De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.
A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.
Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura establecida no Decreto 42/2024, do 14 de abril).
A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, a aprobación e a modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo de cualificación de legalidade. Cando se trate de colexios profesionais únicos, a aprobación definitiva será competencia do Consello da Xunta, e o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio acordou, en asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 10 de maio de 2025, a modificación estatutaria que incluía o cambio da denominación.
En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1. Cambio de denominación
Aprobar o cambio de denominación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia, que pasa a denominarse Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia.
Artigo 2. Aprobación dos estatutos
Apróbanse, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do dito colexio, que figuran como anexo a este decreto.
Artigo 3. Publicación e inscrición
Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores
Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil vinte e seis
O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia
Exposición de motivos.
Pola Lei 1/2008, da Comunidade Autónoma de Galicia, do 17 de abril, aprobouse a creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia.
De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.
A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.
A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da dita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais no ámbito da Comunidade Autónoma galega realizarase por lei do Parlamento de Galicia.
Tendo en conta o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, a creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia.
Coa creación do Colexio de Detectives Privados e Privadas de Galicia garántese que o exercicio da profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren tanto a eficacia como a eventual responsabilidade no dito exercicio, quedando, polo tanto, garantida a última finalidade, que é a protección dos dereitos e dos intereses da cidadanía.
Polo Decreto 16/2010, do 11 de febreiro, aprobáronse pola Xunta de Galicia os estatutos do Ilustre Colexio de Detectives Privados de Galicia (DOG núm. 34), que foron declarados axustados á legalidade. Desde entón materializáronse diversas normas xurídicas que afectan tanto a regulación dos colexios profesionais, como é o caso do Real decreto lexislativo 3/2010, do 5 de outubro, para a adecuación de normas con rango de lei á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello relativa aos servizos no mercado interior, como tamén a propia normativa sobre exercicio da profesión de detective privado, suxeita á modificación realizada pola Lei 5/2014, do 4 de abril, de seguridade privada, que fan necesaria a modificación parcial dos estatutos vixentes ata a data; ademais das modificacións e das melloras requiridas por motivos de técnica normativa.
TÍTULO I
Do Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia
Artigo 1. Natureza xurídica
O Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia é unha corporación de dereito público que se constitúe ao abeiro do artigo 36 da Constitución española; da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, reguladora dos colexios profesionais, modificada pola Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberalizadoras en materia de solo e de colexios profesionais; da Lei 11/2001, do 18 de decembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; e da Lei 1/2008, do 17 de abril, de creación do Colexio Profesional de Detectives Privados e Privadas de Galicia, e réxese pola lexislación estatal e autonómica en materia de colexios profesionais e exercicio das profesións tituladas.
O Colexio de Detectives Privados de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
Artigo 2. Ámbito territorial e sede
1. O ámbito territorial do Colexio de Detectives Privados de Galicia é o da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O Colexio de Detectives Privados de Galicia terá a súa sede na cidade de Santiago de Compostela e o seu domicilio na rúa Montero Ríos, 39, baixo, 3.
3. Este domicilio poderá ser modificado por acordo da Asemblea Xeral, dentro do territorio de Galicia.
4. A creación de delegacións dentro do ámbito territorial é competencia da Asemblea Xeral.
Artigo 3. Ámbito persoal
Estes estatutos son de aplicación a todos aqueles que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 7 destes estatutos, exerzan a súa actividade de detective privado, incluíndo as formas societarias do dito exercicio, cuxo establecemento único ou principal radique na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a todos aqueles detectives que exerzan no seu ámbito territorial, tamén aos que exerzan ou residan noutras comunidades autónomas e se incorporen voluntariamente ao Colexio, e aos colexiados non exercentes, colexiados estudantes e membros de honra conforme o artigo 6 destes estatutos.
Artigo 4. Fins
O Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia ten como fins:
1. Ter, a través do seu decano, a representación dos intereses xerais da profesión ante terceiros e ante as administracións públicas de calquera ámbito en Galicia, así como defendelos en beneficio dos colexiados.
2. Coidar de que a actividade profesional ofreza á sociedade as garantías suficientes de calidade e competencia.
3. Ordenar e regulamentar o exercicio da profesión mediante a emisión de normas técnicas e éticas de actuación.
4. Coidar de que a profesión se ateña ás normas éticas e xurídicas que a regulan.
5. Exercer a función disciplinaria.
6. Combater o intrusismo profesional promovendo para iso cantas accións sexan necesarias.
7. Procurar que os seus membros gocen, en canto ao exercicio da profesión, das liberdades, garantías e consideracións que lles son debidas, así como cooperar cos colexiados no referente ao cumprimento dos deberes que lles impoñen as normas que regulan o exercicio da profesión.
8. Fomentar o desenvolvemento da profesión e o perfeccionamento da lexislación sobre as materias que lle son propias ou que lle afectan.
9. Colaborar coa Administración nas competencias que esta lle delegue e participar nos seus órganos consultivos.
10. Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, de previsión ou outros análogos que sexan de interese para os colexiados. A recepción deste tipo de actividades e servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.
11. Promover e desenvolver a formación profesional de cara ao perfeccionamento dos seus colexiados.
12. Colaborar con outras entidades e corporacións de ámbito estatal e estranxeiro e con organismos de carácter internacional no estudo das materias obxecto da profesión.
13. Intervir como conciliadores no seo do Colexio para dirimir cuestións entre partes, que se someterán á decisión, sempre que o soliciten as partes implicadas.
14. A protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias.
15. Calquera outro que lle sexa propio por razón da natureza do Colexio.
Artigo 5. Tratamento
O Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia terá o seu tratamento tradicional e, en todo caso, o de Ilustre, e o seu decano o de Ilustrísimo Señor.
Tanto o dito tratamento como a denominación honorífica de decano teranse con carácter vitalicio.
Artigo 5 bis. Portelo único
1. O Colexio implantará un sistema de portelo único para facilitar os trámites e os procedementos relativos ao libre acceso aos servizos e ao seu exercicio para que as persoas colexiadas poidan realizar por vía electrónica e a distancia todos os trámites necesarios e coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesadas. Do mesmo xeito, facilitará mediante o portelo único a información útil para a mellor defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias.
2. En todo caso, para a mellor defensa das persoas consumidoras e usuarias, o Colexio ofrecerá a seguinte información:
a) O acceso ao rexistro de colexiados, segundo o contido descrito na lei.
b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, co contido descrito na lei.
c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre a persoa consumidora ou usuaria e unha persoa colexiada ou o propio Colexio.
d) Os datos das asociacións ou as organizacións de persoas consumidoras e usuarias ás que as persoas destinatarias dos servizos profesionais poden dirixirse para obteren asistencia. Esta información poderá facilitarse a través dunha ligazón á páxina web correspondente.
e) O contido do código deontolóxico do Colexio e do Consello Xeral dos Colexios de Detectives Privados de España.
TÍTULO II
Dos colexiados
CAPÍTULO I
Dos colexiados e do seu ingreso no Colexio
Artigo 6. Clases de colexiados
As persoas que formen o Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia poden ser membros exercentes, membros non exercentes, membros de honra e colexiados estudantes.
Son membros exercentes as persoas naturais que reúnan todas as condicións exixidas e obtivesen a incorporación ao Colexio e exerzan a profesión de detective privado.
Son membros non exercentes as persoas naturais que reúnan os requisitos previstos para a súa habilitación como detective privado ou privada, obtivesen a súa habilitación, pero non exerzan as funcións propias dos detectives privados.
Serán membros colexiados estudantes as persoas naturais que estean a cursar os estudos necesarios para poder obter a habilitación de detective privado ou privada.
Serán membros de honra aquelas persoas naturais ou xurídicas que reciban algunha homenaxe ou nomeamento, que, a xuízo da Asemblea Xeral de Colexiados e por proposta da Xunta de Goberno, merezan esta distinción.
Todo iso sen prexuízo da posibilidade do exercicio da profesión en calquera das modalidades de exercicio en forma societaria admitidas en dereito.
Artigo 7. Incorporación ao Colexio
Os membros do Colexio poden selo en calidade de exercentes e non exercentes.
Para ingresar no Colexio en calidade de exercente, son necesarios os requisitos seguintes:
1. Ter a nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea ou dun Estado terceiro ao cal a Unión Europea aplique, de forma recíproca e efectiva, o principio da liberdade de circulación de profesionais, tanto polo que atinxe ao establecemento como á prestación ocasional de servizos, agás os casos de dispensa legal.
2. Estar en posesión da correspondente habilitación do ministerio competente en materia de interior, segundo o disposto no artigo 27.1 da Lei 5/2014, de seguridade privada, e nos artigos 52.3 e 54.5 do Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade privada, desenvolvido pola Orde do 7 de xullo de 1995, do Ministerio de Xustiza e Interior.
3. Estar dado de alta como detective autónomo, asociado ou dependente na Seguridade Social, incluída calquera das modalidades de exercicio en forma societaria admitidas en dereito.
4. Satisfacer a cota de ingreso, se é o caso. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.
5. Presentar a correspondente solicitude.
Para ingresar no Colexio en calidade de non exercente, é necesario cumprir os requisitos 1, 4 e 5 do punto anterior, e cumprir os requisitos para a concesión da habilitación establecida no punto 2, aínda sen estar en posesión dela.
Tamén poderán existir colexiados estudantes e membros de honra de conformidade co artigo 6 destes estatutos, logo de solicitude acreditando os estudos ou por acordo da Asemblea Xeral, respectivamente.
Artigo 8. Perda da condición de colexiado
A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:
1. Falecemento.
2. Incapacidade legal.
3. Separación ou expulsión como consecuencia do cumprimento dunha sanción disciplinaria que a comporte.
4. Perda da habilitación establecida no punto 2 do artigo 7 destes estatutos.
5. Por solicitude de baixa voluntaria, no caso dos colexiados non exercentes.
6. Baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas.
Neste último caso, será precisa a tramitación dun expediente sumario, logo de requirimento por escrito á persoa afectada para que nun prazo establecido regularice a súa situación.
En calquera momento poderase rehabilitar a colexiación, logo do aboamento dos descubertos pendentes e da cota de reingreso, no caso de que estivese prevista.
A perda da condición de colexiado non libera do cumprimento das obrigas vencidas. Estas obrigas poderanse exixir ás persoas interesadas ou aos seus herdeiros.
Artigo 9. Obrigatoriedade da colexiación
A incorporación ao Colexio é obrigatoria para o exercicio da profesión de detective privado en calquera das súas formas, en calidade de exercente, sexa como titular individual autónomo, como asociado ou baixo o réxime de dependencia por conta allea, ou en calidade de non exercente.
Será requisito para exercer a profesión de detective privado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ao Colexio Oficial de Detectives Privados de Galicia, cando o establecemento único ou principal en que se exerza a dita profesión radique nesta comunidade autónoma.
Soamente os profesionais colexiados exercentes poden utilizar a denominación de «detective privado». Os colexiados non exercentes denominaranse «detective privado non exercente». Noutro caso deberán limitarse á titulación académica que corresponda.
CAPÍTULO II
Dereitos e obrigas dos colexiados
Artigo 10. Dereitos dos colexiados
1. Son dereitos dos colexiados exercentes:
a) O apoio e a defensa polo Colexio ante todo tipo de persoas e entidades públicas e particulares en relación co seu exercicio profesional.
b) Exercer as funcións propias do detective privado consonte o seu estatuto profesional, sexa individualmente ou asociado con outros profesionais.
c) Elixir e ser elixidos para ocupar cargos na Xunta de Goberno e calquera órgano electivo que corresponda no seo do Colexio, así como participar na adopción de acordos da Asemblea Xeral.
d) Utilizar os servizos colexiais consonte as condicións establecidas para estes.
e) Comisionar ao Colexio, na forma que este estableza, os servizos de asesoramento xurídico para o cobramento de soldos, as remuneracións ou as minutas profesionais. A actuación do Colexio nunca irá dirixida á fixación ou á orientación de prezos, evitando incorrer en comportamentos anticompetitivos no exercicio desta función. O importe que se deberá aboar polo servizo de cobramento colexial de honorarios deberá axustarse ao custo que lle supoña ao Colexio o dito trámite, que debe ser equilibrado e proporcional ao servizo prestado e non pode calcularse en función do importe facturado á clientela, nin incluír custos alleos á prestación específica de que se trate.
f) Coñecer a marcha do Colexio a través de follas informativas, boletíns, publicacións, anuarios ou outros envíos, así como nas asembleas regulamentarias.
g) Utilizar a denominación de «detective privado» e cantas prerrogativas estean recoñecidas aos detectives privados no seu exercicio profesional, así como dispoñer do certificado colexial para a emisión de todo tipo de informes e do carné colexial que o acredita como detective privado colexiado ante as autoridades e a cidadanía.
h) Cantos outros dereitos se deriven por conexión necesaria dos anteriores ou sexan establecidos polo correspondente acordo colexial, ou ben resulten destes estatutos e do regulamento de réxime interno.
2. Os colexiados non exercentes, os estudantes e os membros de honra terán dereito:
a) A gozar de todos os servizos que provexa o Colexio aos seus membros.
b) A participar con voz, pero sen voto, nas asembleas ordinarias e extraordinarias.
c) A participar en cursos, conferencias, congresos e outras actividades que realice o Colexio.
3. Os membros colexiados estudantes rexeranse, no que lles afecte, polas normas que estableza o regulamento de réxime interno.
Os colexiados non exercentes, colexiados estudantes e membros de honra non terán dereito ao carné colexial nin ao uso dos certificados colexiais para os informes.
Artigo 11. Deberes dos colexiados
Son deberes dos colexiados:
a) Exercer a profesión, sexa de forma individual, colectiva ou en asociación con outros profesionais, consonte as normas deontolóxicas e estatutarias establecidas.
b) Defender os intereses confiados polas persoas usuarias dos servizos profesionais do detective privado.
c) Cumprir o disposto nestes estatutos e acatar as resolucións da Asemblea, da Xunta de Goberno ou da Presidencia, con reserva dos recursos pertinentes.
d) Comparecer ante a Xunta de Goberno ou a Presidencia cando sexan convocados.
e) Comunicar á Xunta de Goberno, no prazo de trinta días, os cambios de domicilio profesional, así como de enderezo de correo electrónico.
f) Aboar, dentro do prazo regulamentario, as cotas e as taxas que procedan.
g) Actualizar os seus coñecementos e as súas técnicas de traballo, e asegurar o adecuado nivel de calidade nos traballos realizados.
h) Gardar o debido respecto e consideración a todos os compañeiros.
i) Utilizar o certificado colexial para a emisión de calquera tipo de informe profesional en toda clase de soporte.
TÍTULO III
Dos órganos de goberno do Colexio
Artigo 12. Órganos de representación
Os órganos do Colexio de Detectives Privados de Galicia son: a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno.
CAPÍTULO I
Da Asemblea Xeral
Artigo 13. A Asemblea Xeral
A Asemblea Xeral é o órgano supremo do Colexio. Estará constituída por todos os colexiados e adoptará os seus acordos por maioría e en concordancia con estes estatutos. A Asemblea poderá reunirse en sesións de carácter ordinario e extraordinario. As persoas asistentes poderán participar nas reunións tanto ordinarias como extraordinarias de forma presencial ou polos medios telemáticos que os organizadores poidan implantar e que aseguren a identidade e os dereitos das persoas participantes.
A Asemblea Xeral, sexa ordinaria ou extraordinaria, convocarase cunha antelación mínima de vinte días respecto da data da súa celebración, mediante comunicación escrita a todos os colexiados; a convocatoria incluirá o lugar, a data e a hora da reunión, así como a orde do día. Durante o citado prazo quedarán á disposición dos colexiados, na Secretaría do Colexio e durante as horas de oficina, os expedientes e as propostas que serán sometidos para o seu debate na Asemblea convocada.
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando á hora fixada estean presentes polo menos o 25 % dos colexiados. No caso de non acadar o dito límite, a segunda convocatoria quedará fixada media hora máis tarde da primeira convocatoria, quedando validamente constituída calquera que sexa o número de colexiados asistentes.
Os acordos tomaranse por maioría simple entre os votos emitidos. Porén, os acordos exixirán unha maioría de dous terzos dos votos emitidos cando se trate da aprobación ou da modificación dos estatutos.
Artigo 14. Reunións ordinarias
A Asemblea Xeral reunirase ordinariamente dúas veces ao ano: a primeira dentro do primeiro trimestre do ano para a rendición de contas e o informe de xestión da Xunta de Goberno do exercicio precedente; e a segunda, no último trimestre do ano, para a aprobación dos orzamentos do exercicio seguinte.
A Asemblea reunirase ordinariamente cada catro anos, no último trimestre do ano, para celebrar eleccións para a renovación dos cargos da Xunta de Goberno. Esta Asemblea convocarase exclusivamente para esta finalidade, polo que a súa orde do día non poderá conter outros puntos.
Artigo 15. Primeira Asemblea Xeral ordinaria
A primeira Asemblea ordinaria a que se refire o artigo anterior deliberará e tomará acordos en relación coa seguinte orde do día:
1. Resumo por parte do decano dos acontecementos máis importantes ocorridos durante o ano anterior que tivesen relación co Colexio.
2. Lectura, discusión e votación da conta xeral de ingresos e gastos do ano anterior.
3. Lectura, debate e votación das propostas que se consignen na convocatoria.
4. Rogos, propostas e preguntas.
Artigo 16. Segunda Asemblea Xeral ordinaria
A segunda Asemblea ordinaria deliberará e tomará acordos en relación coa seguinte orde do día:
1. Lectura e aprobación do orzamento para o ano próximo presentado pola Xunta de Goberno.
2. Rogos, propostas e preguntas.
Artigo 17. Reunións extraordinarias
A Asemblea Xeral extraordinaria reunirase por iniciativa do decano, da Xunta de Goberno ou cando o solicite un número de colexiados exercentes superior ao 25 %; neste último caso, deberá especificar no escrito de solicitude a orde do día dela. Corresponde á Asemblea Xeral extraordinaria:
1. A aprobación ou a modificación dos estatutos colexiais.
2. A autorización á Xunta de Goberno para a venda ou o gravame de inmobles colexiais.
3. A censura da xestión da Xunta de Goberno ou dos seus membros.
4. Promover a disolución do Colexio, ou o cambio da súa denominación, de acordo co establecido nos estatutos.
5. Calquera outra materia que non sexa de competencia específica da Asemblea ordinaria.
Artigo 18. Presidencia e desenvolvemento das asembleas
O decano dirixirá os debates e concederá e limitará as palabras e as quendas. As asembleas convocadas conforme o establecido nestes estatutos constituiranse validamente, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes. Nos debates concederanse tres quendas a favor e outras tantas en contra dunha posición ou asunto e, unha vez esgotadas aquelas, someterase a votación.
Se a importancia ou a gravidade do asunto o exixise, por iniciativa do decano, poderase acordar a ampliación do número de intervencións e a concesión de palabras para rectificacións ou alusións, que deberán limitarse ao punto concreto que as motivase.
Artigo 19. Proceso de adopción de acordos
As asembleas tomarán acordos por maioría de votos das persoas asistentes, agás o disposto nestes estatutos para determinadas materias. A cada colexiado exercente correspóndelle un voto, que deberá emitir persoalmente. A votación pode ser ordinaria, nominal ou secreta. Deberá ser nominal ou secreta se o solicita un 10 % das persoas asistentes. Se sobre un mesmo punto do debate se solicitase ao mesmo tempo unha votación nominal e secreta, prevalecerá esta última.
Entenderanse adoptados os acordos por asentimento, se, consultada a Asemblea, non houbese oposición por parte de ningunha persoa asistente. Non poderán adoptarse acordos sobre cuestións que non constasen previamente na orde do día.
Artigo 20. Validez dos acordos
Os acordos son obrigatorios para todos os colexiados. Porén, se a Xunta de Goberno estimase que algún acordo da Asemblea fose contrario á lei ou a estes estatutos, poderá suspender a execución e interpoñer o correspondente recurso administrativo.
Artigo 21. O voto de censura
O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros será competencia da Asemblea Xeral extraordinaria convocada para ese único efecto.
A solicitude desta convocatoria de Asemblea Xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo do trinta por cento dos colexiados exercentes, incorporados polo menos con dous meses de antelación, e expresará con claridade as razóns en que se funde.
A Asemblea Xeral extraordinaria celebrarase dentro dos trinta días hábiles contados desde que se presentase a solicitude, e non poderán tratarse nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.
A válida constitución da dita Asemblea Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto, e o voto deberá ser expresado necesariamente de forma secreta, directa e persoal. A moción de censura quedará aprobada por voto favorable da metade máis un das persoas asistentes, que, pola súa vez, representen a metade máis un do total de votos presentes.
Artigo 22. Ratificación da xestión corporativa
Por decisión da Xunta de Goberno, ou por solicitude do trinta por cento dos colexiados, será sometida a votación da Asemblea Xeral extraordinaria a confianza dos colexiados na xestión da Xunta de Goberno. O voto afectará sempre a totalidade da Xunta.
A denegación de confianza na xestión da Xunta requirirá ser aprobada pola metade máis un das persoas asistentes, que, pola súa vez, representen a metade máis un do total de votos presentes, e levará consigo a apertura do proceso electoral, continuando en funcións a Xunta anterior, agás as competencias atribuídas á Xunta Electoral, ata a toma de posesión dos que resulten elixidos.
CAPÍTULO II
Da Xunta de Goberno
Sección 1ª. Composición
Artigo 23. Composición
A Xunta de Goberno, como órgano reitor do Colexio, componse dun decano, un vicedecano, un secretario, un tesoureiro e tres vogais. Os vogais estarán numerados para efectos de substitución.
Artigo 24. Provisión dos cargos
Os cargos da Xunta de Goberno proveranse por elección directa, na cal participarán todos os colexiados, segundo o procedemento que se establece no título IV destes estatutos.
Artigo 25. Mandato e reelección dos cargos
O mandato dos membros da Xunta de Goberno será de catro anos. Os membros da Xunta de Goberno poden ser reelixidos indefinidamente.
Artigo 26. Vacantes da Xunta de Goberno
As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán provistas ata a expiración do seu mandato en virtude do correspondente acordo da mesma Xunta de Goberno. A designación de quen substitúa o decano, vicedecano, secretario ou tesoureiro deberá recaer en quen previamente fose membro da Xunta. Os demais membros serán substituídos por un colexiado que conte cunha antigüidade mínima de seis meses no Colexio.
Artigo 27. Vacantes superiores á metade dos cargos
Se quedasen vacantes a metade máis un dos cargos da Xunta de Goberno e non se cumprisen os dous primeiros anos do seu mandato, esta convocará eleccións a través dunha Asemblea extraordinaria para a provisión dos citados cargos nun prazo de trinta días naturais. Os colexiados elixidos nesta ocasión desempeñarán o mandato daqueles a quen substitúan.
Se por calquera causa quedasen vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno e, en consecuencia, non puidesen convocarse eleccións para cubrilos, constituirase unha Xunta Electoral, formada polos tres colexiados de maior antigüidade e os dous de menor, cuxo obxectivo será convocar eleccións mediante Asemblea extraordinaria no mesmo prazo citado no parágrafo anterior. As eleccións deberán celebrarse dentro dos corenta e cinco días seguintes ao da convocatoria.
Para o suposto de que no prazo de 30 días naturais desde que se produce a vacante ou vacantes non fose posible cubrir o dito posto pola Xunta de Goberno por calquera causa, procederase á convocatoria de eleccións para o posto ou postos vacantes.
Artigo 28. Substitución dos membros da Xunta de Goberno
O vicedecano substituirá o decano. Os vogais da Xunta de Goberno substituirán por orde de categoría o vicedecano en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.
Cando, por calquera motivo, quedasen vacantes definitiva ou temporalmente os cargos de secretario ou tesoureiro, serán substituídos polos vogais en orde inversa á súa categoría.
Sección 2ª. Competencias e réxime de funcionamento
Artigo 29. Competencias
Corresponde á Xunta de Goberno a dirección e a organización do Colexio para a consecución dos seus fins, e a este respecto, exercerá cantas facultades non se atopen expresamente atribuídas á Asemblea Xeral.
En especial correspóndelle:
En relación cos colexiados:
1. Resolver as solicitudes de incorporación ao Colexio.
2. Velar pola necesaria independencia no exercicio profesional dos detectives privados.
3. Establecer as normas que deben observar os colexiados no exercicio da profesión, nas materias a que se refire o artigo 56 destes estatutos, en tanto non se dite unha norma regulamentaria de réxime interno, ou ben, unha vez ditada, en aplicación e desenvolvemento dela, e interpretar con carácter xeral estes estatutos e demais normas colexiais.
4. Exixir aos colexiados que se comporten coa debida corrección e que actúen con celo e competencia profesional.
5. Combater o intrusismo e denunciar as incompatibilidades.
6. Establecer e recadar as cotas colexiais e outras cargas que deban satisfacer os colexiados.
7. Establecer e fixar o importe dos dereitos de incorporación ao Colexio.
8. Exercer as facultades disciplinarias.
9. Facilitar aos tribunais ou ás autoridades de calquera orde as designacións de colexiados chamados a intervir como peritos, constituíndo para tal efecto unha ou máis quendas de actuación profesional, de acordo coas normas de funcionamento que para tal efecto aprobe.
10. Asesorar os colexiados nas súas reclamacións fundadas como consecuencia do exercicio profesional, dentro das posibilidades orzamentarias establecidas, podendo asumir a súa representación para tal efecto ante todo tipo de entidades públicas e persoas privadas.
11. Asesorar os colexiados na xestión de cobramento de honorarios profesionais debidos, podendo asumir por substitución procesual a súa representación, nas condicións que se establezan. A actuación do Colexio nunca irá dirixida á fixación ou á orientación de prezos, evitando incorrer en comportamentos anticompetitivos no exercicio desta función. O importe que se deberá aboar polo servizo de cobramento colexial de honorarios deberá axustarse ao custo que lle supoña ao Colexio o dito trámite, que debe ser equilibrado e proporcional ao servizo prestado e non pode calcularse en función do importe facturado á clientela, nin incluír custos alleos á prestación específica de que se trate.
12. Convocar as asembleas e fixar previamente a orde do día.
13. Convocar eleccións para a provisión dos cargos da Xunta de Goberno.
14. Dar de baixa no Colexio os colexiados que deixen de satisfacer as cotas ou outras cargas establecidas.
15. Crear as comisións colexiais que sexan precisas e outorgarlles as facultades que sexan procedentes.
16. Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as diferenzas xurdidas canto á execución ou á retribución dos traballos profesionais realizados polos detectives privados.
17. Concertar acordos ou convenios de colaboración con todo tipo de entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos fins corporativos.
18. Desenvolver actividades de formación e de especialización, ben por medio do Colexio, ben mediante colaboración con outras entidades públicas ou privadas.
En relación cos tribunais de xustiza e outros organismos públicos:
1. Defender, cando se considere procedente, os colexiados na execución das funcións da profesión ou con motivo destas.
2. Representar o Colexio nos actos oficiais.
3. Emitir informe sobre os proxectos de disposicións legais de calquera rango que se sometan á consideración do Colexio.
4. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou de investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei sobre libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio.
En relación cos recursos económicos do Colexio:
1. Redactar os orzamentos e render contas anualmente.
2. Recadar, custodiar e administrar os fondos colexiais.
3. Propoñer á Asemblea o investimento dos fondos do Colexio.
4. Desenvolver, conforme o principio de transparencia na xestión, a memoria anual.
Artigo 30. Reunións da Xunta de Goberno e proceso de adopción de acordos
A Xunta de Goberno reunirase como mínimo unha vez ao mes e tantas veces como sexa convocada polo decano, por iniciativa propia ou por petición de catro membros da Xunta de Goberno. Será válida a reunión por medios telemáticos, incluídos os programas ou as aplicacións de mensaxería instantánea que permitan a emisión e a recepción da voz e da imaxe, con garantías de identificación das persoas asistentes.
Para que poida adoptar validamente acordos, será precisa a concorrencia da maioría dos membros que a integran.
Os acordos deberán tomarse por maioría de votos das persoas asistentes. O decano terá voto de calidade en caso de empate.
A asistencia ás reunións da Xunta de Goberno é obrigatoria. A falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas poderá entenderse como renuncia ao cargo.
Artigo 31. Funcións do decano
O decano convoca e preside as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno; desempeña a representación do Colexio, executa os acordos da Xunta de Goberno, e conforma e autoriza os documentos necesarios e as ordes de pagamento mancomunadamente co tesoureiro.
O colexiado a que lle sexa encargado promover ou preparar actuacións de calquera tipo contra outro detective sobre responsabilidades relacionadas co exercicio profesional dirixirase previamente ao decano para que leve a cabo un labor de conciliación, se este o considera oportuno.
Con independencia diso, o decano actuará como conciliador naquelas diferenzas que ambas as partes sometan á súa consideración.
Artigo 32. Funcións do vicedecano
O vicedecano terá as mesmas atribucións que o decano cando o substitúa por ausencia, vacante, enfermidade ou delegación, así como exercerá todas aquelas que este lle delegue.
Artigo 33. Funcións do secretario
O secretario redacta e dá fe das actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, así como das eleccións á Xunta de Goberno; custodia a documentación do Colexio; expide e tramita certificacións e documentos; e redacta a memoria de xestión anual para a súa aprobación na Asemblea Xeral.
Para o mellor cumprimento das funcións citadas, o persoal administrativo e técnico do Colexio dependerá organicamente do secretario.
Artigo 34. Funcións do tesoureiro
O tesoureiro recada e custodia os fondos do Colexio; autoriza as ordes de pagamento mancomunadamente co decano; realiza os pagamentos; redacta o anteproxecto de orzamentos e o balance de contas; e leva os libros de contabilidade e o inventario dos bens do Colexio.
Así mesmo, o tesoureiro elaborará e presentará a auditoría relativa á renovación parcial da Xunta de Goberno prevista no artigo 46 destes estatutos, para o cal poderá auxiliarse ben por profesionais externos ao Colexio, ben por aqueles empregados que teñan a competencia.
Artigo 35. Funcións dos vogais
Os vogais desempeñarán os cometidos que lles sexan confiados pola Xunta de Goberno; colaborarán cos restantes membros da Xunta de Goberno; e substituiranos en caso de ausencia, vacante ou enfermidade.
Será incompatible con calquera dos cargos da Xunta de Goberno, incluído o decano, desempeñar os seguintes cargos: deputados e senadores das Cortes Xerais, membros de asembleas lexislativas de comunidades autónomas, e altos cargos de libre designación das administracións públicas.
TÍTULO IV
Da elección dos membros da Xunta de Goberno
Artigo 36. Duración do mandato
A elección dos membros da Xunta de Goberno farase para un mandato de catro anos, mediante sufraxio libre, directo e secreto, en que poderán ser elixidos todos aqueles que, reunindo os requisitos do artigo 7 destes estatutos, teñan o seu establecemento único ou principal en Galicia e teñan unha antigüidade mínima ininterrompida de 5 anos, para o decano, e de 2 anos, para o resto de membros da Xunta, que se contará entre a data de incorporación e o día das eleccións.
Artigo 37. Censo electoral
A Xunta de Goberno, nos cinco días naturais seguintes ao da data de anuncio da convocatoria, de conformidade co establecido no artigo 13 destes estatutos, inserirá no taboleiro de anuncios a lista de todos aqueles con dereito a voto, xunto cunha copia do texto da convocatoria con mención especial aos cargos obxecto de elección, requisitos para acceder a eles, o día, o lugar, o horario de votación e o inicio do escrutinio.
A dita lista será exposta ata a data fixada como límite para a presentación de candidaturas. Aqueles que desexen formular reclamacións contra o censo de electores deberán verificalas no prazo de cinco días naturais seguintes á data de expiración do prazo anterior.
A Xunta de Goberno, se houbese reclamacións contra as listas, resolverá no prazo dos tres días naturais seguintes e notificará a resolución a cada reclamante durante os dous días seguintes.
Artigo 38. Candidatos
Para ser proclamado candidato a calquera cargo da Xunta de Goberno é indispensable ser elector, residir na demarcación do Colexio e ter unha antigüidade mínima ininterrompida de 5 anos, para o decano, e de 2 anos, para o resto dos membros da Xunta, que se contará entre a data de incorporación e o día das eleccións.
Non poden ser proclamados candidatos aqueles membros que fosen sancionados, mentres non sexa cancelada a súa sanción, así como aqueles que non se atopen ao día no pagamento das cotas colexiais.
Artigo 39. Presentación de candidaturas
As candidaturas presentaranse na sede do Colexio con vinte días naturais de antelación, como mínimo, á data sinalada para o acto electoral.
As candidaturas deberán conter tantos candidatos como cargos se sometan a elección.
Ningún colexiado poderá presentar a súa candidatura para máis dun cargo.
Artigo 40. Proclamación de candidatos
A Xunta, ao día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de candidaturas, proclamará candidatos aqueles colexiados que reúnan os requisitos exixidos nestes estatutos e electos aqueles que non teñan opoñentes.
A continuación deberá publicalo no taboleiro de anuncios do Colexio e comunicalo ao día seguinte ás persoas interesadas, sen prexuízo de que se poida dirixir aos demais colexiados.
Artigo 41. O voto
O exercicio do voto nas eleccións colexiais poderá realizarse por correspondencia, dirixida en forma de certificado á mesa electoral. Tamén poderá facerse por acta notarial. En ambos os casos, o voto deberá estar en poder da mesa electoral antes de que esta vote e comece o escrutinio. Non se admitirá o voto por representación en ningún caso.
