Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións eléctricas que se describen a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o día 13 de marzo de 2026 polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado número 482 do Coeticor, e visado polo citado colexio profesional o 13 de marzo de 2026 co número V20260117:
Solicitante: UTE Extraco-Orega Monterrei.
Enderezo: Parque Empresarial do Pereiro de Aguiar, 32710 O Pereiro de Aguiar.
Denominación: novo tramo de liña subterránea de 20 kV e dous novos centros de transformación de 400 kVA para rehabilitación do castelo de Monterrei.
Situación: contorna do castelo de Monterrei, concello de Monterrei.
Orzamento: 580.878,35 €.
Características técnicas:
• LMTS, a 20 kV, de 160 m de lonxitude, en condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3×(1×240) K Al + H16 con orixe no paso A/S que se realizará no apoio existente núm. BX01N674//D9-B-4-CT da LMT VII805 da empresa distribuidora e final no CT Sur Fortaleza proxectado.
• Novo CT Sur Fortaleza, centro de transformación subterráneo prefabricado, 2L1P, con transformador de 400 kVA de potencia e r/t:20.000/400V.
• LMTS, a 20 kV, de 550 m de lonxitude, en condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3×(1×240) K Al + H16 con orixe no CT Sur Fortaleza e final no CT Norte Fortaleza proxectado.
• Novo CT Norte Fortaleza, centro de transformación subterráneo prefabricado 2L1P con transformador de 400 kVA de potencia e r/t: 20.000/400 V.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Concederlles as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo para poñer en marcha as instalacións que se autorizan será de seis meses, que se contarán a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor un recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 24 de agosto de 2026
O director territorial de Ourense
Por S.L. (Decreto 140/2024, artigo 40.3)
Fernando Pedrido Pérez
Xefe do Servizo de Industria
