Examinado o expediente iniciado por solicitude de AV Paxareiras, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Pola Resolución do 30 de marzo de 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorgou as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Paxareiras II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN661A 2011/8). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 4.5.2022.
Segundo. Pola Resolución do 11 de maio de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LAT 66 kV evacuación PE Paxareiras II, no concello de Dumbría, promovida por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN408A 2020/179). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 7.7.2022.
Terceiro. Pola Resolución do 23 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, recoñeceuse como non substancial unha modificación do parque eólico Paxareiras II.
Con esta modificación substitúense os 8 aeroxeradores Vestas-112 de 3 MW, altura de buxa de 94 m e diámetro de rotor de 112 m, por 5 aeroxeradores Nordex N163 de 5,7 MW, altura de buxa de 119 m e diámetro de rotor de 163 m, limitando os aeroxeradores AE01, AE03 e AE04 a 5 MW, de forma que resulta unha potencia total de 26,4 MW.
Cuarto. O 20.1.2025, AV Paxareiras, S.L.U. presentou unha solicitude de nova tramitación para o parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido na disposición adicional décimo quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro. A promotora solicita as autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, e a declaración de utilidade pública do parque eólico.
Así mesmo, a promotora solicita, con base na disposición adicional novena da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que se acorde a acumulación do procedemento ordinario de avaliación de impacto ambiental do parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación co dos parques eólicos Sembra e Codesos e as súas infraestruturas de evacuación, ambos promovidos por Volantis Renovables, S.L.U. O 21.1.2025 esta última sociedade efectuou a mesma solicitude de acumulación.
Entre a documentación achegada por AV Paxareiras, S.L.U. coa súa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Paxareiras II, Sembra e Codesos, así como para as súas infraestruturas de evacuación.
Posteriormente, o 13.2.2025, AV Paxareiras, S.L.U. achegou o acordo de compartición de infraestruturas de evacuación para os parques eólicos Sembra, Codesos e Paxareiras II, asinado pola solicitante, como promotora deste último, e por Volantis Renovables, S.L.U., como promotora dos dous primeiros.
Quinto. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 29.2 da Lei 8/2009.
Sexto. O 3.7.2025, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.
Sétimo. O 15.7.2025, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no que se conclúe que as posicións dos 5 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m aos núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, aplicable ao proxecto de acordo co previsto na letra e) do punto 5 da disposición adicional décimo quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Oitavo. O 28.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, para a continuación da tramitación de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
Noveno. Polo Acordo do 8 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) dos proxectos do parque eólico Codesos (expediente IN408A 2023/016), parque eólico Sembra (expediente IN408A 2023/018), e parque eólico Paxareiras II (expediente IN661A 2011/8-NT) e as súas infraestruturas de evacuación, así como a solicitude da declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Paxareiras II, situados nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.10.2025. Así mesmo, estivo exposto nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Dumbría e Cee, segundo os certificados emitidos o 2.12.2025 e o 3.12.2025, respectivamente, no taboleiro de anuncios das dependencias do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o certificado emitido o 13.1.2026, así como no portal web da citada consellería, onde se puido acceder á documentación técnica das referidas instalacións, durante o prazo de trinta (30) días, de acordo co disposto no artigo 33.10 da Lei 8/2009.
Durante o trámite de información pública presentáronse diversas alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
Décimo. O 21.10.2025, de modo simultáneo ao trámite de información pública, iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009. Así mesmo, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Dumbría, Deputación Provincial da Coruña, EDP España S.A.U., Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.L.U., Orange Espagne, S.A.U., Red Eléctrica de España, S.A.U., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. e Vodafone España, S.A.U.
A seguir se relacionan os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.L.U., Red Eléctrica de España, S.A.U., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Retevisión I, S.A.U. e Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta a todos os condicionados emitidos.
Con respecto aos demais condicionados técnicos solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, ao non recibirse estes en prazo, enténdese a conformidade co proxecto e continuase a tramitación do procedemento.
Décimo primeiro. O 16.1.2026, o Departamento Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para seguir coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.
Décimo segundo. Cuberta a tramitación ambiental conxunta, o 22.1.2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu a resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).
Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Concello de Cee, Concello de Dumbría, Consellería de Economía e Industria, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.
Décimo terceiro. O 30.1.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e as alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente, así como a declaración responsable relativa ás afeccións da configuración resultante do parque eólico.
Décimo cuarto. O 11.2.2026, a promotora achegou a documentación técnica refundida, en que se inclúe o proxecto de execución, coa correspondente separata para o Concello de Dumbría. Así mesmo, en relación cos restantes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral a que se lle solicitou o correspondente condicionado técnico durante a tramitación do procedemento, e que se recollen no antecedente de feito décimo, a promotora achegou unha declaración responsable en que se expón que na configuración definitiva do proxecto non se modifican as respectivas afeccións.
Décimo quinto. O 4.5.2026, a promotora achegou documentación relativa aos acordos de uso compartido das infraestruturas de evacuación, existentes entre os promotores de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de chegada na subestación da rede de transporte, en relación co previsto no artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Décimo sexto. O 19.5.2026, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 5.5.2026, a promotora achegou unha emenda do proxecto de execución refundido denominada Proxecto de execución refundido parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, maio 2026, asinado dixitalmente o 13.5.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muíño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor, e visado o 18.5.2026 polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.
Décimo sétimo. O 23.6.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Concello de Dumbría a separata do proxecto refundido, a fin de que establecese o condicionado técnico procedente. Transcorrido o prazo outorgado, non se recibiu resposta.
Decimo oitavo. O 23.6.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle, ao Departamento Territorial da Coruña, o proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 19.5.2026, recollido no antecedente de feito décimo sexto, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.
Decimo noveno. O 13.8.2026, o Departamento Territorial da Coruña remitiulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o informe do 11.8.2026 sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido do parque eólico e das súas infraestruturas de evacuación, recollido no antecedente de feito décimo sexto, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.
Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 26,4 MW, segundo se recolle nos informes do xestor da rede do 7.7.2021 e do 13.10.2021, así como coa autorización en materia de servidumes aeronáuticas emitida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea o 21.6.2022.
Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (modificado entre outros polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro); e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, e vistas as respostas efectuadas pola promotora, maniféstase o seguinte:
No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, é necesario indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, en que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas preventivas, correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Cee, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.
En relación coa avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos cos proxectos eólicos próximos, é necesario indicar que o estudo de impacto ambiental conxunto dos parques eólicos Sembra, Codesos, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación contén un Estudo de sinerxías e efectos acumulativos cun ámbito de estudo baseado, segundo o indicado no propio documento, na incidencia visual do proxecto, por ser este o impacto que maior extensión espacial abarca. Así, resulta un ámbito de estudo dunhas 54.700 hectáreas, cunha lonxitude no seu eixe maior de 32 km e de 26 km no menor, no que se inclúen un total de 42 parques eólicos e 26 liñas eléctricas, en explotación, autorizados ou en tramitación.
No que respecta ás referencias á fragmentación de proxectos, recollidas nalgunhas das alegacións recibidas, cómpre manifestar que, tal e como se recolle nos antecedentes de feito desta resolución, os parques eólicos Sembra, Codesos, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación se someteron conxuntamente a un único procedemento de avaliación ambiental ordinaria que deu como resultado a declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026.
No que respecta ás distancias do proxecto aos núcleos de poboación, é necesario indicar que, tal e como consta no antecedente de feito sétimo desta resolución, o 15.7.2025 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe favorable en relación co cumprimento das distancias mínimas dos aeroxeradores do parque eólico Paxareiras II ás delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural existentes, aplicables ao proxecto de acordo co previsto na letra e) do punto 5 da disposición adicional décimo quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
No que respecta ás alegacións en que se solicita que se avalíe a alternativa de empregar ou compartir a liña de evacuación con outras existentes ou proxectadas na zona, ou soterrala completamente para evitar as afeccións paisaxísticas e sobre a fauna, cómpre ter en conta, en primeiro lugar, o establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09. En concreto, o punto 1.5.1 da súa ITC-LAT 07 establece o seguinte: «...As liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. Evitaranse, no posible, os ángulos pronunciados, tanto en planta como en alzado, e reduciranse ao mínimo indispensable o número de situacións reguladas polas prescricións especiais do punto 5.3». Por outra parte, e desde a perspectiva ambiental, é necesario indicar que a declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026 concluíu a viabilidade ambiental do proxecto do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, sempre que se cumpran o condicionado e o programa de vixilancia ambiental establecidos nela, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada.
En relación coas alegacións en que se manifesta que a configuración do trámite de información pública, aberto durante 30 días hábiles, non garante adecuadamente a posición xurídica das persoas interesadas e afectadas, cómpre indicar, en primeiro lugar, que o dito trámite de información pública se efectuou cumprindo o previsto ao respecto no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, así como no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Por outra parte, é necesario indicar que, ademais do acceso xeral á documentación técnica do expediente propio do trámite de información pública, as persoas interesadas nun procedemento administrativo dispoñen dos dereitos que lle outorga o artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No que respecta ás alegacións sobre o incremento do risco de incendios, é necesario indicar que o proxecto conta co informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Defensa do Monte durante o procedemento de avaliación ambiental.
No que atinxe a cuestións relacionadas coa tramitación do procedemento de declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico, tales como erros na titularidade ou na delimitación dos bens e dereitos afectados, desacordo coas superficies afectadas ou reclamación de compensacións, é necesario indicar que o mencionado procedemento non constitúe o obxecto desta resolución, polo que as referidas alegacións se terán en conta na resolución que finalmente se adopte.
As alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental se inadmiten de conformidade co artigo 38.3 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas establecidos nos artigos 36 e 37 da devandita lei.
No caso de escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, é necesario indicar que, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, esta non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.
Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, en relación cos proxectos dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, recollida no antecedente de feito décimo segundo desta resolución:
a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto dos parques eólicos Sembra e Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña), promovido por Volantis Renovables, S.L.U. e AV Paxareiras, S.L., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable para os parques eólicos Sembra e Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran ao longo deste documento e que prevalecerán sobre todo o anterior».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Sembra, do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación.
Nas súas epígrafes 5 e 6 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
5. Condicións ambientais.
5.1. Condicións particulares.
5.2. Condicións xerais.
5.2.1. Protección da atmosfera.
5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
5.2.4. Xestión de residuos.
5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
5.2.6. Integración paisaxística e restauración.
5.3. Outras condicións.
6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
6.1. Aspectos xerais.
6.2. Aspectos específicos.
6.3. Informes do programa de vixilancia.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, sitos nos concellos de Cee e Dumbría (A Coruña) e promovidos por AV Paxareiras, S.L.U., cunha potencia de 26,4 MW.
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, composto polo documento Proxecto de execución refundido parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, maio 2026, asinado dixitalmente o 13.5.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muiño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor, e visado o 18.5.2026 polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: AV Paxareiras, S.L.U.
Enderezo social: rúa do País Vasco, nº 30, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).
Denominación: parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación.
Potencia instalada: 26,4 MW.
Potencia autorizada/evacuable: 26,4 MW.
Produción neta anual: 113.978 MWh/ano.
Concellos afectados pola poligonal: Cee e Dumbría (A Coruña).
Orzamento de execución material (sen IVE): 19.504.610,35 euros (parque eólico e subestación) e 1.638.054,90 euros (infraestruturas de evacuación).
Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:
|
Vértice poligonal |
Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89) |
|
|
X |
Y |
|
|
A |
485.855,65 |
4.759.665,77 |
|
B |
487.531,22 |
4.760.695,47 |
|
C |
488.194,66 |
4.760.695,55 |
|
D |
490.320,19 |
4.760.056,43 |
|
E |
490.330,21 |
4.759.392,56 |
|
F |
490.953,37 |
4.759.392,56 |
|
G |
491.788,07 |
4.758.733,71 |
|
H |
491.378,77 |
4.758.488,13 |
|
I |
486.637,52 |
4.758.488,22 |
|
J |
485.855,99 |
4.759.056,33 |
Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:
|
Aeroxerador |
Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89) |
|
|
X |
Y |
|
|
PAX-01 |
487.684,35 |
4.760.425,48 |
|
PAX-02 |
488.184,36 |
4.760.217,48 |
|
PAX-03 |
488.754,36 |
4.760.304,48 |
|
PAX-04 |
489.150,87 |
4.760.013,76 |
|
PAX-05 |
489.861,38 |
4.759.587,48 |
Coordenadas da torre meteorolóxica:
|
Torre meteorolóxica |
Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89) |
|
|
X |
Y |
|
|
CC-Paxareiras II |
488.190,36 |
4.759.871,48 |
Coordenadas da subestación:
|
Subestación (vértices) |
Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89) |
|
|
X |
Y |
|
|
A |
491.595,83 |
4.758.832,53 |
|
B |
491.635,18 |
4.758.790,53 |
|
C |
491.633,20 |
4.758.783,59 |
|
D |
491.591,00 |
4.758.742,07 |
|
E |
491.548,12 |
4.758.787,84 |
Coordenadas da liña de evacuación:
|
Liña de evacuación |
Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89) |
|
|
X |
Y |
|
|
Inicio (Pórtico SET Paxareiras II) |
491.611,47 |
4.758.774,65 |
|
Apoio 11 (paso aéreo-subterráneo) |
493.354,51 |
4.758.446,95 |
|
Apoio 12 (paso subterráneo-aéreo) |
493.415,39 |
4.759.396,46 |
|
Apoio 25 (paso aéreo-subterráneo) |
495.900,54 |
4.762.304,51 |
|
Finalización (subestación A Lagoa) |
495.971,92 |
4.762.233,92 |
Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:
– Cinco (5) aeroxeradores tripá, tres (3) de 5,0 MW e dous (2) de 5,70 MW de potencia nominal unitaria, modelo N163 Nordex-Acciona, de 118,5 m de altura da buxa e 163 m de diámetro de rotor.
– Cinco (5) centros de transformación de 6.350 kVA de potencia nominal unitaria e de relación de transformación 0,75/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.
– Unha rede soterrada de media tensión formada por dous (2) circuítos de tensión nominal de 30 kV para a canalización da enerxía xerada polos aeroxeradores ata a subestación colectora do parque. O cable da rede é do tipo HEPRZ1 18/30 kV Al + H16/25 de distintas seccións e lonxitude total de 8.446,64 m. Pola mesma gabia prevese unha rede de posta á terra constituída por un cable de cobre espido de sección 50 mm2 e unha rede de comunicación cun cable de fibra óptica para a vixilancia e o control do parque.
– Unha torre meteorolóxica autoportante de 118,5 metros de altura, equipada cos seus correspondentes equipamentos de medición.
– Subestación Paxareiras II deseñada para a transformación e a evacuación da enerxía eléctrica producida polo parque eólico de Paxareiras II (expediente IN661A 2011/08) e do parque eólico de Sembra (expediente IN408A 2023/018). Esta subestación consta de dúas posicións de transformación que pertencen a cada parque.
A posición de transformación do parque eólico Paxareiras II dispón dun transformador de potencia en intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 20/30 MVA ONAN/ONAF e relación de transformación 66/30 kV.
A subestación está equipada da seguinte forma:
• Sistema de 66 kV con equipos de intemperie e de tecnoloxía compacta tipo módulos PASS M00 de ABB ou similar en esquema simple barra. Este sistema consta:
– Dunha (1) posición de liña 66 kV, cos equipos necesarios de protección e medida exixidos pola compañía distribuidora.
– Dunha (1) posición de transformador de potencia 30/66 kV.
• Sistema de 30 kV en esquema de simple barra:
Celas metálicas, prefabricadas de illamento en SF6, en interior:
– Dúas (2) celas de protección de liña.
– Unha (1) cela de protección de secundario de transformador de potencia.
– Unha (1) cela de protección de transformador de servizos auxiliares.
– Unha (1) cela de medida.
En exterior:
– Transformador de servizos auxiliares de 100 kVA e relación de transformación 30/0,4 kV.
– Proteccións no lado de 30 kV.
• Equipos en baixa tensión:
– Un (1) sistema de control da subestación.
– Un (1) conxunto de armarios de baixa tensión para servizos auxiliares de corrente alterna (CA) e de corrente continua (CC).
– Un (1) conxunto de baterías de CC de 125 Vcc, un convertedor 125/48 Vcc e un convertedor 125 Vcc/220 Vac.
– Un (1) grupo electróxeno de 20 kW.
A subestación disporá dunha rede xeral de posta á terra composta por unha malla de cobre espido de sección mínima de 95 mm2 e completarase coa instalación de 12 eléctrodos de 250 m de profundidade.
– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, ás cimentacións, ás plataformas de montaxe, ás gabias e á subestación.
Características técnicas principais da liña de alta tensión aéreo-soterrada de 66 kV:
Unha liña de alta tensión aéreo-soterrada de 66 kV para evacuar a enerxía xerada, cunha lonxitude total de 7.255,10 m dividida en dous tramos aéreos e dous tramos soterrados, desde a subestación do parque eólico Paxareiras II ata a subestación colectora A Lagoa 30-66/220 kV (antes denominada Regoelle, número de expediente IN407A 2016/3040-1, en servizo). Para chegar ao punto de conexión á rede de transporte utilizarase unha LAT 220 kV soterrada, desde a subestación colectora A Lagoa 30-66/220 kV ata a SE Regoelle 220 kV, propiedade de Red Eléctrica de España.
A liña de alta tensión aéreo-soterrada de 66 kV disponse da seguinte maneira:
– O primeiro tramo aéreo ten orixe no pórtico da subestación do parque eólico Paxareiras II e remata no apoio de paso aéreo-soterrado (PAS) núm. 11.
– O tramo soterrado número 1 comeza no apoio PAS núm. 11 e remata no apoio PAS núm. 12, cunha lonxitude de 1.070 m.
– O segundo tramo aéreo ten orixe no apoio PAS núm. 12 e remate no apoio PAS núm. 25.
– O tramo soterrado número 2 parte do apoio PAS núm. 25 e remata no pórtico da SET colectora A Lagoa, cunha lonxitude de 189,50 m.
A configuración dos tramos aéreos é de simple circuíto, con configuración en triángulo, con condutor LA-380 e cable de garda de fibra óptica do tipo OPGW-24, sendo a lonxitude total do trazado aéreo de 5.995,60 metros. O tendido aéreo realizase sobre 25 apoios de celosía de aceiro.
Os tramos soterrados levan unha terna de cables tipo RHZ1 36/66 kV 3×1×1.000 mm2 Al, en gabia baixo tubo PEAD, con disposición en triángulo, cable de comunicacións PKP e de conexión equipotencial de posta a terra en RV 0,6/1 kV 1×Cu 185 mm2.
A autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Paxareiras, S.L.U., constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 5.1.5 Condicións particulares da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que será fixado polo órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra de desmantelamento e abandono de instalacións».
En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 369.996,64 euros, dos cales 158.569,99 corresponden á fase de obras e 211.426,65 á fase de desmantelamento.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 5.1.5 da DIA, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e de procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. En canto aos bens e aos dereitos afectados polo parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e cos informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.
5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
De acordo co establecido no punto 5.1.2 da DIA, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral e implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión, tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restricións segundo o calendario establecido pola dirección xeral ou aquelas derivadas do anexo do punto VI do informe da dita dirección xeral), así como as diversas actuacións que se van desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas. Deberanse ter en conta tamén as demais condicións que se recollen no seu informe.
O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Así mesmo, de acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, previamente á realización das obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto do documento Parques eólicos de Paxareiras II, Sembra, Codesos e liña de evacuación a 66 kV. Addenda ao estudo de impacto ambiental. Axustes derivados do proceso de consultas e información pública. Xaneiro 2026.
6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.
7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.
8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico/a facultativo/a competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se autoriza, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.
13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. De transcorrer tres meses sen que o promotor aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable ao promotor, polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