Todos os colexiados que desexen votar por correo deberán solicitalo por escrito ou persoalmente na Secretaría do Colexio, e remitiráselles a documentación ou entregaráselles en man. A dita documentación consistirá en sobre e papeleta oficial emitida polo Colexio e co selo deste.
A documentación, sobre a que non se poderá efectuar anotación ningunha que vulnere o segredo do voto, será remitida, debidamente pechada, á mesa electoral do Colexio, introducida nun sobre con remitente do elector, acompañada de carta ou oficio remisorio coa súa sinatura, dándolle curso mediante un correo certificado con xustificante de recepción.
Serán nulos todos aqueles votos que, de calquera modo, vulneren o segredo do voto, ou aqueles emitidos en papeleta diferente á oficial remitida polo Colexio.
A mesa electoral poderá regular os requisitos adicionais para garantir a autenticidade, a participación dos colexiados ou o segredo de voto.
O voto persoal prevalecerá sobre o emitido por correo.
Artigo 42. A votación e o escrutinio
1. A elección dos membros da Xunta de Goberno farase mediante votación libre, directa e secreta de todos os colexiados.
A votación efectuarase en Asemblea Xeral, convocada para o efecto, e nela os votantes acreditarán a súa personalidade ante a mesa electoral, que comprobará que estean incluídos no censo elaborado para as eleccións. O decano pronunciará en voz alta o nome e os apelidos do votante e, no momento de introducir a papeleta na urna, fará mención de que votou.
2. A sesión electoral, que se realizará nunha mesma xornada, durará catro horas no horario que acorde a Xunta de Goberno. Constituirase a mesa electoral acompañada dun interventor por cada unha das candidaturas.
3. Transcorrido o tempo de duración da votación, pecharanse as portas do local, votarán os que se atopen dentro e non o fixesen, introducirase na urna o voto por correo, e despois votará a mesa.
4. A continuación, verificarase o escrutinio, seguidamente publicarase o resultado e proclamarase electa a candidatura que obtivese un maior número de votos. En caso de empate, procederase a unha nova votación.
5. A mesa electoral estará formada por tres electores que non sexan candidatos nin interventores. Os membros da mesa serán o elector de maior idade, o de menor idade e o que posúa a habilitación máis antiga, de entre os presentes no momento da súa constitución.
Artigo 43. Toma de posesión dos membros da Xunta de Goberno
Os candidatos elixidos tomarán posesión dos seus cargos na Asemblea Xeral, que deberá celebrarse no prazo máximo dos tres meses seguintes á elección, tras a promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo e gardar o segredo das deliberacións da Xunta de Goberno, momento no cal cesarán os substituídos; non obstante, en supostos excepcionais, poderán tomar posesión provisional con anterioridade á celebración da dita Asemblea Xeral, solemnizando nela a toma de posesión.
Artigo 44. Recursos
Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, ante a Xunta de Goberno do Colexio, non suspenderán a votación, a proclamación e a toma de posesión dos elixidos, salvo cando así se acorde por causas excepcionais, mediante resolución expresa e motivada, que será debidamente publicada.
Artigo 45. Comunicacións
No prazo de cinco días desde a constitución da nova Xunta de Goberno, deberá comunicarse esta á consellería competente en materia de colexios profesionais e á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión.
Artigo 46. Auditoría dos estados financeiros e contables
Cando se produza unha renovación total ou parcial da Xunta de Goberno, as contas colexiais serán auditadas.
Para o caso de que a renovación sexa total, a dita auditoría encargarase a profesionais alleos á Xunta de Goberno.
Para o suposto de renovación parcial, seguirase o disposto no artigo 34 destes estatutos.
Artigo 47. Cesamento dos membros da Xunta de Goberno
Os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Detectives Privados de Galicia cesarán polas seguintes causas:
1. Falecemento.
2. Incapacidade legal.
3. Renuncia da persoa interesada.
4. Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.
5. Expiración do prazo para o que foron elixidos ou designados.
6. Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas no prazo dun ano, tras acordo da propia Xunta.
7. Aprobación da moción de censura, segundo o disposto no artigo 21 destes estatutos.
8. Perda da moción de confianza, segundo o disposto no artigo 22 destes estatutos.
TÍTULO V
Dos membros de honra e mérito
Artigo 48. Nomeamento de colexiados de honra e de mérito
A Xunta de Goberno, por acordo tomado por maioría, poderá propoñer á Asemblea como colexiado de honra aquela persoa, española ou estranxeira, detective ou non, co fin de recoñecer os seus eminentes servizos ao Colexio ou á profesión e outorgarlle en consecuencia unha distinción ou unha medalla.
Igualmente, a Xunta de Goberno poderá propoñer á Asemblea por maioría como colexiado de mérito aquel compañeiro colexiado que se atope na situación exposta no parágrafo anterior e outorgarlle en consecuencia unha distinción ou medalla.
TÍTULO VI
Dos recursos económicos do Colexio
Artigo 49. Recursos ordinarios
Constituirán recursos ordinarios do Colexio:
1. Os rendementos de calquera natureza que poidan producir os bens ou os dereitos que integran o patrimonio colexial.
2. Os dereitos de incorporación ao Colexio.
3. Os dereitos polos informes que presente a Xunta de Goberno e as regulacións de honorarios xudiciais e extraxudiciais, así como os ditames ou as resolucións que se lle soliciten.
4. Os dereitos por validación de poderes e polas intervencións profesionais noutros asuntos.
5. O importe das cotas ordinarias e extraordinarias e das derramas.
6. Os dereitos por expedición de certificados.
7. Calquera outro concepto que legalmente proceda.
Artigo 50. Recursos extraordinarios
Constituirán os recursos extraordinarios do Colexio:
1. As subvencións ou as doazóns concedidas polo Estado, as corporacións oficiais, as entidades ou os particulares.
2. Os bens de calquera clase que, por herdanza ou por outro título, pasen a formar parte do patrimonio corporativo.
3. As cantidades que, por calquera concepto, corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgunha encarga temporal ou perpetua, cultural ou benéfica, uns bens ou unhas rendas determinadas.
4. Os xuros e as rendas dos distintos elementos do patrimonio colexial.
5. Calquera outro concepto que legalmente proceda.
TÍTULO VII
Do persoal e do funcionamento administrativo do Colexio
Artigo 51. Expedientes, actos e comunicacións
A actividade do Colexio axustarase, no non previsto nestes estatutos, ao disposto nas leis administrativas ou laborais segundo a natureza dos asuntos desenvolvidos.
As convocatorias, as circulares e toda clase de notificacións e comunicacións colexiais poderán practicarse por medios telemáticos, fax ou correo electrónico ao enderezo que o colexiado facilite ao Colexio.
Exclúense do anterior as notificacións de resolucións recaídas en expedientes disciplinarios ou sancionadores, que deberán seguir o procedemento previsto nestes estatutos.
Artigo 52. Do secretario técnico ou xerente do Colexio e do persoal administrativo auxiliar
O Colexio de Detectives Privados de Galicia poderá contar cos servizos dun secretario técnico ou xerente, que organizará administrativamente o Colexio e terá as funcións e as competencias que a Xunta de Goberno determine ou delegue, agás a competencia para resolver expedientes disciplinarios.
A Xunta de Goberno procederá á designación dos empregados administrativos, auxiliares ou subalternos que sexan necesarios para a boa marcha do Colexio.
TÍTULO VIII
Da disolución e da liquidación do Colexio
Artigo 53. Disolución
O Colexio poderá disolverse por vontade dos seus membros, por cumprimento do fin para o que foi constituído, por non poder cumprir este ou por sentenza xudicial firme.
Para que o Colexio de Detectives Privados de Galicia sexa disolto por vontade dos seus membros, será necesario que o acordo de disolución sexa adoptado pola Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o dito efecto, e que reúna o voto favorable, en votación secreta, das catro quintas partes dos votos.
Acordada a disolución do Colexio, a Xunta de Goberno incrementada en tres colexiados dos máis antigos converterase en comisión liquidadora e, como tal, procederá a reclamar todas as cantidades que tivese pendentes de cobramento, a pagar o que se deba e a realizar os bens que existan no seu patrimonio.
Artigo 54. Liquidación
Practicadas as anteriores operacións, no suposto de que quedasen cantidades no activo do Colexio, serán destinadas pola Asemblea extraordinaria ou pola comisión liquidadora a fins sociais.
TÍTULO IX
Do regulamento de réxime interior
Artigo 55. Normativa colexial interior
O regulamento de réxime interior do Colexio estará constituído por aquelas disposicións xerais, que, con tal rango, sexan aprobadas polos órganos colexiais en desenvolvemento destes estatutos, en canto a quendas de actuación profesional, incompatibilidades, segredo profesional, sociedades profesionais, normativas profesionais e de carácter deontolóxico, regulamento de precolexiación, constitución e funcionamento dos distintos órganos e servizos colexiais, etc.
TÍTULO X
Da función disciplinaria
Artigo 56. Ámbito
Con independencia de que poidan incorrer noutras responsabilidades, os detectives privados están suxeitos á facultade disciplinaria do Colexio para aqueles actos ou omisións previstos como faltas nestes estatutos e no caso de infracción dos seus deberes profesionais.
O exercicio da facultade disciplinaria corresponderá á Xunta de Goberno do Colexio e será aplicable só se previamente se forma o expediente correspondente.
Artigo 57. Órganos competentes para sancionar
A Xunta de Goberno e, no seu nome, o decano do Colexio, sancionarán as faltas leves, logo de audiencia ou de descarga da persoa inculpada. No caso de faltas graves ou moi graves será a Xunta de Goberno a competente, logo da apertura do correspondente expediente sancionador.
Artigo 58. Adopción de sancións por faltas moi graves
O acordo de suspensión por máis de seis meses tomarao exclusivamente a Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus membros.
A esta sesión estarán obrigados a asistir todos os compoñentes da Xunta. O membro que, sen causa xustificada, non asistise, deixará de pertencer ao órgano reitor do Colexio, sen que poida ser nomeado de novo na elección que se celebre para cubrir a súa vacante.
Artigo 59. Procedemento
As faltas graves e moi graves serán sancionadas pola Xunta de Goberno, logo da apertura do correspondente expediente, que se axustará ás normas seguintes:
1. O procedemento iniciarase, por acordo da Xunta de Goberno, xa sexa por iniciativa propia ou como consecuencia de denuncia formulada por calquera colexiado, persoa ou entidade pública ou privada.
2. A Xunta de Goberno, cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha suposta falta grave ou moi grave, deberá solicitar a información previa necesaria, antes de decidir a incoación do expediente ou, se é o caso, que se arquiven as actuacións sen ningún tipo de recurso ulterior.
3. Todas as actuacións relativas á tramitación do expediente sancionador será levada a cabo por unha comisión; esta será nomeada pola Xunta de Goberno entre os colexiados ou polo órgano a quen con carácter permanente se delegasen estas facultades. A incoación do expediente, así como o nomeamento do instrutor, notificarase ao colexiado suxeito ao expediente.
4. Correspóndelle á comisión practicar todas as probas e as actuacións que conduzan ao esclarecemento dos feitos e determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.
5. Á vista das actuacións practicadas, formularase un prego de cargos, onde se exporán os feitos imputados, ou ben a proposta de sobresemento e o arquivamento do expediente.
6. O prego de cargos notificaráselle á persoa interesada, e concederáselle un prazo de dez días hábiles para poder contestar. No trámite de descargo, o colexiado interesado achegará, se é necesario, todas as probas coas que intente defenderse.
7. Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo e practicada a proba correspondente, a comisión instrutora formulará unha proposta de resolución, que se notificará á persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, poida alegar todo o que considere conveniente para a súa defensa. Durante este mesmo prazo notificaránselle as actuacións practicadas.
8. A proposta de resolución con toda a actuación elevarase á Xunta de Goberno e esta ditará a resolución. Fronte a esta resolución, poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante a propia Xunta de Goberno no prazo de 30 días.
9. As resolucións sancionadoras conterán a relación dos feitos probados, a determinación das faltas constatadas e a cualificación da súa gravidade. A relación de feitos debe ser congruente co prego de cargos formulado no expediente.
No non previsto nos anteriores puntos, o procedemento para a exixencia da responsabilidade disciplinaria seguirá os trámites establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e supletoriamente polas normas contidas na Lei 5/2014, de seguridade privada.
Sen prexuízo do anterior, a Xunta de Goberno poderá aprobar un regulamento de réxime interno de procedemento para o exercicio da potestade disciplinaria, que, se é o caso, substitúa os anteriores.
O decano e a Xunta de Goberno, como órganos competentes para o exercicio da función disciplinaria, ateranse ás normas seguintes:
1. Estenderase á sanción de infracción de deberes profesionais ou normas de conduta en canto afecten a profesión.
2. Declararanse, logo da formación do conseguinte expediente, de acordo cos trámites do procedemento disciplinario.
Artigo 60. Clasificación de faltas
As faltas que poden comportar sancións disciplinarias clasifícanse en leves, graves e moi graves.
Artigo 61. Faltas leves
Terán a consideración de faltas leves:
1. A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.
2. A simple inobservancia leve no cumprimento das normas estatutarias.
3. As infraccións leves aos deberes que a profesión impón.
4. Os actos enumerados no artigo seguinte, se non revestisen entidade suficiente para seren considerados como graves.
Artigo 62. Faltas graves
Terán a consideración de faltas graves:
1. O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Colexio, cando non constitúa falta de entidade superior.
2. A falta de respecto, por acción ou omisión, aos compoñentes da Xunta de Goberno, cando estes actúen no exercicio das súas funcións.
3. Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.
4. Os actos e as omisións descritos nos catro primeiros puntos do artigo seguinte, se non revestisen entidade suficiente para seren considerados como moi graves.
5. A comisión de tres faltas leves no período dun ano.
Artigo 63. Faltas moi graves
Terán a consideración de faltas moi graves:
1. A prestación de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos enumerados nestes estatutos e calquera outra infracción que nestes teña a cualificación de falta moi grave.
2. Os actos e as omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a rexen.
3. O atentado contra a dignidade e a honra dos compañeiros que constitúan a Xunta de Goberno, cando estes actúen no exercicio das súas funcións e contra a dos demais compañeiros con motivo do exercicio profesional.
4. A realización de actividades e a constitución ou a pertenza a asociacións que teñan como fin ou que realicen funcións propias do Colexio.
5. A infracción das disposicións e das prohibicións en materia de incompatibilidades.
6. O encubrimento do intrusismo profesional.
7. A competencia desleal ou o emprego de persoal non habilitado para o exercicio da profesión; no caso da posible competencia desleal, será necesario que fose declarada polo órgano competente.
8. A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio profesional.
9. A condena en sentenza firme por un feito gravemente afrontoso.
10. A comisión de infraccións que polo seu número ou pola súa gravidade resultasen moralmente incompatibles co exercicio profesional.
11. O incumprimento inxustificado das obrigas económicas para co Colexio.
12. A comisión de tres faltas graves no período dun ano.
Artigo 64. Cadro de sancións
Imporanse como medidas correctoras as seguintes:
1. Amoestación privada.
2. Apercibimento por escrito.
3. Amoestación pública interna.
4. Multa.
5. Suspensión no exercicio profesional por un prazo non superior a dous anos.
6. Expulsión do Colexio.
Estas sancións imporanse segundo a normativa seguinte:
Para faltas leves:
1. Amoestación privada.
2. Apercibimento por escrito.
Para faltas graves:
1. Suspensión no exercicio da profesión por un prazo non superior a tres meses.
2. Amoestación pública interna.
3. Multa.
Para faltas moi graves:
1. Suspensión no exercicio da profesión por un prazo superior a tres meses e non superior a dous anos, se se trata das faltas detalladas nos puntos 1, 2, 3, 4, 6, 7 e 11 do artigo 63.
2. Expulsión do Colexio nos casos previstos no resto dos puntos do citado artigo.
3. Multa.
Artigo 65. Notificación ás persoas afectadas
A imposición das sancións será notificada pola Secretaría e serán recorribles de acordo co que establecen estes estatutos.
Artigo 66. Inscrición nos expedientes
As sancións disciplinarias que os tribunais ordinarios poidan impor aos colexiados faranse constar nos expedientes persoais destes, agás cando a Xunta de Goberno non o considerase procedente. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar sempre no expediente do colexiado.
Artigo 67. Prescrición
As faltas determinantes de sanción disciplinaria colexial prescribirán, aos tres meses, as leves; ao ano, se fosen graves; e aos dous anos, se fosen moi graves, contados a partir dos feitos que as motivaron.
Artigo 68. Rehabilitación
Os sancionados poderán solicitar a súa rehabilitación coa conseguinte cancelación da nota do seu expediente persoal nos prazos seguintes, que se contarán desde o cumprimento da sanción:
1. Aos seis meses, en caso de faltas leves.
2. Aos dous anos, se a falta é grave.
3. Aos catro anos, se a falta fose moi grave.
4. Cinco anos, se a sanción consistise na expulsión.
A rehabilitación solicitarase á Xunta de Goberno do Colexio.
No último caso, a persoa interesada achegará probas de rectificación da conduta para que poidan ser apreciadas ponderadamente pola Xunta de Goberno que a deba xulgar en calquera dos trámites no ámbito corporativo.
Os trámites de rehabilitación levaranse a cabo da mesma maneira que os de axuizamento e de sanción das faltas e serán susceptibles dos mesmos recursos.
TÍTULO XI
Do réxime xurídico dos acordos sometidos a dereito administrativo
e da súa impugnación
Artigo 69. Recursos
Os actos, os acordos e as resolucións corporativas emanados dos distintos órganos do Colexio están suxeitos a dereito administrativo, e poderán ser recorridos ante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpor contra eles o recurso potestativo de reposición.
Sen prexuízo do anterior, poderase interpor recurso extraordinario de revisión nos supostos e da maneira que regula a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O resto dos actos, dos acordos e das resolucións do Colexio que non estean suxeitos ao dereito administrativo rexeranse pola lexislación civil, laboral ou outras segundo lles sexan de aplicación.
Artigo 70. Executividade dos acordos
Os actos, os acordos e as resolucións do Colexio son inmediatamente executivos; porén, conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Xunta de Goberno poderá acordar, por petición da persoa recorrente ou de oficio, a suspensión da execución, mentres non sexa firme o acto impugnado. A expulsión e a suspensión non se executarán mentres o acto non sexa firme.
Artigo 71. Notificación
Os acordos que deban ser notificados persoalmente aos colexiados, referidos a calquera materia, incluída a disciplinaria, poderán selo no domicilio profesional que comunicasen ao Colexio. Se non puidese ser efectuada a notificación nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a entrega poderá realizala un empregado do Colexio; e, se tampouco así puidese efectuarse a notificación, entenderase realizada aos quince días da súa colocación no taboleiro de anuncios do Colexio.
Artigo 72. Actos nulos e anulables
Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 47 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 48 da citada lei.
Artigo 73. Recurso administrativo
As persoas con interese lexítimo poderán formular recurso administrativo contra os acordos da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou persoas a que afecte.
A persoa recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo recorrido, que deberá ser concedida ou denegada de forma motivada.
Artigo 74. Recurso dos acordos da Asemblea Xeral pola Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno tamén poderá recorrer os acordos da Asemblea Xeral ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo coas normas reguladoras desta.
Se a Xunta de Goberno entendese que o acordo obxecto de recurso é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Colexio, poderá solicitar a suspensión do acordo recorrido.
Artigo 75. Prazos e dereito supletorio
Os prazos establecidos nestes estatutos expresados en días entenderanse referidos a días hábiles, agás que expresamente se diga outra cousa.
A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aplicarase a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas. En todo caso, a dita lei terá carácter supletorio para o non previsto nestes estatutos.
Artigo 76. Do uso do galego nas comunicacións
O Colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación da normalización lingüística.
Disposición derradeira primeira
Estes estatutos entrarán en vigor unha vez aprobados pola Asemblea Xeral do Colexio de Detectives Privados de Galicia, no prazo establecido no decreto publicado no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira segunda
A Xunta de Goberno comunicará ás consellerías correspondentes da Xunta de Galicia:
1. O texto destes estatutos para que, logo da cualificación da súa legalidade, sexan inscritos e publicados no Diario Oficial de Galicia.
2. As persoas que integran a Xunta de Goberno e que ocupan os diferentes cargos.
