No Diario Oficial de Galicia núm. 118, do 26 de xuño de 2026, publicouse a Resolución do 15 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas, anualidade 2026 (código de procedemento IN418E).
O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Conforme o establecido no artigo 3.1 das bases reguladoras, serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2026, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Este aspecto desenvólvese no artigo 25, que recolle que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2026.
Neste procedemento de concesión de axudas estanse a recibir solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades xurídicas e técnicas para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a Resolución do 15 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas, anualidade 2026 (código de procedemento IN418E), no seguinte sentido:
O artigo 3.1 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«1. Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de novembro de 2026, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».
O artigo 25 da resolución queda redactado do seguinte xeito:
«A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 2 de novembro de 2026».
Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
