A Constitución española establece, no seu artigo 49, que os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade, ás cales prestarán a atención especializada que requiran. Así mesmo, o artigo 148.1.20ª establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de asistencia social.
En desenvolvemento desta previsión, o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, a competencia en materia de asistencia social.
Con base na referida atribución de competencia, promulgouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en que se configura e define o Sistema galego de servizos sociais.
De acordo co establecido no artigo 2 da devandita lei, enténdese por servizos sociais o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega.
O artigo 29.1 deste texto normativo sinala que os servizos sociais os prestarán as administracións públicas galegas a través das seguintes fórmulas: a) a xestión directa, b) a xestión indirecta no marco da normativa reguladora dos contratos do sector público, c) mediante o réxime de concerto social previsto nesa lei, ou d) mediante convenios con entidades sen ánimo de lucro.
Para os efectos desta lei, e segundo recolle o seu artigo 33.bis, enténdese por concerto social o instrumento por medio do cal se produce a prestación de servizos sociais de responsabilidade pública a través de entidades cuxo financiamento, acceso e control sexan públicos. Segundo o artigo 33.ter da mesma lei, poderán ser obxecto do concerto social:
a) A reserva e a ocupación de prazas para uso exclusivo das persoas usuarias de servizos sociais ou os colectivos vulnerables, cuxo acceso sexa autorizado polas administracións públicas mediante a aplicación dos criterios previstos na normativa das administracións competentes.
b) A xestión integral de prestacións técnicas, tecnolóxicas, de servizos, programas ou centros.
En desenvolvemento do previsto na lexislación de servizos sociais de Galicia aprobouse o Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co previsto no artigo 2.1 deste decreto, este é de aplicación aos concertos sociais que realice a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de servizos sociais, e o sector público autonómico, a través das entidades instrumentais adscritas a ela, con entidades que ofrezan os servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes que se determinen.
Con isto dótase a Administración autonómica dun novo mecanismo que permite impulsar as súas relacións coas entidades prestadoras de servizos sociais e acadar unha maior seguridade xurídica nas actividades económicas deste sector. Así mesmo, o establecemento de concertos sociais incorpora na provisión dos servizos sociais os principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa no contorno de atención social, elección da persoa e continuidade na atención no seu ciclo de vida e calidade.
O artigo 11.1 do devandito decreto sinala que os procedementos de concerto social se iniciarán de oficio mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais.
A Consellería de Política Social e Igualdade, de conformidade co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e tendo en conta o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, é o departamento da Administración autonómica ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais da Xunta de Galicia no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de atención ás persoas con discapacidade.
O deseño e establecemento dun sistema de atención social especializada, exixe, para que sexa efectivo, a implantación dun modelo que teña en conta as necesidades e os desexos das persoas con necesidades de atención sociosanitaria, así como das súas familias.
A Consellería de Política Social e Igualdade, consciente das elevadas necesidades asistenciais que presentan as persoas con discapacidade, ten unha rede de centros públicos de atención residencial e diúrna para a súa atención.
A localización e dispoñibilidade dos equipamentos, a atención especializada que requiren as persoas con discapacidade e a existencia de demanda de atención real e previsible constituída polas persoas incluídas no Programa de asignación de recursos para persoas con discapacidade ou que están tramitando a súa inclusión nel, xustifican a necesidade desta convocatoria.
En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Autorizar a convocatoria, mediante o procedemento de asignación do concerto social, para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2026-2030 (código de procedemento BS632J), segundo as seguintes bases:
Primeira. Necesidades administrativas que se pretende satisfacer
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, considera prioritaria a prestación dunha atención especializada e integral ás persoas con discapacidade.
Dentro da poboación de persoas con discapacidade intelectual existe unha porcentaxe que precisa de apoios específicos por presentar unha enfermidade mental asociada. Este colectivo require dunha intervención especializada, diferenciada e axustada, por desenvolver trastornos de conduta que fan que a interacción coa súa contorna poida representar graves dificultades persoais e de inclusión social e familiar.
A configuración do servizo de atención residencial terapéutica resulta apropiada para a atención destas persoas que, polas súas necesidades de atención derivadas da gravidade da súa discapacidade, teñen unha especial dificultade para unha integración familiar e social normalizada.
Segunda. Obxecto
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras do procedemento de asignación do concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2026-2030, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento BS632J), polo procedemento de asignación de concertos.
2. As prazas do servizo concertado integraranse no Sistema público galego de servizos sociais.
3. Este procedemento convócase ao abeiro do disposto no artigo 9.1 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceira. Servizos que se van concertar
1. A través desta convocatoria concertaranse as prazas correspondentes ao seguinte servizo, establecido no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo:
|
Área de discapacidade |
Código |
Servizo |
Tipoloxía |
Núm. de prazas |
Concello |
|
Discapacidade intelectual |
020507 |
Servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental (duais) |
Internado (365 días) |
24 |
Bóveda |
2. O servizo que se prestará determínase segundo o Catálogo de servizos previsto no antedito Decreto 149/2013, do 5 de setembro.
3. As prestacións que integran as distintas áreas de intervención do referido servizo son as establecidas no prego técnico que figura como anexo I desta convocatoria.
4. A entidade concertada poderá establecer servizos ou prestacións complementarias, de conformidade co establecido no artigo 24 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
5. En todo caso, serán de aplicación ao servizo que se preste en virtude do acordo de acción concertada subscrito, todos os requisitos, criterios e estándares de calidade que en cada momento estableza a normativa vixente sobre condicións básicas dos centros de atención residencial ás persoas con discapacidade.
6. As condicións técnicas de execución do concerto son as establecidas no prego técnico que figura como anexo I desta resolución.
Cuarta. Modalidade de concertación
A modalidade de concertación é o procedemento de asignación de concerto, regulado no artigo 9 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinta. Réxime económico do concerto
a) Orzamento.
Esta convocatoria conta cun orzamento de 4.511.597,88 euros (IVE incluído), que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.312D.228.2 do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 e a que corresponda para os anos 2027 a 2030, coa seguinte distribución:
|
Anualidade |
Orzamento total |
Achega da Xunta |
|
2026 |
187.983,25 € |
163.545,43 € |
|
2027 |
1.127.899,47 € |
981.272,54 € |
|
2028 |
1.127.899,47 € |
981.272,54 € |
|
2029 |
1.127.899,47 € |
981.272,54 € |
|
2030 |
939.916,22 € |
817.727,11 € |
O importe total do orzamento inclúe a participación económica das persoas usuarias e da Administración, estimándose esta última nun 87 %.
b) Módulo económico.
1. O módulo económico do servizo é o seguinte:
|
Servizo para persoas dependentes con discapacidade intelectual |
|||
|
Servizo |
Prezo praza/mes sen IVE |
IVE (4 %) |
Prezo total |
|
020507-Servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental (duais) |
3.765,69 €/mes |
150,63 € |
3.916,32 €/mes |
2. Do módulo económico sinalado resulta o seguinte orzamento:
|
Área |
Discapacidade intelectual |
|||
|
Núm. de prazas |
24 |
|||
|
Concello |
Bóveda |
|||
|
Servizo |
020507-Servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental (duais)-(cód. proxecto 2006 00435) |
|||
|
Ano |
Orzamento base |
IVE |
Total orzamento |
Achega da Administración |
|
2026 |
180.753,12 € |
7.230,13 € |
187.983,25 € |
163.545,43 € |
|
2027 |
1.084.518,72 € |
43.380,75 € |
1.127.899,47 € |
981.272,54 € |
|
2028 |
1.084.518,72 € |
43.380,75 € |
1.127.899,47 € |
981.272,54 € |
|
2029 |
1.084.518,72 € |
43.380,75 € |
1.127.899,47 € |
981.272,54 € |
|
2030 |
903.765,60 € |
36.150,62 € |
939.916,22 € |
817.727,11 € |
|
Total concerto |
4.338.074,88 € |
173.523,00 € |
4.511.597,88 € |
3.925.090,16 € |
3. Das posibles renovacións e modificacións resulta o seguinte valor estimado:
|
Área |
Discapacidade intelectual |
||
|
Núm. de prazas |
24 |
||
|
Concello |
Bóveda |
||
|
Servizo |
020507-Servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental (duais) - (cód. proxecto 2006 00435) |
||
|
Duración Inicial |
Anualidades |
Total sen IVE |
Modificación 50 % |
|
Novembro 2026-outubro 2027 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2027-outubro 2028 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2028-outubro 2029 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2029-outubro 2030 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Renovacións |
Novembro 2030-outubro 2031 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
Novembro 2031-outubro 2032 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2032-outubro 2033 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2033-outubro 2034 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2034-outubro 2035 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Novembro 2035-outubro 2036 |
1.084.518,72 € |
542.259,36 € |
|
|
Totais |
10.845.187,20 € |
5.422.593,60 € |
|
|
Valor estimado |
16.267.780,80 € |
||
c) Revisión do módulo económico.
1. O módulo económico revisarase cando se produza unha variación substancial nos custos do servizo respecto das condicións económicas do concerto social. Para estes efectos, será revisable desde a entrada en vigor do concerto conforme as variacións económicas do Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, coas limitacións que a normativa vixente estableza.
A revisión do módulo precisará dun informe da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade sobre os custos económicos do concerto social, en que se evidencie a necesidade da revisión.
2. No suposto en que se produza unha variación substancial nos custos que implique unha alteración substancial do equilibrio económico do concerto social, procederase á revisión de prezos establecida no artigo 5 da Lei 2/2005, do 30 de maio, de desindexación da economía española, sempre que se xustifique nunha memoria económica específica para este fin.
A dita memoria económica deberá axustarse ao previsto no artigo 12 e na disposición adicional primeira do Real decreto 55/2017, do 3 de abril, polo que se desenvolve a Lei 2/2015, do 30 de maio, de desindexación da economía española. En todo caso, a memoria deberá xustificar a oportunidade da revisión e a análise do impacto económico e orzamentario. A revisión de prezos quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente.
3. A revisión do prezo ou módulo económico efectuarase mediante unha resolución ditada para o efecto polo órgano competente, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
Sexta. Pagamento do custo do concerto
1. Para o aboamento das compensacións económicas a entidade concertada deberá presentar ante o departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade que corresponda, nos 5 primeiros días do mes seguinte ao da prestación dos servizos, a correspondente factura e os seguintes documentos:
a) Declaración responsable de que cumpre as ratios de persoal establecidas no prego técnico desta convocatoria.
b) Liquidación das estadías mediante unha declaración responsable emitida pola persoa titular ou responsable do centro das cantidades que se perciban, en que se expresarán os conceptos polos que se efectúa a dita declaración (praza ocupada/praza reservada/praza vacante) e os días que correspondan a cada un dos conceptos.
A factura e a demais documentación indicada nas letras a) e b) deste punto deberá presentarse de forma telemática a través do Sistema electrónico de facturación da Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñible no enderezo electrónico https://sefprov.cixtec.es/sef/login
A contraprestación que deberá satisfacer a Administración á entidade concertada virá determinada polo número total de prazas efectivamente ocupadas, e a Administración aboará a diferenza entre o prezo do módulo correspondente a cada praza, establecido na base quinta, e a contía que deberá pagar a persoa usuaria.
No caso de prazas reservadas e vacantes, a Administración achegará a parte do módulo determinado segundo o punto seguinte, que non estea cuberta pola participación económica das persoas usuarias.
A Administración concertante terá a obriga de aboar o prezo dentro dos trinta (30) días seguintes á data de aprobación dos documentos que acrediten a conformidade co disposto no concerto social do servizo prestado.
2. Para os efectos da liquidación mensual, establécese a seguinte clasificación das prazas:
a) Praza ocupada: é aquela praza asignada a unha persoa usuaria desde o momento en que se produza o seu ingreso no centro. Nestas prazas, a entidade concertada percibirá o 100 % do importe da praza. Para os efectos previstos a continuación, a ausencia da persoa usuaria durante 10 días de prestación do servizo, ou menos, non modifica a cualificación da praza. Tampouco se modificará a cualificación da praza no caso de ausencias voluntarias non xustificadas superiores a dez (10) días.
b) Praza reservada: é aquela praza ocupada por unha persoa usuaria durante os períodos de ausencia desta en virtude de permisos, enfermidade ou internamento en establecementos hospitalarios, sempre que estes períodos de ausencia duren máis de dez (10) días de prestación do servizo. Neste caso, a praza liquidarase polo 80 % do prezo praza/mes de concertación, na parte correspondente ao período de ausencia.
c) Praza vacante: terá a consideración de praza vacante aquela concertada que non fose asignada a unha persoa usuaria. Neste caso, a praza liquidarase polo 80 % do prezo praza/mes de concertación durante os dous primeiros meses, e polo 60 % en diante.
3. Cando a incorporación e baixa das persoas usuarias non se produza o primeiro ou o último día do mes respectivamente, liquidarase a parte proporcional ao período de ocupación da praza (cuantificado en días naturais), aplicándose a seguinte fórmula:
|
Prezo praza/mes × 12 × número de días naturais do período |
|
365 |
A anterior fórmula utilizarase tamén para a liquidación dos períodos de ausencia previstos nos puntos 2.b) e c) desta base.
4. A contribución das persoas usuarias no financiamento do servizo virá determinada pola Consellería de Política Social e Igualdade de acordo coa normativa que ao respecto sexa de aplicación.
A entidade concertada procederá ao reintegro da parte proporcional correspondente se a persoa usuaria causa baixa no centro. Así mesmo, facturará a parte proporcional cando o ingreso ou baixa non se produza coincidindo co inicio ou a fin do mes, respectivamente, ou no suposto de ausencias xustificadas de máis de dez (10) días, e aplicaranse nestes casos as normas de liquidación de estadías previstas nesta cláusula para a incorporación e baixa das persoas usuarias.
No caso de ausencias inxustificadas, manterase a obriga do copagamento por parte das persoas usuarias, segundo o establecido no Decreto 149/2013, do 5 de setembro.
5. En ningún caso a cantidade percibida pola entidade concertada, a través da participación das persoas usuarias e da achega da Administración, poderá superar o prezo ou módulo económico vixente no concerto social.
6. Na facturación por parte da entidade concertada, só deberá aplicar o Imposto sobre o valor engadido se por lei está suxeita a este tributo.
Sétima. Duración do concerto social
1. A duración inicial dos concertos sociais formalizados ao abeiro desta convocatoria é de catro anos desde a data da súa formalización, prevista para o 1 de novembro de 2026.
2. O concerto poderá renovarse, de conformidade co artigo 31 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, ata acadar un máximo de dez (10) anos.
A duración de cada unha das renovacións non poderá exceder os catro anos, excepto que, mediante un acordo do Consello da Xunta, se autorice unha duración superior.
3. No caso de resolución do concerto ou extinción polo seu incumprimento, a entidade concertada estará obrigada a seguir prestando o servizo, en idénticas condicións, durante o tempo indispensable para que a Administración poida asegurar a continuidade na prestación do servizo.
Oitava. Requisitos que deben cumprir as entidades
1. Poderán acollerse ao réxime de concerto social as entidades prestadoras de servizos sociais, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia que, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, RUEPSS).
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.
c) Contar coa solvencia económica e financeira, e técnica ou profesional, segundo o establecido na base décima desta convocatoria.
d) Contar coa oportuna autorización administrativa do centro en que se vai prestar o servizo obxecto do concerto, de acordo co disposto no dito Decreto 254/2011, do 23 de decembro.
e) Acreditar a titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto do concerto, ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido, por un período non inferior ao da vixencia deste, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se atopa o centro e/ou se prestan os servizos.
f) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lle sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.
g) Contar cunha experiencia mínima dun (1) ano na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto.
h) Contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
Os requisitos das alíneas a), b) e d) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social, agás que a entidade se opoña ou non autorice a súa consulta.
2. Non poderán acollerse ao réxime de concerto social as entidades que estean nalgún dos supostos de prohibición para concertar a que se refire o artigo 7 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
Novena. Medios mínimos profesionais e materiais necesarios para levar a cabo a prestación
1. A entidade deberá dispoñer do persoal preciso para atender a realización das prestacións concertadas, o cal deberá cumprir os requisitos establecidos na normativa que sexa de aplicación e o establecido nesta convocatoria.
2. As ratios de atención son as establecidas no prego técnico desta convocatoria (anexo I).
3. A entidade concertada manterá o centro, o seu equipamento e instalacións en perfectas condicións de conservación e funcionamento, e está obrigada a que o centro dispoña, durante a vixencia do concerto e para o cumprimento dos obxectivos asistenciais previstos, dos recursos materiais, equipamento e sistemas informáticos e de comunicacións, se é o caso, necesarios para realizar con eficacia, calidade e garantía as prestacións obxecto do concerto.
Décima. Solvencia económica e financeira e técnica ou profesional
1. Para poder concertar prazas ao abeiro desta convocatoria, as entidades solicitantes deberán acreditar a súa solvencia económica e financeira. Reputarase solvente a entidade que acredite cumprir un dos seguintes requisitos:
a) Ter un seguro de indemnización por riscos profesionais ou de responsabilidade civil, vixente ata a fin do remate do concerto, por un importe igual ou superior ao 20 % do valor anual medio das prazas ofertadas pola entidade no concerto (IVE excluído).
A súa acreditación efectuarase por medio dun certificado expedido polo asegurador, en que consten os importes e riscos asegurados e a data do vencemento do seguro, e mediante un documento de compromiso vinculante de subscrición, prórroga ou renovación do seguro, no caso en que proceda, para garantir o mantemento da súa cobertura durante toda a execución do concerto.
b) Ter un volume anual de negocios no ámbito das actividades de contido similar ao obxecto do concerto, referido ao ano de maior volume de negocios dos tres últimos dispoñibles en función das datas de constitución ou de inicio das actividades da entidade e de presentación das solicitudes, que deberá ser igual ou superior ao 20 % do valor anual medio das prazas ofertadas pola entidade no concerto (IVE excluído).
A súa acreditación efectuarase por medio dunha copia das contas anuais aprobadas e depositadas no Rexistro Mercantil, se a entidade estivese inscrita no dito rexistro; en caso contrario, polas depositadas no rexistro oficial en que deba quedar inscrita. Os empresarios individuais non inscritos no Rexistro Mercantil acreditarán o seu volume anual de negocios mediante unha copia dos seus libros de inventarios e contas anuais legalizados polo Rexistro Mercantil.
2. Así mesmo, as entidades solicitantes deberán acreditar a súa solvencia técnica ou profesional. Reputarase solvente a entidade que acredite ter executado durante os tres últimos anos concluídos na data de fin de presentación das solicitudes un ou varios traballos de contido similar ao do obxecto do concerto cuxos importes anuais acumulados, no ano de maior execución concluído, sexan iguais ou superiores ao 20 % do valor anual medio das prazas ofertadas pola entidade no concerto (IVE excluído).
Entenderanse por traballos de contido similar aqueles en que se xestionen servizos de atención residencial ou diúrna para persoas con discapacidade ou outros programas de prevención da situación de dependencia e de promoción da autonomía persoal. Só se terán en conta os servizos ou traballos relacionados no formulario de solicitude (anexo II) e respecto dos cales se acheguen as correspondentes certificacións ou declaracións.
Cada un dos traballos recollidos no devandito anexo deberá acreditarse do seguinte xeito:
a) Se o destinatario foi unha entidade do sector público, mediante unha copia da certificación de boa execución expedida ou visada polo órgano competente.
b) Se o destinatario foi un suxeito privado, mediante unha copia da certificación de boa execución expedida por este ou, na falta desta certificación, mediante unha declaración responsable do candidato de ter realizado o traballo ou servizo a satisfacción daquel, xunto cos documentos que consten no seu poder, que acrediten a realización da prestación.
3. Tanto para a solvencia económica e financeira como para a solvencia técnica ou profesional, os importes do 20 % do valor anual medio das prazas ofertadas pola entidade ascenden a 216.903,74 euros.
Décimo primeira. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Presentarase unha única solicitude por entidade, que incluirá a totalidade das prazas, indicando o centro en que prestarán os servizos.
5. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicional da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.
6. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables:
a) Que, de acordo co artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, a entidade non solicitou outras axudas para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto deste concerto.
b) Que a entidade non está incursa en ningunha causa de prohibición para concertar, segundo o disposto no artigo 7 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que a entidade participante acepta a totalidade das condicións establecidas nesta convocatoria e no prego técnico.
e) Que a entidade declara que está exenta do imposto sobre o valor engadido, de ser o caso.
Décimo segunda. Documentación complementaria
1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa da solvencia económica e financeira de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.
b) Documentación xustificativa da solvencia técnica ou profesional de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.
c) Acreditación da titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto do concerto, ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido, por un período non inferior ao da súa vixencia, así como, de ser o caso, a autorización da entidade ou persoa titular do local onde se atopa o centro e/ou se prestan os servizos.
d) Documentación acreditativa da experiencia mínima na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto exixida na base oitava da convocatoria.
No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. Neste caso a entidade presentará unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.
e) Póliza dun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
f) Documentación que acredite os criterios de selección e preferencia recollidos na base décimo sétima desta concertación.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada e requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de maneira presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo terceira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo cuarta. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.
e) Inscrición no RUEPSS do centro cuxas prazas se ofertan.
f) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo quinta. Instrución do procedemento
1. O órgano competente para a tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.
Presentada a solicitude, a unidade administrativa instrutora realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos cales se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta convocatoria.
2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades solicitantes para que nun prazo de dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do dito requirimento emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos polo artigo 21 da referida lei.
3. O órgano instrutor, por solicitude da Comisión de Valoración e de maneira motivada, poderá requirir das persoas solicitantes a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.
Décimo sexta. Comisión de Valoración
1. Constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración, de conformidade co artigo 15 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
2. A Comisión de Valoración será a encargada de verificar o cumprimento das condicións impostas ás entidades para concertar e de valorar as solicitudes de conformidade cos criterios de baremación establecidos na base décimo sétima desta convocatoria.
3. A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:
a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade, que actuará como presidente/a. Se, por calquera causa, a persoa titular da presidencia non puidese asistir cando a Comisión de Valoración se reúna para o exame das solicitudes, será substituída polo/a funcionario/a designado/a para estes efectos pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.
b) A persoa titular do Servizo de Contratación e Xestión Económica.
c) A persoa titular do Servizo de Recursos e Equipamentos para a Discapacidade.
d) Un/unha funcionario/a designado/a pola persoa titular da presidencia, que actuará como secretario/a.
Se, por calquera causa, as persoas titulares dos servizos competentes ou o/a secretario/a que compoñen a Comisión de Valoración non puidesen asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, serán substituídos polo/a funcionario/a designado/a para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.
4. A Comisión de Valoración elaborará un informe en que figurará de maneira individualizada a solicitude proposta para a concertación do servizo obxecto do concerto, con especificación da puntuación que lle corresponde e/ou, se é o caso, a preferencia, e o centro cuxas prazas se concertan.
5. Segundo o referido informe da Comisión de Valoración, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión.
Décimo sétima. Criterios de selección e preferencia
1. Para a formalización deste concerto, de acordo co artigo 33 quinquies.5 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, darase prioridade ás entidades sen ánimo de lucro, cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que, en todo caso, se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.
Deste xeito, a consideración de entidade sen ánimo de lucro inclúese entre os criterios de desempate.
2. Neste procedemento de asignación de concerto establécense os seguintes criterios para a selección da entidade concertada, coa finalidade de acadar unha valoración que sirva para establecer unha orde de prelación para concertar:
a) Experiencia da entidade na prestación de servizos sociais.
b) Implantación do centro no concello en que se vai prestar o servizo.
c) Aplicación de políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade na execución do concerto.
3. A valoración dos criterios de selección efectuarase segundo unha escala de 0 a 30 puntos, do seguinte xeito:
a) A experiencia da entidade na prestación de servizos sociais: 1 punto por cada ano completo de antigüidade da inscrición da entidade no RUEPSS, cun máximo de 10 puntos.
b) A implantación do centro no concello en que se vai prestar o servizo: 1 punto por cada ano completo de antigüidade da inscrición da autorización do centro no RUEPSS nese concello, cun máximo de 10 puntos.
c) A aplicación de políticas empresariais en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade na execución do concerto: cun máximo de 10 puntos.
De acordo co establecido no artigo 57 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, valorarase do seguinte xeito a existencia na empresa de políticas en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade que se apliquen na execución do concerto:
– Estar en posesión da Marca galega de excelencia en igualdade ou do Certificado de empresa familiarmente responsable, ou equivalente, ou calquera outro certificado ou acreditación adecuado para estes efectos, ou ben incluír unha medida de conciliación: 5 puntos.
– Estar en posesión da Marca galega de excelencia en igualdade e do Certificado de empresa familiarmente responsable, ou equivalente, ou calquera outro certificado ou acreditación adecuado para estes efectos, ou ben incluír dúas ou máis medidas de conciliación: 10 puntos.
Seleccionaranse as solicitudes das entidades seguindo a orde de prelación da listaxe resultante da aplicación do baremo descrito.
4. Empregarase como primeiro criterio de desempate a preferencia das entidades sen ánimo de lucro fronte ao resto de entidades prestadoras de servizos sociais. No caso de igualdade entre dúas ou máis solicitudes, terá preferencia a entidade que teña no seu cadro de persoal un número de traballadores con discapacidade superior ao 2 %. No caso de que varias empresas se atopen nestas circunstancias, terá preferencia na adxudicación do concerto a entidade que acredite a maior porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade no seu cadro de persoal.
Decimo oitava. Resolución
1. A resolución da concertación, logo da proposta formulada polo órgano instrutor, correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, á persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.
2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres (3) meses contado desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Este prazo poderá ser ampliado, de acordo coa normativa sobre o procedemento administrativo, por un prazo máximo doutros tres (3) meses.
Transcorrido o dito prazo sen se ditar unha resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
3. A resolución de concesión recollerá os seguintes datos:
a) NIF, razón social e número de rexistro no RUEPSS da entidade que concerta.
b) Denominación do centro concertado e número de rexistro no RUEPSS.
c) Concello e provincia onde está situado o centro en que se executará o servizo.
d) Servizo e número de prazas que se concertan.
e) Período de concerto.
f) Importe do concerto.
Décima novena. Publicidade dos concertos
A resolución de concertación publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e producirá os efectos da notificación.
Sen prexuízo do indicado no parágrafo anterior, de forma complementaria poderase efectuar a notificación da resolución ás entidades solicitantes por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésima. Notificacións por medios electrónicos
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse de forma complementaria só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal
Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e o sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e o sector público autonómico practicarán as notificacións polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo primeira. Formalización do acordo do concerto social
1. O concerto social resultado desta convocatoria formalizarase mediante un documento administrativo dentro dos trinta (30) días seguintes ao da publicación da resolución de concertación.
2. O documento de formalización será subscrito, en representación da Administración, pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
3. O concerto social perfeccionarase coa súa formalización e non se poderá iniciar a súa execución sen terse efectuado esta previamente.
4. O documento de formalización do concerto social conterá as mencións sinaladas no artigo 19.5 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
Vixésimo segunda. Seguimento e avaliación do concerto social
A Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade é a responsable do seguimento e avaliación do acordo de acción concertada subscrito, sen prexuízo das funcións inspectoras que realice o órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia.
Realizarase unha avaliación cada dous (2) anos e unha ao final do concerto social, incluídas as prórrogas subscritas.
Vixésimo terceira. Organización e funcionamento da prestación
1. O centro disporá dunhas normas de funcionamento que deberán estar visadas polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia.
Así mesmo, deberán estar expostas nun lugar visible do centro e ser entregadas no momento do seu ingreso ás persoas designadas para ocupar as prazas públicas concertadas.
2. Sen prexuízo das referidas normas de funcionamento, o centro deberá axustarse ao establecido no prego técnico desta convocatoria.
Vixésimo cuarta. Acceso ao servizo polas persoas usuarias
Correspóndelle á Consellería de Política Social e Igualdade determinar as persoas que deban ocupar as prazas concertadas, de acordo co establecido na Orde do 16 de abril de 2014 pola que se regulan as condicións dos ingresos e traslados en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal, e no Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, ou normativa que as complemente ou substitúa.
A entidade concertada comprométese expresamente a aceptar as persoas usuarias designadas pola consellería para ocupar as prazas.
Vixésimo quinta. Obrigas da entidade concertada
1. A formalización dun concerto social obrigará a entidade concertada a cumprir as obrigas establecidas no artigo 20 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
2. A entidade concertada achegará a súa propia dirección e xestión na execución e é responsable da organización do servizo, da calidade técnica dos traballos que desenvolve e das prestacións e servizos realizados, así como das consecuencias que se deduzan para a Administración ou para terceiros das omisións, erros, métodos inadecuados ou conclusións incorrectas na execución da prestación obxecto do concerto.
3. Deberá designar un responsable do servizo ao seu cargo, quen coordinará e supervisará a súa prestación. O dito responsable recibirá e executará as indicacións que o órgano competente da Consellería de Política Social e Igualdade considere oportuno impartir en relación coa prestación do servizo e deberá ter atribucións suficientes para adoptar, se é o caso e no momento en que se requira, as decisións necesarias para asegurar un bo funcionamento deste.
4. Está obrigada a manter vixente o seguro de responsabilidade civil, exixido en virtude da cláusula oitava desta convocatoria, durante toda a duración do acordo de concerto social.
5. No caso de resolución do concerto ou extinción polo seu incumprimento, a entidade concertada estará obrigada a seguir prestando o servizo ata a formalización do novo concerto. Nestes casos de extensión do servizo, a entidade concertada terá dereito a ser compensada de acordo cos prezos establecidos no propio acordo de concertación ou, de se produciren, naqueles outros documentos en que se formalice a revisión dos referidos prezos.
Vixésimo sexta. Obrigas da Administración concertante
A formalización dun concerto social obrigará a Administración concertante a cumprir as obrigas establecidas no artigo 22 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
Vixésimo sétima. Publicidade
1. A entidade acollida ao concerto social, xunto coa súa denominación, ten que facer constar na documentación, en todas as comunicacións externas, particularmente ás persoas usuarias dos servizos (informes, documentos, trípticos de difusión, webs, insercións en prensa) e na publicidade que realiza, a condición de entidade concertada pola Xunta de Galicia, segundo as indicacións do Manual de identidade corporativa que se facilitará desde a Administración, sempre co visto e prace da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. A entidade acollida ao réxime de concerto social ten que colocar nun lugar visible das súas instalacións a indicación Centro concertado coa Xunta de Galicia, co logotipo correspondente, que lle proporcionará a Consellería de Política Social e Igualdade.
3. Toda a publicidade, a documentación escrita, os anuncios ou a sinalización exterior, como tamén calquera tipo de información en apoio electrónico, informático ou telemático que derive desta actividade, ten que empregar unha linguaxe inclusiva de mulleres e homes.
4. A entidade concertada ten a obriga de apuntar na súa memoria anual de funcionamento, toda a publicidade, a documentación escrita, os anuncios ou a sinalización que utilizase, na que conste que existe financiamento da Xunta de Galicia.
Vixésimo oitava. Réxime de compatibilidade
1. De acordo co exposto no artigo 38 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, o réxime de concertos sociais será incompatible coas subvencións para o financiamento do servizo de reserva e ocupación de prazas concertadas.
2. Sen prexuízo do sinalado no punto anterior, este réxime é compatible con programas específicos que non financien gastos estruturais imputables a este concerto.
Vixésimo novena. Subcontratación e cesión de servizos concertados
1. Só se poderán subcontratar aquelas prestacións accesorias ou complementarias do obxecto principal do concerto social, ata unha porcentaxe máxima do 60 % do prezo do concerto.
Poderanse subcontratar, entre outras, as seguintes prestacións:
a) Servizo de manutención, limpeza ou outras de análoga consideración.
b) Aquelas actividades que correspondan á prestación de servizos profesionais (como é o caso, entre outros, do servizo médico, de enfermaría ou de fisioterapia), que non requiran exclusividade ou que teñan natureza de servizos xerais, que sexan necesarios para cubrir as necesidades de atención integral ou execución do servizo.
Os subcontratistas quedarán obrigados só ante a entidade concertada, que asumirá a total responsabilidade da execución e da prestación do servizo fronte á Administración.
Para os efectos do previsto no punto anterior, a entidade concertada será responsable de que na execución da actividade accesoria ou complementaria subcontratada con terceiros se respecten os límites que se establezan na normativa de concertos sociais en canto á natureza e á contía máxima.
2. Queda prohibida a cesión, total ou parcial, do servizo obxecto do concerto social, agás cando a entidade concertada sexa declarada en concurso de acredores e non quede garantida a continuidade da atención das persoas usuarias, con autorización expresa e previa da Administración, que adoptará as medidas precisas para garantir a continuidade e calidade do servizo.
3. Os cambios de titularidade do servizo concertado, xa sexa por sucesión da entidade concertada ou pola cesión do concerto formalizado, terán a consideración de modificación do concerto social.
Poderase producir a sucesión da entidade concertada cando esta se fusione ou transforme noutra. Neste caso, o concerto continuará vixente coa entidade que a suceda, sempre que esta continúe reunindo os requisitos exixidos para formalizar o concerto social.
A entidade sucesora subrogarase nos dereitos e obrigas derivados do concerto social que estivesen vixentes no momento da sucesión.
Se non fose posible concertar coa entidade sucesora por non cumprir esta cos requisitos exixidos no concerto social, considerarase para todos os efectos un suposto de resolución do concerto por culpa da entidade concertada.
Para os efectos anteriores, a entidade concertada deberá comunicar á Consellería de Política Social e Igualdade a circunstancia que a producise.
Trixésima. Penalizacións por incumprimento
1. En caso de cumprimento defectuoso da execución do servizo concertado, a Administración poderá impoñer á entidade as penalidades indicadas no punto seguinte.
Considerarase execución defectuosa os seguintes supostos:
a) O incumprimento da obriga de manter, durante toda a vixencia do concerto, as condicións técnicas de capacidade que foron exixidas nestas bases.
b) A utilización de medios persoais ou materiais inferiores aos establecidos nestas bases.
c) As deficiencias na prestación do servizo, na satisfacción de necesidades e no control e protección das persoas usuarias que afecten a súa integridade física ou emocional cando sexan imputables á entidade.
d) A inobservancia reiterada das instrucións dadas pola Administración concertante, relativas á correcta prestación do servizo ou pola ocultación de feitos relevantes que afecten as persoas usuarias ou a prestación do servizo.
e) O mal trato dispensado polo persoal da entidade adscrito á execución do concerto ás persoas beneficiarias do servizo, entendéndose por tal os abusos e a desatención das devanditas persoas, e inclúe todos os tipos de malos tratos físicos ou psicolóxicos, desatención, neglixencia ou doutro tipo que causen ou poidan causar un dano á saúde, ao desenvolvemento ou á dignidade da persoa usuaria, ou poñer en perigo a súa supervivencia, no contexto dunha relación de responsabilidade, confianza ou poder.
f) A negativa para admitir no servizo calquera persoa usuaria proposta segundo o previsto nestas bases.
2. A base económica das penalizacións calcularase sobre o total de prazas concertadas no centro no momento no que se producise o feito que dea lugar ás penalidades, valoradas ao orzamento do concerto en cómputo anual, segundo a seguinte fórmula:
BP= Prazas concertadas × prezo unitario praza/mes × 12
3. Poderase impoñer unha penalidade de ata o 1,5 % da base económica no caso de incumprimento das condicións técnicas de prestación do servizo, sempre que dean lugar a unha situación de risco para a saúde e a integridade da persoa usuaria.
4. Poderase impoñer unha penalidade de ata o 0,5 % da base económica nos seguintes casos:
a) Por incumprimento das condicións técnicas de prestación do servizo, sempre que non dean lugar a unha situación de risco para a saúde e a integridade da persoa usuaria.
b) Pola disposición de medios persoais ou materiais inferiores aos establecidos na normativa vixente en cada momento.
c) Polo incumprimento de calquera outra obriga establecida no Decreto 229/2020, do 17 de decembro, e nesta convocatoria.
5. En todo caso, cando a contía das penalidades impostas por estas causas alcance o 10 % do importe do concerto, poderá procederse á resolución do acordo.
6. Nos casos en que, debido ao cumprimento defectuoso da entidade concertada ou ao incumprimento das condicións esenciais do concerto social, a Administración concertante teña que intervir en defensa dos dereitos das persoas usuarias, poderá exixirlle á entidade os danos e perdas sufridos.
7. Os actos ou resolucións que finalicen os procedementos administrativos no relativo á imposición de penalizacións ou determinación dos danos e perdas producidos serán inmediatamente executivos e faranse efectivos mediante deducións nos pagamentos que se deben facer á entidade.
8. Para a imposición á entidade concertada deste tipo de penalidades, instruirase un procedemento no que necesariamente terá lugar o trámite de audiencia.
Trixésimo primeira. Modificación do acordo de concertación
Unha vez formalizado o acordo de concertación, poderá ser modificado nos supostos, cos requisitos e seguindo o procedemento establecido no artigo 27 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
Trixésimo segunda. Modificación do número de prazas concertadas
1. De acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e estando xustificada na demanda do servizo polas persoas que teñan ou poidan ter dereito a este, poderá modificarse o número de prazas obxecto do concerto social durante a súa vixencia.
2. A porcentaxe de incremento do número de prazas do concerto social non poderá exceder o 50 % do acordo.
3. Poderase minorar o número de prazas nos casos en que non exista suficiente demanda para a súa cobertura. Nos casos en que esta insuficiencia da demanda sexa prolongada, durante tres meses consecutivos ou de seis meses nun período de doce, a Administración concertante poderá impoñer unilateralmente a minoración do número de prazas afectadas.
Trixésimo terceira. Modificación das condicións técnicas
1. As condicións recollidas no prego técnico poderán ser modificadas como consecuencia de cambios normativos que as afecten ou da súa revisión por parte da Administración. Neste último caso deberán estar motivadas pola mellora das condicións de prestación do servizo mediante un informe do órgano competente e logo da audiencia á entidade concertada afectada para que poida formular alegacións á revisión proposta.
2. No expediente de modificación deberá constar unha memoria económica en que se avalíe o impacto do cambio das condicións técnicas no prezo unitario ou módulo económico. De ter incidencia, deberase proceder á súa readaptación.
3. A modificación das condicións técnicas deberá afectar a todas as prazas da mesma tipoloxía de servizo.
Trixésimo cuarta. Causas de extinción
1. O acordo de acción concertada derivado desta convocatoria extinguirase polas causas establecidas no capítulo VI do Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
2. Extinguido o acordo, a Consellería de Política Social e Igualdade garantirá ás persoas usuarias a continuidade do servizo, e a entidade concertada deberá seguir prestando o servizo, en idénticas condicións, durante o tempo indispensable para que a Administración poida asegurar a dita continuidade.
Trixésimo quinta. Constitución de garantías
Para a formalización do concerto social non se exixe a constitución dunha garantía nin provisional nin definitiva ao tratarse da prestación de servizos sociais, ao abeiro do artigo 107 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
Trixésimo sexta. Delegación de competencias
Delégase na Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade a resolución do procedemento de concerto social a que se refire esta convocatoria, así como, se é o caso, a renovación do concerto derivado dela. Así mesmo é facultada, no ámbito das súas competencias, para ditar cantas instrucións sexan necesarias, tanto para a execución e aplicación desta resolución como para a adecuada xestión do concerto no seu ámbito funcional.
Trixésimo sétima. Confidencialidade e tratamento de datos
A entidade concertada estará obrigada a cumprir as normas sobre confidencialidade de datos e declara que se responsabiliza de que o tratamento de datos de carácter persoal que se poida realizar no marco da prestación do servizo se fará de conformidade coas instrucións da Consellería de Política Social e Igualdade, e con absoluto respecto das normas de seguridade, de acordo co establecido no Regulamento 2016/679 (UE), xeral de protección de datos persoais (en diante, RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; así mesmo, é de aplicación ao respecto a disposición adicional vixésimo quinta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e demais normativa concordante na materia. En caso de incumprimento do estipulado, a entidade concertada e os técnicos destacados serán responsables das infraccións que del deriven. Todo iso, segundo as seguintes estipulacións:
1. Tratamento de datos persoais da entidade concertada por parte da Consellería de Política Social e Igualdade
Os datos persoais que a entidade concertada facilite para a formalización e o adecuado desenvolvemento do concerto social serán tratados, na súa condición de responsable, pola Consellería de Política Social e Igualdade.
A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento, con base na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e conforme o Decreto 229/2020, do 17 de decembro.
Os datos persoais proporcionados pola entidade concertada serán tratados coa finalidade de levar a cabo a tramitación xeral do concerto social e o desenvolvemento das prestacións derivadas deste, polo que se conservarán mentres sexan necesarios para as devanditas finalidades e, en todo caso, durante os prazos establecidos pola lexislación vixente.
Así mesmo, determinados datos poderán ser publicados, nos termos previstos na lexislación vixente, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios, a fin de dar a publicidade legalmente exixida ao procedemento de asignación do concerto social.
A entidade concertada obrígase a informar o persoal ao servizo e as persoas usuarias, con carácter previo á comunicación dos seus datos persoais, dos aspectos establecidos nos parágrafos anteriores.
As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos
As persoas interesadas poderanse poñer en contacto co delegado de Protección de Datos correspondente segundo o especificado en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos
2. Deber de confidencialidade da entidade concertada
A entidade concertada deberá respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos e informacións que lle fosen confiados ou que sexan elaborados con ocasión da execución do concerto social. Así mesmo, queda expresamente obrigada:
– A utilizar a devandita información exclusivamente no ámbito do acordo de acción concertada e para as finalidades previstas neste.
– A non comunicala, nin total nin parcialmente, a ningún terceiro sen a autorización expresa do emisor, agás nos casos expresamente previstos na lei, exixindo idéntico compromiso ao persoal que empregue ou que con el colabore na execución do concerto social.
– A facilitar o acceso á información unicamente ao persoal que a necesite para o desenvolvemento da devandita relación, a quen se comunicará a obriga de tratar a información a que se lles dá acceso con carácter estritamente confidencial.
– A aplicar medidas de cautela e protección e destruír en calquera momento a documentación escrita recibida se así o solicita a parte que a forneceu.
Considerarase información confidencial aquela á que a entidade concertada acceda en virtude deste acordo, especialmente a de tipo técnico ou tecnolóxico, de produción, de mercadotecnia, administrativa, ou económico-financeira, sempre que non teña carácter público ou notorio.
Este deber manterase durante un prazo mínimo de dez (10) anos desde o coñecemento desa información.
3. Condición de encargado do tratamento da entidade concertada
A entidade concertada, respecto ao tratamento de datos persoais que puidese levar a cabo en virtude da prestación de servizos obxecto da acción concertada, terá a consideración de encargado do tratamento para os efectos do disposto no artigo 28 e concordantes do RXPD, polo que deberá dar cumprimento ás obrigas incluídas a continuación, exixindo idéntico compromiso do persoal ao seu servizo:
3.1. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto deste concerto social. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios.
3.2. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se a entidade concertada, encargada do tratamento, considerase que algunha das instrucións infrinxe o RXPD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, informará inmediatamente o referido responsable.
3.3. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.
3.4. Non comunicar os datos a terceiras persoas, agás que conte coa autorización expresa da Consellería de Política Social e Igualdade nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.
No caso de subcontratación, autorízase o acceso aos datos persoais por parte do subcontratista, cando sexa necesario, dando cumprimento, en todo caso, aos requisitos previstos no artigo 215 da Lei de contratos do sector público. Neste caso, as entidades subcontratistas terán tamén a condición de encargado do tratamento e deberán cumprir igualmente as obrigacións establecidas neste acordo de concertación para esta figura e as instrucións que dite a Consellería de Política Social e Igualdade, como responsable. Á entidade concertada ou encargado inicial correspóndelle regular a nova relación, de forma que o novo encargado quede suxeito ás mesmas condicións (instrucións, obrigacións, medidas de seguridade…) e ao mesmo réxime de responsabilidade, cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial no referente ao adecuado tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas. No caso de incumprimento por parte do subencargado, o encargado inicial seguirá sendo plenamente responsable ante a Consellería de Política Social e Igualdade no referente ao cumprimento das obrigacións.
3.5. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais a que tivese acceso en virtude deste acordo, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.
3.6. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das que serán informadas convenientemente. O encargado manterá á disposición da Consellería de Política Social e Igualdade a documentación acreditativa do cumprimento desta obrigación.
3.7. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.
3.8. Asistir ao responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que esta poida cumprir coa súa obrigación de responder as devanditas solicitudes das persoas interesadas nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitará ao responsable, por requirimento desta e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que os afectados solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos, a través de calquera medio fidedigno, de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/exercicio-dos-dereitos
3.9. No caso de que o obxecto do concerto social prevexa a recollida de datos directamente pola entidade concertada, esta facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se van realizar no momento de recadar os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información débese acordar coa Consellería de Política Social e Igualdade e dará cumprimento en todo caso ás exixencias previstas no RXPD.
3.10. Notificar ao responsable do tratamento, de forma inmediata e aplicando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, de ser o caso, á Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.
3.11. Dar apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relacionadas coa protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando proceda.
3.12. Aplicar as previsións recollidas no Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade (ENS). En todo caso, implantará as medidas de seguridade necesarias para:
– Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.
– Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidente físico ou técnico.
– Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.
– Pseudonimizar e cifrar os datos persoais, se fose necesario.
3.13. Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigas, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, no caso de non existiren, facilitando a realización das auditorías ou inspeccións que faga o responsable do tratamento ou outro auditor autorizado.
3.14. Designar un delegado de protección de datos, se corresponde segundo o previsto no artigo 37 do RXPD, e comunicar a súa identidade e datos de contacto ao responsable.
3.15. Devolver ao responsable do tratamento, unha vez cumpridas as prestacións obxecto deste concerto, os datos de carácter persoal e, de ser o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá o borrado total dos datos existentes nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.
Trixésimo oitava. Resolución de conflitos e recursos
Este concerto terá carácter administrativo e rexerase nos seus efectos polo establecido nas súas cláusulas, polo disposto no Decreto 229/2020, do 17 de decembro, pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, así como a Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Na súa falta, para resolver as lagoas e dúbidas que se poidan presentar, rexerase polo establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, así como pola Lei 40/2015, do 1 de outubro.
As cuestións litixiosas xurdidas acerca da interpretación, modificación e resolución serán resoltas pola Consellería de Política Social e Igualdade e os seus acordos poñen fin á vía administrativa.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Así mesmo, con carácter potestativo poderán interpoñer un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte da súa publicación, ante o mesmo órgano que ditou a resolución. Todo iso de conformidade co establecido nos artigos 112, 114, 115, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8, 14.2 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
ANEXO I
Prego técnico para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual
1. Introdución.
O servizo obxecto deste concerto concíbese como unha alternativa de atención dirixida a persoas dependentes con discapacidade intelectual, cuxa situación demanda unha intervención desde o ámbito institucional.
Dentro da poboación de persoas con discapacidade intelectual existe unha porcentaxe que precisa de apoios específicos por presentar unha enfermidade mental asociada, que requiren dunha intervención especializada, diferenciada e axustada xa que a interacción destas coa súa contorna pode representar graves dificultades persoais e de inclusión social e familiar. Así, a abordaxe da enfermidade mental e das alteracións de conduta demandan unha intervención xeral centrada en crear apoios e contextos que incrementen a calidade de vida destas persoas e unha intervención específica que faga fincapé na manipulación das continxencias inmediatas que rodean as condutas problema, e para iso é preciso xerar equipos interdisciplinares que establezan os apoios necesarios para a capacitación da persoa e da súa contorna.
Polo exposto, o servizo específico obxecto deste concerto é o seguinte, destinado a persoas dependentes con discapacidade intelectual:
|
Área |
Natureza |
Servizos |
|
Discapacidade intelectual |
Residencial |
020507 Servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental (duais) |
Este prego ten por obxecto describir as obrigas e condicións técnicas de prestación do servizo incluído neste prego, que debe asumir e desenvolver a entidade concertada ao abeiro desta convocatoria.
2. Definición, réxime e prestacións do servizo que se concerta.
2.1. Definición.
A configuración do servizo de atención residencial terapéutica resulta apropiada para a atención do colectivo das persoas nas cales concorren discapacidade intelectual e enfermidade mental asociada. Este colectivo caracterízase por desenvolver trastornos de conduta que en ocasións, dada a súa gravidade, requiren duns niveis de atención semellante aos das persoas con gran dependencia, con independencia do grao que teñan recoñecido.
Así mesmo, dados os apoios específicos que resultan necesarios para este perfil concreto e que requiren dunha intervención especializada e diferenciada, resulta oportuno, igualmente, incluír na configuración aspectos do servizo de atención residencial psicosocial.
A entidade concertada disporá unha organización dos servizos que garanta unha atención axeitada e diferenciada cando as persoas destinatarias deste servizo concorran no mesmo centro con persoas con discapacidade doutras tipoloxías.
2.2. Réxime.
O servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental prestarase en réxime de internado de 365 días ao ano.
2.3. Prestacións.
A entidade concertada obrígase a prestar ás persoas usuarias atendidas en virtude do concerto as prestacións básicas sinaladas no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, ou normativa que sexa aplicable:
A. Área de información, valoración, seguimento e orientación.
a) Servizo de valoración, seguimento, avaliación e coordinación.
– Avaliación da necesidade e intensidade dos apoios.
– Plan de atención individual (PAI).
– Seguimento e avaliación do PAI.
b) Servizo de información, orientación e formación a familiares.
– Acollida e valoración de necesidades da familia.
– Avaliación da necesidade e intensidade dos apoios.
– Plan de apoio familiar.
– Seguimento e avaliación do plan de apoio familiar.
B. Área de formación básica e instrumental.
– Asistencia ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria.
C. Área de actividades e programas.
– Actividades de lecer e tempo libre.
D. Área de mantemento e/ou rehabilitación.
– Fisioterapia.
– Atención psicolóxica.
– Rehabilitación psicosocial.
– Atención sanitaria preventiva.
– Atención médica.
– Atención de enfermaría.
E. Área de servizos xerais
– Aloxamento.
– Manutención e dietas especiais.
– Limpeza e mantemento.
– Xestión e administración.
– Lavandaría/xestión da roupa.
– Supervisión e vixilancia.
2.3.1. Réxime común de determinadas prestacións básicas e da área de servizos xerais.
2.3.1.1. Servizo de asistencia ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria.
Garantirase o correcto aseo persoal e diario das persoas usuarias, prestándolles o apoio que sexa necesario en cada caso. Para estes efectos, o centro disporá dos medios necesarios.
No caso de servizos residenciais, os produtos de aseo de uso común (xabóns, colonias, hidratante corporal, pasta dentífrica, xampú, xel) facilitaraos o centro sen custo para as persoas usuarias. Serán por conta destas aqueles produtos de marcas ou tipos específicos da súa elección.
Prestarase a axuda necesaria ás persoas usuarias para comer, vestirse, espirse, levantarse, deitarse e demais actividades instrumentais da vida diaria en que o precisen.
As próteses, órteses, cadeiras de rodas e axudas técnicas de uso persoal serán por conta das persoas usuarias, sen prexuízo da cobertura que o sistema público correspondente determine en cada caso. O centro coidará de que estes elementos se manteñan en condicións de limpeza, hixiene e normal funcionamento, e serán por conta das persoas usuarias as reparacións ou recambios deles.
O material de incontinencia será subministrado con carácter xeral polas persoas usuarias con cargo ao sistema sanitario, ben que o centro deberá dispor dun stock que garanta a súa subministración de xeito suplementario. Aqueles outros produtos de apoio necesarios para fomentar a autonomía persoal da persoa usuaria e que non sexan de uso persoal, tales como garfos ou culleres adaptadas, serán achegados pola entidade concertada.
O centro contará cunha caixa de primeiros auxilios, que deberá estar fóra do alcance das persoas usuarias, coa dotación necesaria para efectuar primeiros auxilios.
2.3.1.2. Servizo de actividades de lecer e tempo libre.
Promoverase a programación de actividades de animación sociocultural, dirixidas a satisfacer as necesidades, demandas e intereses culturais e de lecer das persoas usuarias, que ademais sirvan como motor para potenciar ao máximo as súas capacidades e aptitudes, a nivel cognitivo, comunicativo e social.
Así mesmo, fomentarase a interacción social entre as persoas usuarias e a comunicación e o desenvolvemento na contorna a través de actividades sociais e de convivencia.
2.3.1.3. Servizos da área de mantemento e/ou rehabilitación.
Estas prestacións están dirixidas a recuperar e/ou manter as capacidades da persoa, a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación. O traballo nesta área busca o desenvolvemento da capacidade funcional das persoas e a compensación das súas dificultades, a través de diversos tratamentos e programas de intervención específicos, dirixidos a paliar, evitar ou atrasar a deterioración derivada da discapacidade. Tendo en conta o PIA e as necesidades das persoas usuarias, poderán facer uso dalgún dos seguintes servizos:
• Fisioterapia: servizo que comprende o conxunto de métodos, actuacións e técnicas que, mediante a aplicación de medios físicos, tratan e preveñen determinadas patoloxías, promoven a saúde, recuperan, habilitan, rehabilitan e readaptan as persoas afectadas de disfuncións físicas ou as que se desexa manter nun nivel axeitado de saúde, co fin de mellorar a calidade de vida da persoa e recuperar a máxima funcionalidade e/ou mobilidade do individuo.
• Atención psicolóxica: dirixida ao diagnóstico, abordaxe, tratamento e seguimento dos diversos trastornos ou dificultades de tipo cognitivo e/ou condutual; a avaliación das capacidades funcionais das persoas usuarias e a elaboración e seguimento de programas que incidan no desenvolvemento das habilidades sociais, emocionais e cognitivas precisas para teren unha vida o máis plena posible, así como a elaboración de pautas que orienten e dean apoio ao persoal traballador de atención directa no seu labor diario coas persoas usuarias.
• Rehabilitación psicosocial: dirixida, en estreita relación e coordinación co anterior, a proporcionar o acompañamento e as ferramentas socioeducativas e emocionais no adestramento en habilidades sociais, na práctica e potenciación da autonomía persoal, no proceso de rehabilitación das persoas con enfermidade mental e no fomento da participación activa da persoa usuaria para acadar, nas mellores condicións posibles, a melloría da súa calidade de vida e integración comunitaria.
• Atención médica: inclúe o diagnóstico e o tratamento das distintas patoloxías e actuacións de promoción da saúde física e psíquica, dirixidas a adquirir, manter e mellorar uns hábitos saudables.
• Atención de enfermaría: inclúe a atención básica de enfermaría (tratamentos, curas, sondaxes e seguimento de enfermidades que non impliquen o ingreso nun centro sanitario), así como o control e administración da medicación das persoas usuarias, segundo a prescrición facultativa.
2.3.1.4. Aloxamento.
Esta prestación abrangue o uso de cuartos, baños e espazos comúns.
Permitirase ao residente ter no seu cuarto motivos de decoración e utensilios propios que faciliten a súa adaptación.
A persoa usuaria achegará a roupa e calzado de uso persoal e repoñeraa ao seu cargo. Poderá fixarse un número mínimo de mudas por persoa usuaria de acordo coas súas características. As persoas usuarias achegarán a roupa debidamente marcada co fin de garantir en todo caso o uso exclusivo do seu propietario. O centro velará para que se renoven, por conta da persoa usuaria, as pezas de roupa deterioradas polo seu uso.
A prestación inclúe, para os residentes, a utilización de roupa de cama, de mesa e aseo con que está dotado o centro. A muda de roupa de cama efectuarase coa frecuencia que requiran as necesidades da persoa usuaria. Cambiaranse coa mesma periodicidade as toallas, manteis e demais lenzaría. O centro renovará, pola súa conta, este tipo de roupa coa frecuencia necesaria para que se manteña en condicións de uso axeitadas.
2.3.1.5. Manutención e dietas especiais.
Garantirase a correcta nutrición das persoas atendidas nos centros concertados. O deseño das dietas deberá cumprir os seguintes obxectivos:
– Ser completa e equilibrada.
– Ter unha presentación atractiva.
– Ser variada, adaptándose ás necesidades das persoas usuarias.
– Estar convenientemente realizada e condimentada.
– Estar adaptada á época do ano.
Ademais, na elaboración das dietas teranse en conta os seguintes aspectos:
– Débese dispoñer, polo menos, dunha dieta basal ou normal e de dietas específicas segundo sexa necesario (dieta diabética, triturada ou turmix, de protección gástrica, dietas especiais segundo as patoloxías e/ou probas exploratorias, etc).
– A dieta basal/normal constará de dous pratos e sobremesa, tanto na comida como na cea.
– Os alimentos deben ter unha correcta conservación, manipulación e preparación.
– Na dieta débese evitar o exceso de graxa (sobre todo graxa saturada) e de colesterol e reducir a achega de azucres refinados.
Nos centros residenciais realizarase un número adecuado de comidas ao día, que se estima en almorzo, comida, merenda e cea. Nos casos en que haxa que incluír unha a media mañá ou unha comida de reforzo, farase baixo criterios médicos e sanitarios.
Presentaranse menús especiais para festas sinaladas e tradicionais.
Os menús diarios serán expostos de forma clara e sinxela semanalmente no comedor, taboleiro de anuncios ou outro lugar público do centro.
Todas as materias primas e os produtos servidos terán que estar suxeitos á normativa legal e, en particular, ao Código alimentario español. O almacenamento das materias primas e a súa conservación efectuarase cumprindo a normativa vixente.
2.3.1.6. Limpeza.
As prestacións de limpeza incluirán a totalidade do edificio e instalacións. O horario será compatible e adaptado aos programas e necesidades de atención ás persoas usuarias, e inclúe de forma orientativa as seguintes tarefas:
a) Diariamente:
– Varrido e fregado dos pavimentos de material plástico ou terrazo.
– Limpeza de todo o mobiliario xeral, incluído papeleiras e cinceiros.
– Limpeza total e escrupulosa de lavabos e aseos.
– Reposición de papel hixiénico, xabón, etc.
– Recollida de lixo en bolsas pechadas, para o seu depósito nunha zona habilitada e traslado ata o lugar que se determine para a recollida de residuos urbanos.
b) Semanalmente:
– Aspirado de po en profundidade.
– Desempoado de mesas, andeis, etc. e limpeza de persianas.
– Varrido e fregado de todas as dependencias.
c) Quincenal/mensualmente:
– Encerado de pavimentos de corredores, vestíbulos e dependencias, cuxos materiais o permitan.
– Limpeza de cristais por ambos os lados.
– Desempoados de zócalos, portas e superficies situadas a unha altura superior a 1,80 metros.
d) Semestralmente:
– Limpeza de cortinas e moquetas.
2.3.1.7. Xestión e administración.
Desenvolverá e supervisará todos os aspectos relacionados coa actividade económica, administrativa e representativa derivados do funcionamento do centro, como son o control de ingresos e gastos, a elaboración do calendario de pagamentos, os seguros, a contabilidade, a vixencia de permisos e licenzas, así como as relacións con outras entidades públicas e privadas. Así mesmo, este servizo inclúe a dirección e a planificación da relación coas familias, a atención de queixas, as reclamacións, o tratamento de suxestións, a supervisión do persoal, a política de formadores e a xestión de calidade.
A entidade deberá dispoñer dunha póliza de seguro de responsabilidade civil que garanta a cobertura das posibles indemnizacións que a favor das persoas usuarias puidesen xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía nel ou das actividades propias que se realicen no exterior.
2.3.1.8. Lavandaría/xestión da roupa.
Garantirase o lavado e pasado do ferro periódico da lenzaría e da roupa de uso persoal das persoas usuarias e o seu repasado, segundo procedementos axustados á tipoloxía das pezas de roupas a fin de garantir a súa hixiene e conservación en bo estado.
A roupa que achegue a persoa usuaria deberá estar marcada, co fin de permitir a súa identificación e garantir o uso exclusivo da persoa propietaria.
No momento do ingreso da persoa usuaria, deberá realizarse un inventario da roupa (así como das demais pertenzas que esta achegue), que se deberá manter actualizado cos cambios que se vaian producindo. O inventario deberá ser asinado pola persoa usuaria e/ou representantes legais de ser o caso, e pola persoa responsable correspondente do centro, quen velará para que se renoven as pezas de roupa deterioradas polo uso mediante a comunicación á familia e/ou representante legal das necesidades da reposición.
2.3.1.9. Supervisión e vixilancia.
Garantirase que a integridade física das persoas usuarias e dos profesionais non sufra ningún tipo de ameaza.
Naqueles casos en que, por un condicionamento de índole física ou psíquica, poidan preverse situacións de risco para a súa integridade, estableceranse as medidas de protección e control necesarias.
Levarase un control, tanto das entradas e saídas das persoas usuarias como das visitas, evitando que poidan abandonalo inadvertidamente aqueles que non deban facelo sen o debido acompañamento. En particular, velarase polos accesos e procurarase preservar a intimidade das persoas usuarias respectando o regulado na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2.4. Servizos opcionais ou complementarios.
Os centros concertados poderán ofertar servizos ou prestacións complementarias ás prestacións básicas que constitúen o obxecto do servizo deste concerto social, enumeradas nos parágrafos anteriores.
Estes servizos deben ser voluntarios para as persoas usuarias e poderán ser facturados de xeito independente, agás que a entidade os oferte como gratuítos.
Estes prezos determinaranse de acordo cos existentes, para o mesmo tipo de servizo, na zona en que se atope situado o centro.
No caso de que a entidade concertada lles cobre ás persoas usuarias outros servizos distintos aos que estean fixados neste prego, deberá notificalo á Consellería de Política Social e Igualdade e ter a autorización desta.
2.5. Estándares de calidade.
En todo caso, serán de aplicación ao servizo que se presta en virtude do acordo de acción concertada subscrito todos os requisitos, criterios e estándares de calidade que en cada momento estableza a normativa vixente sobre condicións básicas dos centros de atención a persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Plan de atención individual e expediente persoal.
3.1. Plan de atención individual.
A entidade concertada realizará un estudo e avaliación interdisciplinar de cada persoa usuaria, elaborando un plan de atención individual (en diante PAI), que comprenderá todas aquelas actuacións dirixidas a alcanzar a autonomía persoal no maior grao posible, e ao desenvolvemento das prestacións mencionadas nos puntos precedentes, adaptándoo ás capacidades da persoa usuaria.
O PAI debe incluír, polo menos, os seguintes aspectos: avaliación funcional, física, psíquica e sociofamiliar, así como a definición dos obxectivos que se pretende acadar e o plan de intervención que se levará a cabo. Integrarase nel un plan de apoio condutual á enfermidade mental desenvolvido polo centro para a abordaxe das crises e/ou alteracións de conduta a fin de conseguir a súa estabilización e, na medida do posible, a súa remisión.
Debe existir un sistema de rexistros dos axustes realizados polos profesionais no plan de intervención adoptado en función das diferentes áreas avaliadas.
3.2. Expediente persoal da persoa usuaria.
De cada persoa usuaria deberá existir un expediente persoal en que constará a información administrativa, sociofamiliar, médica, psicolóxica, psiquiátrica e rehabilitadora, así como a que poida derivar do PAI a que estea suxeito a persoa usuaria.
Ademais, incluirá os informes técnicos correspondentes, diagnósticos, tratamentos prescritos e o seguimento e avaliación dos programas que se desenvolvan coa persoa usuaria, así como as incidencias producidas no seu desenvolvemento.
Estes expedientes, cuxo contido terá carácter confidencial, estarán debidamente ordenados e á disposición da Consellería de Política Social e Igualdade, a fin de comprobar a atención prestada ás persoas usuarias.
4. Protocolos.
A execución do servizo obxecto deste concerto deberá axustarse aos seguintes protocolos de actuación ou aos que en cada momento determine a Consellería de Política Social e Igualdade:
– Preingreso.
– Acollida e adaptación ao centro.
– Caídas.
– Medidas restritivas.
– Hixiene persoal.
– Medicación.
– Atragoamento.
– Emerxencia sanitaria.
– Control de errantes.
– Detección e intervención en caso de malos tratos.
– Abordaxe da enfermidade mental e trastornos de conduta e intervención en crises.
– Prevención e tratamento de úlceras por presión.
– Transferencia e mobilizacións.
– Control de constantes.
– Coidados ao final da vida.
– Baixa no centro.
– Suxestións, queixas e reclamacións.
5. Organización e funcionamento.
5.1. Normas de funcionamento.
O centro disporá dunhas normas de funcionamento que deberán estar visadas polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia e que deberán estar expostas nun lugar visible deste.
Estas normas, que deberán redactarse nunha linguaxe clara e comprensible, serán entregadas no momento do seu ingreso ás persoas designadas para ocupar as prazas públicas concertadas. A entidade concertada asume a obriga de comunicar ao departamento territorial correspondente da Consellería de Política Social e Igualdade as variacións que se produzan en relación con elas.
As persoas usuarias do servizo veñen obrigadas a cumprir as normas de funcionamento do centro. En caso de incumprimento aplicarase, cando proceda, o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 89 e seguintes da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
5.2. Instrumentos de organización e funcionamento.
O centro disporá:
a) Dun organigrama que indique os postos de responsabilidade e as súas funcións, que se dará a coñecer ás persoas usuarias, aos familiares e ao cadro de persoal.
b) Dun plan de control, que deberá recoller os seguintes aspectos:
– Organización e funcionamento: programas de intervención, horarios xerais en que se prevén as comidas e os servizos relacionados co coidado persoal, os horarios de actividades e a participación das persoas usuarias, entre outros.
– Recursos humanos: plan de formación continua que inclúa actividades formativas para todo o persoal profesional do centro en relación coas ferramentas e metodoloxías do modelo de intervención que se leve a cabo no centro axustado ás funcións de cada tipo de persoal.
c) Dun plan coa programación de actividades, programas, criterios de organización, planificación e funcionamento de todos os seus servizos e áreas.
O plan incluirá programas específicos para a enfermidade mental e condutas disruptivas baseados na prevención e abordaxe terapéutica destas, dirixido á redución da sintomatoloxía condutual co deseño dun plan de intervención que inclúa estratexias preventivas, ensino de habilidades, manipulación ecolóxica, control de continxencias e estratexias reactivas, que se desenvolverán tanto en sesións de seguimento individual como en actividades grupais; así como aqueles outros que poidan ser necesarios en función das necesidades das persoas usuarias e a súa evolución.
d) Dun rexistro de altas e baixas de persoas usuarias. Neste sentido a entidade adxudicataria comprométese a facer uso da aplicación Censo de Residentes (CENRES) que facilita esta Administración. Os datos de alta e baixa, así como as incidencias na prestación do servizo das persoas residentes, deben estar convenientemente actualizados pola entidade.
Para os efectos do establecido neste punto 5, o centro disporá dun sistema de xestión e rexistros dos protocolos indicados, en formato electrónico, que permitan, cando menos:
– Levar o control e os horarios das súas actividades.
– A xestión dos expedientes das persoas usuarias.
– O seguimento dos protocolos que se desenvolven no centro.
– A planificación do persoal.
– A comunicación coas familias.
6. Dereitos e deberes das persoas usuarias, e relación coas familias.
6.1. Dereitos.
De conformidade co artigo 6 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as persoas usuarias teñen dereito:
a) A utilizar os servizos do centro en condicións de igualdade e sen discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, orientación sexual, estado civil, idade, situación familiar, discapacidade, ideoloxía, crenza, opinión ou calquera outra circunstancia persoal, económica ou social.
b) A recibir un trato acorde coa dignidade da persoa e co respecto dos dereitos e das liberdades fundamentais, tanto por parte do persoal como das persoas implicadas no centro, programa ou servizo.
c) A unha intervención individualizada acorde coas súas necesidades específicas, así como a ser asistidas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso á atención social, sanitaria, educativa, cultural e, en xeral, a todas as necesidades persoais que sexan precisas para conseguir o seu desenvolvemento integral.
d) A recibir información de xeito áxil, suficiente e veraz, e en termos comprensibles, sobre os recursos e as prestacións do centro e do Sistema galego de servizos sociais.
e) A ter asignada unha persoa profesional de referencia, que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia e a globalidade no proceso de intervención social.
f) Á confidencialidade, ao sixilo e ao respecto en relación cos seus datos persoais e coa súa información que sexa coñecida polo centro en razón da intervención profesional, sen prexuízo do posible acceso a aqueles no exercicio dunha acción inspectora, de conformidade coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
g) A acceder ao seu expediente persoal e a obter copia del.
h) A elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do centro e, logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso.
i) A rexeitar a oferta de participación en servizos ou programas que lles oferte o centro.
j) Á calidade dos servizos e prestacións recibidas, para o que poden presentar suxestións e reclamacións.
k) A dar instrucións previas respecto da asistencia ou dos coidados que se lles poidan administrar, co obxecto de faceren fronte a situacións futuras en cuxas circunstancias non sexan capaces de expresalas persoalmente.
l) Ao respecto dos dereitos lingüísticos.
m) Aos demais dereitos que, en materia de servizos sociais, estean recoñecidos na normativa vixente en cada momento.
6.2. Deberes.
De conformidade co artigo 7 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as persoas usuarias terán os seguintes deberes:
a) Cumprir as normas, os requisitos e os procedementos para o acceso ao centro e ao Sistema galego de servizos sociais, para o que facilitarán información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para a súa utilización e comunicarán as variacións que estas experimenten.
b) Comunicar ao persoal de referencia calquera cambio significativo de circunstancias que puidesen implicar a interrupción ou modificación substancial da intervención proposta.
c) Colaborar co persoal do centro encargado de prestarlles a atención necesaria, acudindo ás entrevistas con eles e seguindo os programas e as orientacións que lles prescriban.
d) Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais do centro, participando activamente no proceso que xere a intervención na que sexan destinatarias.
e) Participar de xeito activo no seu proceso de mellora, autonomía persoal e inserción social.
f) Destinar as prestacións recibidas ao fin para o que foron concedidas.
g) Contribuír ao financiamento do custo dos servizos consonte a normativa vixente.
h) Observar as demais normas que dimanen deste documento e das demais normas de funcionamento ou convivencia do centro.
6.3. Relación coas familias.
A familia será informada das incidencias importantes no estado de saúde da persoa usuaria, atendendo á normativa vixente en materia de protección de datos persoais. Desta comunicación quedará constancia por escrito no seu expediente ou historia.
O equipo técnico do centro, xunto coa dirección deste, manterá reunións coa persoa interesada e/ou con quen exerza a súa representación legal, nas cales será informada persoalmente do Plan de atención individualizada e do plan de coidados.
As familias deben cumprir cos seus deberes cara á persoa usuaria en todos os procesos de atención.
O centro propiciará a relación entre a persoa usuaria e os seus familiares ou achegados, facilitando as visitas destes e organizando actos e encontros colectivos entre ambos e promoverá distintas canles de participación na vida do centro.
7. Medios mínimos persoais e materiais necesarios para levar a cabo a prestación.
7.1. Medios persoais.
7.1.1. Requisitos.
A entidade deberá dispoñer do persoal preciso para atender a realización das prestacións concertadas, o cal deberá cumprir os requisitos establecidos na normativa que sexa de aplicación e nas bases desta convocatoria.
O devandito persoal dependerá exclusivamente da entidade concertada, por canto esta terá todos os dereitos e obrigas inherentes á súa calidade de empresaria e deberá cumprir as disposicións vixentes en materia fiscal, laboral, de Seguridade Social, de integración social das persoas con discapacidade, igualdade de xénero e seguridade e saúde no traballo.
O incumprimento destas obrigas por parte das entidades concertadas non implicará responsabilidade ningunha para a Administración.
7.1.2. Dirección.
O centro concertado contará coa figura de director/a ou responsable de centro, que deberá contar con titulación universitaria e realizar formación complementaria en dependencia, discapacidade, dirección de centros ou outras áreas de coñecemento relacionadas co ámbito de atención á dependencia, agás no posto xa ocupado, en que o director/a terá como mínimo tres (3) anos de experiencia no sector e contará coa formación complementaria anteriormente mencionada.
Este posto poderá ser compatible ben con outras funcións no propio centro, ben coa función de responsable doutro centro ou servizo que se sitúe no mesmo edificio ou noutros anexos.
7.1.3. Ratios de persoal.
O servizo deberá cumprir coas seguintes ratios de persoal de atención directa, en función das prazas ocupadas en cada momento. Para os efectos do cálculo das ratios, considérase que o persoal coidador é o pertencente á área de formación básica e instrumental, e considérase persoal técnico o das áreas restantes.
A ratio mínima de persoal de atención directa no servizo de atención residencial terapéutica para persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental que debe cumprir a entidade adxudicataria do concerto social é de 0,86. Dentro da ratio mínima, recoméndase para o persoal coidador unha ratio de 0,65 e para o persoal técnico de 0,21.
O persoal distribuirase en función das necesidades das persoas usuarias e deberase garantir que quedan cubertas todas as áreas de intervención recollidas para o servizo.
As prestacións de atención médica e de enfermaría pódense prestar a través dos servizos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou dos que en cada caso correspondan ás persoas usuarias, sempre e cando quede acreditado que se preste este servizo.
En todo caso cumpriranse os seguintes requisitos:
– Persoal coidador: garantirase o carácter continuo e permanente do servizo de luns a domingo. Asegurarase a presenza física diaria as 24 horas do día todos os días do ano en número suficiente para a correcta prestación do servizo.
– Persoal técnico: serán imprescindibles os perfís de psicóloga/o, traballador/a social, educador/a social e graduada/o en enfermaría ou equivalente, mentres que o resto poderán ser: psicólogo/a, terapeuta ocupacional, fisioterapeuta, pedagogo/a, psicopedagogo/a e/ou logopeda, en tempo suficiente para a axeitada prestación do servizo.
7.1.4. Persoal de servizos xerais.
O centro deberá dispoñer, ademais do persoal anterior, de persoal de servizos xerais, agás que os ditos servizos sexan contratados de acordo coas normas que regulan a subcontratación.
7.2. Medios materiais e mantemento do centro.
A entidade concertada manterá o centro, o seu equipamento e as instalacións en perfectas condicións de conservación e funcionamento e, para tal efecto, deberán subscribir os contratos de mantemento preceptivos, así como levar a cabo as reparacións e reposicións que sexan necesarias, facendo fronte ás deterioracións propias do funcionamento diario das instalacións e do seu equipamento.
A entidade concertada está obrigada a que o seu centro dispoña, durante a vixencia do concerto e para o cumprimento dos obxectivos asistenciais previstos, dos recursos materiais, equipamento e sistemas informáticos e de comunicacións, se é o caso, necesarios para realizar con eficacia, calidade e garantía as prestacións obxecto do concerto.
Así mesmo, está obrigada a xestionar os permisos, licenzas e autorizacións establecidas na normativa nacional, autonómica e local que lle sexa de aplicación, e nas normas de calquera outro organismo público ou privado que sexan necesarias para o inicio e execución do servizo concertado.
Existirá un plan integral de mantemento, que incluirá un plan de control de instalacións, un sistema contra incendios, roubo, fugas e calquera outro sistema de necesidades exixido pola normativa.
Realizaranse e protocolarizaranse as tarefas de desinsectación, desratización e desinfectación, así como todas aquelas tarefas relacionadas co control de augas, lexionela, recollida de materiais contaminantes, etc., propias das distintas lexislacións sanitarias de aplicación a este tipo de centros.
A entidade adxudicataria dotarase dos medios mínimos necesarios exixidos no Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección, e polo que se fixa o contido desas medidas. A formación específica para o uso de aparellos desfibriladores externos automatizados será realizada pola entidade contratada, de acordo co establecido no Decreto 38/2017, do 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fóra do ámbito sanitario e se crea o seu rexistro.
8. Réxime de utilización das prazas.
O réxime de ingresos, traslados e baixas das persoas usuarias virá determinado pola Orde do 16 de abril de 2014 pola que se regulan as condicións dos ingresos e traslados en servizos prestados en centros propios ou concertados, no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal, ou pola normativa vixente en cada momento.
En virtude da súa situación persoal e social, poderá autorizarse o ingreso a outras persoas con discapacidade mediante resolución da Consellería de Política Social e Igualdade.
8.1. Designación das persoas usuarias.
Correspóndelle á Consellería de Política Social e Igualdade determinar as persoas que deban ocupar as prazas concertadas, de acordo co establecido na referida Orde do 16 de abril de 2014 e no Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, ou normativa que as complemente ou substitúa.
A entidade concertada comprométese expresamente a aceptar as persoas usuarias designadas pola consellería para ocupar as prazas.
Unha vez notificada a concesión de praza á persoa beneficiaria, as persoas usuarias deberán asinar un contrato de prestación de servizos que regula todos os aspectos fundamentais da relación desde o seu ingreso ata a súa baixa no centro. A entidade deberá dispoñer dun modelo tipo de contrato, que deberá cumprir cos requisitos exixidos pola normativa aplicable, e que deberá estar á disposición da Administración.
A persoa usuaria e a entidade concertada subscribirán o citado contrato antes do ingreso, e nel deberá constar necesariamente a obriga da persoa usuaria de aboarlle á entidade concertada o importe que, se é o caso, lle corresponda segundo o previsto na normativa aplicable, así como a forma e os prazos en que deben efectuarse os correspondentes pagamentos.
Con base nos principios de continuidade e regularidade na atención ao longo do ciclo vital e de arraigo da persoa na contorna de atención social establecidos no artigo 3 do Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e en función das dispoñibilidades orzamentarias, ante a situación dun cambio de PIA das persoas usuarias, tratarase de lles asignar a estas unha nova praza nun centro da mesma entidade e situado na mesma contorna. No caso de haber varias persoas usuarias na mesma situación, aplicaranse as normas de asignación de recursos derivadas do Decreto 142/2023, do 21 de setembro, ou as da Orde do 16 de abril de 2014 no caso de traslados por cambio de tipoloxía, ou normativa que as complemente ou substitúa.
De ser preciso, e en caso de que as condicións de autorización dos centros da entidade o permitan, minorarase a praza de orixe da acción concertada e crearase unha nova praza concertada no novo recurso que sexa axeitado.
8.2. Protección de datos.
A entidade concertada e o persoal que teña relación directa ou indirecta coa prestación ás persoas usuarias da atención prevista neste prego gardarán o segredo profesional sobre todas as informacións, documentos e asuntos a que teñan acceso ou coñecemento durante a vixencia do concerto, e estarán obrigados a non facer público ou allear cantos datos coñezan como consecuencia ou con ocasión da súa execución, mesmo despois de finalizar a vixencia do concerto. A entidade concertada comprométese expresamente a cumprir o disposto no Regulamento 2016/679 (UE), xeral de protección de datos persoais, no referente á información de datos persoais e a formar e informar o seu persoal das obrigas que de tal norma dimanan.
No caso de que a persoa usuaria sexa derivada a outra institución, o centro de orixe facilitará os informes correspondentes, respectando en todo caso a normativa de protección de datos anteriormente citada.
8.3. Incidencias.
O centro notificará ao órgano competente en materia de inspección e autorización de servizos sociais, directamente ou a través do departamento territorial da Consellería de Política Social e Igualdade correspondente, no prazo máximo de tres días, as incidencias de carácter grave que se produzan, indicando a súa causa.
