DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Venres, 25 de setembro de 2026 Páx. 50271

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de setembro de 2026 pola que se regulan os prezos privados aplicables ao curso Diplomado en Saúde Pública por parte da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

A Dirección Xeral de Saúde Pública convoca a realización do curso «Diplomado en Saúde Pública» a través da Escola Galega de Saúde Pública e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, acreditado pola Escola Nacional de Sanidade, cuxo obxectivo é proporcionar ao persoal profesional da saúde un coñecemento máis profundo das diversas disciplinas da área da Saúde Pública e dar a coñecer os instrumentos imprescindibles que se utilizan para a interpretación, control e avaliación dos problemas de saúde.

Ben que as actividades formativas programadas pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde son gratuítas, para este curso de «Diplomado en Saúde Pública» considérase aconsellable o establecemento de cotas de inscrición que contribúan a soportar os custos da actividade formativa debido á súa alta demanda, ao seu alto nivel de especialización e ao seu elevado custo financeiro.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que «son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos a que se refire o artigo 3 da lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestando tamén tales servizos ou actividades o sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

Así mesmo, o artigo 51 da citada lei dispón que «os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen e publicaranse no Diario Oficial de Galicia».

En consecuencia, vista a proposta formulada pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento dun prezo privado para a realización do curso «Diplomado en Saúde Pública» segundo o disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O curso diríxese preferentemente a aqueles/as profesionais con interese na saúde pública, que prestan servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia, ou pretenden acceder a el.

Artigo 3. Procedemento do prezo privado

1. A contía da matrícula do curso «Diplomado en Saúde Pública» é de 800,00 € (oitocentos euros), sendo exixible anticipadamente á realización do curso, dentro do prazo e nas condicións que se establezan en cada convocatoria.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade de dereito público, polo que, conforme o artigo 20.1.9 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, todas as súas actividades de formación e reciclaxe profesional están exentas de IVE.

3. O prezo da matrícula deberá pagarse seguindo algún dos procedementos para pagamento de taxas e prezos aceptados, no momento de efectuar o pagamento, pola Oficina Virtual Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte (20) días da súa completa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade