DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 14 de outubro de 2026 Páx. 52501

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2026, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de setembro de 2026 polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación da industria Mantiñán Lestayo, S.L., no concello de Carral (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de setembro de 2026, polo que se declara de interese autonómico o proxecto de ampliación da industria Mantiñán Lestayo, S.L., cuxo contido se recolle no anexo a esta resolución.

Contra o devandito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

ANEXO

Mantiñán Lestayo, S.L. é unha sociedade fundada no ano 1997, que ten como actividade principal a fabricación de carpintaría metálica, especializada na fabricación de mobiliario de metacrilato, latón, aceiro, ferro, transformación de produtos metalúrxicos mediante o corte con láser, encartado e lacado e a súa comercialización.

O obxecto do proxecto para o que se solicita a declaración de interese autonómico responde á necesidade de ampliación da empresa industrial Mantiñán Lestayo, S.L., imprescindible para obter un pulo firme no seu desenvolvemento a curto prazo, e a consolidación da súa localización actual no polígono industrial Os Capelos, Carral.

O ámbito no que se implantará o proxecto ten unha superficie total de 55.240 m2, entre os que se inclúen as seis naves construídas en solo urbano consolidado do polígono industrial de Os Capelos con fronte á rúa Industria, e unha franxa de terreos rústicos situados inmediatamente ao norte delas. A ampliación permitirá dar unidade aos diferentes niveis das naves a través dunha nova rampla de circulación que, discorrendo ao norte das edificacións existentes, as unirá a medida que descende cara ao leste. Dando maior profundidade ás naves existentes será posible ampliar o percorrido das pontes guindastre, así como triplicar a superficie actual construída.

O proxecto está deseñado cun enfoque estratéxico aliñado coas políticas industriais clave de Galicia, en particular coa RIS3 de Galicia, instrumento esencial para a modernización e a competitividade do sector industrial galego, e aliñado cos plans directores de impulso das diferentes cadeas de valor dos sectores estratéxicos de Galicia.

A necesidade de recorrer a un instrumento de intervención directa na ordenación do territorio como son proxectos de interese autonómico (PIA), xorde da inadecuación do planeamento urbanístico vixente no concello de Carral.

Por todo iso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 7 de setembro de 2026, adoptou, entre outros, o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto de Ampliación da industria Mantiñán Lestayo, S.L. no concello de Carral, A Coruña.

2. O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia; esta consellería deberá cumprir co procedemento legal establecido.

3. As determinacións contidas no referido proxecto, unha vez aprobado definitivamente polo Consello da Xunta, vincularán o planeamento do Concello de Carral, na provincia da Coruña, que terá que adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determinen.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026. Nicolas Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.