Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Valor Emprendedor, con domicilio en rúa Colón, número 37, 2º, 36201, Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 13 de abril de 2026, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Valor Emprendedor constituíuna Asesoría Estudio Emprendedor, S.L.U.; Marketing Plus, S.L.U.; e Jurídico Emprendedor, S.L.L., mediante escritura pública outorgada o 12 de xaneiro de 2026, ante o notario de Vigo, Fernando Olmedo Castañeda, co número de protocolo 44.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:
– «Promover e defender os intereses dos empresarios, autónomos e pequenas e medianas empresas no ámbito económico, social e legal.
– Facilitar a formación, capacitación e desenvolvemento profesional dos emprendedores, incluíndo programas de educación, obradoiros e cursos especializados.
– Impulsar e apoiar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación (I+D) vinculados á actividade emprendedora.
– Favorecer o establecemento de redes de contacto e colaboración (networking) entre emprendedores, investidores e entidades do sector empresarial.
– Asistir e orientar aos emprendedores en procesos financeiros, incluíndo acceso a axudas, subvencións, financiamento e outras fontes de recursos económicos.
– Promover un contorno económico baseado no libre comercio, a iniciativa privada e a eficiencia empresarial.
– Colaborar coas autoridades públicas e privadas para a mellora do marco lexislativo e fiscal que afecte os emprendedores, con especial atención a incentivos e reducións fiscais orientadas ao fomento da actividade emprendedora».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por Nicolás Rey González, como presidente; Marta Ramírez Fernández, como vicepresidenta; e Alberto Prieto Carrera, como secretario.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva da Fundación Valor Emprendedor, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva e a súa adscrición á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 15 de setembro de 2026,
DISPOÑO:
Clasificar de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva a Fundación Valor Emprendedor, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
