BDNS (Identif.): 931165.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/931165
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes entidades, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Confrarías de pescadores.
b) Organizacións de produtores pesqueiros.
c) Entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro.
d) Entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas sinaladas na letra a).
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA), para a adquisición de equipamentos necesarios para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sostibles (código de procedemento PE209R).
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 15 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para equipamentos destinados á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sostibles (código de procedemento PE209R).
Cuarto. Contía
Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de catro millóns de euros (4.000.000 de €) na presente anualidade, con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.723A.770.0, código de proxecto 2026 107, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
