DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Venres, 2 de outubro de 2026 Páx. 51147

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 23 de setembro de 2026 pola que se crea e se regula o Rexistro Galego de Persoas Centenarias.

A lonxevidade da poboación española e, concretamente, da galega constitúe un fenómeno de gran interese científico. De feito, os distintos informes que se publican ano tras ano constatan que España é un dos países do mundo cunha maior esperanza da vida, alcanzando, para o ano 2023 e segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, os 81,1 anos para os homes e os 86,3 para as mulleres.

Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, a esperanza de vida sitúase, no ano 2023, nos 80,92 anos para os homes e nos 86,89 para as mulleres.

En España existen aproximadamente cerca de 15.000 persoas centenarias distribuídas xeograficamente ao longo de todo o territorio. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a cifra estimada de persoas centenarias ascende a máis de 1.800, o que supón un 12,08 % da poboación centenaria do Estado. A poboación total de Galicia supón un 5,6 % da poboación de España.

Coa fin de avanzar no estudo dos factores determinantes da lonxevidade das persoas, a nivel estatal xurdiron iniciativas como o proxecto RENACE (Rexistro Nacional de Centenarios de España), promovido pola Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia (SEMG), cuxo obxectivo xeral é a investigación epidemiolóxica, bioquímica e xenética sobre os factores determinantes da lonxevidade extrema.

Xunto á importante perspectiva científica que pode achegar o estudo da lonxevidade nas persoas centenarias, o certo é que a garantía da calidade de vida eríxese como un elemento fundamental para o coidado e atención das persoas centenarias. Neste senso, o artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito á protección da saúde, sinalando que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 8.1 recolle como actividade fundamental do sistema sanitario a realización dos estudos epidemiolóxicos necesarios para orientar con maior eficacia a prevención dos riscos para a saúde, así como a planificación e a avaliación sanitaria, debendo ter como base un sistema organizado de información sanitaria, vixilancia e acción epidemiolóxica. A mesma lei dedica o capítulo V do título primeiro á intervención pública en relación coa saúde individual e colectiva, prevendo no seu artigo 23 que, para a consecución dos obxectivos que se desenvolven no devandito capítulo, as administracións sanitarias, de acordo coas súas competencias, crearán rexistros e elaborarán as análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das cales poidan derivar accións de intervención da autoridade sanitaria.

A maiores, o artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia da Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. Para dar cumprimento a este mandato estatutario, xunto coa promulgación de diversas normas, atribúense á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde as competencias para velar pola protección da saúde da cidadanía e para garantir unha adecuada prestación asistencial, de acordo cos decretos 144 e 145/2024, do 20 de maio, polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente.

A infraestrutura sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia, regulado na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, está despregada ao longo de todo o territorio autonómico, e a través dela préstase a asistencia sanitaria precisa para garantir a protección do dereito á saúde da poboación.

Con todo, a articulación da rede asistencial permite, ademais, facilitar a recollida de datos de interese para a protección da saúde.

É por iso que cobra especial interese a posta en marcha desde os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia dun proxecto pioneiro, inspirado na proposta da Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia que permita concentrar nun único rexistro os datos das persoas centenarias da Comunidade Autónoma para o seu estudo con fins clínicos, epidemiolóxicos e científicos que permitan afondar tanto no estudo da lonxevidade como na determinación dos coidados específicos que poidan precisar estas persoas.

Polo que antecede, mediante a presente orde créase o Rexistro Galego de Persoas Centenarias, adscrito á dirección xeral competente en materia de planificación e reforma sanitaria, en correspondencia coas funcións que lle son propias nas materias de planificación estratéxica do sistema sanitario, coordinación das actuacións, xestión e seguimento da Estratexia galega de saúde, e establecemento das bases da modernización do Sistema público de saúde de Galicia, previstas no Decreto 144/2024, do 20 de maio.

O texto consta de doce artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións derradeiras e un anexo.

Esta orde axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto a creación e a regulación do ficheiro informatizado denominado Rexistro Galego de Persoas Centenarias, en diante, Regace.

2. O Regace é un sistema de información sociodemográfica, clínico-epidemiolóxica e estatística de ámbito autonómico e natureza administrativa, para a recollida e a análise dos datos determinantes da lonxevidade das persoas centenarias que residan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O Regace non ten carácter público, estando sometido ao principio de confidencialidade e ao respecto da normativa reguladora de protección de datos de carácter persoal.

4. Os datos asociados ao Regace formarán parte da historia clínica electrónica.

Artigo 2. Ámbito subxectivo de aplicación

Deberá axustar a súa actuación ao disposto nesta orde:

a) Todo o persoal sanitario que diagnostique, avalíe, trate ou realice, en centros e servizos sanitarios de Galicia, públicos ou privados, o seguimento de pacientes que teñan cen ou máis anos de idade.

b) O persoal encargado das fontes de información relacionadas no artigo 8.2, de acordo co disposto no artigo 23 da Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica.

Artigo 3. Finalidades

O Regace terá as seguintes finalidades:

a) Proporcionar información epidemiolóxica e estatística relativa ás persoas centenarias, por idade, sexo ou outras variables que poidan resultar de utilidade en distintas agrupacións xeográficas, e a súa evolución ao longo do tempo.

b) Facilitar a información necesaria para orientar a planificación e xestión sanitaria e a avaliación das actividades asistenciais orientadas ás persoas centenarias.

c) Contribuír á identificación dos grupos de poboación de maior probabilidade de acadar a condición de persoa centenaria.

d) Apoiar, na avaliación das políticas públicas, o fomento da atención especializada ás persoas centenarias.

e) Promover a difusión da información relevante para a atención das persoas centenarias ao persoal sanitario, non sanitario e a poboación xeral, e difundir os resultados de interese a nivel internacional.

f) Colaborar coas institucións españolas, europeas e internacionais para contribuír ao coñecemento da situación da lonxevidade da poboación.

g) Fomentar a investigación e a formación relacionada coa atención das persoas centenarias, especialmente dos factores determinantes da lonxevidade.

Artigo 4. Órgano de adscrición

1. O rexistro é único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia e estará adscrito á Consellería de Sanidade, a través do órgano directivo con competencias en materia de planificación sanitaria.

2. O órgano de adscrición do rexistro será o encargado de practicar as inscricións.

Artigo 5. Integración do Rexistro na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública

O Regace estará integrado como sistema específico na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

Artigo 6. Contido do Regace

Serán obxecto de inscrición no Regace aquelas persoas que teñan cen ou máis anos, con aseguramento público ou privado, con residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Funcións do Regace

Serán funcións do Regace as seguintes:

a) Recoller, integrar e analizar os datos procedentes das fontes de información determinadas no artigo seguinte coa finalidade de obter datos sociodemográficos e clínico-epidemiolóxicos que permitan levar a cabo as finalidades do Regace.

b) Normalizar a información de acordo coas pautas homologadas no ámbito estatal e internacional.

c) Avaliar e mellorar o rexistro, mantendo unha información fiable, completa e actualizada sobre as persoas centenarias que teñan a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma.

d) Realizar estatísticas, informes periódicos e publicacións co fin de mellorar o coñecemento relativo á lonxevidade, integrando a información no Observatorio Galego de Saúde Pública.

e) Contribuír ao desenvolvemento de liñas de investigación prioritarias sobre a lonxevidade que sexan obxecto de rexistro e a calquera outra actividade que redunde no seu mellor coñecemento.

f) Proporcionar información epidemiolóxica sobre a incidencia e prevalencia das persoas centenarias, así como os dos seus factores determinantes asociados.

g) Dispoñer do coñecemento suficiente para orientar a planificación e xestión sanitaria, e as actividades preventivas e asistenciais dirixidas ás persoas centenarias.

Artigo 8. Datos do Regace e fontes de información

1. Os datos que integran a información mínima que debe constar no Regace recóllense no anexo.

En todo caso, os datos que consten no rexistro deben ser adecuados, pertinentes e limitados aos necesarios en relación cos fins deste.

2. Os datos que, conforme o número anterior, deben constar no Regace procederán das seguintes fontes de información:

a) Datos de carácter persoal que consten nos rexistros administrativos, especialmente nos rexistros do Sistema público de saúde de Galicia.

b) Rexistros administrativos sociodemográficos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Calquera outro rexistro administrativo demográfico ou sanitario de ámbito territorial galego que poida achegar información relevante en materia de lonxevidade.

d) Os datos de carácter persoal que consten nos rexistros dos centros sanitarios de titularidade privada, que se recadarán, respectando a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, da forma prevista no artigo 9.

3. As fontes de información a que se refire este artigo proporcionarán, de ser posible de forma automatizada, os datos que se incorporarán ao Regace.

Artigo 9. Obrigas do persoal sanitario dos centros sanitarios

1. O persoal sanitario dos centros sanitarios públicos e privados de Galicia que diagnostique, trate ou realice o seguimento de pacientes que teñan a condición de persoas centenarias deberá proporcionar ao Regace os datos e a información que figuran no anexo desta orde, conforme o sinalado no artigo 23 da Lei 41/2002, do 14 de novembro.

2. O persoal sanitario dos centros públicos e privados achegará os ditos datos a través dos programas informáticos habilitados.

3. O persoal sanitario dos centros sanitarios privados de Galicia que non acceda aos ditos programas deberá adaptar a información e garantir que o envío desta se realice coa desagregación, formato e tempo establecidos pola autoridade sanitaria en cada nivel territorial, asegurando a confidencialidade e interoperabilidade que se determine de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10. Confidencialidade e protección de datos

1. O Sistema público de saúde de Galicia adoptará no seu ámbito as medidas necesarias para asegurar a confidencialidade da información, garantindo que o seu uso se faga unicamente coa finalidade prevista e de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, de conformidade coa mesma normativa, disporanse as medidas oportunas para garantir a seguridade nos procesos de envío, cesión, custodia e explotación da información.

3. De conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos, os datos persoais recollidos para a posta en marcha do Regace serán incluídos no Rexistro de Actividades de Tratamento da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. O órgano responsable deste rexistro é a consellería competente en materia de sanidade.

4. Os dereitos recoñecidos nos artigos 15 a 22 do Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE poderanse exercer mediante o envío dunha comunicación ao enderezo Consellería de Sanidade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral@sergas.gal

Toda persoa física ten recoñecido legalmente o dereito a acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa. Pode consultar a información adicional e detallada sobre protección de datos na seguinte páxina web https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

5. As persoas interesadas poderán contactar coa persoa delegada de protección de datos da consellería competente en materia de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde no enderezo delegado.proteccion.datos@sergas.gal

Artigo 11. Información sobre o tratamento de datos de carácter persoal

1. O tratamento dos datos de carácter persoal incluídos no Regace non requirirá consentimento das persoas interesadas, de acordo co disposto na letra c) do número 1, do artigo 6 e as letras h), i) e j) do número 2 do artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, en relación cos artigos 8.1 e 23 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, co artigo 11.2.k) e 53 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, co artigo 41 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e cos artigos 34 e 71 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. O referido tratamento realizarase tendo en conta tamén o disposto na disposición adicional décimo sétima da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. A responsabilidade do tratamento dos datos será da consellería competente en materia de sanidade, en calidade de responsable do Sistema de información de saúde de Galicia.

3. Os datos de carácter persoal existentes no Regace conservaranse mentres o dito rexistro estea en funcionamento, incluídos os das persoas centenarias que falezan.

4. As persoas que, no exercicio das súas funcións, accedan a datos do Regace quedarán suxeitas ao deber de segredo, incluso unha vez finalizada a súa actividade profesional.

Artigo 12. Usos previstos do Regace

A persoa titular da dirección xeral competente en materia de planificación e reforma sanitaria poderá autorizar o acceso á información contida no rexistro a organismos ou institucións galegas, estatais, ou internacionais para uso estritamente sanitario ou estatístico, e tamén a profesionais e persoal investigador que desenvolva actividades ou estudos relacionados coa lonxevidade, sempre de conformidade co previsto no artigo 9.2 do Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, e na disposición adicional décimo sétima da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.

Disposición adicional única. Impacto orzamentario

A constitución e posta en funcionamento do Regace non xerará un incremento das consignacións orzamentarias da consellería competente en materia de sanidade nin do Servizo Galego de Saúde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para modificar os datos contidos no anexo

Os datos que integran a información mínima que debe constar no Regace e que figuran no anexo da presente orde poderán ser modificados por medio de resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de planificación e reforma sanitaria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file