BDNS (Identif.): 930503.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/930503
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas titulares de establecementos de acuicultura que visen suspendida a súa colleita de moluscos cultivados, por motivos de saúde pública, no ano 2025, como consecuencia da contaminación dos moluscos motivada pola proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que conteña biotoxinas.
As persoas beneficiarias deben ser titulares de establecementos de acuicultura localizados nos polígonos indicados no artigo 1 desta orde, durante un período de máis de catro meses consecutivos, comprendidos dentro dos intervalos de datas fixados no citado artigo.
Para os efectos desta orde, considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Finalidade
Esta orde, con código de procedemento PE205K, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2026, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a compensarlles aos acuicultores as perdas do ano 2025, pola suspensión temporal das actividades de colleita de moluscos cultivados, cando a dita suspensión se deba exclusivamente a motivos de saúde pública.
A suspensión debeu ter lugar como consecuencia da contaminación dos moluscos por proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que conteña biotoxinas, e sempre que a contaminación tivese unha duración superior a catro (4) meses consecutivos.
Segundo o informe emitido o 21 de xullo de 2026 polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) da Consellería do Mar, os polígonos que tiveron no ano 2025 un número de días de prohibición de actividade superior a catro (4) meses continuados, motivado pola presenza de biotoxinas, son:
Bueu A: pechado desde o 1.8.2025 ata o 31.12.2025.
Bueu B: pechado desde o 22.8.2025 ata o 31.12.2025.
Cangas A: pechado desde o 21.8.2025 ata o 31.12.2025.
Cangas B: pechado desde o 21.8.2025 ata o 31.12.2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 11 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, de carácter compensatorio aos acuicultores pola suspensión das actividades de colleita de moluscos cultivados durante o ano 2025, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PE205K).
Cuarto. Importe
As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire, dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2026. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán á seguinte contía:
|
Aplicación orzamentaria |
Proxecto |
Ano 2026 |
|
16.02.723A.770.1 |
2024 00152 |
2.700.000,00 € |
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
