DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Luns, 14 de setembro de 2026 Páx. 48715

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 7 de setembro de 2026 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR341K, TR342D e TR341M).

Mediante a Orde do 13 de abril de 2026, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 71, do 17 de abril), establecéronse as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego (CEE), co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2026.

A citada orde establece no artigo 2, no cal se recolle o financiamento, a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles. O incremento do crédito está condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou dunha transferencia de crédito, todo de conformidade co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, como existen dotacións procedentes de fondos finalistas do Estado resultantes da xeración de crédito de reintegros e remanentes doutras convocatorias de axudas, e coa finalidade de facer chegar as axudas ao maior número de persoas ou entidades beneficiarias posible, conforme o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, é preciso ampliar o importe total dos créditos destinados ás axudas que se van conceder ao abeiro dos programas I, II e III da Orde do 13 de abril de 2026, de axudas a centros especiais de emprego.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de financiamento

Increméntase en 3.750.792,01 euros o importe total destinado á concesión das axudas da Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE), co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG núm. 71, do 17 de abril), coa seguinte distribución:

Ampliación de crédito

Total

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Descrición

Importe

14.04.324C.470.3

2018 00099

Medidas apoio a CEE. Empresas privadas

206.374,93 €

3.750.792,01 €

14.04.324C.470.4

2018 00099

Custo salarial de persoas con discapacidade en CEE. Empresas privadas

3.391.165,89 €

14.04.324C.481.4

2018 00099

Custo salarial de persoas con discapacidade en CEE. Entidades asociativas

153.251,19 €

Este incremento da dotación orzamentaria aténdese con fondos finalistas do Estado resultantes da xeración de crédito e remanentes doutras convocatorias de axudas, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Estes créditos, mediante a autorización das oportunas modificacións orzamentarias, transferíronse ao código de proxecto 2018 00099.

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes na Orde do 13 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE), co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026.

Artigo 3. Prazo de xustificación das accións subvencionables

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionables será a que se sinale na resolución de concesión.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración