DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Mércores, 30 de setembro de 2026 Páx. 51009

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Tomiño

ANUNCIO de exposición pública dun acordo de aprobación inicial dun proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta.

De conformidade co disposto no artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, comunícase que o Concello de Tomiño, mediante a Resolución da Alcaldía do 24 de setembro de 2026, aprobou inicialmente o proxecto de expropiación forzosa para a mellora e ampliación do trazado viario municipal no lugar da Regueiriña, parroquia de San Martiño de Figueiró (Tomiño), datado en maio de 2026 e redactado por José Rodríguez Espiñeira, enxeñeiro técnico agrícola con número de colexiado 1.642 e pertencente á empresa Rodespi.

De igual forma, acordouse someter a información pública, por un período dun mes, o referido proxecto mediante a inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación da provincia, co fin de que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que xulguen convenientes, en particular no que atinxe á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos; así como tamén proceder á notificación individualizada, con traslado literal das follas de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, a todos os que aparezan como titulares de bens e dereitos no expediente, co fin de que poidan formular cantas alegacións e reclamacións consideren oportunas tanto con respecto ao expediente expropiatorio coma á fixación do prezo xusto, por idéntico prazo dun mes.

O prazo de información pública comezará a contar desde o día seguinte ao da inserción do anuncio no Diario Oficial de Galicia.

A relación de bens e dereitos afectados é a seguinte, incluíndose en todo caso o correspondente 5 % do premio de afección:

• Proxecto de expropiación forzosa: vía pública de orde municipal no lugar da Regueiriña, parroquia de San Martiño de Figueiró.

• Titular: Jesús Ferreira Vieira, con DNI ***4903**.

• Referencia catastral: 36054C510011410000DU.

• Localización: lugar da Regueiriña núm. 5, Figueiró.

• Clase/clasificación do solo: urbana/solo de núcleo rural.

• Superficie que se vai expropiar (m2): 56,00 m2. Edificación: non afecta.

• Observacións:

– Afección parcial da parcela pola súa parte sur, lindante coa vía pública.

– Non se coñecen cargas.

– Realízase medición da delimitación real da parcela lindante coa vía pública.

A folla do prezo xusto individualizado establece a seguinte valoración:

• Valor do solo: 1.960,98 €.

• Valor da construción: 11.055,55 €.

• Valor da expropiación: 13.016,53 €.

Tomiño, 24 de setembro de 2026

Sandra González Álvarez
Alcaldesa