A investigación biomédica, clínica ou en servizos sanitarios é un piar básico e por iso o Servizo Galego de Saúde a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde quere poñer en valor a actividade investigadora dos/das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.
A investigación traslacional en saúde, definida como o proceso polo cal os coñecementos xerados en investigación básica se aplican para mellorar o diagnóstico, o tratamento e a prevención das enfermidades, desempeña unha función determinante na mellora continua dos servizos de saúde.
No contexto do Servizo Galego de Saúde, e dentro dos marcos establecidos pola Estratexia galega de saúde 2030, a investigación traslacional constitúe un elemento central para garantir a excelencia na atención sanitaria e para aliñar a actividade investigadora coas necesidades específicas da poboación galega. A citada estratexia sinala a incorporación da investigación como elemento chave para a toma de decisións baseada na evidencia, o que permite que as políticas públicas en saúde resulten máis eficaces e mellor adaptadas ás realidades locais; nese sentido, a investigación traslacional facilita a transferencia da evidencia científica á práctica clínica e promove unha atención máis personalizada, segura e eficiente para a cidadanía.
Unha área que reviste especial relevancia, dentro deste marco, é o impulso da investigación en atención primaria, considerada a base do Sistema sanitario galego por constituír a porta de entrada ao Sistema de saúde como o ámbito en que resulta posible de forma máis directa as necesidades reais da poboación e ensaiar solucións innovadoras que melloren os resultados en saúde pública.
O impulso da investigación e da innovación sanitaria orientadas ás necesidades das persoas encádrase, así mesmo, na Estratexia galega de especialización intelixente (RIS3 Galicia 2021-2027), concretamente no reto 3 relativo ao modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación, coa finalidade de situar a Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo. Contextualízase, igualmente, na prioridade 3 da devandita estratexia, definida como enfoque cara ás persoas, orientando os esforzos en I+D+i cara ás necesidades e o benestar das persoas, e consolidando a Galicia como contorna de referencia para o desenvolvemento e o ensaio de novas solucións innovadoras dirixidas a elas. Ademais do anterior, esta actuación contribúe ao obxectivo estratéxico 4 (desenvolver o talento das persoas), integrándose, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 de Galicia 2021-2027 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, concretamente na liña 1.4 relativa ao recoñecemento dos esforzos en investigación e innovación.
No plano estatal, esta actuación conéctase co marco básico establecido pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, en canto norma reguladora do Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación en que se insire a carreira investigadora do persoal do Sistema sanitario público galego.
Neste contexto, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde promove os Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa) como actuación propia de fomento da investigación sanitaria, dirixida a recoñecer, impulsar e visibilizar a investigación de excelencia desenvolvida no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, e a favorecer a transferencia do coñecemento e dos resultados da investigación á práctica asistencial.
Os Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa) xorden como unha ferramenta estratéxica deseñada para recoñecer e visibilizar a investigación traslacional de excelencia no eido sanitario, cuns obxectivos claramente definidos, que se desenvolven no artigo 2 destas bases.
A investigación no Sistema público de saúde de Galicia desenvólvese principalmente nos tres institutos públicos de investigación sanitaria –o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS)– e na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Os institutos de investigación sanitaria galegos son, á súa vez, resultado da asociación dos hospitais docentes e investigadores do Servizo Galego de Saúde co Sistema universitario galego e con outras entidades públicas.
A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. A Axencia foi creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, como un instrumento para a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos/das profesionais das institucións sanitarias.
No exercicio das funcións que ten encomendadas, compételle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a execución e a xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria, así como o deseño e a execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia. Segundo o artigo 3 dos seus estatutos, relativo ao desenvolvemento dos seus fins, e dentro do marco global da política pública e da planificación da investigación e innovación que determine a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde terá, entre outros, os seguintes obxectivos estratéxicos: c) xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións; d) potenciar a investigación sanitaria coordinada e multicéntrica e a difusión da actividade investigadora, incluíndo a protección, valorización e transferencia de resultados de investigación e/ou innovación no ámbito sanitario; e e) apoiar a execución dos programas derivados das prioridades de investigación sanitaria da Comunidade Autónoma, definidas pola Consellería de Sanidade, dentro da estratexia marcada pola consellería competente en materia de I+D+i.
