I
O artigo 1.2 do Estatuto de autonomía de Galicia proclama que a Comunidade Autónoma, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses. Así mesmo, o artigo 32 imponlle á Comunidade Autónoma a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego.
É nese horizonte e con esas finalidades coas que hai que entender as competencias asumidas no artigo 27.18 sobre o patrimonio, histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico. A identidade de Galicia, os seus intereses e os seus valores culturais son os principios reitores que impelen a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para actuar xurídica e administrativamente en consecuencia.
O patrimonio numismático é un dos principais testemuños materiais da contribución histórica do pobo galego no seu devir como comunidade con identidade propia desde antigo. A protección e o enriquecemento deste patrimonio constitúen, como parte sobranceira do patrimonio colectivo, obrigas fundamentais que vinculan todos os poderes públicos segundo o mandato que a estes dirixe o artigo 46 da Constitución española. Acoller e protexer o positivo legado daqueles que reuniron boa parte destes elementos é unha exixencia á altura dos protagonistas da nosa mellor tradición intelectual. O amparo e a custodia de pezas de singular significación histórica entra de cheo nas obrigas constitucionais e estatutarias que atinxen a Xunta de Galicia.
No marco do obxecto e das definicións fundamentais do artigo 1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) (LPCG), o acrecentamento, a difusión e a valorización destes elementos, vinculados notoria e claramente coa Comunidade Autónoma de Galicia, reclama unha resposta xurídico-administrativa ineludible, que permita o seu estudo, investigación, interpretación científica e transmisión ás xeracións futuras, en canto materialización dun valor histórico con derivadas nos eidos artísticos, científicos, técnicos, arqueolóxicos e documentais, que deben ser considerados como de sobranceiro interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo.
O patrimonio numismático con raíz e vinculación en Galicia, como singular reflexo do patrimonio histórico, é unha riqueza colectiva que contén expresións significativas transcendentais na evolución política e económica das distintas formas de autoorganización social dignas de aprecio para entender a forxa de Galicia ata hoxe. Este tipo de pezas son fundamentais na análise e no estudo da súa participación activa na configuración do mundo occidental, desde a romanización, a paulatina desintegración desta nos reinos xermánicos e, sobre esa base, a súa participación destacada e protagonista na configuración das monarquías peninsulares. Isto provoca unha estima para a sensibilidade da cidadanía e da comunidade científica galegas, que determina un proceso de patrimonialización con claro raizame en Galicia, que debe ser salvagardado, defendido e protexido. É nesta perspectiva como o exercicio das competencias, e a súa execución, instrumentalizada a través das figuras legais previstas, cobran pleno sentido.
II
A LPCG establece no seu artigo 1.2 que: «O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo». Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia en que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar en que fosen creados».
O artigo 8.2 da LPCG determina que: «(...) terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais, que, polo seu carácter, máis sobranceiro no ámbito no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante, este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.
O artigo 9.2 da LPCG expón que: «(...) para os efectos desta lei terán a consideración de bens mobles, ademais dos enumerados no artigo 335 do Código civil, aqueles susceptibles de seren transportados non estritamente consubstanciais coa estrutura do inmoble, calquera que sexa o seu soporte material».
Ademais o artigo 11 da LPCG, sobre especialidades dos bens mobles, establece que estes poderán ser declarados bens de interese cultural de forma individual ou como colección.
Para estes efectos, considérase que as seis moedas históricas de Galicia, que se declaran ben de interese cultural, non forman parte dunha colección, polo que se entenden como obras individuais.
III
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude decide proceder á incoación de oficio do procedemento de declaración de ben de interese cultural de sete moedas históricas de Galicia, pertencentes á denominada Colección Orol, debido ao seu importante valor cultural para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo.
Con data do 24.6.2025 publícase a Resolución do 23 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural sete moedas históricas de Galicia (DOG núm. 119, do 24 de xuño).
As sete moedas para as que se incoou o procedemento de declaración de ben de interese cultural son as seguintes:
• Tremissis Suevo de Honorio, ceca Gallaecia.
• Tremissis Suevo de Valentiniano, ceca Gallaecia.
• Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, ceca Gallaecia.
• Tremissis Visigodo de Wamba, ceca Tui.
• 1/4 de excelente dos Reis Católicos, ceca A Coruña.
• 1/2 de excelente da Granada dos Reis Católicos, ceca A Coruña.
• 1/2 real de Felipe II, ceca A Coruña.
Con data do 25.6.2025 ten lugar a poxa das moedas que integran a denominada Colección Orol na casa de poxas Jesús Vico, S.L. sita na cidade de Madrid, entre as que se atopan as sete moedas incluídas na resolución de incoación do procedemento de ben de interese cultural.
Con data do 9.10.2025 o secretario xeral de Cultura do Ministerio de Cultura comunícalle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que a moeda «1/4 de excelente dos Reis Católicos, ceca A Coruña» foi adquirida na poxa mediante o exercicio do dereito de tenteo polo Ministerio de Cultura para destinala ao Museo Arqueolóxico Nacional e que pasou a formar parte das coleccións do Estado que se custodian na dita institución.
Por tanto, en aplicación do artigo 60.1 da LPHE, a moeda «1/4 de excelente dos Reis Católicos, ceca A Coruña» xa está sometida ao réxime de protección dos bens de interese cultural, ao formar parte das coleccións do Estado que se custodian no Museo Arqueolóxico Nacional.
En consecuencia, procede incluír no obxecto do Decreto de declaración de ben de interese cultural as outras seis moedas, titularidade da Xunta de Galicia e depositadas actualmente no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Con data do 16.1.2026 publícase a Orde do 14 de xaneiro de 2026 pola que se exerce o dereito de tenteo, en aplicación do artigo 49 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, sobre seis moedas históricas de Galicia, en favor da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 10, do 16 de xaneiro).
O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas a que se refire o artigo 7 do citado texto legal. Logo de realizado este trámite, constan no expediente administrativo tres informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro, precisos para proceder á declaración de ben de interese cultural das seis moedas históricas de Galicia.
No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo non se presentaron alegacións.
Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de setembro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Primeiro. Declaración de ben de interese cultural
Declarar ben de interese cultural seis moedas históricas de Galicia conforme o descrito no anexo I deste decreto.
Segundo. Anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia
Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.
Terceiro. Publicación
Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Notificación
Notificar este decreto ás persoas e ás entidades interesadas.
Quinto. Recurso
Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira. Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominacións:
• Tremissis Suevo de Honorio, ceca Gallaecia.
• Tremissis Suevo de Valentiniano, ceca Gallaecia.
• Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, ceca Gallaecia.
• Tremissis Visigodo de Wamba, ceca Tui.
• 1/2 de excelente da Granada dos Reis Católicos, ceca A Coruña.
• 1/2 real de Felipe II, ceca A Coruña.
2. Natureza e condición:
• Natureza: material.
• Condición: moble.
• Clase: individual.
• Tipoloxía: moeda.
• Localización: os bens son propiedade da Xunta de Galicia e están depositados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
3. Descrición das moedas:
3.1. Tremissis Suevo de Honorio, ceca Gallaecia.
As características principais da moeda son as seguintes: Reino Suevo. Tremissis. A nome de Honorio. Ouro 1,35 g. 16 mm. Moi ben conservada. Rara.
3.2. Tremissis Suevo de Valentiniano, ceca Gallaecia.
Os aspectos máis relevantes da moeda son os seguintes: Reino Suevo. Tremissis. A nome de Valentiniano. Ouro, 1,35 g. 14,1 mm. Grafito X en reverso. Conservación excelente. Rara.
3.3. Tremissis Suevo serie Latina Mvnita, ceca Gallaecia.
Trátase dunha emisión única, que se saiba ata o momento, que constitúe unha testemuña material e documental da existencia do Reino Suevo en Galicia, que amosa non só un período de estabilidade económico-político, senón tamén unha declaración de intencións formais, como se da sinatura dun tratado se tratase, no cal se expón que en Galicia se declara a paz, sendo a moeda dun material nobre. A moeda declara que: GALLICA MVNITA PAX.
En consecuencia, a moeda constitúe un exemplo palpable e excepcional dentro da numismática alto medieval hispana, ao configurarse como unha testemuña directa do Reino Suevo de Galicia, a primeira entidade política xurdida na Europa medieval. Como consecuencia disto, o sistema monetario galaico-suevo foi o primeiro en diferenciarse do conxunto do Imperio Romano de Occidente. Neste sentido, esta moeda, como elemento para a lexitimación do Reino Suevo de Galicia, é unha das poucas testemuñas materiais auténticas. As ditas testemuñas seguen os estándares iconográficos das moedas romanas dos séculos III e IV, que se caracterizan pola súa esquematización e o uso do ouro, o que acredita un certo desenvolvemento monetario nesta etapa histórica de Galicia.
Así mesmo, a moeda ten un valor cultural senlleiro polo seu valor artístico, nesa demostración estilística de representación do poder rexio, así como a simboloxía e a iconografía empregadas na época nunha preciosa e coidada cuñaxe en ouro.
As características principais da moeda son as seguintes: Reino Suevo. Tremissis. Serie Latina MVNITA. Lei. MVNITA GALLICA PAX. Ouro, 1,24 g. 16,1 mm. Excelente conservación. Rarísima: posiblemente única.
3.4. Tremissis Visigodo de Wamba, ceca Tui.
As pegadas das emisións do rei Wamba na ceca de Tude (Tui), no día de hoxe, non son tan habituais, como, por exemplo, a das cuñaxes en Bracara Augusta. De feito, son poucas as emisións que se coñecen, aínda que estas son testemuñas oficiais en que se recoñece a importancia xeográfica e política de Tui. Así mesmo, as emisións de Tremissis do rei Wamba, en comparación a outros reis visigodos anteriores, foi escasa.
En consecuencia, ao tratarse a moeda dun exemplar pertencente ao reinado deste rei e nunha ceca con menos actividade que outras existentes no dito período, achega datos de vital relevancia. Por un lado, a importancia xeopolítica de Tui neste período e, por outra, a posible entrada en recesión dunha monarquía foránea instalada en Galicia, que está comezando a perder nivel adquisitivo.
As principais características da moeda son as seguintes: Reis Visigodos. Wamba. Tremissis. Tude. Ouro 1,35 g. 20,4 mm. Conservación excelente. Única.
3.5. 1/2 de excelente da Granada dos Reis Católicos, ceca A Coruña.
Trátase dunha peza cuñada en Galicia, en concreto na Coruña, de gran valor cultural e de rara cuñaxe nesa ceca.
Galicia foi un enclave fundamental na política de unificación da Coroa de Castela, e a cuñaxe deste tipo de elementos en ouro pretende reforzar o papel de autoridade dos monarcas fronte aos poderes laicos e eclesiásticos, que exercían o seu dominio sobre boa parte do territorio galego (os Andrade, os Moscoso ou os Fonseca, entre outros). Ben que é certo que a ceca da Coruña seguiu tendo un papel moi activo na cuñaxe de marabedís e outros tipos habituais de Castela en circulación, non tivo o nivel de actividade doutras cecas, como, por exemplo, Toledo ou Segovia. Por este motivo, son raros e moi valorados entre os coleccionistas os exemplares de ouro designados como «Excelentes», «Medio Excelente» e derivados, dos Reis Católicos nunhas condicións de conservación tan boas, e máis se foron cuñados na Coruña. Ningún museo de Galicia conserva entre as súas coleccións numismáticas un exemplar das ditas emisións, o que supón un importante baleiro, ao tempo de documentar que en Galicia se estaba a emitir oficialmente moeda.
Os aspectos máis importantes da moeda coñecida como «1/2 de excelente da Granada dos Reis Católicos, ceca A Coruña» son os seguintes: Reis Católicos. 1/2 excelente da Granada. Coruña. A/ + QVS DEVS:CONGUNGIT:HOMO:NON:SEP. R/ FERNANDUS ET ELISAVT RC. Ouro 3,48 g. 21,7 mm. Moi boa conservación. Rarísima.
3.6. 1/2 real de Felipe II, ceca A Coruña.
O ben é un medio real de Felipe II cuñado na Coruña e trátase dunha peza rarísima e excepcional. En efecto, deste exemplar de prata cuñado en 1590 non se tiñan noticias, pois non había constancia documental de cuñaxes de prata na Coruña durante o reinado de Felipe II.
Constitúe, por tanto, este exemplar, a mostra real e material de emisións de prata por este valor emitidas na ceca galega; unha testemuña única e que ratifica unha vez máis a importancia deste centro fabril.
As principais características desta moeda son as seguintes: FELIPE II. 1/2 real. Coruña A. 1590. Prata 1,59 g. 18,5 mm. Moi boa conservación. Única e de maior interese histórico.
4. Marco histórico.
Galicia rexistra unha tradición histórica, de certa singularidade no panorama estatal, de posuír a autorización e o dereito para labrar moeda. Xa nos tempos do imperio romano as emisións de moeda localízanse na veciñanza de Lucus Augusti mediante cecas ambulantes que cobren a demanda dos diferentes exércitos nas súas ofensivas de expansión.
Posteriormente, a etapa do Reino Suevo de Galicia deixa pegadas de recursos auríferos e técnicos, cuxa materialización leva a sinatura de cidades como Tui ou Santiago de Compostela. Andando no tempo, a relevancia de Galicia durante o período medieval, en parte polo descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago, converten a Galicia nun enclave relevante nos eidos relixioso e político para boa parte das monarquías cristiás europeas. Por este motivo, pódese documentar un dereito realmente singular: o dereito do propio clero para poder emitir moeda.
Na Idade Moderna, as continuas guerras civís nos espazos fronteirizos de Castela, Galicia e Portugal deixan testemuños da importancia que exercía o territorio galego en pactos e alianzas políticas e para declaracións de guerra. Todos estes sucesos históricos deixan a súa pegada nas emisións de moeda galegas, nun primeiro momento na ceca da Coruña e, posteriormente, nos reinados de Fernando VII e Isabel II na ceca de Xuvia, en Neda.
5. A Colección Orol.
A coñecida como Colección Orol foi realizada no seu día polo empresario galego Antonio Orol Pernas, natural de Ferreira, O Valadouro (Lugo). Ao longo da súa vida, á parte de ir conformando a súa colección de moedas, participou en diversos foros numismáticos, o que o levou a ser vicepresidente da Asociación Numismática Madrileña, membro do comité executivo dos Congresos Nacionais de Numismática e secretario da Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos. Así mesmo, publicou no ano 1982 Acuñaciones de Alfonso IX, un libro que incorpora os estudos metalográficos e as micrografías á análise das moedas peninsulares.
A colección de Orol tivo como principal obxectivo cubrir todas as emisións monetarias realizadas en Galicia desde o Imperio Romano á actualidade, co fin de tecer un relato que desvelase a importancia de Galicia ao longo da súa historia, co emprego da moeda, como elemento documental e oficial.
A arela de Antonio Orol Pernas foi confeccionar a colección de moedas pensando en que algún día puidese permanecer unida nalgunha institución pública galega, deixando así, para Galicia e para o conxunto dos galegos e galegas, unha historia monetaria de Galicia desde os comezos ata a actualidade.
6. Valoración cultural.
As seis moedas históricas de Galicia, referenciadas neste texto xurídico, son emisións raras e únicas das que non se coñecen ata o momento outros exemplares iguais e que, ademais, non están presentes en ningún museo galego, español ou do mundo.
Esta serie de seis moedas da historia de Galicia posúen, por tanto, un valor cultural sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que son merecentes de seren declaradas ben de interese cultural do patrimonio cultural de Galicia.
7. Estado de conservación.
A totalidade das moedas históricas de Galicia, obxecto desta resolución, presentan un excelente estado de conservación.
8. Réxime de protección e salvagarda.
A declaración de ben de interese cultural das seis moedas históricas de Galicia determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español en materia de exportación e espolio.
Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.
Este réxime implica:
• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar nos bens terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.
• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.
• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens, deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.
• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións nas que se propoña realizala e a Administración poderá exercer os dereitos de tenteo ou retracto nas condicións legais establecidas.
• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con indicación da orixe e do destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento, exceptuando os casos de exportación.
