A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, de, entre outras materias, a adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.
Así mesmo, o Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021 polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, recolle no artigo 3, e dentro do antedito obxectivo político, que o FEMPA contribuirá á prioridade 1 da Unión Europea (UE), relativa a fomentar unha pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos. Dentro desta prioridade regúlase no artigo 14 o obxectivo específico 1.6 de contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Incluída neste obxectivo específico está o tipo de actividade «1.6.1 Medidas de protección do medio mariño». Ademais, o apoio no marco FEMPA contribuirá á consecución dos obxectivos medioambientais e de mitigación do cambio climático.
Mediante a Decisión de execución da Comisión do 29 de novembro de 2022 aprobouse o programa para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución das prioridades e obxectivos do FEMPA en España mediante investimentos destinados a fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos.
O litoral galego conta cunha abundante relación de hábitats naturais diversos que acollen unha rica representación de flora e fauna. A elevada variedade tradúcese nunha importante diversidade biolóxica mariña. A rede de espazos naturais protexidos ocupa o 13 % do territorio de Galicia. En particular, a Rede Natura 2000 suma 59 zonas especiais de conservación (ZEC) e 16 zonas de especial protección de aves (ZEPA). Ademais destes espazos, existen zonas de especial interese marisqueiro caracterizadas pola súa alta sensibilidade e pola difícil recuperación do seu equilibrio físico e ecolóxico.
Nos espazos e zonas mencionados, a xestión sustentable dos recursos marisqueiros enmárcase en plans de explotación e xestión, en que se desenvolven medidas que melloran a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos. Porén, para garantir a viabilidade económica, social e ambiental do sector é preciso realizar actuacións dirixidas á conservación e á recuperación dos hábitats e da biodiversidade. Estas actuacións tamén contribúen a acadar os obxectivos da Directiva marco sobre estratexia mariña (DMEM), trasposta ao ordenamento xurídico español pola Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.
Durante o primeiro trimestre de 2026 produciuse un episodio de choivas torrenciais durante un longo período de tempo, o que provocou a afectación de moitos bancos marisqueiros polo descenso de salinidade, coa consecuente mortaldade de moluscos bivalvos.
O obxecto da presente orde é promover a adquisición de medios materiais para conseguir a recuperación e o correcto funcionamento destes espazos de interese pesqueiro e contribuír a unha mellor xestión e conservación dos recursos biolóxicos mariños, incluídas as actividades destinadas á redución da contaminación física e química, as medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e a fauna ou as actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación destes hábitats e especies, e que se centren en hábitats costeiros de importancia para a reprodución dos organismos mariños.
Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos, ao se focalizar na protección e na recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, non xerar un valor para a empresa e non buscar un maior valor na prestación dos servizos. Os proxectos velan polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, evitando os riscos de producións excedentarias e de sobreexplotación, e as operacións caracterizaranse polo seu interese e beneficio colectivos.
Para lograr o adecuado desenvolvemento dos citados fins cómpre impulsar determinadas medidas que emprendan os coxestores dos recursos mariños mediante subvencións coma as previstas na presente orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance ca as medidas que emprenden normalmente e que contribúan á consecución dos obxectivos específicos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, punto 1. As posibles beneficiarias das subvencións serán as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
Coa finalidade de acadar estes obxectivos dítase a presente orde, a través da cal se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo FEMPA, para equipamentos destinados á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.
Na súa virtude, e no uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, cofinanciados polo FEMPA, para a adquisición de equipamentos necesarios para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables (código de procedemento PE209R).
Artigo 2. Marco normativo
Para o outorgamento e execución destas axudas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:
• Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.
• Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.
• Programa FEMPA aprobado pola Decisión da Comisión de aprobación do Programa FEMPA en España (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.
• Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1296/2013, (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013, (UE) 1304/2013, (UE) 1309/2013, (UE) 1316/2013, (UE) 223/2014 e (UE) 283/2014 e a Decisión 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) 966/2012.
• Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.
• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
• Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
• Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
• Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.
• Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
• Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
• Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
• Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA (documento consolidado de xuño de 2023).
• Calquera outra norma da Unión Europea, ou normativa nacional ou autonómica, vixentes que poidan resultar de aplicación.
Artigo 3. Financiamento
1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMPA 2021-2027, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dotadas con fondos do FEMPA (Prioridade 1 Fomentar unha pesca sostible e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos. OE1.6 Contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos. Tipo de actividade 1.6.1 Medidas de protección do medio mariño).
2. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de catro millóns de euros (4.000.000 de €) na presente anualidade con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.723A.770.0, código de proxecto 2026 107, na cal existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
O detalle da distribución do crédito é o seguinte:
|
Aplicación orzamentaria |
Código de proxecto |
Anualidade 2026 |
Total |
|
16.03.723A.770.0 |
2026 107 |
4.000.000 de € |
4.000.000 de € |
3. Os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, respectando sempre o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
En todo caso a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son o 70 % con fondos FEMPA e o 30 % con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as seguintes entidades, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Confrarías de pescadores.
b) Organizacións de produtores pesqueiros.
c) Entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector pesqueiro.
d) Entidades sen ánimo de lucro integradas exclusivamente polas sinaladas na letra a).
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) As sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As incursas nas circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) As que se atopen nalgún dos supostos establecidos nos apartados 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.
d) As que non cumpran coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58, ou coas obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas na sección 3ª do capítulo IX, do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do propio decreto.
3. As entidades sinaladas no punto primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades (proxecto conxunto). Neste último caso deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos lle corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que lle corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse unha entidade representante ou apoderada única da agrupación –que será unha das entidades que a constitúen– con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de entidade representante ou apoderada única, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.
4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as entidades beneficiarias integradas nela en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou ben solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada unha delas.
5. A agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8.3, parágrafo segundo, da propia lei.
Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias deberán:
a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión de subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou na demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.
b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as que se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.
c) Fornecer e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas, incluídos os datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa, para poder dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) 2021/1139, e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude establecidas nos puntos 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139 durante todo o período de execución da operación, así como durante un período de cinco (5) anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario.
En caso de incumprimento neste período recuperarase a axuda concedida, de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) 2021/1139 e co artigo 103 do Regulamento (UE) 2021/1060.
En caso de se detectaren infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida, de conformidade co Regulamento (UE, Euratom) 2024/2509 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de setembro de 2024, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (versión refundida).
e) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74.1.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados, para o caso de reembolso de custos, consonte o artigo 53, punto 1, letra a) (custos reais).
f) Asegurarse de que todos os documentos xustificativos relacionados coas operacións que reciban axuda se conserven do xeito adecuado durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o derradeiro pagamento ao beneficiario. Esta documentación deberase poñer á disposición do organismo concedente da axuda.
Os rexistros e os documentos conservaranse en forma de orixinais ou en forma de copias de orixinais, ou ben en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais se os ditos documentos cumpren cos requisitos legais para poderen ser considerados equivalentes a orixinais e fiables para os efectos de auditoría.
g) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060, para o cal:
1º. Se o beneficiario dispón de web e redes sociais, nestas aparecerá unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda e cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da UE.
2º. En documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación destinados ao público ou a participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda da UE.
3º. No caso de operacións que teñan un custo total superior a 100.000 €, instalarán placas ou valos publicitarios en lugares ben visibles ao público en que apareza o emblema da UE, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060, tan pronto como comece a execución física da operación que implique investimento físico ou na cal se instalen equipamentos adquiridos.
4º. Para operacións non incluídas no punto 3º, exhibirán nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3, ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, destacando a axuda do FEMPA. Cando o/a beneficiario/a sexa unha persoa física, na medida do posible destacará a axuda do FEMPA nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.
En calquera actuación incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.
O emblema da Unión empregarase, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060, cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.
h) Facer mención á orixe do financiamento e velar por darlle visibilidade, en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) 2021/1139.
i) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do programa e da Comisión Europa.
j) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.
l) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, se for o caso.
m) Fornecer e actualizar a información relativa ao proxecto. Por iso, en consonancia co artigo 47 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, as entidades beneficiarias notificarán os valores dos indicadores de resultados pertinentes unha vez finalizada a operación e, todo o máis tarde, con ocasión da solicitude do derradeiro pagamento.
n) Colaborar coas distintas autoridades implicadas na xestión e no seguimento do FEMPA.
o) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
p) Acreditar, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
q) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.
r) No caso de subvencións de importe superior a 30.000 €, cando as entidades beneficiarias sexan persoas físicas ou xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro e estean suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, acreditar o cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na citada lei, nos termos previstos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao interesado.
Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención
1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, os equipamentos para proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños.
Serán subvencionables as seguintes actuacións:
a) Adquisición de vehículos tractores para a realización de tarefas de rexeneración.
b) Adquisición de elementos remolcadores para remoción e aradura en zonas de produción de moluscos.
c) Motocultores ou elementos de aradura mecánicos.
2. Non serán obxecto de subvención aquelas adquisicións que non teñan unha xustificación da necesidade do seu uso en proxectos de rexeneración ou en proxectos que non sexan tecnicamente viables.
3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinarias nas zonas de actuación propostas no proxecto.
Artigo 7. Gastos subvencionables
1. Poderán concederse subvencións para os gastos de adquisición de equipos mecánicos tractores e de material necesario para desenvolver as accións de rexeneración nos bancos marisqueiros, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior.
2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos pola entidade perceptora da subvención e que se axusten aos seguintes requisitos xerais:
a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou proxecto.
b) Que fosen pagados pola entidade beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.
c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.
d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.
e) Que sexan identificables e verificables, e en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.
f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.
g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e á relación custo/eficacia.
3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026, sen prexuízo do que establezan as resolucións de concesión das axudas. Porén, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMPA se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que a entidade beneficiaria presente a solicitude da axuda; para estes efectos, será necesario elaborar unha acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos materiais con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente. A elaboración da acta de comprobación previa en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.
4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 do novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención, segundo establece o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar canda a xustificación ou, se for o caso, canda a solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e a dita elección deberase xustificar expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
5. No caso de adquisición de bens inventariables, as entidades beneficiarias deberán destinalos ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un período mínimo de dous anos, de conformidade co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, o período mínimo de destino será de cinco (5) anos.
Artigo 8. Gastos non subvencionables
Non serán subvencionables os gastos relativos a:
a) Alugamentos.
b) Adquisición de terreos e inmobles.
c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.
d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.
e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.
f) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.
g) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.
h) Imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto:
1º. Para as operacións cuxo custo total sexa inferior a 5 millóns de euros (IVE incluído).
2º. Para as operacións cuxo custo total sexa de, polo menos, 5 millóns de euros (IVE incluído), cando este non sexa recuperable consonte a lexislación nacional sobre o IVE.
i) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipos, elementos auxiliares, ou calquera outro tipo de bens, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizara con axudas públicas durante os cinco (5) anos inmediatamente anteriores á solicitude.
j) Custos indirectos.
k) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.
Artigo 9. Importes e intensidade da axuda
1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 41. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias. Se o importe das solicitudes presentadas supera o crédito orzamentario asignado a esta convocatoria, a intensidade da axuda poderase axustar a estas limitacións orzamentarias, respectando en todo caso os principios da concorrencia competitiva.
A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número coma en canto á súa valoración ou á súa necesidade.
2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida, e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.
3. Manterase a axuda, pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, na mesma proporción.
4. O importe máximo subvencionable por proxecto será de 200.000 € (sen IVE).
Artigo 10. Compatibilidade da axuda
1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin do mesmo fondo conforme un programa ou medida diferentes, e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.
2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os referidos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.
Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes, de resolución e de execución
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Enténdese como último día do prazo o correspondente ao mesmo día cardinal do día da publicación, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, enténdese que o prazo expira o último día de mes. No caso de que o último día sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de dous (2) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución dará lugar a que os interesados poidan entender desacollida a súa solicitude por silencio administrativo.
3. De non se esgotar o crédito orzamentario, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 21.2 desta orde.
4. Nesta convocatoria considéranse subvencionables os gastos realizados e facturados dentro do período de execución, sempre que se xustifique o seu pagamento nos prazos e consoante o sinalado no artigo 26. O prazo máximo de execución será ata o 30 de novembro de 2026.
5. Cada entidade solicitante non poderá presentar máis dunha solicitude; de presentar máis dunha, só se terá en conta a primeira segundo a orde de entrada no Rexistro da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e declaracións responsables
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente requiriráselle que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fora realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que esta contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:
a) Que cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Que non se atopa en ningún dos supostos establecidos nos puntos 1, letras a) e b), e 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo, é dicir:
1º. Que non cometeu infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) 1005/2008, do 29 de setembro, ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) 1224/2009, do 20 de novembro.
2º. Que non estivo involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR da Unión a que fai referencia o artigo 40.3 do Regulamento (CE) 1005/2008, do 29 de setembro, ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.
3º. Que non cometeu infraccións graves da política pesqueira común (PPC).
4º. Que non cometeu fraude, tal e como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou FEMPA, nin así o determinou a autoridade competente.
c) Que non foi sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e no título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
d) Que cumpre coas obrigas establecidas nos artigos 55 e 58, ou coas de constitución dos órganos reitores recollidas na sección 3ª do capítulo IX, do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do propio decreto.
e) Que non é unha empresa en crise segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).
f) Que comunica o conxunto de todas as solicitudes formuladas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.
g) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, consonte o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
h) Declaración responsable de que a operación non está materialmente concluída nin foi executada integramente con anterioridade á presentación da solicitude de axuda.
i) A condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.
2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. Se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.
Artigo 13. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar canda a solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da personalidade:
a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo cal se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Esta certificación non será necesaria se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos da entidade e así se indica na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
a.2) Se a entidade solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.
b) Memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado ao que se van a destinar os equipamentos e a súa necesidade, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración conforme os criterios establecidos no artigo 18 desta orde.
Esta memoria deberá conter, polo menos:
b.1) Descrición das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos dous anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.
b.2) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e dos obxectivos perseguidos.
b.3) Descrición das accións que se pretende acometer.
b.4) Información relativa aos indicadores de resultados conforme o previsto no artigo 47.1 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.
b.5) Datos complementarios necesarios para a valoración do proxecto.
Para a elaboración desta memoria do proxecto deberá utilizarse como modelo o «Modelo A: Memoria do proxecto PE209R», que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos/fempa
c) Orzamento detallado de cada unha das adquisicións, no cal o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).
Se for o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.4 desta orde.
2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, os interesados deberán achegar coa solicitude o anexo III («Declaración de financiamento do proxecto e declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións e comprobación de datos») e a documentación adicional que nel se especifica:
a) Acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
b) Distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
c) Documentación sinalada nas alíneas a.1), a.2), b.1) e b.2) do punto 1 deste artigo por cada un dos solicitantes. A documentación referida nas alíneas b.1) e b.2) débese incluír na memoria do proxecto técnico ou anteproxecto valorado.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que o emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que realizara a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) NIF da entidade solicitante (anexo I).
h) NIF da entidade declarante (anexo III).
i) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
No caso de solicitudes conxuntas, esta consulta realizarase para cada una das entidades.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos acreditativos correspondentes.
Artigo 15. Emenda da solicitude
1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. En caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, con indicación de que se así non o fixeren se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor de conformidade co disposto no artigo 5.2 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas á Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderalle requirir á entidade solicitante que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.
Artigo 16. Órganos de instrución, xestión e resolución
1. A tramitación, instrución e xestión dos expedientes será realizada polo Servizo de Xestión de Proxectos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.
O órgano instrutor elevará ao órgano concedente as propostas de inadmisión das solicitudes en que:
• A entidade solicitante non poida ser beneficiaria da axuda, xa sexa por incumprir o sinalado no número 1 do artigo 4, xa sexa por concorrer nela algunha das circunstancias recolleitas no número 2 do mesmo artigo.
• O proxecto presentado se atope na situación sinalada no artigo 6.2.
• A totalidade das accións solicitadas non sexan obxecto de subvención conforme o establecido no artigo 6.3.
Estas solicitudes xa non pasarán á fase de avaliación.
Tamén elaborará e presentará á Comisión de Avaliación un informe de cualificación das solicitudes sobre o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases reguladoras.
2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.
Artigo 17. Comisión de Avaliación
1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos artigos 18, 19 e 20. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.
2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:
– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.
– Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada un dos departamentos territoriais da Consellería do Mar, designadas pola presidencia.
– Un dos vogais da Comisión exercerá a secretaría desta.
En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidencia.
A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.
3. A Comisión de Avaliación terá a condición de órgano colexiado e o seu funcionamento rexerase segundo o recollido no título I, capítulo I, sección 3ª, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 18. Criterios de elixibilidade e avaliación
Conforme o sinalado no documento «Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA», para a valoración das solicitudes utilizaranse catro categorías de criterios de selección: xerais; horizontais ambientais e sociais; específicos de viabilidade técnica; e, por último, específicos por tipo de actividade. O peso atribuído a cada categoría de criterios para establecer a orde de prelación e a selección de proxectos será o seguinte:
|
Categoría dos criterios de selección |
Peso |
|
Xerais |
30 % |
|
Horizontais ambientais e sociais |
20 % |
|
Específicos de viabilidade técnica |
20 % |
|
Específicos do tipo de actividade |
30 % |
A fórmula para o cálculo do valor da puntuación de cada categoría de criterios será a seguinte:
a) Criterios de selección xerais:
Vsx= (Po sx/Pmax sx) × 30
b) Criterios de selección horizontais:
Vsh= (Po sh/Pmax sh) × 20
c) Criterios de selección específicos de viabilidade técnica:
Vsvt= (Po svt/Pmax svt) × 20
d) Criterios de selección específicos do tipo de actividade:
Vsta= (Po sta/Pmax sta) × 30
Onde:
Vsx, Vsh, Vsvt e Vsta sería o valor dos criterios de selección xerais, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.
Po sx, Po sh, Po svt e Po sta sería a puntuación obtida da operación subvencionable dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.
Pmax sx, Pmax sh, Pmax svt e Pmax sta sería a puntuación máxima dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.
Para ter en conta a ponderación, os criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade multiplicaríanse por 30, 20, 20 e 30 respectivamente.
Unha vez obtidas as valoracións de cada un dos criterios sinalados, para calcular a puntuación final (PF) de cada proxecto empregaríase a seguinte fórmula:
PF= Vsx + Vsh + Vsvt + Vsta
Artigo 19. Criterios de selección xerais
1. Os criterios de selección xerais aplicaranse a todas as actuacións. Teñen por obxecto asegurar que as operacións elixibles vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no Programa do FEMPA para España.
A puntuación máxima dunha operación neste apartado será de 10 puntos.
O seu detalle é o seguinte:
1.1. Contribución á estratexia, DAFO e tipo de actividade do programa (0-6 puntos).
En relación coa puntuación global, debe obter como mínimo un punto en cada un dos subcriterios; por iso, o valor mínimo para unha operación financiable particular debe acadar un mínimo de 3 puntos e un máximo de 6.
1.1.1. Adecuación á estratexia (0-2 puntos).
Comprobarase se a actuación está prevista na estratexia de acordo coas liñas descritas no apartado 1 do Programa do FEMPA para España, e se é unha operación da «lista de operacións de importancia estratéxica» (apéndice 3 do Programa do FEMPA para España).
Unha operación que non encaixa coa estratexia no marco do FEMPA obterá neste subcriterio unha puntuación de «0» e, polo tanto, non será financiable.
1.1.2. Adecuación á DAFO (0-2 puntos).
Revisarase se a operación achega, contribúe ou recolle algún dos aspectos da DAFO da ficha nº 19 («Medidas de protección do medio mariño») dos criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA.
No caso de que se mencione de forma expresa unha necesidade da DAFO, poderase outorgar a máxima puntuación.
1.1.3. Adecuación ao tipo de actividade (0-2 puntos).
Comprobarase que a actuación estea recolleita no tipo de actividade da ficha nº 19 sinalada anteriormente, na medida en que as liñas xerais do programa non son unha listaxe exhaustiva das accións que se poden levar a cabo neste tipo de actividade e o apoio do documento de criterios de selección.
1.2. Contribución aos indicadores de resultado (0-2 puntos).
Neste criterio xeral valorarase a contribución da operación aos indicadores de resultado correspondentes.
De acordo co programa, todos os tipos de actividade teñen asociado, polo menos, un indicador de resultado. Polo tanto, terase en consideración, por defecto, que todas as operacións contribuirán aos indicadores de resultado. Non obstante, existen algún tipos de actividade que poden contribuír a dous ou máis indicadores de resultado.
1.3. Contribución a plans e programas (0-2 puntos).
Nesta epígrafe avaliarase o grado de adecuación da operación a plans, políticas ou compromisos nacionais e internacionais, así como a aqueles plans ou programas autonómicos, rexionais e/ou locais relacionados.
Os de ámbito nacional e internacional poderán ser os sinalados, de xeito indicativo, no documento «Criterios de selección para a concesión de axudas do Programa do FEMPA».
2. A aplicación dos criterios xerais de valoración das operacións ten carácter obrigatorio e servirá para determinar se a operación é apta/non apta para ser cofinanciada polo FEMPA, e, polo tanto, por esta convocatoria de axudas.
Os proxectos que non acaden unha puntuación superior a 4 puntos nos criterios de selección xerais serán considerados non aptos e quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, a súa valoración específica.
Artigo 20. Criterios de selección horizontais e específicos
1. Unha vez aplicados os criterios de selección xerais, a Comisión de Avaliación procederá á valoración dos proxectos considerados aptos segundo os criterios de selección horizontais e específicos, salvo que exista crédito suficiente na convocatoria para atender todos os gastos subvencionables neses proxectos.
2. Criterios de selección horizontais ambientais e sociais (0-4 puntos).
Valorarase cada un dos bloques (ambiental e social) tendo en conta a cantos dos apartados de cada criterio dá resposta o proxecto.
O seu detalle é o seguinte:
2.1. Aspectos ambientais (0-2 puntos).
Este apartado valorarase, en todo caso, cun máximo de 2 puntos. Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:
2.1.1. Contribución a espazos con figuras de protección ou a plans de conservación e/ou recuperación (parque nacional, zona de especial conservación, Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas, reservas de interese pesqueiro, etc.) da superficie afectada, así como á afectación positiva e/ou recuperación de especies protexidas, vulnerables ou sobreexplotadas integradas en plans de xestión e ao control e erradicación de especies exóticas invasoras (0-1 puntos).
2.1.2. Relación coas estratexias mariñas e contribución ao bo estado ambiental dos ecosistemas acuáticos (0-1 puntos).
2.1.3. Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos (0-1 puntos).
2.2. Aspectos sociais (0-2 puntos).
Os aspectos que se valorarán serán os seguintes:
2.2.1. Afección do proxecto á pesca costeira artesanal (0-1 puntos).
2.2.2. Interese colectivo do proxecto (0-1 puntos).
3. Criterios de selección de viabilidade técnica (0-13 puntos).
O seu detalle é o seguinte:
3.1. Criterios de viabilidade técnica (0-13 puntos).
3.1.1. Relevancia e necesidade do proxecto (0-3 puntos).
3.1.1.a. Relevancia do proxecto. Valorarase se o investimento é de importancia xeral para as zonas obxecto do proxecto (0-1 puntos).
3.1.1.b. Necesidade do proxecto: valorarase se o obxectivo do proxecto comprende accións de mellora dunha área cunha problemática importante en relación co obxecto desta orde no ámbito da entidade solicitante. Se hai constatación da problemática nos dous (2) últimos anos: 1 punto; se hai constatación da problemática nun período de máis de dous anos: 2 puntos.
3.1.2. Calidade, detalle e coherencia da memoria do proxecto, orzamento e cronograma, así como a calidade científico-técnica do proxecto cando sexa pertinente (0-6 puntos).
3.1.3. Concreción dos obxectivos do proxecto (0-1 puntos).
Valorarase se se concretan axeitadamente os obxectivos do proxecto na memoria.
3.1.4. Traxectoria e capacidade técnica e de xestión do beneficiario (0-3 puntos).
3.1.4.a. Traxectoria do beneficiario. Valorarase a execución do proxecto ou proxectos en que participou a entidade dentro do procedemento PE209R no período 1.1.2024 a 31.12.2025. Para o efecto calcularase a porcentaxe de axuda xustificada con respecto á que se lle concedeu inicialmente (0-1 puntos).
3.1.4.b. Capacidade técnica do beneficiario. Valorarase se o solicitante ten persoal técnico suficiente para o desenvolvemento das actividades sinaladas nas bases reguladoras desta axuda e na memoria do proxecto que presenta (0-1 puntos).
3.1.4.c. Capacidade de xestión do beneficiario. Valorarase se o solicitante goza da infraestrutura administrativa e do equipamento necesario para levar a termo o proxecto presentado con suxeición ás bases reguladoras da convocatoria (0-1 puntos).
4. Criterios específicos dos tipos de actividade (0-5 puntos).
Dentro deste criterio valoraranse os seguintes aspectos:
4.1. Coordinación entre distintos participantes (0-3 puntos).
Valoraranse con 0 puntos as actuacións solicitadas en que participe unha única entidade, con 1 punto aquelas en que participen 2 entidades e con 3 puntos aquelas en que participen 3 ou máis entidades.
4.2. Especies ás que afectan os plans de xestión e explotación (0-2 puntos).
Valoraranse con 0 puntos os proxectos que non afectan a ningunha especie autóctona, con 1 punto os que afectan a unha especie autóctona e con 2 puntos os que afectan a dúas ou máis especies autóctonas.
Artigo 21. Proposta de resolución
1. Logo de deliberación, a presidencia da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente unha proposta de resolución que indicará, de xeito individualizado, os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.
2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola Comisión, non acadaron a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 3.3, emitirase unha nova proposta na cal se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.
3. A Comisión de Avaliación poderá:
– Propoñer a non concesión ou a minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a Comisión de Avaliación poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, sendo por conta do beneficiario os gastos que se ocasionen.
– Establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable.
Artigo 22. Resolución
Á vista da proposta de resolución, e tras a preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá unha resolución motivada en que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas. Esta resolución deberase ditar dentro do ano orzamentario 2026.
Artigo 23. Aceptación
No prazo de cinco (5) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou renuncia da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non o faceren, entenderase tacitamente aceptada.
A aceptación da axuda sexa de forma tácita ou expresa, implicará:
a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do FEMPA, consonte o sinalado no artigo 49, puntos 3 e 5, do Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño.
b) A autorización do uso de materiais de comunicación e visibilidade da UE, logo de solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoña custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa para os beneficiarios nin para os órganos xestores.
Artigo 24. Recursos
1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso; ou ben recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.
Artigo 25. Modificacións
1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento coma ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste con anterioridade á súa realización e antes de rematar o prazo de xustificación correspondente.
2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
3. Non se poderá aprobar ningunha modificación que implique unha minoración de máis do 50 % da axuda concedida.
Artigo 26. Pagamento anticipado
Mediante resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude das persoas interesadas, poderase autorizar un anticipo de ata o 90 % da subvención concedida, cando o investimento exixa pagamentos inmediatos. A solicitude de anticipo deberase presentar no prazo de quince (15) días hábiles desde a notificación da resolución de concesión.
Os pagamentos anticipados non estarán suxeitos á prestación de garantía, de acordo co artigo 27 desta orde.
O pagamento do anticipo terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación quedará condicionada á execución das actividades obxecto da axuda e á presentación da correspondente documentación xustificativa. En caso de incumprimento, procederá o reintegro nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 27. Garantías
Os pagamentos anticipados previstos nesta orde non estarán suxeitos á constitución de garantías por parte das entidades beneficiarias, de conformidade co disposto nos artigos 65.2 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tras autorización do Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 28. Xustificación e pagamento
1. Os gastos correspondentes poderanse xustificar ata o 15 de decembro de 2026, salvo que as resolucións de concesión das axudas establezan unha data distinta.
2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:
a) Xustificación de ter realizadas as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:
No pagamento proporcionarase información sobre os indicadores de resultados, conforme o previsto no artigo 47.1 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.
Deberá utilizarse como modelo o modelo B: avaliación final PE209R, que se pode consultar na páxina web https://mar.xunta.gal/gl/o-sector/proxectos-colectivos da Consellería do Mar.
a.1) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.
a.2) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.
a.3) Comprobantes bancarios correspondentes aos pagamentos efectuados que xustifiquen a efectiva realización dos gastos e, se é o caso, importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.
a.4) No caso de que a entidade beneficiaria sexa unha empresa, declaración responsable de que os gastos subvencionables derivados de operacións comerciais foron aboados dentro dos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que resulte de aplicación ou, na súa falla, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) No caso de opoñerse expresamente á súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT, no pagamento á Seguridade Social e no pagamento de débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.
d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.4 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitados o beneficiario.
e) Documentos de concesións, autorizacións, permisos ou licencias para levar a cabo os investimentos.
f) No caso de adquisición de bens inventariables, documentación acreditativa da súa adquisición e da súa afectación ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso antes do pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.
4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda coma aos xustificantes de gasto presentados. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá comunicar, cun mínimo de 48 horas de antelación, a realización das actividades subvencionadas ao servizo correspondente da Consellería do Mar.
5. O importe do pagamento non poderá superar o 100 % do total da subvención concedida, e quedará condicionado á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. En caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. No caso de que o beneficiario teña a condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará a documentación relacionada co proceso de contratación.
Artigo 29. Reintegro
1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teñan dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.
De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, do 13 xuño, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.1.b) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan incompatibles, dará lugar ao reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.1.b) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de mora, conforme o establecido no artigo 23 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.1.g) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.
d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou dunha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 5.1.e), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.
2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no título V do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 30. Infraccións e sancións
As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 31. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 32. Publicidade
1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, as entidades beneficiarias, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.
2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal) a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas.
3. As subvencións figurarán no Rexistro Público de Subvencións a que fai referencia o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 33. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 34. Transparencia e bo goberno
1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, todas as persoas físicas e xurídicas distintas das indicadas no artigo 3.1 desa mesma lei que presten servizos públicos ou exerzan potestades administrativas están obrigadas a subministrarlle á Administración, organismo ou entidade dos previstos no citado artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aqueles das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 35. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados, total ou parcialmente, con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude, da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web
http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf
Disposición adicional primeira
En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2.
Disposición adicional segunda
Facúltase á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