Entre as funcións asignadas no artigo 19 dos seus estatutos á Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria correspóndelle a planificación, promoción, coordinación, execución e avaliación da investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia, a través do desempeño, entre outras, da función de propoñer a convocatoria de bolsas, axudas e premios, e outras medidas de fomento da investigación sanitaria, así como o seguimento, o asesoramento, a difusión de resultados, e o apoio ás persoas investigadoras. Co obxecto de dar cumprimento a estas competencias, a terceira edición dos Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) pretende incentivar aqueles proxectos e liñas de investigación en saúde traslacional presentadas directamente por persoas físicas que desenvolven a súa actividade no ámbito da atención primaria e que poidan ser postos en marcha dentro do Sistema sanitario público de Galicia, e premiar aquelas traxectorias emerxentes dos/das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia que permitan contribuír ao avance do coñecemento en saúde.
En consecuencia, a convocatoria dos Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) para o ano 2026 realízase directamente pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias que ten atribuídas en materia de planificación, promoción e fomento da investigación sanitaria e con cargo aos recursos orzamentarios asignados á Axencia.
Por todo o exposto, e no uso das facultades atribuídas pola lexislación vixente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
Convócanse os Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa) para o ano 2026 pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das súas competencias de planificación, promoción e fomento da investigación sanitaria, para o desenvolvemento e recoñecemento de iniciativas xurdidas no ámbito do Sistema público de investigación en saúde de Galicia, e establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a súa concesión (código de procedemento SA304E).
Artigo 2. Finalidade
1. A finalidade dos Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) é difundir, promover e premiar o coñecemento e a investigación sanitaria traslacional, de carácter preclínico e clínico, desenvolvida polos/as profesionais do sector público da saúde de Galicia, en coherencia coas liñas prioritarias establecidas pola Estratexia galega de saúde 2030 e coa Estratexia galega de especialización intelixente (RIS3 Galicia 2021-2027).
2. En relación coas modalidades de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria, os Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) perseguen recoñecer e apoiar aquelas iniciativas de investigación sanitaria desenvolvidas polos/as profesionais que exercen a súa actividade no Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades públicas de investigación, orientadas a acadar beneficios directos e de rápida aplicabilidade nos resultados en saúde da poboación atendida en atención primaria, favorecendo a cooperación entre os perfís clínico, enfermeiro e académico como vía para consolidar equipos de investigación estable neste nivel asistencial.
3. En relación coa modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde, os Premios de investigación en saúde do Sistema público de saúde (PISGa) perseguen impulsar e recoñecer traxectorias científicas emerxentes das persoas investigadoras de idade máxima de corenta anos vinculadas ao sector público sanitario de Galicia, co obxecto de consolidar un ecosistema de investigación traslacional que propicie a transferencia efectiva do coñecemento á práctica asistencial e que favoreza a permanencia do talento investigador novo no sistema público de saúde galego.
4. Ambas as dúas modalidades contribúen, na súa proxección exterior, a situar a actividade investigadora do Sistema público de saúde de Galicia en conexión coas prioridades de investigación e innovación en saúde establecidas polo Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación no marco da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, así como cos estándares recollidos na Recomendación da Comisión Europea relativa á Carta Europea do Investigador e ao Código de conduta para a contratación de investigadores (2005/251/CE), actualizada pola Recomendación do Consello da Unión Europea, do 18 de decembro de 2023, relativa a un marco europeo para atraer e reter o talento en materia de investigación, innovación e espírito empresarial en Europa, contribuíndo así ao fortalecemento do Espazo Europeo de Investigación desde a realidade asistencial galega.
Artigo 3. Procedemento e normativa reguladora aplicable
1. A concesión dos premios efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como cos de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. As solicitudes destes premios, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases, ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no que poida ser aplicable na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Artigo 4. Modalidade, características e financiamento dos premios
1. Establécense dúas modalidades. En cada unha delas outorgaranse dous premios económicos por modalidade –primeiro e segundo– e tres accésits de carácter honorífico –primeiro, segundo e terceiro–, que corresponderán, por orde decrecente de puntuación e de acordo cos criterios establecidos no artigo 18 destas bases, ás cinco candidaturas finalistas seleccionadas conforme o artigo 17.
2. As modalidades son as seguintes:
a) Premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria, dirixida ao apoio e impulso de proxectos de investigación sanitaria desenvolvidos en centros de saúde de atención primaria orientados a acadar beneficios e impacto nos resultados en saúde relacionados coa práctica clínica e de enfermaría. Valorarase positivamente a cooperación entre diferentes ámbitos de desenvolvemento profesional que acheguen a investigación á práctica asistencial, formando equipos con persoas investigadoras de perfís académicos e clínicos. Os premios consistirán na adquisición de material e pequeno equipamento non inventariable, na subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vinculados ás actividades das ideas seleccionadas, e/ou na asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa liña de investigación ou a un centro de investigación de ámbito nacional ou internacional. A dotación económica máxima nesta modalidade é de 3.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e de 5.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.
b) Premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde, dirixida a recoñecer o mérito de persoas investigadoras do Sistema público de saúde de Galicia cunha idade máxima de corenta anos na data de finalización do prazo de presentación de candidaturas, co obxecto de impulsar as traxectorias emerxentes mediante o apoio aos mellores traballos científicos e de investigación de calidade demostrada, realizados en calquera ámbito relacionado coa práctica profesional en investigación traslacional preclínica e clínica. Os premios consistirán na asistencia a cursos de formación, a congresos científicos internacionais ou nacionais, ou en axudas para publicacións en revistas científicas especializadas. A dotación económica máxima nesta modalidade é de 2.000 euros para a candidatura gañadora do segundo premio e de 3.000 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.
3. Os accésits terán natureza exclusivamente honorífica, carecerán de dotación económica e non terán a consideración de subvención para os efectos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin quedarán suxeitos ao réxime de obrigas, comprobación e reintegro previsto para os premios económicos. Consistirán na entrega dun diploma de recoñecemento investigador que acredite a condición de persoa gañadora do accésit correspondente nos Premios de investigación en saúde de Galicia (PISGa).
As persoas gañadoras do primeiro e do segundo premio en cada modalidade recibirán o premio en especie, e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, a través do seu servizo de xestión, encargarase de contratar e/ou pagar os gastos correspondentes. En ambas as dúas modalidades farase entrega, ademais, dun trofeo e dun diploma de recoñecemento investigador que acredite a condición de persoa gañadora. As persoas gañadoras dos accésits entregaráselles, exclusivamente, o diploma de recoñecemento investigador referido no parágrafo anterior.
Todas as persoas gañadoras de premio ou de accésit poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar o ano da convocatoria e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde como entidade convocante dos premios.
O Servizo Galego de Saúde poderá promover, de acordo coas persoas gañadoras dos premios, o desenvolvemento posterior das súas ideas nas súas instalacións e coa súa colaboración. No caso de que no marco destes desenvolvementos posteriores xurda un resultado susceptible de protección mediante un título de propiedade industrial ou intelectual, o Servizo Galego de Saúde terá o dereito, pero non a obriga, de protexelo, e o Servizo Galego de Saúde será o único titular deste, respectando en todo caso o dereito de todas as persoas participantes a seren recoñecidas como autoras intelectuais e inventoras, para os efectos previstos no Decreto 141/2018, do 25 de outubro, polo que se regula a protección, valorización e transferencia dos resultados de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.
Artigo 5. Financiamento
O financiamento dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse integramente con cargo aos recursos económicos asignados á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, nas aplicacións orzamentarias 12.A1.561C.443.25, 12.A1.561C.443.28 e 12.A1.561C.443.29 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2027.
Artigo 6. Participantes e requisitos de participación
1. Poderán ser persoas candidatas aos PISGa na modalidade de premio a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria calquera profesional sanitario clínico e/ou de enfermaría do Sistema público de saúde de Galicia cunha proposta de proxecto de investigación que teña realizado unha parte significativa nun centro de saúde do Servizo Galego de Saúde e nas súas entidades instrumentais de investigación sanitaria de Galicia.
2. Poderán ser persoas candidatas aos PISGa na modalidade de premio a traxectorias emerxentes de investigación en saúde as persoas investigadoras que estean realizando traballos científicos e de investigación de calidade demostrada nun grupo de investigación emerxente, cunha proxección de futuro nas súas respectivas áreas de investigación recoñecida nunha institución de investigación do Servizo Galego de Saúde a que estean vinculadas laboralmente no momento da presentación das candidaturas. Para seren aspirantes deberán posuír o título de doutoramento (PhD ou equivalente, incluída a súa homologación conforme o Real decreto 967/2014, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a validación de estudos estranxeiros de educación superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos oficiais de Arquitecto, Enxeñeiro, Licenciado, Arquitecto Técnico, Enxeñeiro Técnico e Diplomado, cando proceda) nunha disciplina relacionada co obxecto da investigación, e ter unha idade máxima de corenta anos na data de finalización do prazo de presentación de candidaturas. O límite de idade máxima poderá ampliarse cando, durante a traxectoria profesional e ata a data de finalización do prazo de presentación de candidaturas, concorran situacións de incapacidade temporal e/ou períodos de tempo relativos a permisos, licenzas, flexibilidade horaria e excedencias.
No caso de que a persoa candidata teña recoñecida unha discapacidade, nos termos do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, a idade máxima será de corenta e dous anos, podendo aplicarse igualmente as ampliacións recollidas no parágrafo anterior cando concorran as situacións citadas.
3. Non poderán optar ao premio os membros do xurado, nin as persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou por afinidade ata o segundo grao.
4. Non poderán resultar premiadas as persoas participantes en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Ningunha persoa candidata poderá ser premiada en máis dunha modalidade dos PISGa.
Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Só se admitirán aquelas solicitudes que estean debidamente asinadas. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte, e se o mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, para a modalidade de premios a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria:
a) Formulario de descrición do equipo de traballo (anexo II), no caso de proxectos que representen un equipo, cos datos de cada membro. Pode anexarse, de forma opcional, unha memoria en formato libre que achegue máis información sobre a candidatura e un breve currículo (CV) dos membros do equipo.
b) A documentación específica dos proxectos, que deberá figurar no anexo III da memoria técnica, coa indicación do seguinte:
b.1) Título do proxecto ou liña de investigación.
b.2) Centro de saúde onde se leva a cabo o proxecto.
b.3) Resumo onde se recollan:
1º. Antecedentes: ámbito do proxecto e xustificación do interese práctico e/ou científico deste.
2º. Obxectivos do proxecto.
3º. Metodoloxía (deseño, suxeitos de estudo, variables, recollida e análise de datos, e limitacións do estudo).
4º. Resultados máis relevantes (impacto do proxecto, valoración do beneficio obtido desde a implantación do proxecto, número de pacientes incluídos/as, resultados en saúde, entre outros).
5º. Bibliografía empregada.
2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación, para a modalidade de premios a traxectorias emerxentes de investigación en saúde:
a) Título de doutoramento.
b) Curriculum vitae, cos seus datos persoais e profesionais completos e a súa situación profesional actual, con indicación do grupo de investigación emerxente a que pertenza e da institución de investigación a que está adscrita.
c) Memoria descritiva de méritos e resumo da traxectoria profesional, en que se especifique a súa situación profesional no momento da presentación da candidatura e as actividades de carácter científico ou investigador que estea a desenvolver.
d) Breve resumo, en formato pdf, do traballo ou tese presentado, de non máis de oito páxinas.
e) Publicacións científicas en revistas indexadas, como mínimo, no primeiro cuartil (Q1), indicando se son de primeira autoría ou non, ou na súa falta, un resumo ou índice destas cunha ligazón de acceso.
f) Relatorios, artigos ou pósteres presentados en congresos científicos.
g) Se é o caso, o certificado de discapacidade non emitido pola Xunta de Galicia.
h) Se é o caso, a documentación acreditativa da representación da persoa que asine como solicitante.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración, sempre que se indique en que momento e ante que órgano administrativo se presentaron os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica, considerándose como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos presentados; excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento ou a calidade da copia o exixan, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas.
5. Sempre que se presente documentación separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e, se se dispón del, o número de expediente.
6. No caso de que algún dos documentos presentado electronicamente supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.
Artigo 10. Condicións xerais de participación
1. A participación nestes premios supón a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e, na súa falta, pola normativa xeral que resulte de aplicación.
2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde reservará para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes da persoa polos medios e formas de comunicación que considere convenientes durante todo o tempo que xulgue necesario, e sen a obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que as persoas participantes prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.
3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, no caso das persoas vítimas de delito e, en concreto, de vítimas de violencia de xénero, poderán acollerse a non aplicabilidade da difusión do seu nome e/ou imaxes polos medios de comunicación.
4. As persoas candidatas comprométense a facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 de Galicia ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, ás enquisas do INE.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán efectuarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
g) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.
h) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado para tal efecto no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderá solicitarse ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 13. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude, sen que tales avisos teñan, en ningún caso, efectos de notificación practicada.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, de código SA304E, poderá obterse información adicional a través dos seguintes medios:
a) Páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://acis.sergas.es).
b) Nos teléfonos 981 55 51 03 e 981 56 80 54 da dita axencia.
c) No enderezo electrónico investigacion.acis@sergas.es
d) Persoalmente, nas dependencias da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, sitas no Edificio CNL da avenida de Fernando de Casas Novoa, 37, 1º, portal A-B, en Santiago de Compostela.
e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, dispoñible no enderezo http://sede.xunta.gal
2. Para cuestións xerais sobre este procedemento poderá empregarse tamén o teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
Artigo 15. Instrución e resolución do procedemento de concesión
1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta convocatoria.
2. Se a documentación presentada é incompleta ou ten defectos emendables, requiriranse as persoas interesadas para que no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días emenden o defecto ou acheguen os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se lles terá por desistidas da súa solicitude, logo da resolución que corresponda nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao xurado de selección.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as súas causas.
5. O incumprimento dos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
6. Unha vez avaliadas as solicitudes, o xurado relacionará as presentadas por orde de prelación na acta correspondente e proporá as persoas premiadas en cada unha das modalidades. A Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, como órgano instrutor, elevará un informe xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.
7. Corresponde á persoa titular da Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ditar a resolución de concesión, logo de ver a proposta das candidaturas seleccionadas polo xurado.
8. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen ditarse resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.
10. Unha vez notificada a resolución definitiva, conforme o previsto no artigo 13 destas bases, a persoa premiada disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 16. Xurado
1. A selección obxectiva dos premios levarase a cabo a través dun xurado encargado de avaliar as candidaturas finalistas, de acordo cos criterios de selección establecidos, e estará formado por 4 membros, de acordo coa seguinte composición:
a) Presidencia, exercida pola persoa titular da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ou persoa en quen delegue.
b) Vogalías, exercidas por unha persoa designada por cada un dos institutos de investigación sanitaria de Galicia acreditados:
1º. Polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), a persoa titular da Dirección Científica ou persoa en quen delegue.
2º. Polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a persoa titular da Dirección Científica ou persoa en quen delegue.
3º. Pola Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a persoa titular da Dirección Científica ou persoa en quen delegue.
A secretaría, con voz pero sen voto, será exercida por unha persoa ao servizo da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
2. Os membros do xurado serán designados pola persoa titular da Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no prazo máximo de vinte (20) días desde a publicación destas bases na súa páxina web (http://acis.sergas.es).
3. O xurado, que poderá estar asistido por persoas expertas externas, valorará a información recibida das candidaturas de acordo cos criterios establecidos.
4. En cada modalidade, o xurado outorgará o primeiro e segundo premio, así como o primeiro, o segundo e o terceiro accésit, ás cinco candidaturas finalistas, por orde de prelación segundo a puntuación obtida conforme o artigo 18. A presidencia do xurado terá voto de calidade en caso de empate.
5. O xurado pode declarar deserta a concesión do premio se ningunha candidatura reúne a calidade suficiente.
6. A decisión final do xurado sobre as persoas premiadas en cada una das categorías realizarase por maioría simple.
7. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procurando, na medida do posible, unha composición equilibrada entre mulleres e homes, de acordo co previsto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
Artigo 17. Proceso de selección
1. Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa titular da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria revisará as solicitudes e a documentación presentada.
2. Un comité de selección constituído pola persoa titular da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria e por catro persoas expertas designadas pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, con experiencia acreditada nos ámbitos científico-sanitarios relacionados coas modalidades dos premios, seleccionará un máximo de cinco candidaturas por cada modalidade, en calidade de finalistas, para a súa posterior valoración polo xurado, correspondendo a este último establecer, de acordo cos criterios do artigo 18, a orde de prelación entre as cinco candidaturas finalistas que determinará a concesión dos premios e dos accésits regulados no artigo 4.
3. Na designación das persoas integrantes do comité teranse en conta a súa independencia respecto das candidaturas avaliadas e a ausencia de conflitos de intereses. Procurarase, así mesmo, acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes, potenciando a presenza do sexo infrarrepresentado e adoptando, de ser necesario, as medidas de conciliación que faciliten a dita participación.
4. O citado comité de selección aplicará os criterios de valoración recollidos no artigo 18 das presentes bases.
Artigo 18. Criterios de valoración
1. O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará as candidaturas presentadas por orde de prelación na acta correspondente e proporá as premiadas por cada modalidade.
