A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.
A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) participa como socia no proxecto europeo EXOCARE_GNP, destinado ao fomento dunha estratexia conxunta para a mobilidade asistida abordando unha problemática que afecta o sector coidados nesta eurorrexión, onde hai elevados índices de envellecemento e as persoas coidadoras desempeñan un papel esencial, a través do desenvolvemento de solucións tecnolóxicas asistenciais e a transferencia de coñecementos. A duración do proxecto abrangue desde o 1 de xullo de 2025 ata o 31 de decembro de 2028.
Resumo do proxecto:
Título: Estratexia conxunta para a mobilidade asistida.
Acrónimo: EXOCARE_GNP.
Project ID: 0361_EXOCARE_GNP_1_E.
Coordinador: Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña.
Duración: 30 meses.
Orzamento total: 1.310.857,12 €.
Orzamento ACIS: 233.203,85 €.
Cofinanciamento EU: 75 %.
EXOCARE enmárcase no Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021-2027 e está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 75 %. Este proxecto, coordinado pola Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, conta coa participación de diversas entidades de Galicia e da rexión do norte de Portugal, entre as que figura a Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
O proxecto céntrase no colectivo das persoas coidadoras mediante o estudo da situación eurorrexional (problemática e recursos dispoñibles) e o desenvolvemento de accións formativas e de solucións asistenciais tecnolóxicas deseñadas para reducir os trastornos musculoesqueléticos derivados do esforzo físico efectuado na mobilización de pacientes. Ademais, co fin de democratizar o acceso ás solucións tecnolóxicas, desenvolverase un modelo de exoesqueleto de baixo custo que estará á disposición nun banco de acceso compartido, buscando solucións eficaces noutro tipo de iniciativas similares.
A Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de actuacións previstas e dotadas de orzamento.
Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), esta xerencia
RESOLVE:
Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto EXOCARE que se enmarca no Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021-2027, e aprobar as bases que rexerán o proceso.
As bases reguladoras do proceso indicado inclúense como anexo I desta resolución.
Para participar nesta convocatoria, as persoas interesadas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión
do Coñecemento en Saúde
ANEXO I
Bases da convocatoria
De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Estratexia conxunta para a mobilidade asistida (EXOCARE), que se enmarca no Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021-2027.
Primeira. Normas xerais
1.1. Número e características das prazas.
Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto EXOCARE, persoal laboral temporal (grupo I, categoría 4), cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no apartado 2.1.3 das presentes bases.
A persoa seleccionada traballará na execución e xestión do proxecto indicado e levará a cabo as funcións que se relacionan a continuación:
– Preparar, organizar e dinamizar reunións de coordinación, grupos de traballo, seminarios, obradoiros e encontros técnicos co resto das entidades socias e cos diferentes axentes implicados na execución do proxecto, participando activamente nas actividades desenvolvidas nos territorios participantes. Os idiomas de traballo serán galego, castelán e inglés.
– Elaborar, coordinar e revisar informes técnicos, documentos de traballo, publicacións, memorias e comunicacións relacionadas co desenvolvemento, resultados e impacto das actuacións realizadas, de acordo coa normativa, regulamentación e prácticas do proxecto europeo Interreg POCTEP.
– Desenvolver actividades de seguimento técnico e financeiro do proxecto, garantindo o cumprimento dos requisitos establecidos polo programa de financiamento e contribuíndo á definición e monitorización dos indicadores de execución e resultados.
– Coordinar a preparación da documentación xustificativa necesaria para acreditar a correcta execución técnica e financeira das actuacións desenvolvidas, así como a elaboración dos informes requiridos polas autoridades competentes do programa.
– Representar a ACIS nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que se realicen, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto.
– Deseñar e elaborar contidos de comunicación dirixidos aos distintos grupos de interese do proxecto, empregando medios dixitais, redes sociais e outras canles de difusión, de acordo cos criterios contidos nas normas de visibilidade, transferencia e comunicación do POCTEP.
– Contribuír á difusión dos resultados do proxecto e á preparación de informes de impacto e avaliación.
– Calquera outra función non definida aquí e considerada por ACIS relacionada coa execución do proxecto EXOCARE.
• Número de efectivos: 1.
• Lugar de realización: o lugar habitual de desempeño será Santiago de Compostela, sen perxuízo dos desprazamentos que resulten necesarios para a participación en reunións, xornadas, foros e demais eventos relacionados co proxecto, organizados nas rexións socias ou noutras localizacións determinadas polos socios.
• Centro directivo: Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, adscrita á Consellería de Sanidade, en Santiago de Compostela.
• Duración: a duración estimada é desde a súa formalización ata o 31 de decembro de 2028. Non obstante, a duración do contrato queda condicionada á existencia de financiamento adecuado e suficiente do proxecto EXOCARE.
De acordo co artigo 15 da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.
1.2. Retribucións.
As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente, de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, recollidas no anexo VII da Orde do 23 de xaneiro de 2026 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2026 (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro).
1.3. Modalidade de contrato.
A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo laboral temporal de duración determinada segundo o definido na disposición adicional quinta do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, cumprindo o establecido no Real decreto lei 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.
1.4. Incompatibilidades.
A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.
Segunda. Requisitos dos aspirantes
Para seren admitidas no proceso de selección, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.5, que deberá acreditarse no momento da contratación.
2.1.1. Nacionalidade.
a) Ter a nacionalidade española.
b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.
c) Ser nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores.
d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da devandita idade dependentes.
e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.
2.1.2. Idade.
Teren cumpridos dezaseis anos de idade e non superar a idade de xubilación forzosa.
2.1.3. Titulación académica.
– Estar en posesión dunha titulación de grao (ou equivalente) en Dereito ou Ciencias Políticas e da Administración.
– Nivel de inglés C1 ou equivalente, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no DOG e relacionada coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencias en idiomas de profesorado.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación para as persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.
2.1.4. Coñecemento do idioma galego.
Acreditar o coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.
2.1.5. Capacidade funcional.
Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.
2.1.6. Habilitación.
Non ser despedido/a mediante un expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.
No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ser sometido a unha sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.
Terceira. Presentación de solicitudes
De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais das posibles persoas candidatas seleccionadas polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen tomar parte no presente proceso selectivo deberán presentar a documentación que se sinala a continuación, tendo en conta que, no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:
a) Instancia, segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.
b) Currículum vítae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.
c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas, que no caso de se obteren no estranxeiro deberán estar homologadas en España.
d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 de inglés ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no DOG e relacionado coa orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.
e) Acreditación da experiencia profesional, mediante un informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e un certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración/empresa privada onde se desempeñaron os servizos, que inclúa a categoría e o período (con data de inicio e de fin do contrato) nos que estivo traballando a persoa aspirante e incluíndo no certificado a relación de proxectos e tarefas/actividades realizadas pola persoa traballadora co fin de comprobar se a actividade está relacionada coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea.
f) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias dos postos obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure neles o número de horas certificadas.
g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar unha fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.
h) Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, de 30 de xullo).
As persoas candidatas non terán a obriga de achegar a documentación acreditativa cando esta conste como validada (V) na Oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde.
O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para os efectos de notificacións e será responsabilidade exclusiva da persoa candidata tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do devandito domicilio.
Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán). No caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez, deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Se se trata de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.
A solicitude presentarase no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, 37-1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de presentar documentación acreditativa asinada electronicamente ou cando a devandita documentación conste como validada (V) na Oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde, a solicitude poderá presentarse en formato electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixíndoa á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es).
O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.
Para calquera aclaración ou información adicional, as persoas interesadas poderanse pór en contacto co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03 ou a través do enderezo electrónico xestion.acis@sergas.es
Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates
Para establecer a orde de prelación na puntuación das persoas aspirantes ás que lles corresponda a acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:
4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 18 puntos.
1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría á que se pretende acceder e tarefas similares/relacionadas coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea nos últimos cinco anos: 0,30 puntos ao mes.
2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións ou organismos públicos na mesma categoría á que se pretende acceder e relacionados coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea nos últimos cinco anos: 0,15 puntos ao mes.
3. Por cada mes de servizos prestados en empresas privadas e/ou outros organismos de carácter privado na mesma categoría e relacionados coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea nos últimos cinco anos: 0,10 puntos ao mes.
A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder dos 18 puntos.
Para que se teñan en conta, todos os méritos relativos á experiencia profesional terán que xustificarse documentalmente achegando obrigatoriamente a seguinte documentación:
– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración/empresa privada onde se desempeñaron os servizos, que inclúa a categoría e o período (con data de inicio e fin do contrato) nos que estivo traballando a persoa aspirante e incluíndo no certificado a relación de proxectos e tarefas/actividades realizadas pola persoa traballadora co fin de comprobar se a actividade está relacionada coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea.
– Informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/s de tempo alegados).
Para aquelas persoas candidatas que non acheguen ambos os dous documentos (certificado de tarefas e proxectos realizados e vida laboral), non se poderá ter en conta a experiencia profesional.
4.2. Formación académica relacionada: ata un máximo de 2 puntos.
– Pola titulación de máster de innovación, xestión e dirección, economía da saúde ou equivalentes relacionado co posto de traballo que se vai desenvolver (1 punto por cada máster relacionado).
– Pola titulación de doutor/a relacionada co posto de traballo que se vai desenvolver (1 punto).
4.3. Formación continua: ata un máximo de 3 puntos.
Por cada curso relacionado coas tarefas que se van desenvolver organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas ou da Administración xeral do Estado, universidades, SEPE, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFEDAP, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria. Para a valoración establécese a seguinte puntuación:
– Cursos de 15 horas ou máis e menos de 25 horas: 0,2 puntos por cada curso.
– Cursos de 25 horas ou máis e menos de 75 horas: 0,3 puntos por cada curso.
– Cursos 75 horas ou máis: 0,5 puntos por cada curso.
4.4. Coñecemento acreditado de idiomas oficiais da UE: ata un máximo de 2 puntos.
– Grao superior a Celga 4 no caso de idioma galego: 0,5 puntos.
– Equivalente ou maior a C2 no caso de idioma inglés: 1,5 puntos.
– Polo coñecemento doutros idiomas europeos: ata un máximo de 2 puntos:
• Equivalente ou menor a B1: 0,2 puntos por cada idioma.
• Equivalente a B2: 0,3 puntos por cada idioma.
• Equivalente a C1: 0,5 puntos por cada idioma.
• Equivalente ou maior de C2: 1,5 punto por cada idioma.
Para a valoración dos idiomas, deberase achegar un certificado de competencias lingüísticas expedido por un organismo oficial. Non se valorarán cursos de idiomas.
Todos os méritos para ter en conta neste proceso se valorarán con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria.
4.5. Entrevista persoal: ata un máximo de 2,5 puntos.
Consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación das persoas aspirantes.
Pasarán a esta segunda fase as persoas aspirantes que tivesen as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.
A entrevista versará sobre o currículum vítae das persoas aspirantes, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre as materias relacionadas co obxecto do proxecto.
Para realizar a entrevista, que poderá ser telemática, disporase dun tempo máximo de 15 minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,5 puntos.
De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se publica o resultado do sorteo ao que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
Malia o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.
Quinta. Tribunal de selección
A Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde nomea o tribunal cualificador deste proceso conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
Así mesmo, lémbrase que á Comisión de Selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.
Sexta. Admisión das persoas aspirantes e baremación dos méritos
6.1. Logo de que expire o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es) a relación provisional de persoas admitidas e excluídas para a praza obxecto desta convocatoria, así como as causas da súa exclusión.
Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, 37-1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de que as alegacións conteñan documentación acreditativa asinada electronicamente ou cando a devandita documentación conste como validada (V) na Oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde, as alegacións poderán presentarse en formato electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixíndoa á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
O acollemento ou desacollemento das devanditas reclamacións entenderase implícita na publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas.
6.2. O proceso constará de dúas fases:
Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de 25 puntos.
Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será de 2,5 puntos.
6.2.1. Primeira fase: o tribunal baremará provisionalmente os méritos alegados polas persoas aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.
Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.
As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, 37-1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de que as alegacións conteñan documentación acreditativa asinada electronicamente ou cando a devandita documentación conste como validada (V) na Oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde, as alegacións poderán presentarse en formato electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixíndoa á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
O acollemento ou desacollemento das devanditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.
6.2.2. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación das persoas aspirantes.
Pasarán a esta segunda fase as persoas aspirantes que tivesen as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.
A entrevista versará sobre o currículum vítae das persoas candidatas, as funcións que van desempeñar e os seus coñecementos sobre proxectos e políticas ou programas comunitarios relacionados coa I+D+i. Parte da entrevista poderá desenvolverse en inglés.
Para realizar a entrevista, disporase dun tempo máximo de 15 minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,5 puntos.
O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.gal/) os nomes das persoas convocadas a esta fase, o lugar, a data e a hora de realización da entrevista.
As persoas convocadas deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.
Unha vez que se realicen as entrevistas, o tribunal publicará na web https://acis.sergas.gal/ a listaxe coa puntuación provisional das persoas aspirantes.
Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da súa publicación.
6.3. Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva dos aspirantes que realizaron as dúas fases do proceso, que será elevada á Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas polo mesmo medio que as listaxes provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.
6.4. A primeira persoa aspirante da listaxe definitiva publicada será a candidata seleccionada para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria e deberá presentar no prazo de cinco días hábiles, desde que se faga pública a devandita listaxe, a seguinte documentación perante a Axencia:
− Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.
− Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.5.
− Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non que non foi separada do servizo de ningunha Administración pública en virtude dun expediente disciplinario nin de encontrarse inhabilitada por unha sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para os efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.6.
6.5. Se a persoa candidata seleccionada non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido ou presenta a súa renuncia á contratación para o posto para o cal foi seleccionada (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionada a seguinte persoa aspirante segundo a orde de prelación da listaxe, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior a documentación citada no punto 6.4. Procederase desta forma ata que unha persoa aspirante presente no prazo oportuno e validamente a súa documentación.
6.6. Logo de seleccionada a persoa candidata e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez que se comprobe que cumpre os requisitos exixidos, formalizarase a contratación obxecto da convocatoria.
6.7. Se ao longo da duración do proxecto se produce a baixa da persoa aspirante contratada, chamarase, para a cobertura do posto, a seguinte persoa aspirante segundo a orde de prelación da listaxe resultante desta convocatoria.
Sétima. Norma derradeira
7.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no apartado de avisos e tamén no de transparencia e bo goberno.
7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, malia seren de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polas persoas interesadas no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
