O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados; e o Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004 (en diante, Regulamento FEMPA), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2021-2027.
O Regulamento FEMPA establece as medidas financeiras da Unión Europea para a aplicación da política pesqueira común (PPC), a política marítima da Unión Europea e os compromisos internacionais da Unión Europea no ámbito da gobernanza dos océanos. Este financiamento constitúe un instrumento fundamental para a pesca sustentable e a conservación dos recursos biolóxicos mariños, para a seguridade alimentaria, mediante a subministración de peixe e marisco, para o crecemento dunha economía azul sustentable e para uns mares e océanos sans, protexidos, seguros, limpos e xestionados de maneira sustentable.
Para iso, establece unha serie de prioridades co obxecto de contribuír á aplicación da PPC e da política marítima da Unión Europea. Concretamente, recolle como prioridade 2 «Fomentar as actividades sustentables de acuicultura, así como a transformación e comercialización de produtos da pesca e a acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión».
No programa operativo para España para o período 2021-2027, aprobado pola Decisión de execución da Comisión CCI2021ES14MFPR001, do 29 de novembro de 2022, inclúese, no marco do obxectivo específico «2.1. Promover as actividades acuícolas sustentables, especialmente reforzando a competitividade da produción acuícola, garantindo ao mesmo tempo que as actividades sexan ambientalmente sustentables a longo prazo», a actividade «2.1.6. Medidas de sanidade e benestar dos animais».
No marco da saúde pública, o FEMPA poderá conceder axudas para compensar os operadores acuícolas de moluscos e outros invertebrados mariños vivos pola suspensión das actividades de colleita cando esta contaminación se deba á proliferación de plancto que produza toxinas, ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas.
Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2026, coa finalidade de apoiar o sector acuícola.
Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta ode, con código de procedemento PE205K, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2026, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a compensarlles aos acuicultores as perdas do ano 2025, pola suspensión temporal das actividades de colleita de moluscos cultivados, cando a dita suspensión se deba exclusivamente a motivos de saúde pública.
A suspensión debeu ter lugar como consecuencia da contaminación dos moluscos por proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que contiña biotoxinas, e sempre que a contaminación tivese unha duración superior a catro (4) meses consecutivos.
Segundo o informe emitido o 21 de xullo de 2026 polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) da Consellería do Mar, os polígonos que tiveron no ano 2025 un número de días de prohibición de actividade superior a catro (4) meses continuados, motivado pola presenza de biotoxinas, son:
Bueu A: pechado desde o 1.8.2025 ata o 31.12.2025.
Bueu B: pechado desde o 22.8.2025 ata o 31.12.2025.
Cangas A: pechado desde o 21.8.2025 ata o 31.12.2025.
Cangas B: pechado desde o 21.8.2025 ata o 31.12.2025.
Artigo 2. Marco normativo
Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:
– Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.
– Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.
– Programa FEMPA para España, aprobado pola Decisión da Comisión (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.
– Regulamento (UE, Euratom) 2024/2509 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de setembro de 2024, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.
– Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.
– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Calquera outra norma da Unión Europea, normativa nacional ou autonómica vixente que poida resultar de aplicación.
Artigo 3. Crédito orzamentario
1. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2021-2027) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2029, segundo dispón o artigo 63, número 2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.
2. O importe fixado nesta convocatoria, así como a aplicacións as que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMPA nun 70 % e do Estado membro (Comunidade Autónoma de Galicia) nun 30 %.
5. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire, dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2026. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán á seguinte contía:
|
Aplicación orzamentaria |
Proxecto |
Ano 2026 |
|
16.02.723A.770.1 |
2024 00152 |
2.700.000,00 € |
Artigo 4. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas titulares de establecementos de acuicultura, que visen suspendida a súa colleita de moluscos cultivados, por motivos de saúde pública, no ano 2025, como consecuencia da contaminación dos moluscos motivada pola proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que conteña biotoxinas.
As persoas beneficiarias deben ser titulares de establecementos de acuicultura localizados nos polígonos indicados no artigo 1 desta orde, durante un período de máis de catro meses consecutivos, comprendidos dentro dos intervalos de datas fixados no citado artigo.
Para os efectos desta orde, considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:
a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
b) Non concorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Non encontrarse nalgún dos supostos establecidos no número 1, letras a), b) e c), e no número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021:
– Ter cometido infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) 1224/2009, ou conforme a outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo no marco da PPC.
– Estar ou ter estado, nos últimos 24 meses, involucrada na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada), ou na explotación, xestión ou propiedade de buques que estean ou estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
– Ter cometido algún dos delitos ambientais establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva (UE) nº 2024/1203 do Parlamento Europeo e do Consello. Con carácter xeral, serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos recollidos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos recollidos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.
– No marco do FEMP ou FEMPA, ter sido declarada culpable de cometer fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.
d) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.
e) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
g) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberán acreditar e cumprir, nos termos dispostos neste punto, os prazos de pagamento que se establecen na citada lei para obter a condición de persoa beneficiaria. Calquera financiamento que permita o cobramento anticipado da empresa provedora se considerará válido para os efectos do cumprimento deste punto, coa condición de que o seu custo sexa por conta do cliente e se faga sen posibilidade de recurso ao provedor, no caso de impagamento.
A acreditación do nivel de cumprimento establecido realizarase polos seguintes medios de proba:
a) As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante declaración subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos na letra b) seguinte e con suxeición á súa regulación.
b) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:
1º. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos, descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.
Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.
2º. No caso de que non sexa posible emitir o certificado co cal se refire o número anterior, presentarase «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou, no caso de que se detecten, estas non impidan alcadar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.
Os informes de procedementos acordados ou as certificacións deberán realizarse segundo o establecido no artigo 215 do Real decreto lei 5/2023, do 28 de xuño, polo que se modifica o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Para os efectos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.
h) No caso de que as persoas titulares do establecemento de acuicultura sexan unha pluralidade de persoas, incluídos os matrimonios casados en réxime de gananciais, poderán ser persoas beneficiarias cada unha delas na porcentaxe declarada no anexo correspondente (anexo II. Pluralidade de persoas solicitantes). Aquelas persoas que declaren un 0 % de participación no anexo II deberán cumprir os requisitos sinalados nas letras a), b), c) e e).
As posibles persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura, tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e os demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.
Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:
a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano da data contable do último pagamento ás persoas beneficiarias, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.
c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable apropiado en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.
d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.
e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.
f) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, nos termos regulamentariamente establecidos.
g) Non incorrer, durante o período comprendido entre a presentación da solicitude da axuda e os cinco anos seguintes á data do seu pagamento final, nalgunha das situacións ás que fai referencia o artigo 11.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo.
Se calquera das situacións ás cales se fai referencia no número 1 do artigo 11 do Regulamento FEMPA se produce durante o período comprendido entre a presentación da solicitude de axuda e os cinco anos seguintes á data do pagamento final, a/as persoa/s beneficiaria/s deberán reintegrar total ou parcialmente o importe da axuda, de conformidade co establecido no artigo 44 do dito regulamento e no artigo 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
h) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e a igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.
Artigo 7. Intensidade da axuda
1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.
2. O importe da axuda será, como máximo, o 50 % das perdas que se producisen nas vendas realizadas, sempre e cando o importe da axuda correspondente sexa superior a 1.500,00 € por persoa beneficiaria e cun límite máximo de 100.000,00 €.
Para calcular o dito importe, teranse en conta as vendas do ano 2025 en comparación cos anos 2022, 2023 e 2024.
3. Os importes das vendas realizadas obteranse do Servizo de Análise e Rexistros da Consellería do Mar.
4. Será subvencionable o gasto derivado da elaboración da certificación ou «Informe de procedementos acordados» dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, nas cales non sexa posible presentar conta de perdas e ganancias abreviada, ata un máximo de 1.500,00 € por persoa beneficiaria.
5. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 8. Compatibilidade das axudas
Os gastos cofinanciados por esta orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 41 do Regulamento FEMPA.
Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se vaia conceder.
Artigo 9. Prazo de presentación da solicitude
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
No caso de solicitudes presentadas por pluralidade de persoas, todos os establecementos incluídos no anexo I deben ser titularidade das mesmas persoas. No caso de producirse variacións de persoas titulares, procederá a presentación dunha nova solicitude.
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
Anexo II. Pluralidade de persoas, de ser o caso.
Anexo III. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, de ser o caso.
2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:
2.1. Persoas xurídicas:
a) Certificación rexistral dos estatutos sociais e da constitución, así como dos representantes legais e apoderados da persoa xurídica, emitida con posterioridade á data de publicación desta orde.
b) Copia do poder de representación do representante legal da entidade solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.
c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, obtido a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA.
d) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva (UE) nº 2024/1203, obtido a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.
2.2. Pluralidade de persoas:
Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas, as actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen no anexo II e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo. A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar exclusivamente a nome de todas as persoas solicitantes que indiquen no anexo II unha porcentaxe de participación superior ao 0 %.
2.3. Todas as persoas solicitantes:
a) Seguro de responsabilidade do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.
b) Certificación bancaria acreditativa de que a titularidade da conta corrente sinalada no anexo I corresponde unicamente á persoa solicitante ou, no caso de pluralidade, exclusivamente a todas as persoas solicitantes que indiquen no anexo II unha porcentaxe de participación superior ao 0 %.
c) Para subvencións de importe superior a 30.000,00 €, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 5.g) desta orde, presentarán:
1) Persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:
– Declaración responsable (anexo I), na cal afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.
2) Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:
– Certificación ou «Informe de procedementos acordados», emitida/o por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
d) Factura da certificación ou do «Informe de procedementos acordados» do auditor mencionado no punto anterior. Se o gasto unitario da factura supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
e) Certificación bancaria acreditativa do pagamento correspondente á mencionada factura. O certificado bancario indicará a factura que soporta. O pagamento terase que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.
O pagamento debe estar realizado desde unha conta bancaria da cal sexa titular ou titulares exclusivamente a persoa ou persoas beneficiarias.
No caso de que as persoas beneficiarias sexan unha pluralidade de persoas, o pagamento debe estar realizado a nome de cada unha das persoas beneficiarias e pola porcentaxe de axuda solicitada segundo o indicado no anexo II.
3. No caso de que o establecemento de acuicultura sexa titularidade dun matrimonio casado en réxime de gananciais, deberá presentarse a documentación correspondente á pluralidade de persoas.
4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
8. Para os efectos de presentación da solicitude, as persoas interesadas poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III desta orde.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE de cada persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.
d) DNI/NIE da persoa representante autorizada para os efectos da presentación da solicitude.
e) NIF da entidade representante autorizada para os efectos da presentación da solicitude.
f) Consulta de estar ao día, cada persoa solicitante, no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Consulta de estar ao día, cada persoa solicitante, no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
h) Consulta de estar ao día, cada persoa solicitante, no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
i) Consulta de estar ao día de pagamento, cada persoa solicitante, das obrigas por reintegro de subvencións, emitida pola Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga).
j) Informe sobre sancións graves das persoas solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMPA, de conformidade co artigo 11.1.a) do Regulamento FEMPA, emitido polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar, con respecto a cada persoa solicitante.
k) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, con respecto a cada persoa solicitante.
l) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, con respecto a cada persoa solicitante.
m) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas, consulta de inexistencia de antecedentes penais, obtida a través da plataforma de interoperabilidade do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á persoa interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
n) Consulta de non ter sido declarada culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA, obtida a través da plataforma de interoperabilidade da Base de datos nacional de subvencións, con respecto a cada persoa solicitante.
ñ) Consulta de non estar nin ter estado, cada persoa solicitante, nos últimos 24 meses, involucrada na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, ou na explotación, xestión ou propiedade de buques que estean ou estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, obtida do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
o) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas, consulta de non ter cometido ningún dos delitos sinalados nos artigos 3 e 4 da Directiva (UE) nº 2024/1203, obtida a través da plataforma de interoperabilidade do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de delitos, solicitaráselle á persoa interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.
p) Consulta de non ter cometido ningún dos delitos sinalados nos artigos 3 e 4 da Directiva (UE) nº 2024/1203, obtida a través da plataforma de interoperabilidade da Base de datos nacional de subvencións, con respecto a cada persoa solicitante.
q) Consulta de resolucións de concesión doutras axudas para a mesma finalidade, concedidas pola Xunta de Galicia, de ser o caso, e con respecto a cada persoa solicitante.
r) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas, con respecto a cada persoa solicitante.
s) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas, con respecto a cada persoa solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo II ou anexo III) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude se efectuarán electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Tramitación das solicitudes
1. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.
2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.
Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias ao Estado, á Comunidade Autónoma e á Seguridade Social.
A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
3. Sen prexuízo do sinalado no punto anterior, poderá requirírselle á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda incluíndo novos establecementos de acuicultura.
5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.
6. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos dos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.
7. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura emitirá un informe das solicitudes que reúnen todos os requisitos e a documentación necesaria, á vista do cal a Comisión de Selección analizará e clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases.
8. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.
9. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada as persoas solicitantes propostas para obteren a subvención, os expedientes seleccionados e o importe da subvención para cada un deles.
10. O/a presidente/a da Comisión de Selección elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.
Artigo 15. Comisión
1. Os expedientes serán seleccionados pola Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. A selección realizarase tendo en conta os informes específicos que consten na tramitación dos expedientes.
2. A Comisión de Selección estará formada polos seguintes membros:
a) Presidente/a: subdirector/a xeral de Acuicultura.
b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo/a presidente/a. O/a xefe/a do Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura actuará como secretario/a.
3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o/a presidente/a. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.
4. As reunións da Comisión de Selección poderán realizarse tanto de forma presencial como a distancia, nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.
5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.
6. A Comisión de Selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos na materia.
7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, agás no caso de que a suma dos importes das axudas dos expedientes propostos non supere o crédito existente para estas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.
Artigo 16. Criterios de selección
Dado que o obxecto e a finalidade da subvención é o establecemento das bases reguladoras de axudas para compensar os acuicultores pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados, suspensión derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto produtor de toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas, non é necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas.
A Comisión seleccionará as solicitudes segundo a forma de cálculo establecida no artigo 7 desta orde e obterá o importe da axuda correspondente a cada empresa solicitante.
No caso de que o importe fixado nesta convocatoria resulte insuficiente para atender as solicitudes presentadas na súa intensidade máxima, procederase á realización dun rateo do importe global máximo destinado a esta axuda entre todas as persoas solicitantes.
Artigo 17. Resolución e aceptación
1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.
2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro meses, contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia, que, en todo caso, recaerá dentro do exercicio orzamentario 2026. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Unha vez notificada a dita resolución, a persoa interesada terá un prazo de dez días hábiles, a partir do seguinte ao da súa notificación, para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.
4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do FEMPA.
Artigo 18. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 19. Recursos
1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.
2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 17, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.
Artigo 20. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, de ser o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de persoa solicitante ou beneficiaria das axudas.
4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, a súa denegación será ditada polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas diferentes dos aducidos pola persoa interesada.
Artigo 21. Pagamento
1. O pagamento das axudas concedidas realizarase de oficio, unha vez resolta esta convocatoria e notificadas as resolucións de concesión, polo que a solicitude de pagamento se entenderá implícita na solicitude da subvención.
2. Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
Artigo 22. Incumprimento e reintegro das axudas
1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.
2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do seu regulamento.
3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2023/C 107/01), a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.
4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se, como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 23. Infraccións e sancións
Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da dita lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 25. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf
Artigo 26. Publicidade
1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e dos seus datos na lista de operacións previstas no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira
Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.
Disposición adicional segunda
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