2. Na modalidade de premios a proxectos de investigación sanitaria en atención primaria valorarase a:
a) Investigación traslacional, o recoñecemento de patentes desenvolvidas e a transferencia de resultados de investigación (ata un máximo de 30 puntos).
b) Experiencia e capacidade investigadora da persoa solicitante ou equipo investigador (ata un máximo de 25 puntos).
c) Prioridade estratéxica de investigación no Sistema público galego de saúde: valorarase o grao de idoneidade conforme o Plan de prioridades sanitarias do Servizo Galego de Saúde e da Estratexia galega de saúde 2030 (ata un máximo de 25 puntos).
d) Beneficios e rápida aplicabilidade para o Sistema sanitario público galego ou as súas persoas usuarias (ata un máximo de 20 puntos).
Establécese unha puntuación mínima de 60 puntos para ser seleccionado/a.
3. Na modalidade de premios á traxectorias emerxentes de investigación en saúde, as solicitudes presentadas polas persoas candidatas serán valoradas individualmente, e non polo grupo emerxente a que pertenzan, atendendo aos seguintes criterios:
a) Calidade científico-técnica do traballo, a orixinalidade e o potencial da investigación realizada, tendo en conta a calidade e o grao de innovación e orixinalidade da investigación desenvolvida, así como a creación de novas liñas e equipos de investigación, ou a súa potencialidade para a súa creación (ata un máximo de 40 puntos).
b) Liderado e independencia científica adquirida pola persoa candidata ao longo da súa traxectoria investigadora, reflectidos no liderado das súas contribucións científicas, na súa capacidade para liderar liñas e grupos de investigación, na participación en proxectos de investigación como investigador/a principal, na dirección de teses de doutoramento e noutra experiencia científica e profesional relevante (ata un máximo de 40 puntos).
c) Beneficios, aplicabilidade e repercusión da investigación na práctica asistencial para o Sistema sanitario público galego ou as súas persoas usuarias: valorarase a relevancia e o impacto das contribucións científicas e tecnolóxicas realizadas e a súa capacidade para dar resposta aos retos do Sistema sanitario (ata un máximo de 20 puntos).
Establécese unha puntuación mínima de calidade de 60 puntos para ser seleccionado/a.
4. A orde de prelación resultante da aplicación destes criterios será a que determine, en cada modalidade, a concesión do primeiro e do segundo premio, así como do primeiro, do segundo e do terceiro accésit, nos termos do artigo 4.
Artigo 19. Entrega de premios
1. Os premios entregaranse nun acto público organizado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.
2. A aceptación do premio implica o consentimento para a difusión das persoas gañadoras nos medios de comunicación. Así mesmo, as persoas premiadas comprométense a participar nas actividades paralelas organizadas arredor do dito evento e autorizan a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a difundir toda a información relativa a estes premios.
3. As persoas galardoadas, sexa con premio ou con accésit, deberán estar presentes na cerimonia de entrega dos premios. No caso de que o premio ou o accésit recaia en equipos, estes estarán representados por un máximo de tres dos/das seus/súas integrantes.
Artigo 20. Obrigas das persoas premiadas, compatibilidade e reintegro
1. A persoa beneficiaria queda obrigada a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.
2. O premio será compatible con calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade.
3. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial da cantidade percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
4. O disposto neste artigo resulta de aplicación exclusivamente ás persoas gañadoras dos premios económicos regulados no artigo 4.1, por teren a condición de persoas beneficiarias para os efectos da Lei 9/2007, do 13 de xuño. As persoas gañadoras dos accésits, ao non percibiren contía económica ningunha, quedan á marxe do réxime de obrigas, compatibilidade e reintegro aquí establecido.
Artigo 21. Xustificación e pagamento
O premio outorgado por estas bases será aboado dentro do exercicio económico de 2027, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade da persoa premiada. Así mesmo, ao resultar que o requisito da achega de documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario achegar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación. O disposto neste artigo enténdese referido exclusivamente aos premios económicos previstos no artigo 4.1; os accésits, ao careceren de dotación económica, non están suxeitos a xustificación nin pagamento ningún.
Artigo 22. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 23. Recursos contra a convocatoria
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte á súa publicación perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de acordo co establecido nos artigos 8.3 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Todo iso sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro recurso que consideren pertinente.
Artigo 24. Inclusión no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios
O premio outorgado ao abeiro destas bases figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Os accésits, por careceren de natureza subvencional, non quedan suxeitos a esta inscrición rexistral.
Disposición adicional. Información básica a persoas interesadas sobre protección de datos persoais
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que leve a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta actuación.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
