DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 14 de outubro de 2026 Páx. 52413

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 7 de outubro de 2026 pola que se modifica a Orde do 26 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o período 2021-2027 (códigos de procedemento PE155C e PE155D).

As organizacións de produtores pesqueiros en España están reguladas no Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, en cuxo artigo 2 se distingue entre as entidades de ámbito autonómico e aquelas de ámbito nacional ou transnacional.

Estas entidades contan, para as actividades vinculadas á consecución dos obxectivos da organización común de mercados, co apoio dos fondos europeos, actualmente a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMPA), pero o seu distinto ámbito fai que este apoio sexa xestionado polas diferentes administracións públicas competentes en materia de pesca e acuicultura.

A través do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, a Administración xeral do Estado ten como obxectivo fixar as bases reguladoras estatais para apoiar a creación, a reestruturación e, fundamentalmente, a preparación e execución dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP). O dito real decreto actúa, en relación coas entidades de ámbito autonómico, como norma marco, o que se traduce nunha definición dos criterios xerais mínimos de obrigado cumprimento no conxunto do Estado, sen prexuízo das competencias de desenvolvemento e xestión propias de Galicia.

O pasado 27 de agosto publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 683/2026, do 26 de agosto, polo que se modifica o Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal.

As modificacións que se introducen son dúas: por unha banda, garantir a flexibilidade na determinación da porcentaxe de cofinanciamento do FEMPA, que actualmente se establece de forma fixa, para permitir a súa fixación como límite máximo e posibilitar a adaptación ás necesidades de cada convocatoria; e, por outra, reverter a elixibilidade de determinados gastos, permitindo o financiamento das cotas de participación das organizacións en entidades técnicas ou de representación directamente vinculadas aos obxectivos da organización común de mercados (OCM), coa fin de reforzar a súa capacidade de actuación institucional e o cumprimento efectivo dos obxectivos do seus plans de produción e comercialización.

Estas modificacións afectan directamente á xestión que fai a Comunidade Autónoma de Galicia das axudas para as OPP de ámbito autonómico, o que fai necesario que a Orde do 26 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o período 2021-2027 (códigos de procedemento PE155C e PE155D) (DOG núm. 193, do 7 de outubro), recolla estas modificacións e se adapte á normativa estatal co obxecto de manter unha coherencia na subvencionabilidade das organizacións de produtores pesqueiros, con independencia do seu carácter estatal ou autonómico, evitando posibles discriminacións ou conflitos á hora de definir os conceptos elixibles en función do ámbito de xestión que lles corresponda ás distintas entidades e garantindo deste xeito a seguridade xurídica no financiamento das actividades elixibles e subvencionables.

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 26 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o período 2021-2027 (códigos de procedemento PE155C e PE155D).

1. Modifícase o punto 1 do artigo 5 («Financiamento e intensidade da axuda»), que queda redactado da seguinte maneira:

«1. No financiamento destas axudas participa a Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), e a Xunta de Galicia.

As porcentaxes de cofinanciamento son: ata o 70 %, da Unión Europea, correspondéndolle a parte restante á Administración galega segundo cada caso concreto, porcentaxe que se fixará na correspondente convocatoria».

2. Engádese unha nova letra f) ao final do artigo 28 («Gastos subvencionables para as axudas á preparación e aplicación dos PPeC»), coa seguinte redacción:

«f) Cotas de pertenza satisfeitas polas organizacións de produtores pesqueiros para a súa integración en organismos ou entidades do ámbito da pesca e da acuicultura autonómicos, nacionais ou internacionais, cando a dita pertenza estea directamente vinculada á consecución dos obxectivos da organización común de mercados.

O importe elixible polo conxunto das cotas non poderá superar os 20.000 euros por plan e anualidade.

En ningunha circunstancia serán subvencionables as cotas satisfeitas por asociacións de organizacións de produtores, as cotas de pertenza a calquera organización profesional do sector pesqueiro regulada polo Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, nin aquelas cotas de pertenza a organismos ou entidades nos que a organización de produtores estea xa representada de forma indirecta a través dunha entidade de ámbito superior da que forme parte».

3. Modifícase a letra n) do punto 1 do artigo 30 («Gastos non subvencionables»), que queda redactada da seguinte maneira:

«n) As cotas de pertenza a entidades, cando non se axusten ao establecido na alínea f) do artigo 28 destas bases reguladoras».

Disposición derradeira primeira. Calendario de aplicación

O disposto na presente orde aplicarase ás convocatorias de axudas publicadas con posterioridade á súa entrada en vigor.

En particular, os puntos 2 e 3 serán de aplicación á convocatoria das axudas aos plans de produción e comercialización das OPP de ámbito autonómico galego correspondentes aos anos 2026 e seguintes.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar