O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do medio ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.
Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010, publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establecen a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para lles facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.
Logo de aprobarse o programa anual de actividades para o ano 2026 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, anúnciase a convocatoria dunha edición do Curso de piloto de UAS/drons para categorías abertas e específicas en STS01, STS02 e radiofonista dentro da formación continua dirixido aos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao ano 2026, cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.
A Estrada, 13 de outubro de 2026
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
ANEXO I
Bases
Primeira. Actividades formativas
|
Denominación |
Modalidade |
Edicións |
Horas lectivas |
Prazas |
Datas |
|
Curso de piloto de UAS/drons para categorías abertas e específicas en STS01, STS02 e radiofonista |
Semipresencial |
1 |
80 |
50 |
Do 24 de novembro de 2026 ata o 31 de marzo de 2027 |
Segunda. Obxectivos do curso
Realizar cursos de pilotos de drons nas categorías abertas, categorías específicas STS01, STS02 e radiofonista, que lle permitan ao alumnado superar as probas teóricas oficiais respectivas na sede electrónica da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e as probas prácticas realizadas por examinadoras e examinadores autorizados.
Para iso, a Agasp facilitaralle ao alumnado que o requira o acceso ás instrucións de matriculación nesa formación, asesoramento e seguimento para que, no prazo improrrogable de 20 días desde o inicio desta actividade formativa, dispoñan de polo menos a titulación oficial de piloto de drons en categoría aberta A1, A3, e é recomendable tamén a A2.
Terceira. Duración, distribución horaria da parte en liña e da parte práctica
A acción formativa terá unha duración total de 80 horas, distribuídas nunha fase de formación en liña e unha fase de formación presencial práctica, conforme o seguinte detalle:
1. Formación teórica inicial. Categoría aberta A1/A3 (modalidade en liña).
Previamente ao comezo da formación específica, o alumnado deberá realizar unha formación teórica inicial de 20 horas, correspondente ao módulo 1 da categoría aberta A1 e A3, que permitirá adquirir os coñecementos necesarios para obter as competencias exixidas para operar na categoría aberta.
Esta formación desenvolverase na modalidade en liña mediante a plataforma habilitada para o efecto.
2. Formación específica STS01, STS02 e radiofonista.
A formación específica terá unha duración de 60 horas, distribuídas do seguinte modo:
a) Módulos STS01 e STS02 (44 horas).
• Parte teórica (en liña): 12 horas.
• Parte práctica presencial na Agasp: 32 horas, distribuídas en:
– Manobras e prácticas de voo con aeronaves non tripuladas para a superación da avaliación práctica STS01/STS02: 24 horas (3 xornadas).
– Presentación, planificación e resolución dun suposto práctico dunha operación real en escenario STS01/STS02: 8 horas.
b) Módulo de radiofonista (16 horas).
• Parte teórica (en liña): 8 horas.
• Parte práctica presencial na Agasp: 8 horas.
En consecuencia, a distribución horaria total do curso será a seguinte:
|
Formación |
En liña |
Presencial |
Total |
|
Categoría abierta A1/A3 |
20 h |
20 h |
|
|
STS01 e STS02 |
12 h |
32 h |
44 h |
|
Radiofonista |
8 h |
8 h |
16 h |
|
Total |
40 h |
40 h |
80 h |
Nota importante: as horas que o alumnado dedique na plataforma da AESA para realizar as formacións e superar os exames oficiais da categoría aberta A1/A3 non se computarán para os efectos da duración da actividade formativa. Así mesmo, o exame oficial de radiofonista realizarase en formato en liña ante un examinador autorizado.
Cuarta. Contido das actividades formativas
A actividade formativa estará estruturada nunha parte teórica e nunha parte práctica, co seguinte contido:
1. Formación teórica.
a) Formación teórica inicial. Categorías abertas A1 e A3.
A formación teórica inicial terá unha duración de 20 horas e permitirá preparar o alumnado para obter a formación correspondente ás categorías abertas A1 e A3, incluídos, entre outros, os seguintes contidos:
• Concepto normativo.
• Coñecemento xeral do voo con sistemas de aeronaves non tripuladas (UAS).
• Procedementos operacionais.
b) Formación teórica. Escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02.
A formación teórica correspondente aos escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02 comprenderá, entre outros, os seguintes contidos:
• Marco normativo europeo.
• Zonas xeográficas de UAS.
• Meteoroloxía.
• Navegación.
• Performance da aeronave.
• Coñecemento xeral da aeronave.
• Compoñentes do UAS.
• Factor humano e conciencia situacional.
• Definicións e procedementos xerais.
c) Formación teórica. Curso de radiofonista.
A formación teórica do curso de radiofonista incluirá, entre outros, os seguintes contidos:
• Clasificación do espazo aéreo e servizos de tránsito aéreo.
• Principios de radiotelefonía e comunicacións.
• Radiotelefonía e comunicacións.
• Procedementos de radio.
• Procedementos de emerxencia.
2. Formación práctica.
As actividades prácticas desenvolveranse de forma presencial nas instalacións da Agasp e nas zonas de voo autorizadas que se determinen, e planificaranse as diferentes xornadas entre os meses de novembro de 2026 e marzo de 2027, en función das condicións meteorolóxicas, a dispoñibilidade dos medios materiais e as necesidades organizativas.
A formación práctica comprenderá as seguintes actividades:
2.1. Prácticas estándar da AESA (8 horas).
Realización das manobras prácticas exixidas pola AESA para superar a avaliación práctica oficial, que incluirán:
• Manobras de voo precisas e controladas a diferentes alturas e distancias.
• Voo estacionario.
• Transición de voo estacionario a voo cara adiante.
• Ascensos e descensos desde voo horizontal.
• Viraxes e control de velocidade.
• Aterraxes en proximidade e distancia tanto en modo visual como mediante pantalla da emisora de control.
Así mesmo, avaliarase a correcta aplicación dos procedementos de seguridade mediante:
• Xestión de situacións de fallo parcial ou total do sistema de propulsión.
• Xestión da deterioración do equipo de posicionamento.
• Manobras de evitación de colisións.
• Xestión da aproximación doutras aeronaves ao volume operacional.
• Reacción ante a penetración de persoas non participantes na zona terrestre controlada.
• Recuperación tras unha perda simulada da ligazón de mando e control.
• Xestión dos límites da xeografía de voo.
A avaliación incluirá igualmente voos en modo manual (ATTI), sen asistencia GNSS, supervisando en todo momento a situación operacional do UAS e as limitacións derivadas da súa autonomía.
2.2. Formación práctica en escenario estándar STS-01 (8 horas).
Realización de operacións VLOS sobre unha zona terrestre controlada en contorna poboada mediante aeronaves non tripuladas con marcado de clase C5, incluída a preparación para a proba oficial de habilitación, que deberá realizarse obrigatoriamente cun UAS da dita clase.
2.3. Formación práctica en escenario estándar STS-02 (8 horas).
Realización de operacións BVLOS sobre unha zona terrestre controlada en contorna escasamente poboada mediante aeronaves non tripuladas con marcado de clase C6, incluída a preparación para a proba oficial de habilitación, que deberá realizarse obrigatoriamente cun UAS da dita clase.
2.4. Resolución de operacións de emerxencia con drons en escenarios STS-01 e STS-02 (8 horas).
Formulación, planificación e resolución de operacións reais de emerxencia mediante aeronaves non tripuladas, desenvolvendo supostos prácticos relacionados con:
• Vixilancia policial.
• Xestión de grandes eventos.
• Procura e localización de persoas desaparecidas.
• Coordinación de operacións en escenarios específicos.
Durante esta xornada tamén se realizarán prácticas de voo simulado aplicadas aos citados supostos operativos.
2.5. Prácticas de radiofonista (8 horas).
Realización de exercicios prácticos de radiotelefonía aeronáutica preparatorios para o exame oficial, que inclúen:
• Comunicacións aeronáuticas.
• Fraseoloxía normalizada.
• Procedementos operativos.
• Procedementos de emerxencia.
• Simulación de comunicacións aire-terra.
A formación finalizará coa realización do exame práctico por un examinador autorizado.
Quinta. Persoas destinatarias
A) Persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).
B) Grupos de emerxencia supramunicipais (GES).
C) Servizos municipais de protección civil e emerxencias.
Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).
Sexta. Requisitos de participación das persoas solicitantes
1. Esta oferta formativa ten como alcance os escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02, así como a formación como radiofonistas, polo tanto, requírese que todo o alumnado dispoña na data de inicio das prácticas de voo neses escenarios da titulación teórica en polo menos os escenarios abertos A1, A3.
