DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Venres, 9 de outubro de 2026 Páx. 52182

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 28 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Porto Exterior da Coruña, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Inditex Renovables, S.L.U. (expediente AUT/2023/02).

A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 28 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Porto Exterior da Coruña.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Porto Exterior da Coruña, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Inditex Renovables, S.L.U., cunha potencia total de 19,8 MW (limitada a 18 MW).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Inditex Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O punto 5.1 do anexo Condicións ambientais da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono das instalacións».

En consecuencia, fíxase o importe da fianza en 380.362 euros, dos cales 163.012 corresponden á fase de obras e 217.350 á fase de desmantelamento.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, e no mencionado punto 5.1 do anexo Condicións ambientais da DIA, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 5.12.2025, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo coas condicións establecidas na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña (SXBTM) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, de acordo cos puntos 5.1, 5.2 e 5.3 do anexo Condicións ambientais da DIA, así como recoller nunha addenda ao EIA os cambios requiridos nos informes dos organismos consultados.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, o Plan de vixilancia e seguimento ambiental.

7. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, achegando toda a documentación necesaria establecida nas autorizacións administrativas e na declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará as obras e as montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia á interesada.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que se recollen no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. De transcorreren tres meses sen que a promotora aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable á promotora polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 25.3.2023, Inditex Renovables, S.L.U. solicitou a declaración de excepcionalidade que establece o artigo 6.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o parque eólico Porto Exterior da Coruña.

2. O 3.8.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar o parque eólico Porto Exterior da Coruña como proxecto cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, cunha función vertebradora e estruturante do territorio. O 6.10.2023, Inditex Renovables, S.L.U. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción para o parque eólico Porto Exterior da Coruña, sito no concello de Arteixo (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 6.10.2023, Inditex Renovables, S.L.U. presentou, ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación (en diante DXPERN), a solicitude de autorización administrativa previa e de construción para o proxecto denominado parque eólico Porto Exterior da Coruña (en diante, o parque eólico) (expediente AUT/2023/2), e xunto coa solicitude achegou a documentación técnica e urbanística correspondente.

4. O 18.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificou á promotora o cumprimento dos requisitos indicados no artigo 29.2 da dita Lei 8/2009, do 22 de decembro.

5. O 20.10.2023, de acordo co previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao órgano competente en materia de ordenación do territorio.

6. O 27.11.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que «comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento (NSP) do Concello de Arteixo do 23.3.1995), e as coordenadas dos 3 aeroxeradores especificadas na documentación achegada, e coincidentes coas que figuran no proxecto citado, conclúese que todos os aeroxeradores cumpren a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solo de núcleo rural, urbano e urbanizable residencial».

O 30.11.2023, a promotora solicitou a rectificación dos erros materiais presentes no informe e relativos á descrición das instalacións do parque eólico Porto Exterior da Coruña.

O 22.1.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un novo informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento (NSP) do Concello de Arteixo do 23.3.1995), e as coordenadas dos 3 aeroxeradores especificadas na documentación achegada, conclúese que todos os aeroxeradores cumpren a citada distancia mínima coas diferentes delimitacións de solos urbanos, urbanizables e de núcleo rural, con uso residencial».

7. O 29.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

8. O 20.2.2024, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña solicitou aclaración e emenda para poder continuar coa tramitación, de acordo co establecido nos artigos 33.10 e 33.12 da dita Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 29.2.2024, a promotora solicitou unha ampliación do prazo para contestar.

9. O 6.3.2024, a promotora achegou nova documentación técnica.

10. O 15.3.2024, a promotora solicitou a paralización do trámite da información pública do proxecto do P.E. Porto Exterior da Coruña ao detectar un solapamento do aeroxerador núm. 3 co corredor da visual de voo dos procedementos VFR, de acordo coa información facilitada pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Así mesmo, indicaron que modificarían a localización do aeroxerador núm. 3 e a posición da torre anemométrica pola súa interferencia coa edificación doutra concesión portuaria.

11. O 3.7.2024, a promotora, unha vez efectuadas as correspondentes modificacións da localización do aeroxerador núm. 3 e da torre anemométrica, presentou unha nova documentación e solicitou que se continuase coa tramitación do procedemento da referida instalación para as súas autorizacións.

12. O 8.8.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático (en diante, DXERCC) solicitou un informe á Dirección Xeral de Urbanismo sobre a modificación do proxecto do parque eólico Porto Exterior da Coruña, en cumprimento do artigo 33.7 da citada Lei 8/2009, do 22 de decembro, nos termos establecidos na súa disposición adicional quinta e transitoria sétima. O 28.8.2024, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu o informe. O 17.9.2024, a DXERCC remitiu á promotora e ao Departamento Territorial da Coruña o referido informe.

13. O 1.10.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático acordou someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Porto Exterior da Coruña, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Inditex Renovables, S.L.U. (expediente AUT/2023/02).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25.10.2024. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Arteixo, segundo o certificado emitido o 11.12.2024; no taboleiro de anuncios das dependencias do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, segundo o certificado emitido o 30.10.2025.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da citada consellería, onde se puido acceder á documentación técnica da referida instalación relacionada no parágrafo anterior, para o coñecemento xeral e, de ser o caso, para presentar as alegacións ou observacións que se consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, de acordo co disposto no artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

14. Durante o trámite de información pública tiveron entrada no Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cento setenta e oito (178) alegacións á instalación referida, das cales cento vinte e seis (126) tiveron entrada no período de exposición pública e as restantes cincuenta e dúas (52) tiveron entrada rematado o dito período de información pública, e que foron remitidas á promotora, de acordo co disposto nos artigos 33.11 e 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público o de interese xeral: AESA, Augas de Galicia, Concello de Arteixo, Enagas, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, R Cable, Red Eléctrica de España, Telefónica, Oleosilos, S.A., Instituto de Estudos do Territorio, Autoridade Portuaria da Coruña, Deputación da Coruña, Pérez Torres, Nedgia Galicia, S.A. e UFD Distribución y Electricidad. Consultouse mediante a remisión do proxecto a Sasemar, Aemet e Retevisión.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, Red Eléctrica de España, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U, o Concello de Arteixo, UFD Distribución y Electricidad, S.A., Telefónica de España, S.A.U., Autoridade Portuaria da Coruña, Enagas, UFD, Nedgia Galicia, S.A., Retevisión, Aemet, Aesa e Sasemar.

Os informes recibidos foron remitidos á promotora para a súa conformidade e aceptación dos condicionados impostos ou para que formule os reparos que coide procedentes, de acordo co disposto no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Con respecto aos demais condicionados técnicos solicitados, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, ao non se recibiren estes en prazo, enténdese a conformidade co proxecto e continúase a tramitación do procedemento.

15. O 19.9.2025, a promotora, como consecuencia dos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural o 21.3.2025, relativos ao estudo do impacto ambiental (EIA), e do informe emitido por Red Eléctrica de España o 21.11.2024 relativo á separata, presentou unha nova documentación e solicitou que se continuase coa tramitación.

16. O 20.11.2025, a promotora presentou no Departamento Territorial da Coruña, como resposta a un novo requirimento do 14.11.2025, os documentos definitivos adaptados do proxecto de execución e do estudo de impacto ambiental en que se incorporan as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos.

17. O 20.11.2025, a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

18. O 20.11.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiu á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a solicitude de avaliación de impacto ambiental ordinaria e os documentos que a deben acompañar.

19. O 5.12.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 5 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico Porto Exterior da Coruña, no concello de Arteixo (A Coruña) (expediente 2025/0213).

20. O 20.1.2026, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle á promotora a documentación técnica refundida, consonte o artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Na mesma data solicitoulle á promotora a autorización en materia de servidumes aeronáuticas emitida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para o parque eólico.

21. O 3.2.2026, a promotora achegou o proxecto de execución refundido e o acordo de AESA en materia de servidumes aeronáuticas.

22. O 9.2.2026, esta dirección xeral solicitou ao Departamento Territorial da Coruña a emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

23. O 25.2.2026, o Departamento Territorial da Coruña remitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, sobre o proxecto recollido no antecedente de feito vixésimo primeiro.

24. O 7.7.2026, a Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña (SXBTM) emitiu o informe relativo á posible afección á zona de especial protección para as aves (ZEPA) ES0000554 Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental, da súa competencia.

25. O 20.7.2026, a promotora remitiu unha nova versión do Plan de vixilancia ambiental (PVA), en resposta ao sinalado no informe da SXBTM. O 6.8.2026, a SXBTM deu a súa conformidade á proposta da promotora, sempre condicionado ao cumprimento do resto de condicións establecidas no informe de afectación.

26. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 18 MW, segundo os informes do xestor da rede do 8.5.2023.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático