A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón no seu artigo 82.2 que na educación básica naquelas zonas rurais nas cales se considere aconsellable se poderán escolarizar os nenos e nenas nun concello próximo ao da súa residencia para garantir a calidade da ensinanza. Neste suposto a lei prevé que as administracións educativas prestarán de forma gratuíta, entre outros servizos, o de transporte.
As características que presenta o asentamento da poboación en Galicia, mediante a coñecida dispersión e a multiplicación dos núcleos de poboación, motivou a necesidade de concentrar os lugares en que se imparten os diversos niveis da ensinanza obrigatoria e gratuíta e, consecuentemente, a obriga da Administración de lle proporcionar o servizo de transporte escolar a este alumnado.
Ademais da problemática enumerada que xustifica e constitúe a razón de ser dos servizos de transporte escolar e o subseguinte dereito ao seu acceso por parte do alumnado, existen diversos supostos e casos que impiden que o alumno con dereito ao ensino obrigatorio e gratuíto poida facer uso dos servizos de transporte escolar contratados pola Xunta de Galicia.
A inexistencia do servizo de transporte escolar en zonas despoboadas e, consecuentemente, cunha moi escasa poboación escolar, a inadecuación das vías de acceso aos núcleos de poboación que impiden ou dificultan o emprego dos vehículos utilizados habitualmente neste tipo de servizos, a irregularidade dos horarios en que o servizo se demanda –viaxe única de ida e volta de carácter semanal–, a demanda de vehículos adaptados para permitir o emprego de cadeiras de rodas e outros elementos auxiliares dos cales se debe acompañar o alumnado aconsellan darlle cobertura ao dereito de acceso material ao ensino obrigatorio e gratuíto mediante o establecemento dunha compensación de gastos, de carácter individual, para o alumnado do ensino obrigatorio non universitario que non pode facer uso dos servizos de transporte escolar contratados.
Ademais das circunstancias sinaladas, o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos (DOG núm. 29, do 11 de febreiro), establece que se favorecerá a admisión do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios e que só se escolarizará en unidades ou centros de educación especial cando as devanditas necesidades non se poidan atender no marco das medidas de atención á diversidade.
É de aplicación a esta regulación o procedemento de concesión directa, excluído das previsións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu artigo 19, na medida en que se acreditan razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.
Tendo en conta as singulares circunstancias dos distintos supostos dos destinatarios destas compensacións de gastos e o interese público e social de que todos eles poidan facer efectivo o dereito á educación, e en aplicación do disposto anteriormente, a concesión das compensacións de gastos establécese sen concorrencia entre as persoas solicitantes e sen necesidade de valorar e resolver conxuntamente as solicitudes presentadas.
Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte publica estas bases.
En consecuencia, e no uso das atribucións conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde establece as bases reguladoras para a concesión directa das compensacións de gastos de carácter individual destinadas a sufragar os gastos de transporte do alumnado do ensino obrigatorio non universitario, do segundo ciclo de educación infantil, de ciclos da FP básica e de educación especial, escolarizado en centros públicos dependentes da Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ou noutros centros, sempre que neste último caso dispoñan de ditame de escolarización do equipo de orientación específico e da autorización do departamento territorial correspondente, que poida considerarse usuario con dereito a transporte escolar e que, por circunstancias excepcionais motivadas polo lugar onde posúan a súa residencia ou porque o seu desprazamento precise do uso de vehículos adaptados especiais, non poidan facer uso dos servizos de transporte regular ou de uso escolar ordinarios contratados para o efecto pola Xunta de Galicia (código de procedemento IF306A).
Artigo 2. Réxime xurídico
1. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:
a) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
b) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia do 10 de decembro de 2021.
e) Decreto 203/1986, do 12 de xuño, polo que se regulan provisionalmente determinados aspectos do transporte escolar.
2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 3. Financiamento
1. A convocatoria está financiada con cargo á aplicación 05.08.423A.223.08 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O crédito final resultante destinado a estas compensacións de gastos poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender a todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde ou cando, unha vez esgotado o crédito inicial, se presenten novas solicitudes ao longo do curso escolar.
Artigo 4. Requisitos para adquirir a condición de perceptor
1. Poderán presentar solicitudes de compensación de gastos os pais, nais, titores ou representantes legais do seguinte alumnado matriculado en cada curso escolar. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con quen conviva en acollemento familiar:
a) O alumnado que curse as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e o alumnado de educación especial, escolarizado en centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
No caso de alumnado escolarizado en centros públicos de educación especial dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a compensación de gastos concederase sempre que non teñan cumpridos os 21 anos ao inicio do curso escolar.
b) O alumnado de centros públicos ao que, por motivos de escolarización forzosa, a Inspección Educativa lle asigne, mediante un ditame de escolarización forzosa, un centro escolar distinto ao que lle correspondería pola zona de influencia.
c) O alumnado de educación especial escolarizado en centros concertados ou privados cando a súa escolarización en tales centros veña determinada por circunstancias excepcionais que exixa esta e que conten cun ditame de escolarización do equipo de orientación específico e a autorización do departamento territorial correspondente.
d) O alumnado que curse as ensinanzas da formación profesional básica terá dereito á compensación de gastos de transporte escolar para cursar os ciclos da FP básica, sempre que non cumpran os 17 anos ata despois do 31 de decembro do ano en que se matriculen por primeira vez no primeiro curso do ciclo.
O alumnado relacionado anteriormente deberá atoparse nalgunha das seguintes situacións:
• Non poder facer uso do servizo de transporte escolar por razóns de carácter obxectivo (orográficas, ancho de vías, tamaño dos vehículos empregados ou calquera outra similar).
• No caso de estar escolarizado nun centro que non lle corresponde segundo a distribución das áreas de influencia establecidas, contar cun ditame de escolarización forzosa ou un ditame de escolarización do equipo de orientación específico emitido pola Administración educativa sempre que o alumno ou alumna non teña a posibilidade de utilizar o transporte escolar do centro, tanto se o transporte escolar é contratado pola Xunta de Galicia se se trata dun centro de ensino público como se se trata do transporte do centro ou asociación privada no caso de existir un convenio en materia de transporte escolar da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con tales centros e/ou asociacións.
• Presentar requirimentos especiais que impidan ou desaconsellen a utilización do transporte escolar, por causas debidamente acreditadas.
• Cando o uso da tarxeta Xente Nova, similares ou análogas de carácter municipal, nas áreas de transporte metropolitano, que permitan realizar todas ou unha parte das viaxes de forma gratuíta non cubra a totalidade das viaxes. Neste caso, a compensación de gastos concederase polas viaxes non cubertas polas devanditas tarxetas.
3. Queda expresamente excluído da percepción destas compensacións de gastos aquel alumnado no cal concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Cando a escolarización se efectúe nun centro distinto ao que lle corresponde en función da súa residencia habitual, amparándose na adscrición de centro ou preferencia de escolarización por lugar de traballo dos pais ou centro escolar de procedencia adscrito.
b) Cando a escolarización se basea na liberdade de elección de centro.
c) Cando perciba, para o mesmo fin, compensacións de gastos de concellos ou doutras entidades de carácter público ou privado que cubran a totalidade dos gastos, ou, cando sumando ambas, superen o custo do servizo.
Artigo 5. Requisitos para a obtención das compensacións de gastos
1. Será requisito necesario para a obtención das compensacións de gastos do transporte escolar que o domicilio familiar estea fóra do centro urbano onde se sitúe o centro escolar e, en todo caso, a unha distancia superior a dous quilómetros do centro escolar en que o alumno ou alumna estea escolarizado, e que ese centro lle corresponda segundo a distribución das áreas de influencia establecidas.
Excepcionalmente, por causas de especial incomodidade ou dificultade, que serán debidamente xustificadas, poderase autorizar a compensación de gastos, aínda que non se cumpran os requisitos exixidos na epígrafe anterior, logo da proposta motivada do departamento territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Para estes efectos, considerarase como domicilio familiar o habitual de residencia das/dos representantes legais do alumnado ou, se é o caso, o das alumnas e alumnos menores de idade que, co consentimento dos pais, vivan en domicilios distintos daquel.
Con carácter excepcional, poderá considerarse como domicilio familiar o doutros familiares cos que efectivamente conviva a alumna ou alumno, sempre que esa convivencia real se probe mediante unha certificación expedida para tal efecto polo concello correspondente a partir dos informes da Policía local ou da Garda Civil.
2. No caso dos menores de idade en situación de acollemento, para acreditar o domicilio habitual do menor, as familias de acollida presentarán a resolución ditada polo correspondente departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade expedida para o efecto.
3. Para determinar se o domicilio familiar se atopa a unha distancia superior a dous quilómetros, tomarase como referencia para a súa medición o traxecto máis curto a pé desde o domicilio do alumno ou alumna ao centro ou á parada más próxima segundo as referencias achegadas por google.maps
4. Tendo en conta que estas compensacións individualizadas substitúen o servizo de transporte escolar que a Xunta de Galicia lles presta con carácter gratuíto aos escolares con dereito a transporte escolar, as persoas perceptoras das compensacións de gastos quedan exentas da comprobación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade e de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
Porén, as persoas titulares dos vehículos de taxi/VTC que perciban a compensación polo tipo 3 establecido no artigo 4 desta orde deberán cumprir os requisitos de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade e de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
Artigo 6. Tipos de compensacións de gastos e o seu importe
1. As compensacións de gastos individualizadas de transporte escolar acadarán os importes que resulten de considerar a distancia existente entre o domicilio familiar onde resida o alumno ou alumna e o centro docente ao que se teña que desprazar ou a parada máis próxima da ruta de transporte escolar, así como os requirimentos que o alumno presente en relación co vehículo que teña que utilizar no desprazamento.
A compensación de gastos concederase tomando en conta a distancia que resulte máis curta con respecto ao domicilio familiar, segundo as referencias achegadas por google.maps, ben sexa ata a parada da ruta de transporte escolar máis próxima ou directamente ata o centro educativo.
2. Para o caso de que a persoa solicitante da compensación de gastos alterne o uso de varios domicilios que poidan ter a consideración de familiares, tomarase como domicilio familiar aquel que estea máis lonxe do centro docente.
3. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade recoñeceralle o dereito a percibir a compensación individualizada de transporte escolar, durante o período temporal que a resolución correspondente determine, a todas as persoas solicitantes que acrediten que reúnen os requisitos exixidos nesta orde.
4. As contías das compensacións de gastos individualizadas estableceranse tendo en conta a causa que as motiva e os medios alternativos utilizados polo alumnado, de acordo coa seguinte tipoloxía:
As persoas solicitantes sinalaran na súa solicitude o tipo de compensación de gastos solicitada, entre as seguintes:
Tipo 1. O alumnado que poida utilizar o transporte público regular de uso xeral por estrada ou o transporte en tren para o desprazamento entre a súa localidade de residencia e a localidade do centro en que se encontre escolarizado ou a parada da ruta de transporte escolar ou regular máis próxima recibirá unha cantidade que será a correspondente ao prezo do billete ou bono, agás nos supostos en que exista gratuidade de acordo co indicado sobre a tarxeta Xente Nova, similares ou análogas de carácter municipal no artigo 4 desta orde.
Tipo 2. Pola utilización de vehículos pertencentes a membros da unidade familiar da persoa solicitante, utilizados nos traslados da persoa beneficiaria desde o seu domicilio ata o centro escolar en que se encontre escolarizada ou ata a parada da ruta de transporte escolar ou regular máis próxima, o alumnado recibirá 0,26 € por quilómetro percorrido, incluídos os quilómetros realizados en baleiro.
Na compensación de gastos de tipo 2 garántese a percepción como mínimo de 5 € por día de asistencia a clase.
Tipo 3. Pola utilización de vehículos do servizo de taxi ou VTC, contratados para o efecto pola persoa representante do solicitante, utilizados nos traslados do/da alumno/a desde o seu domicilio ata o centro escolar en que se encontre escolarizado ou ata a parada da ruta de transporte escolar ou regular máis próxima.
Fíxase o importe da compensación atendendo a un importe mínimo de percepción por cada viaxe de 3,75 €, e un importe por quilómetro de 1,25 €, tal como se establece na Resolución de 30 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade, en relación coa solicitude de revisión das tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo de ámbito interurbano. Neste importe están incluídos os impostos.
Este importe será actualizado automaticamente no caso de aprobarse unha nova resolución de revisión de tarifas.
O seu cómputo realízase sobre os quilómetros de servizo e non recolle os realizados en baleiro, xa que o prezo por quilómetro aplicado xa os inclúe. En todo caso, con carácter xeral, no caso de que a ruta sexa inferior a 10 quilómetros, para fixar o importe/día da compensación tomarase un mínimo de 10 quilómetros de servizo por cada viaxe.
A persoa solicitante da compensación de gastos de tipo 3 declarará mediante a solicitude que non pode utilizar o vehículo pertencente á unidade familiar nin o servizo de transporte regular de viaxeiros, de uso especial ou integrado para realizar os traslados ao centro educativo ou, de ser o caso, ata a parada máis próxima.
5. Para o cálculo da contía total que se percibirá terase en conta o número de días lectivos do curso escolar e o número de viaxes diarias necesarias en función dos diferentes horarios de cada centro.
6. As compensacións de gastos concederanse segundo a orde de tipos descritos anteriormente, de tal maneira que non se poderá conceder unha compensación de gastos de tipo 3 cando sexa posible que o servizo se preste coa compensación de gastos dos tipos 1 ou 2, e non será posible a concesión dunha compensación de gastos de tipo 2 cando sexa posible que o servizo se preste coa compensación de gastos de tipo 1.
Excepcionalmente, poderá autorizarse a concesión dunha compensación de gastos de tipo 1 de forma simultánea cunha compensación de gastos de tipo 2, no caso de que os servizos de transporte non gratuítos non cheguen ata a parada máis próxima ao domicilio familiar ou cando a parada diste máis de 2 quilómetros do domicilio do/da alumno/a e sexa preciso o traslado ata a dita parada en vehículo pertencente a membros da unidade familiar.
Tamén en casos extraordinarios en que o departamento territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobe que a compensación de gastos é deficitaria e non se axusta aos requirimentos de transporte que solicite o/a alumno/a que se acolla a calquera das tipoloxías nomeadas, ou cando se precise para a realización do traslado ao centro un tipo de vehículo non incluído nas tipoloxías anteriores, poderá proporlle ao órgano concedente, xustificándoo debidamente no expediente, a compensación de gastos que realmente se precise para o suposto concreto.
Ademais, coa finalidade de racionalización e optimización dos recursos públicos, cando os servizos de mobilidade consideren que coa compensación de gastos de tipo 3 se pode prestar o servizo a máis dun alumno ou alumna de maneira compartida, ben porque pertenzan á mesma unidade familiar ou ben porque residan en domicilios que se atopen na mesma ruta ou en domicilios que non se atopen na mesma ruta pero que estean próximos entre si, proporanlles esta medida ás persoas perceptoras. A proposta terá carácter obrigatorio para as persoas perceptoras, agás que medien circunstancias debidamente apreciadas polos servizos de mobilidade que imposibiliten a solución proposta.
7. Nos casos en que, por razón da discapacidade física, psíquica, sensorial ou por trastornos graves de conduta do/da alumno/a, sexa preciso que unha persoa distinta do condutor do vehículo o/a acompañe, a compensación individualizada verase incrementada en 22,54 € por hora, garantindo o pagamento dunha hora por día e cun límite máximo de dúas horas por día, computándose a segunda hora cando no total das viaxes diarias en servizo se supere a hora e trinta minutos, tendo en conta como referencia o prezo por hora de acompañante de maior importe dos establecidos no prego de cláusulas administrativas particulares que rexen nos contratos do servizo de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso especial escolar. A comprobación do tempo de servizo farase a través de google.maps
Este complemento por acompañante soamente se aplicará no caso de alumnado escolarizado en centros públicos de educación especial ou nos supostos recollidos no artigo 4.1.c) desta orde, e logo da xustificación da necesidade de acompañante.
Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).
A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e os seus representantes.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. A solicitude deberá estar asinada polo pai, nai, titor/a ou representante legal do alumnado e a súa presentación implicará que acepta as bases da convocatoria, que cumpre os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude.
3. A solicitude será única por cada familia e incluirá a totalidade das fillas e fillos escolares que se vaian acoller á compensación de gastos, identificará o solicitante en nome da familia e os/as alumnos/as usuarios/as do transporte, e conterá información da conta corrente onde realizar o ingreso da compensación de gastos.
4. Habilitaranse os mecanismos de cifrado suficiente para que os datos transmitidos teñan a correcta protección de datos.
5. O prazo ordinario de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
6. Unha vez vencido o prazo ordinario de presentación, soamente poderán presentarse solicitudes de compensación de gastos nun prazo extraordinario cando concorran no alumno/a as seguintes circunstancias:
a) Que a matrícula no centro se realizase con posterioridade á finalización do prazo de solicitudes.
b) Que se producisen circunstancias sobrevidas xurdidas con posterioridade á finalización do prazo de solicitude, que impidan de forma permanente a utilización do transporte escolar ordinario.
7. O procedemento de presentación de solicitudes no prazo extraordinario será o mesmo que o das presentadas no prazo ordinario, excepto que o prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de produción da circunstancia que dá lugar ao nacemento do dereito ao transporte escolar, data que deberá acreditarse por calquera medio admitido en dereito. En todo caso, a data fin de presentación de solicitudes non se estenderá máis aló da data da fin de cada curso escolar. Para estes efectos, o formulario de presentación permanecerá accesible no enderezo
https://sede.xunta.gal
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de solicitar a compensación de gastos tipo 3, orzamento do titular do taxi/VTC onde conste o prezo/día en función da quilometraxe do servizo que se vai prestar, axustado ao réxime de tarifas indicado no artigo 6.
b) No caso de solicitar a compensación de gastos tipo 3, anexo II: comprobación de datos da persoa titular da licenza de taxi/VTC, asinado polo titular do vehículo de taxi ou VTC.
c) Acreditación da representación.
d) Resolución de situación de acollemento do/da menor ditada por outra comunidade autónoma.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderán solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) DNI/NIE da persoa titular da licenza de taxi/VTC.
d) NIF da entidade solicitante.
e) NIF da entidade representante.
f) NIF da entidade titular da licenza de taxi/VTC.
g) Consulta de datos do vehículo.
h) Consulta de datos de convivencia actual.
i) Consulta de resolución de situación de acollemento do/da menor ditada pola Xunta de Galicia.
j) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
k) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.
l) Certificado de estar ao día do pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
m) Certificado de estar ao día do pagamento coa AEAT.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os devanditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Instrución dos procedementos
1. A solicitude da compensación e a documentación complementaria serán analizadas pola persoa responsable do servizo de mobilidade do departamento territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes correspondente, quen impulsará de oficio os actos de trámite que precise o procedemento para a súa máis áxil e pronta resolución.
