DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Mércores, 7 de outubro de 2026 Páx. 51729

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización actividades de interese agrario, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR321A).

BDNS (Identif.): 933045.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/933045

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas que se regulan nesta orde as seguintes entidades:

1. As organizacións profesionais agrarias.

2. As asociacións agrarias.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para conceder axudas, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, para realizar actividades de interese agrario (procedemento administrativo MR321A), e convocalas para o exercicio orzamentario 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 30 de setembro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MR321A).

Cuarto. Actividades subvencionables

Serán subvencionables os custos derivados das seguintes actividades realizadas entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026:

a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.

b) Funcións ordinarias de xestión interna.

c) Representación perante as institucións.

d) Participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados (mesas, comisións, etc.).

e) Formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario.

f) Fomento do asociacionismo agrario.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural