A Orde do 23 de decembro de 2025, pola que se establecen as bases e se regula o procedemento tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se convocan para o ano 2026 (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro), establece no seu artigo 4 o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro desta lles poderán ser concedidas aos seus solicitantes.
Unha vez revisados os expedientes presentados ao amparo da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que fai imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas que cumpren cos requisitos para ser beneficiarios.
O artigo 4-3º da Orde do 23 de decembro de 2025, autoriza esta ampliación cando di que o importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, se poderán ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos establecidos no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da citada Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas
DISPOÑO:
Artigo único
Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2025 (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro) para o exercicio orzamentario 2026, na cantidade de 5.000.000,00 €, con cargo á aplicación 16.02.723B.770.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, distribuídos nas seguintes anualidades:
Anualidade 2026: 2.500.000,00 €.
Anualidade 2027: 2.500.000,00 €.
Con esta ampliación o crédito orzamentario total desta convocatoria ascende a 19.000.000,00 €.
Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira única
A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