Os órganos instrutores comprobarán que todas as solicitudes estean debidamente cubertas e que se achega a documentación exixida; así mesmo, comprobarán que as persoas solicitantes se corresponden con usuarios con dereito a transporte escolar en centros públicos xestionados pola Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ou noutros centros, sempre que dispoñan do ditame de escolarización do equipo de orientación específico e da autorización do departamento territorial.
Conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de compensación de gastos non reúne os requisitos exixidos nesta lei e nesta resolución, a persoa interesada será requirida para que nun prazo de dez días, que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, rectifique a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderán requirir as persoas solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios ou aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.
Artigo 12. Proposta de resolución
Unha vez que se comprobe que concorren os requisitos requiridos para a súa concesión, a unidade administrativa instrutora formulará a correspondente proposta de resolución, en que se recollerán as circunstancias de feito manifestadas pola persoa solicitante e, sinaladamente, a duración, a distancia do traxecto que motiva a solicitude, a contía da compensación de gastos concedida e as condicións da prestación e, ademais, a desacollemento expreso das solicitudes que non cumpran os requisitos.
Artigo 13. Resolución
1. A competencia para resolver a concesión destas compensacións de gastos correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co disposto no artigo 3 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.
2. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, á vista da proposta de resolución da unidade administrativa instrutora e logo da correspondente fiscalización, ditará a correspondente resolución de concesión da correspondente compensación de gastos.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a concesión das compensacións de gastos será de tres meses, que se contarán a partir da data en que se publique esta convocatoria. Para o caso de solicitudes presentadas fóra do período ordinario, o prazo dos tres meses para resolver e notificar contarase a partir do día seguinte ao de nacemento do dereito. Transcorrido o dito prazo sen que se ditara e notificara a resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, aos efectos previstos no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá modificar, suspender ou revogar as concesións nos casos en que varíen as condicións que motivaron o recoñecemento ou por incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.
5. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 2 deste artigo, poñeralle fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos consideraranse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, considerarase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Pagamento das compensacións de gastos
1. A contía recoñecida aboaráselles ás persoas solicitantes en pagamentos periódicos bimensuais por mensualidades vencidas, segundo o seguinte:
O primeiro pagamento realizarase no mes de novembro e comprenderá o importe correspondente ás mensualidades de setembro e outubro.
O segundo pagamento realizarase no mes de xaneiro e comprenderá o importe correspondente ás mensualidades de novembro e decembro.
O terceiro pagamento realizarase no mes de marzo e comprenderá o importe correspondente ás mensualidades de xaneiro e febreiro.
O cuarto pagamento realizarase no mes de maio e comprenderá o importe correspondente ás mensualidades de marzo e abril.
O quinto pagamento realizarase no mes de xullo e comprenderá o importe correspondente ás mensualidades de maio e xuño.
En cada un dos pagamentos poderanse axustar os importes que percibirán as persoas solicitantes descontando os días do mesmo período e/ou do anterior período en que o alumno non asistiu ás clases.
A Dirección Xeral de Mobilidade poderá establecer de forma motivada outra periodicidade na distribución dos pagamentos.
2. O medio de pagamento será o de transferencia bancaria. Para estes efectos, a persoa solicitante cubrirá a epígrafe de datos bancarios do anexo I.
Porén, no suposto de compensación de gastos do tipo 3, a persoa solicitante non cubrirá os datos bancarios do anexo I, senón que xuntará o anexo II asinado pola persoa física ou xurídica titular da licencia de taxi ou VTC.
3. No suposto de que se efectúe unha xustificación parcial da compensación de gastos concedida, procederase a minorar o segundo pagamento desta ata a contía efectivamente xustificada ou, de ser o caso, a requirir o reintegro do importe correspondente á parte non xustificada.
Artigo 16. Xustificación das compensacións
Ao finalizar cada un dos períodos de pagamento, as persoas perceptoras das compensacións de tipo 3 achegarán a copia das facturas mensuais emitidas pola persoa titular da licenza do taxi ou VTC en que conste desagregado o número de días de cada mes do período lectivo en que prestou o servizo, o número de viaxes diarias, a cantidade de quilómetros por viaxe e o importe total.
En relación coas persoas perceptoras das compensacións de tipo 1, non terán que presentar copia dos recibos de pagamento do transporte público regular de uso xeral por estrada ou o transporte en tren. Porén, os servizos de mobilidade poderán levar a cabo, de ser o caso, as actuacións de inspección que consideren oportunas para comprobar o uso dos servizos de transporte público polas persoas perceptoras da compensación.
Con carácter xeral, os servizos de mobilidade farán a consulta aos centros educativos para os efectos de comprobar a asistencia do alumnado a estes.
Artigo 17. Réxime de compatibilidade
1. A percepción destas compensacións de gastos é compatible con outras subvencións, prestacións substitutivas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, aínda que o importe da compensación de gastos concedida en ningún caso poderá, en concorrencia coas outras subvencións ou axudas, superar o custo máximo das compensacións de gastos establecidas nesta orde.
2. As persoas perceptoras terán que comunicarlle á entidade concedente a obtención doutras subvencións ou bolsas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración pública.
3. As compensacións de gastos do transporte escolar son compatibles coa utilización do servizo de transporte escolar contratado pola Xunta de Galicia só cando o importe da compensación individualizada permita aproximar o alumno a un punto ou lugar integrado no itinerario dunha ruta de transporte escolar en funcionamento.
Artigo 18. Modificación da resolución de concesión de compensación de gastos
A resolución de concesión da compensación de gastos poderase modificar cando se alteren as condicións que se tiveron en conta para a súa concesión e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Por iso, cando as persoas perceptoras reciban outros fondos para a mesma finalidade que a establecida nesta convocatoria, deberán poñelo en coñecemento do departamento territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga das persoas perceptoras de devolver total ou parcialmente as compensacións de gastos percibidas. En particular, acordarase a perda do dereito á compensación de gastos e o seu posible reintegro total ou parcial cando concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) A obtención da compensación de gastos sen reunir as condicións e os requisitos solicitados ou con alteración destes.
b) A inexactitude, a falsidade ou a omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe a solicitude, as declaracións responsables e a documentación ou xustificacións achegadas segundo regula a orde.
c) A perda da condición de alumno ou alumna no centro escolar en que estivese matriculado.
d) O cambio de domicilio familiar que non implique o dereito a unha nova compensación de gastos.
2. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas perceptoras poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da compensación de gastos obxecto de reintegro.
Esta devolución efectuarase mediante o ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro.
Artigo 20. Obrigas das persoas perceptoras, seguimento e control
1. As persoas perceptoras destas compensacións de gastos teñen as seguintes obrigas:
– Someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Así mesmo, quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
– Comunicar os cambios de domicilio familiar da alumna ou alumno perceptor que se produzan durante o período de vixencia destas compensacións de gastos.
– Utilizar a compensación de gastos para o concreto destino para a que foi concedida.
– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade ao último pagamento.
– No caso de solicitar e obter a compensación de gastos da tipoloxía 3 pola utilización de vehículos do servizo de taxi ou VTC, respectivamente, conservar as facturas do servizo de taxi para a súa presentación no caso de que lle sexan requiridas no exercicio dos controis que puidesen establecerse para verificar a súa existencia.
– Para o caso das compensacións de gastos de tipo 3, as persoas titulares da licencia de taxi ou VTC deberán estar ao día no pagamento á Seguridade Social, no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT e no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.
2. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das compensacións.
3. Ademais do anterior, as compensacións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.
Artigo 21. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IF306A, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal) e no portal da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/portada).
Artigo 22. Réxime de recursos
Contra esta orde poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
