DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Luns, 5 de outubro de 2026 Páx. 51359

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se lle dá publicidade á encomenda de xestión a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., como medio propio personificado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización das actuacións de codificación e validación manual do Rexistro Galego de Tumores (Regat).

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución da Consellería de Sanidade, do 17.9.2026, pola que se encomenda a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. a realización das actuacións de codificación e validación manual do Rexistro Galego de Tumores (Regat).

1. Obxecto: a realización de actuacións técnicas de apoio á codificación, revisión e validación manual da información incorporada ao Rexistro Galego de Tumores (Regat), co fin de garantir a calidade, integridade e exhaustividade da información rexistrada, así como a súa adecuación para a análise epidemiolóxica, estudos de supervivencia e avaliación de programas de cribado e impacto terapéutico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Orzamento: o importe destinado á execución das actuacións obxecto da encomenda ascenderá a 125.235,50 €, con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.640.15 (proxecto 2025 00099) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 de acordo coa seguinte distribución por anualidades:

a) 2026: 31.703,00 €.

b) 2027: 93.532,50 €.

3. Obrigas económicas: a compensación económica cubrirá exclusivamente os custos efectivos derivados da execución das actuacións encomendadas, de conformidade co previsto na normativa aplicable aos medios propios personificados.

O pagamento será mensual coa presentación da factura correspondente por parte de Galaria e para os efectos da xustificación, Galaria emitirá un informe da actividade realizada durante o mes que se remitirá á Dirección Xeral de Saúde Pública.

4. Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda non supón cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio.

A Dirección Xeral de Saúde Pública conservará en todo momento:

a) A dirección técnica do rexistro.

b) A definición dos criterios técnicos e metodolóxicos.

c) A supervisión das actuacións realizadas.

d) A validación final da información.

e) A responsabilidade sobre a xestión e explotación do Regat.

Galaria actuará de conformidade coas instrucións e directrices que dite a Dirección Xeral de Saúde Pública.

5. Vixencia: 1 ano, producindo efectos desde a data da súa sinatura e poderá ser prorrogada mediante resolución expresa do órgano encomendante por outros 2 anos.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade