Examinada a proposta de revisión de esbozo realizada polo Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense en relación co monte veciñal en man común (MVMC) Campo do Río, pertencente á Comunidade de Montes Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da Vila Pequena, no voncello de Montederramo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 14.4.2026 tivo entrada no Rexistro da Dirección Territorial do Medio Rural de Ourense unha solicitude (número 1448/RX 1072359, correspondente coa minuta número 2026-E-RC-314 do Rexistro do Concello de Montederramo), presentada por Javier González Saa, coa que achega un escrito asinado por 4 veciños da localidade da Vila Pequena no que, na súa condición de representantes da comunidade de montes homónima, solicitan que «(…) por parte da consellería se leven a cabo as actuacións necesarias para revisar ou corrixir a cartografía oicial do MVMC Campo do Río dos veciños da Vila Pequena».
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 21.4.2026 en relación coa citada solicitude. O dito informe sinala que a solicitude presentada pódese entender perfectamente como de revisión de esbozo, na cal, dada a reducida extensión do monte en cuestión, se identifica perfectamente o perímetro que se vai revisar co de dúas pequenas parcelas catastrais, números 5 e 344, do polígono 71.
A superficie do MVMC Campo do Río, unha vez revisado o esbozo, sería de 0,98 ha, fronte á hectárea do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 2,0 %.
Non obstante, no citado informe faise constar que a comunidade de montes carece de xunta reitora, censo e estatutos, sen que conste que chegara a constituírse en momento ningún, situación esta que parece xustificada en virtude da absoluta falta de dimensión e de viabilidade produtiva aducida polas persoas solicitantes.
Consideración legal e técnica:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece na súa disposición transitoria décimo terceira o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común:
«1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión (...), axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
2. Para estes efectos, o xurado provincial de montes veciñais en man común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. (...).»
De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 21.4.2026, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22.6.2026:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Campo do Río, pertencente á CMVMC da Vila Pequena, no concello de Montederramo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 27 de agosto de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
ANEXO
