura de persoal do centro onde cause baixa o funcionario, así como a do centro en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro dos prazos sinalados no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión.
Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
ANEXO
Apelidos e nome: Rodríguez Vilariño, Fernando.
NRP: ****220124 A2059.
Grupo: C2.
Corpo/escala: corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Denominación do posto: secretario/a do/da director/a xeral.
Código: PS.C04.00.000.15770.001.
Nivel: 18.
Dependencia: Dirección Xeral de Inclusión Social.
Localidade: Santiago de Compostela.
