O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que, en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto, que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia. Este mesmo artigo indica que a consellería con competencias en materia forestal establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto.
A Orde do 5 de xuño de 2026 pola que se determina a época de perigo alto de incendios durante o ano 2026 (DOG núm. 108, do 11 de xuño) establece que «se declaran como época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2026 as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro».
Así mesmo, na disposición derradeira primeira da dita orde, facúltase o director xeral de Defensa do Monte para ditar cantas instrucións sexan precisas para modificar as ditas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.
Con base no anteriormente exposto,
DISPOÑO:
Que, debido ás actuais condicións meteorolóxicas, se amplíe a época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2026 nas datas comprendidas entre o 1 e o 15 de outubro.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026
Manuel Francisco Gutiérrez
Director xeral de Defensa do Monte
