DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Mércores, 7 de outubro de 2026 Páx. 51768

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 9 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, sito nos concellos de Cee e Dumbría (A Coruña) e promovido por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN661A 2011/8-NT).

A seguir, recóllese a información exixida nas alíneas a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 9 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación, sitos nos concellos de Cee e Dumbría (A Coruña) e promovidos por AV Paxareiras, S.L.U., cunha potencia de 26,4 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, AV Paxareiras, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 5.1.5. Condicións particulares da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra de desmantelamento e abandono de instalacións».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 369.996,64 euros, dos cales 158.569,99 corresponden á fase de obras e 211.426,65 á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos, da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 5.1.5 da DIA, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e de procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e aos dereitos afectados polo parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e cos informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos mesmos.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 22.1.2026, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e de seguimento ambiental.

De acordo co establecido no punto 5.1.2 da DIA, a promotora deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves (pintado das aspas dos aeroxeradores de acordo cos criterios establecidos pola antedita dirección xeral e implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisión, tales como sistemas de detección baseados en vídeo) e quirópteros (restricións segundo o calendario establecido pola dirección xeral ou aquelas derivadas do anexo do punto VI do informe da dita dirección xeral), así como as diversas actuacións que se van desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficacia das ditas medidas. Deberanse ter en conta tamén as demais condicións que se recollen no seu informe.

O documento que elabore a promotora para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Así mesmo, de acordo co establecido no punto 5.1.3 da DIA, previamente á realización das obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural respecto do documento Parques eólicos de Paxareiras II, Sembra, Codesos e liña de evacuación a 66 kV. Addenda ao estudo de impacto ambiental. Axustes derivados do proceso de consultas e información pública. Xaneiro de 2026.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico/a facultativo/a competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se autoriza, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, inspeccionará as obras e as montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do/da interesado/a.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Así mesmo, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. De transcorrer tres meses sen que o promotor aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable ao promotor, polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Pola Resolución do 30 de marzo de 2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais outorgou as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Paxareiras II, sito no concello de Dumbría (A Coruña) e promovido por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN661A 2011/8). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 4.5.2022.

2. Pola Resolución do 11 de maio de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LAT 66 kV evacuación PE Paxareiras II, no concello de Dumbría, promovida por AV Paxareiras, S.L.U. (expediente IN408A 2020/179). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 7.7.2022.

3. Pola Resolución do 23 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, recoñeceuse como non substancial unha modificación do parque eólico Paxareiras II.

Con esta modificación substitúense os 8 aeroxeradores Vestas-112 de 3 MW, altura de buxa de 94 m e diámetro de rotor de 112 m, por 5 aeroxeradores Nordex N163 de 5,7 MW, altura de buxa de 119 m e diámetro de rotor de 163 m, limitando os aeroxeradores AE01, AE03 e AE04 a 5 MW, de forma que resulta unha potencia total de 26,4 MW.

4. O 20.1.2025, AV Paxareiras, S.L.U. presentou unha solicitude de nova tramitación para o parque eólico Paxareiras II e ás súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido na disposición adicional décimo quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro. A promotora solicita as autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, e a declaración de utilidade pública do parque eólico.

Así mesmo, a promotora solicita, con base na disposición adicional novena da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que se acorde a acumulación do procedemento ordinario de avaliación de impacto ambiental do parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación co dos parques eólicos Sembra e Codesos e as súas infraestruturas de evacuación, ambos promovidos por Volantis Renovables, S.L.U. O 21.1.2025 esta última sociedade efectuou a mesma solicitude de acumulación.

Entre a documentación achegada por AV Paxareiras, S.L.U. coa súa solicitude inclúese o estudo de impacto ambiental conxunto para os parques eólicos Paxareiras II, Sembra e Codesos, así como para as súas infraestruturas de evacuación.

Posteriormente, o 13.2.2025, AV Paxareiras, S.L.U. achegou o acordo de compartición de infraestruturas de evacuación para os parques eólicos Sembra, Codesos e Paxareiras II, asinado pola solicitante, como promotora deste último, e por Volantis Renovables, S.L.U., como promotora dos dous primeiros.

5. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos a que se refire o artigo 29.2 da Lei 8/2009.

6. O 3.7.2025, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

7. O 15.7.2025, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no que se conclúe que as posicións dos 5 aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m aos núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, aplicable ao proxecto de acordo co previsto na letra e) do punto 5 da disposición adicional décimo quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. O 28.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Paxareiras II e das súas infraestruturas de evacuación ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, para a continuación da tramitación de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

9. Polo Acordo do 8 de outubro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) dos proxectos do parque eólico Codesos (expediente IN408A 2023/016), parque eólico Sembra (expediente IN408A 2023/018), e parque eólico Paxareiras II (expediente IN661A 2011/8-NT) e as súas infraestruturas de evacuación, así como a solicitude da declaración de utilidade pública, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Paxareiras II, situados nos concellos de Dumbría e Cee (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia, ambos do 17.10.2025. Así mesmo, estivo exposto nos taboleiros de anuncios das casas dos concellos de Dumbría e Cee, segundo os certificados emitidos o 2.12.2025 e o 3.12.2025, respectivamente, no taboleiro de anuncios das dependencias do Departamento Territorial da Coruña, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o certificado emitido o 13.1.2026, así como no portal web da citada consellería, onde se puido acceder á documentación técnica das referidas instalacións, durante o prazo de trinta (30) días, de acordo co disposto no artigo 33.10 da Lei 8/2009.

Durante o trámite de información pública presentáronse diversas alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. O 21.10.2025, de modo simultáneo ao trámite de información pública, iniciouse o trámite de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009. Así mesmo, o Departamento Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Concello de Dumbría, Deputación Provincial da Coruña, EDP España, S.A.U., Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.L.U., Orange Espagne, S.A.U., Red Eléctrica de España, S.A.U., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. e Vodafone España, S.A.U.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Greenalia Wind Power Alto da Croa II, S.L.U., Red Eléctrica de España, S.A.U., Telefónica España, S.A., Telefónica Móviles España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Retevisión I, S.A.U. e Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta a todos os condicionados emitidos.

Con respecto aos demais condicionados técnicos solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, ao non recibirse estes en prazo, enténdese a conformidade co proxecto e continúase a tramitación do procedemento.

11. O 16.1.2026, o Departamento Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

12. Cuberta a tramitación ambiental conxunta, o 22.1.2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu a resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto dos parques eólicos Codesos, Sembra, Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, da Consellería de Medio, Ambiente e Cambio Climático (DOG núm. 30, do 13 de febreiro).

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Concello de Cee, Concello de Dumbría, Consellería de Economía e Industria, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

13. O 30.1.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante da declaración de impacto ambiental e dos diversos condicionados técnicos e das alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informe durante a tramitación do expediente, así como a declaración responsable relativa ás afeccións da configuración resultante do parque eólico.

14. O 11.2.2026, a promotora achegou a documentación técnica refundida, na que se inclúe o proxecto de execución, coa correspondente separata para o Concello de Dumbría. Así mesmo, en relación cos restantes organismos e empresas de servizo público ou de interese xeral a que se lle solicitou o correspondente condicionado técnico durante a tramitación do procedemento, e que se recollen na alínea décima, a promotora achegou unha declaración responsable na que se expón que na configuración definitiva do proxecto non se modifican as respectivas afeccións.

15. O 4.5.2026, a promotora achegou documentación relativa aos acordos de uso compartido das infraestruturas de evacuación, existentes entre os promotores de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de chegada na subestación da rede de transporte, en relación co previsto no artigo 21.5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

16. O 19.5.2026, en resposta ao requirimento desta dirección xeral, do 5.5.2026, a promotora achegou unha emenda do proxecto de execución refundido denominada Proxecto de execución refundido parque eólico Paxareiras II e as súas infraestruturas de evacuación, maio 2026, asinado dixitalmente o 13.5.2026 por Enrique Sánchez Anós, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, colexiado número 13.742, e por Damián Muíño Bello, enxeñeiro técnico industrial, colexiado número 3.933 do Coeticor, e visado o 18.5.2026 polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos.

17. O 23.6.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle ao Concello de Dumbría a separata do proxecto refundido, co fin de que establecese o condicionado técnico procedente. Transcorrido o prazo outorgado, non se recibiu resposta.

18. O 23.6.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiulle, ao Departamento Territorial da Coruña, o proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 19.5.2026, recollido na alínea décimo sexta, para os efectos da emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

19. O 13.8.2026, o Departamento Territorial da Coruña remitiulle á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o informe do 11.8.2026 sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto de execución refundido do parque eólico e das súas infraestruturas de evacuación, recollido na alínea décimo sexta, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e de conexión á rede de transporte para unha potencia de 26,4 MW, segundo se recolle nos informes do xestor da rede do 7.7.2021 e do 13.10.2021, así como coa autorización en materia de servidumes aeronáuticas emitida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea o 21.6.2022.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático