DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Xoves, 17 de setembro de 2026 Páx. 49070

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo do 23 de xullo de 2026, da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 3/2025, do 15 de decembro, de modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026

Sandra Vázquez Domínguez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei da
Comunidade Autónoma de Galicia 3/2025, do 15 de decembro,
de modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación co artigo único da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 3/2025, do 15 de decembro, de modificación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, adoptou o seguinte acordo:

Ambas as partes coinciden en considerar que o apartado cinco do artigo único da Lei 3/2025, do 15 de decembro, que engade un novo artigo 128.bis á Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, debe interpretarse no sentido de que a súa aplicación se insire no marco do disposto polo artigo 109.bis.3 da Lei de axuizamento criminal (aprobada polo Real decreto do 14 de setembro de 1882). Polo tanto, dentro dese marco normativo xeral, o exercicio da acción popular pola Xunta de Galicia será posible unicamente na medida en que esta intervención resulte congruente coa normativa procesual aplicable e coa defensa dos dereitos das vítimas recoñecida no ámbito material de que se trate, de acordo cos requisitos establecidos no artigo 109.bis.3, sempre que a vítima o autorice.

II. En razón do acordo acadado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas e concluída a controversia exposta.

III. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Ángel Víctor Torres Pérez
Ministro de Política Territorial
e Memoria Democrática

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes