Examinado o expediente de extinción da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap), adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, dítase esta orde, baseada nos feitos e consideracións legais que se expoñen a seguir:
Feitos:
Primeiro. O 9 de setembro de 2026 presentouse ante este protectorado a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (FIDAP), adoptado polo padroado o 4 de novembro de 2025.
Segundo. A Fundación foi constituída mediante escritura pública outorgada perante o notario da Coruña, Francisco Manuel López Sánchez, o 15 de marzo de 1999, co número 708 do seu protocolo por Antonio Asensi Pernas, María Luisa Zapata Medí, Isidro López Rodríguez, José Antonio Méndez Fernández, Isidro Luis Álvarez Lloren, Miguel Sánchez de Enciso Ruiz, María del Pilar Rodríguez Ledo e Áurea Mejuto Rodríguez, e foi modificada por outra de emenda, do 26 de abril de 1999 perante o mesmo notario, co número de protocolo 1.130.
Mediante a Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de xuño de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 18 de xullo, clasificouse de interese sanitario, e adscribiuse á Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, que exerce plenamente o protectorado sobre esta e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1999/00014. Pola Orde da Consellería de Sanidade do 21 de xuño de 1999, publicada no DOG núm. 143, do 27 de xullo, foi declarada de interese galego e ordenouse a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos «ten por obxecto promover a investigación na atención de primeiro nivel e fomentar a formación de todos os que traballan neste nivel en especial do colectivo que traballa en atención primaria. Igualmente o estudo de formas de xestión e eficacia da atención do citado primeiro nivel».
Cuarto. Os devanditos estatutos establecen no seu artigo 35 as causas de extinción e atribúenlle ao Padroado a facultade para adoptar o acordo de extinción da Fundación.
Quinto. Xunto coa solicitude, a fundación presentou a seguinte documentación:
Escritura notarial outorgada en Lugo o 2 de setembro de 2026, co número de protocolo 2.476, mediante a que se elevan a público os acordos de extinción e liquidación da Fundación, adoptados na reunión do padroado que tivo lugar o 4 de novembro de 2025.
Certificación da reunión do padroado do 18 de agosto de 2026, na que consta a aprobación do acordo de extinción pola imposibilidade de realización dos fins fundacionais, prevista no artigo 44.1.c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
Memoria xustificativa do 18 de agosto de 2026 tanto da concorrencia da causa de extinción, como da improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar á práctica un proceso de fusión, na que se sinala a ausencia de bens, dereitos ou remanentes que poidan derivarse da extinción, ao non constar patrimonio ningún susceptible de ser obxecto de liquidación.
O proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación, neste caso, é inexistente xa que consta que a Fundación ten executados todos os seus recursos na realización das actividades en cumprimento dos seus fins.
Consideracións legais:
Primeiro. A Consellería de Sanidade resulta competente para resolver esta solicitude de conformidade co disposto no Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade (DOG núm. 101, do 27 de maio) en relación co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional e para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O devandito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. O artigo 54 da Lei 12/2006 e o 21 do Decreto 15/2009 inclúen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.
Cuarto. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa de aplicación e foi aprobado pola unanimidade do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación prevista no artigo 44 da Lei 12/2006, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.
Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego y demais normativa de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap) e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, previamente e con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 22.4.2020; DOG núm. 82, do 29 de abril)
Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade
