1. O 23 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) a Resolución do 20 de setembro de 2016 pola que se crea o Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Este fondo ten como finalidade posibilitar o financiamento das entidades locais no desenvolvemento das súas competencias en relación cos deberes de rehabilitación e conservación para que, ao mesmo tempo, se converta nun instrumento eficaz para impulsar a rehabilitación e a conservación do patrimonio construído, evitando, na medida do posible, a súa deterioración, ata chegar a unha situación de ruína que obrigue á súa demolición.
De conformidade co punto segundo do ordinal segundo da dita resolución, «O fondo dotarase cun importe máximo de 10.000.000,00 euros procedente dos depósitos obrigatorios das fianzas, respectando a disposición máxima prevista legalmente».
2. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula o citado fondo nos seus artigos 82 e 83, dentro das medidas de fomento da rehabilitación edificatoria e da rexeneración e a renovación urbanas, como un fondo sen personalidade xurídica propia para a xestión do instrumento financeiro de préstamo aos concellos con poboación inferior a cincuenta mil habitantes.
O punto segundo do artigo 83 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e no mesmo senso o punto terceiro do ordinal segundo da Resolución do 20 de setembro de 2016, establecen que «As devolucións efectuadas polos concellos pasarán novamente a formar parte do fondo para que poida ser reutilizado en novas disposicións por parte dos concellos».
Pola súa banda, o ordinal décimo da Resolución do 20 de setembro de 2016, baixo a rúbrica «Xestión e control do Fondo de cooperación», engade que «As reposicións de cantidades que fagan os concellos, unha vez cumpridos os períodos de devolución, contabilizaranse como ingreso e servirán para facer novas achegas desde o fondo mentres dure a súa vixencia».
3. O 24 de marzo de 2022 publicouse no DOG a Resolución do 17 de marzo de 2022 pola que se amplía a dotación do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. A través da dita resolución o Fondo de cooperación pasou a estar dotado cun importe máximo de 20.000.000,00 euros.
4. O 25 de marzo de 2026 publicouse no DOG a Resolución do 18 de marzo de 2026 pola que se convoca o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes para a anualidade 2026 (código de procedemento VI438A).
O punto primeiro do ordinal segundo da Resolución do 18 de marzo de 2026 establece que «O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 3.044.893,20 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS)».
5. Tendo en conta que o número de solicitudes presentadas e susceptibles de obter o acceso ao Fondo de cooperación supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente na convocatoria e que o prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2026, resulta necesario proceder á ampliación da dotación orzamentaria prevista na citada resolución, cos importes dispoñibles das reposicións dos concellos que tiveron acceso a este fondo en anteriores convocatorias, de acordo co previsto no ordinal décimo da Resolución do 20 de setembro de 2016.
6. De conformidade co artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Presidencia do IGVS.
Polo exposto,
RESOLVO:
Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a aplicación 11.81.451A.821.60 da convocatoria de 2026 do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, por importe de 1.428.894,53 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.
Esta ampliación non implica a modificación do prazo para presentar solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.
Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no DOG.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
