Antecedentes.
De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.9 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, portos de refuxio e portos deportivos, ao mesmo tempo que no seu artigo 28.6 lle atribúe á propia comunidade autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en canto aos portos pesqueiros.
Consonte estas previsións constitucionais e estatutarias, o Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, e o Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro, tramitaron a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco de competencias do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e servizos relativos a todos os portos e instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio, e aos de refuxio e deportivos existentes no seu ámbito territorial.
O 14 de xuño de 2018 entrou en vigor a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (DOG do 14 de decembro), que derroga a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.
No artigo 124 da Lei 6/2017 regúlase a realización das actividades comerciais, industriais ou doutra natureza prestadas por terceiros e establécense que por razóns de control de espazos, de capacidade técnica das infraestruturas e superestruturas portuarias para asumir a actividade dos distintos operadores, de seguridade e de ambiente, o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza no ámbito portuario, sexan ou non de carácter portuario, requirirá a obtención dunha autorización que outorgará Portos de Galicia e que se supeditará a que se trate de usos permitidos no dominio público portuario de acordo co previsto nesa lei e na restante normativa de aplicación.
Por outra banda, na línea a) do artigo 58 da Lei 6/2017 defínese a utilización das instalacións portuarias polos buques, a pasaxe e as mercadorías como prestación de servizos portuarios e o exercicio de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza, que se rexerá polo establecido nesa Lei 6/2017, na lexislación de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma, no Regulamento de explotación e policía e, de ser o caso, nas ordenanzas portuarias.
Mediante a Resolución do 17 de abril de 2023 aprobáronse tres procedementos de actividades comerciais e industriais para a realización de consignación de buques e mercadorías; avituallamento de combustible e posta á disposición de medios mecánicos nos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos dos procedementos IF504C, IF504D, IF504E). Non obstante, existe outro tipo de actividades de carácter portuario, ou non, que se realizan nos portos e que tamén é preciso regular.
En primeiro lugar, desenvólvense actividades que non implican unha ocupación en exclusiva do dominio público por parte de autónomos, profesionais, empresas ou asociacións, pero que, polo disposto no artigo 124, deben ser autorizadas.
Por outra banda, están aquelas actividades e actuacións doutra natureza realizadas por outras administracións públicas, habitualmente polos concellos dentro das súas finalidades públicas, que se desenvolven no porto sen exclusividade, pero que, segundo o disposto nos artigos 58 e 124 da Lei 6/2017, tamén deben ser autorizadas por Portos de Galicia.
As actividades rexeranse segundo o disposto na Lei 6/2017, de portos de Galicia, polo Regulamento de servizo e policía e, pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa complementaria, supletoria e de desenvolvemento en materia tributaria.
O Goberno da Xunta de Galicia ten, dentro dos seus eixes de actuación, o de impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á cidadanía, o que converte a Xunta de Galicia nun modelo de referencia para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia en todos os seus ámbitos
Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG núm. 17, do 27 de xaneiro), estableceu que as disposicións de carácter xeral que regulen procedementos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico, deberán contar cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.
A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen o escenario normativo base para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Por todo iso, de cara á simplificación de documentos e trámites, redución de cargas administrativas aos particulares e facilidade de acceso á información e á realización de trámites administrativos, de acordo con todo o indicado, e en virtude das atribucións conferidas no artigo 12.3.k) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobar o procedemento de autorización para desenvolver actividades comerciais e industriais, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de entidades privadas (procedemento IF510A).
O procedemento de solicitude e autorización rexerase segundo as cláusulas xerais incorporadas a esta resolución, inseridas no anexo V, coas modificación que se poidan introducir con posterioridade.
Segundo. Aprobar o procedemento de autorización para desenvolver actividades e actuacións doutra natureza, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte das administracións públicas (procedemento IF510B).
O procedemento de solicitude e autorización rexerase segundo as cláusulas xerais incorporadas a esta resolución, inseridas no anexo VI, coas modificación que se poidan introducir con posterioridade.
Terceiro. Delegar as competencias das autorización reguladas no procedemento IF510A, segundo o disposto no artigo 12.i) da Lei 6/2017, de portos de Galicia, na xefatura de zona á cal pertenza o porto onde se solicita a autorización.
Cuarto. Abrir o prazo de presentación de solicitudes, a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución, quedando desde ese momento permanentemente aberto.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.
Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, empregando o procedemento IF508B á disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/es/detalle-procedemento?codtram=IF508B&ano=2026&numpub=1&lang=es, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Mediante este documento notifícase esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Cláusulas que regulan o procedemento.
Primeira. Normativa
A normativa de aplicación que regula a autorización para desenvolver actividades comerciais e industriais e doutra natureza, sen ocupación exclusiva de dominio público, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de autónomos, profesionais, empresas ou asociacións e de administracións públicas, é a seguinte:
• Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
• Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
En todo caso, no suposto de diverxencia entre estas cláusulas e a normativa de aplicación, prevalecerá a normativa vixente.
Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación
Estes procedementos teñen por obxecto regular a realización de actividades comerciais, industriais ou doutra natureza prestadas por terceiros, sexan ou non de carácter netamente portuario, sempre e cando non exista unha ocupación do dominio público con exclusividade, intensidade, perigosidade ou rendibilidade, nin exista un procedemento propio para ela.
Pola súa diferente natureza, as solicitudes formalizadas por autónomos, profesionais, empresas ou asociacións distínguense das solicitudes realizadas por outras administracións públicas mediante dous procedementos diferentes, o IF510A e o IF510B, respectivamente.
Exclúense desta resolución aquelas actividades portuarias que pola súas características e por realizarse acotío nos portos dispoñan dun procedemento específico. En concreto, na actualidade existen tres procedementos específicos de actividades comerciais e industriais: a consignación de buques e mercadorías, o avituallamento de combustible e a posta á disposición de medios mecánicos nos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento IF504C, IF504D e IF504E).
Non obstante, nos procedementos que se aproban por esta resolución tamén se regula a utilización de medios materiais auxiliares móbiles necesarios para realizar a actividade solicitada, de xeito puntual ou continuado ao longo do período autorizado, que, aínda que poidan ter a consideración de medios mecánicos segundo o procedemento IF504D, se integrarán nun único expediente sempre e cando se trate de medios auxiliares da actividade autorizada e non constitúa en si mesma a actividade principal, xa que, nese caso, se deberá solicitar empregando o procedemento indicado.
Tamén serán de aplicación estes procedementos a aquelas actividades realizadas por terceiros dentro do ámbito dunha concesión administrativa, sen exclusividade nin localización concreta e, polo tanto, en réxime de libre concorrencia.
Polo exposto, estes procedementos serán de aplicación a todas as solicitudes de actividades que se vaian desenvolver nos portos que non dispoñan dun procedemento propio e tamén a aqueloutras actividades e actuacións doutra natureza realizadas polas administracións públicas, dentro das súas finalidades públicas, que non impliquen unha ocupación exclusiva tanto para realizar actividades como para desenvolver obras e instalacións de uso ou interese público.
Terceira. Órgano competente
En virtude das atribucións conferidas á Presidencia de Portos de Galicia no artigo 12.3. k) da Lei 6/2017, de portos de Galicia, a resolución da autorización para desenvolver actividades comerciais e industriais sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de entidades privadas (procedemento IF510A), será competencia do titular da Presidencia de Portos de Galicia. Non obstante, nesta resolución, segundo o disposto no artigo 12.i) da Lei 6/2017, deléganse as competencias na xefatura de zona á cal pertenza o porto onde se solicita a autorización.
De igual xeito, a resolución da autorización para desenvolver actividades e actuacións doutra natureza sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia por parte de administracións públicas (procedemento IF510B), será competencia do titular da Presidencia de Portos de Galicia, que poderá proceder a delegar a dita competencia nos termos previstos no artigo 12.i) da lei.
Cuarta. Prazo de vixencia das autorizacións
a) Procedemento IF510A: con carácter xeral, as autorizacións para desenvolver actividades comerciais e industriais sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de entidades privadas, outorgaranse polo tempo específico que se precise para realizar a actividade ou, se esta é recorrente, por un máximo de cinco (5) anos.
As actividades poderán prestarse de xeito continuado ou intermitente dentro do período autorizado. Non suposto de prestación de carácter intermitente, cando polas características da actividade sexa preciso notificar a Portos de Galicia as datas concretas, modificacións ou medios auxiliares para o seu desenvolvemento, empregarase o modelo do anexo II do procedemento IF510A. Comunicación de realización de actividades previamente autorizadas. Á vista da comunicación efectuada e da dispoñibilidade das infraestruturas portuarias nesas datas, Portos de Galicia podería modificalas ou impor condicións especificas para facer compatible a autorización coas restantes actividades portuarias.
b) Procedemento IF510B: no suposto de autorizacións para desenvolver actividades e actuacións doutra natureza, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte das administracións públicas cando o destino sexa o uso público e non exclusivo, poderán autorizarse polo tempo que se precise para realizar a actividade, tamén cun prazo máximo de cinco (5) anos. Se se trata de actuacións de carácter permanente, segundo a súa tipoloxía, quedarán incorporadas as infraestruturas portuarias e a Administración pública titular da autorización manterá as obrigas de conservación e responsabilidades fronte a terceiros polas actuacións executadas mentres estas permanezan no porto.
Cando, polas características da actividade, sexa preciso notificarlle a Portos de Galicia as datas concretas, modificacións ou medios auxiliares para o seu desenvolvemento, empregarase o modelo do anexo IV do procedemento IF510B. Comunicación de realización de actividades previamente autorizadas a administracións públicas. Á vista da comunicación efectuada e da dispoñibilidade das infraestruturas portuarias nesas datas, Portos de Galicia podería modificalas ou impor condicións específicas para facer compatible a autorización coas restantes actividades portuarias.
Quinta. Tipos de actividades reguladas
a) Autorización para desenvolver actividades comerciais e industriais, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de entidades privadas (procedemento IF510A).
A tipoloxía de actividades que se van desenvolver é moi variada e, polo tanto, non se limita a unha lista pechada de actividades; poderanse escoller no modelo de solicitude aquelas máis habituais ou de forma xenérica «outras». Neste último caso, deberá indicarse e describirse a actividade, sen ocupación exclusiva, que se pretende realizar.
Entre as actividades máis habituais están as seguintes:
Portuarias:
• Reparación naval (estrutural, mecánica ou eléctrica).
• Inspección/reparación naval subacuática.
• Avituallamentos a terceiros.
• Captacións de auga de mar.
• Realización de estudos e prospeccións do terreo/augas.
• Instalación de aparellos de control de parámetros ambientais/calidade.
• Actuación de mellora ambiental.
• Simulacros en materia de ambiente ou seguridade.
• Extracción/cultivo de recursos pesqueiros sen ocupación exclusiva exclusividade/intensidade.
• Limpeza de fondos mariños.
• Servizos profesionais subacuáticos.
• Actividade de pesca-turismo regulada polo Real decreto 239/2019.
• Chárter náutico.
• Actividades náutico-deportivas, ou outras de carácter portuario, que impliquen a reunión de persoas, que non constitúan un espectáculo público ou actividade recreativa (nese caso, as actividades están reguladas polo procedemento específico IF500A).
As actividades comerciais e industriais de carácter portuario refírense a aquelas actividades de prestación de natureza comercial ou industrial que, non tendo a consideración de servizos portuarios, estean vinculadas directamente á actividade portuaria.
Non portuarias:
• Rodaxe de películas, documentais, anuncios ou calquera outra filmación nos portos.
• Captacións de imaxes aéreas sobre a zona de servizo do porto mediante dron ou outros sistemas de filmación.
• Actividades que impliquen a reunión de persoas, que non constitúan un espectáculo público ou actividade recreativa (neste caso, as actividades están reguladas polo procedemento específico IF500A).
• Reserva de zonas de carga e descarga/paso de carruaxes para servizo de parcelas limítrofes á zona de servizo.
b) Autorización para desenvolver actividades e actuacións doutra natureza, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte das administracións públicas (procedemento IF510B).
De igual xeito, a tipoloxía de actividades que se vaia desenvolver é moi variada e, polo tanto, non se limita a unha lista pechada de actividades; no modelo de solicitude pódense escoller aquelas máis habituais ou de forma xenérica «outras». Entre as máis habituais, encóntranse as seguintes:
Actividades:
• Actividades que impliquen a reunión de persoas, que non constitúan un espectáculo público ou actividade recreativa (nese caso, as actividades están reguladas polo procedemento específico IF500A).
• Simulacros en materia de ambiente ou seguridade.
• Realización de estudos e prospeccións do terreo/augas.
• Simulacros en materia de ambiente ou seguridade.
Actuacións:
• Instalación de elementos ornamentais.
• Instalación de mobiliario urbano.
• Instalación de contedores de lixo.
• Instalación de sinalética/carteis informativos e acondicionamento de roteiros.
• Instalación de aparellos de control de parámetros ambientais/calidade.
• Pintado de murais ou paneis.
• Actuación de mellora ambiental.
• Melloras da iluminación.
• Melloras nos pavimentos e elementos de urbanización.
• Melloras na seguridade.
• Mellora nas redes de servizos.
• Traballos de xardinaría.
Sexta. Condicións específicas das autorizacións
As autorizacións outorgaranse con carácter específico e individualizado para cada solicitude, segundo a súa natureza.
Ademais das condicións xerais incluídas nos anexos IV e V, en función da actividade solicitada poderanse incluír outras condicións particulares relativas a cada actividade. Entre as condicións que haberá que incluír están as relativas ao desenvolvemento da actividade, prazo, seguros, garantías, causas de extinción e taxas que procedan de acordo co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
As autorizacións para desenvolver actividades comerciais e industriais, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de entidades privadas (procedemento IF510A), rexeranse polo disposto no artigo 124 da Lei 6/2017 e realizaranse en réxime de libre concorrencia.
As actividades e actuacións doutra natureza, sen ocupación exclusiva de dominio público en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte das administracións públicas, rexeranse polo disposto nos artigos 58.a) e 124 da Lei 6/2017. Non obstante, cando polas características da actividade ou actuación se constate que precisa dunha maior intensidade ou exclusividade, ou se realice dentro dun marco de colaboración entre administracións, a solicitude tramitarase conforme o disposto no artigo 57.5 da Lei 6/2017, de portos de Galicia, mediante formalización dun convenio de colaboración.
Sétima. Solicitantes aos cales van dirixidos os procedementos
O procedemento con código IF510A vai dirixido ás persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica privada, así como aos traballadores autónomos e traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.
O procedemento con código IF510B vai dirixido exclusivamente á administracións públicas para o desenvolvemento de fins propios destas, sempre e cando teñan carácter de uso público e sen exclusividade.
Oitava. Iniciación do procedemento
O procedemento para obter a autorización iniciarase por solicitude da persoa ou entidade interesada, empregando o formulario de solicitude de cada un dos procedementos que están á disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se relacionan a continuación:
• Anexo I. Formulario de solicitude do procedemento con código IF510A.
• Anexo III. Formulario de solicitude do procedemento con código IF510B.
A solicitude deberá dirixirse á zona de Portos de Galicia onde se localice o porto.
A solicitude presentada realizarase individualizada para cada actividade e para cada porto.
Novena. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que corresponda a cada procedemento, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes é a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución, que quedará aberto por tratarse dun procedemento de prazo aberto.
Décima. Documentación complementaria para o procedemento IF510A
1. As persoas interesadas deberán achegar co formulario de solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación gráfica do porto, mediante o emprego de planos ou fotografías aéreas, con indicación de onde se solicita realizar a actividade.
b) Segundo as características da actividade solicitada, memoria descritiva en que se explique, en maior profundidade que no formulario, cal vai ser o seu desenvolvemento. Deberán incluírse a análise de riscos da actividade e as medidas de mitigación, tanto en materia de seguridade como de ambiente.
c) Se a actividade precisa de autorización/informe sectorial outorgada por outro/s organismo/s, deberá achegarse a dita autorización/informe ou xustificante de tela solicitado.
d) Documentación acreditativa da representación, agás que se encontre inscrita no REAG.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número, de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo primeira. Documentación complementaria para o procedemento IF510B
1. As administracións interesadas deberán achegar co formulario de solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación gráfica do porto, mediante o emprego de planos ou fotografías aéreas, con indicación de onde se solicita realizar a actividade.
b) Segundo as características da actividade solicitada, memoria descritiva na cal se explique en maior profundidade que no formulario o seu desenvolvemento e na cal se deberán incluír a análise de riscos da actividade e as medidas de mitigación, tanto en materia de seguridade como de ambiente.
c) Cando a solicitude implique a execución de actuacións de carácter permanente: documento técnico acorde coas características da actuación (memoria valorada ou proxecto técnico) onde se describan en detalle (en memoria, planos, orzamento, prazos de execución, etc.), e de xeito desagregado, aquelas que se solicitan na zona de servizo do porto, reflectindo graficamente o ámbito portuario onde se pretende actuar.
d) Documentación acreditativa da representación, agás que se encontre inscrita no REAG.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo segunda. Comprobación de datos nos procedementos IF510A e IF510B
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
• DNI/NIE da persoa solicitante.
• DNI/NIE da persoa representante.
• Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
• Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
• NIF da entidade solicitante.
• NIF da entidade representante.
• Certificado de domicilio fiscal.
• Imposto de actividades económicas (IAE).
• Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos formularios correspondentes (anexos I e III) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Décimo terceira. Tramitación e resolución da solicitude
Recibida a solicitude, Portos de Galicia examinaraa e, se non reúne os requisitos ou non vai acompañada dos documentos exixidos, requirirá o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido/a da súa solicitude.
Entenderase que se desiste da solicitude cando o/a solicitante non atenda ao requirimento de emenda da documentación realizado por Portos de Galicia no prazo establecido para iso.
Nas actividades doutra natureza solicitadas polas administracións públicas, vista a solicitude tramitarase segundo proceda como autorización de actividade ou actuacións doutra natureza, ou ben como convenio de colaboración, segundo o indicado no artigo 57.5 da Lei 6/2017.
Segundo as características da actividade, a resolución poderá incluír a obriga de formalizar unha fianza de explotación, que quedará depositada na Caixa Xeral de Depósitos a favor de Portos de Galicia mentres dure a vixencia da autorización, e/ou un seguro de responsabilidade civil.
As ditas actividades poderán ser denegadas por motivos de capacidade técnica das infraestruturas e superestruturas portuarias, seguridade e ambiental, ou porque sexan incompatibles coas actividades ordinarias do porto onde se solicita a actividade.
Portos de Galicia reserva para si a facultade discrecional de rexeitar solicitudes ou modificar sensiblemente o seu contido cando razóns estritas de explotación portuaria fagan imposible outorgar unha autorización, polo motivo indicado no parágrafo anterior, ou motiven o seu outorgamento baixo condicións distintas das solicitadas.
O prazo máximo para resolver o expediente será de tres (3) meses. Transcorrido este prazo sen que se realice a notificación da resolución de autorización de utilización ou ocupación de dominio público, a solicitude entenderase desestimada.
Décimo cuarta. Aboamento das taxas portuarias
A realización de actividades industriais comerciais no dominio público portuario está sometida ao aboamento de taxas en función do tipo de actividade, segundo o disposto na Lei 6/2003, de prezos, taxas e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. As actividades autorizadas, de ser o caso, devindicarán a ACIS (taxa por actividades comerciais, industriais e de servizos).
Se procede, na autorización fixarase a taxa que corresponda, ben como unha contía fixa indicada na Lei de taxas, ben como a porcentaxe correspondente do importe neto da cifra de negocio declarada.
Segundo a tipoloxía da autorización, poderíanse devindicar outras taxas portuarias como a E-2 por ocupación de superficie ou a E-3 subministracións, como servizos auxiliares á actividade principal.
En todo caso, as taxas aplicables serán as vixentes para o exercicio en que se produza a ocupación.
Polo exposto, a realización de actividades sen a oportuna autorización, ou contando con ela pero non tendo cumprido o seu condicionado, non exime do aboamento da taxa portuaria, á marxe da incoación do expediente sancionador correspondente.
Décimo quinta. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Décimo sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Disposición adicional primeira. Actualización de modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional segunda. Réxime transitorio
As autorizacións que estean vixentes na data de entrada en vigor desta resolución manterán a súa vixencia baixo as condicións en que fosen outorgadas.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026
Natalia Botana Rey
Presidenta de Portos de Galicia
