Mediante a Orde do 7 de xullo de 2026, publicada no Diario Oficial de Galicia número 131, do 15 de xullo, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo no Fondo Galego de Garantía Agraria que se detalla no anexo desta orde.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 27 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,
DISPOÑO:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada pola Orde desta consellería do 7 de xullo de 2026 e designar a persoa funcionaria cuxos datos se sinalan no anexo desta orde para ocupar o posto que tamén se especifica.
Segundo. O cesamento no actual destino efectuarase, segundo o previsto no artigo 8 do Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira, aprobado polo Decreto 151/2022, do 4 de agosto, no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, ou segundo o que estableza a normativa de aplicación na súa Administración de orixe.
A toma de posesión da praza adxudicada deberase realizar no prazo dos tres días seguintes ao do cesamento se non implica cambio de residencia ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.
O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se lle concedesen á persoa e, no caso de incapacidade temporal, a partir da data da alta.
Terceiro. A xefatura de persoal do centro en que cause baixa a persoa funcionaria, así como a daquel en que obteña destino, efectuarán, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e de toma de posesión, das que se dará traslado á Dirección Xeral de Emprego e Administración de Persoal.
Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, a persoa interesada poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
ANEXO I
Apelidos e nome: Ferreiro Fente, José Manuel.
N.R.P.: ******7102 A2063.
Grupo: A1.
Corpo/escala: facultativo superior, escala de enxeñeiros/as, especialidade de enxeñaría agronómica.
Denominación do posto: Xefatura Servizo Territorial.
Código: MR.O19.10.000.27001.001.
Nivel: 28.
Centro de destino: Servizo Territorial de Lugo (Fogga).
Localidade: Lugo.