Para iso, a Agasp facilitaralle ao alumnado que o requira o acceso ás instrucións de matriculación nesa formación, asesoramento e seguimento para que no prazo improrrogable de 30 días desde o inicio desta actividade formativa dispoña de polo menos a titulación oficial de piloto de UAS/drons en categoría aberta A1, A3, e será recomendable tamén a A2.
2. Dispoñer de certificado dixital ou DNI electrónico en vigor, computador persoal (necesario para realizar trámites de matriculación na AESA) con capacidade para presentar documentación de maneira telemática e asinar electronicamente.
3. Os requirimentos técnicos para usar a web dos cursos da Agasp (baseada nunha ferramenta de aprendizaxe electrónica ou e-learning) son de nivel básico:
Aspectos recomendables para o PC:
• A configuración mínima dun PC doméstico (en xeral, calquera con menos de cinco anos) é suficiente.
• Preferentemente conexión á internet de banda larga e un antivirus actualizado.
• Navegador: Mozilla Firefox 2 (recomendado), Microsoft Edge ou superior ou Google Chrome.
• Ter JavaScript e cookies activadas no navegador.
• Para ver os documentos en PDF, necesítase ter instalado Acrobat Reader.
• Para o desenvolvemento dos cursos na modalidade transmisión en directo (streaming), é necesario dispoñer de cámara web e micrófono.
Sétima. Desenvolvemento da actividade
A metodoloxía combinará a formación teórica en liña con sesións presenciais eminentemente prácticas, utilizando aeronaves non tripuladas homologadas para as categorías abertas e para os escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02, simuladores de voo e casos prácticos baseados en operacións reais dos servizos de emerxencia, protección civil e seguridade pública.
A actividade formativa constará de tres bloques, os dous primeiros de contido teórico e un terceiro final de contido práctico.
O primeiro e segundo bloques de contido teórico realizaranse baixo a modalidade en liña e o terceiro de contido práctico, baixo a modalidade presencial.
Para superar cada un dos bloques teóricos, o alumnado terá que aprobar dous exames, un na plataforma de formación da Agasp e posteriormente outro exame oficial telemático na plataforma da AESA.
Os ditos bloques teóricos deberán estar finalizados, como máximo, antes do comezo do bloque da parte práctica; en caso contrario, perderase o dereito a realizar o terceiro bloque correspondente á parte práctica.
– Especificacións de desenvolvemento na modalidade en liña.
a. A través da plataforma de formación da Agasp e da plataforma da AESA.
b. Datas: as edicións realizaranse segundo se especifica na base primeira desta convocatoria.
c. Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado. Axustarase ao calendario establecido no propio curso.
d. O alumnado deberá acceder ao curso dentro dos primeiros dous días hábiles (excluídos sábados, domingos e festivos) a partir da data de inicio.
e. As persoas que non accedan ao curso no prazo indicado serán dadas de baixa nel, sen prexuízo de que poidan ser penalizadas coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de (12) doce meses.
f. Desenvolvemento: o alumnado participante deberá realizar a través da plataforma de formación da Agasp, e consonte un calendario de presentación, as actividades incluídas no curso, que son:
i. Visualización dos contidos.
ii. Superación dos cuestionarios.
iii. Cumprimento das tarefas segundo as esixencias indicadas.
g. O/a alumno/a que non realice algunha desas actividades no prazo establecido será sancionado/a coa baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado/a coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de (12) doce meses.
h. No caso de que as actividades realizadas non consigan un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do equipo docente, faráselle unha primeira advertencia á alumna ou alumno e, de non atender a indicación, poderá ser dada/o de baixa no curso, sen prexuízo de que poida ser penalizado coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de doce (12) meses.
– Especificacións de desenvolvemento na modalidade presencial.
a. Lugar e datas: a formación realizarase presencialmente nas instalacións da Agasp nas datas establecidas no calendario do curso, sen prexuízo de que determinadas actividades formativas ou módulos poidan desenvolverse fóra das súas instalacións. Así mesmo, as persoas participantes deberán ter dispoñibilidade para asistir á Agasp durante cinco xornadas prácticas, distribuídas en dous bloques: un primeiro bloque de tres xornadas consecutivas, destinado á formación práctica en STS, e un segundo bloque de dúas xornadas complementarias, dedicadas ás operacións específicas en STS e ás prácticas de radiofonista.
Asumir que simultaneamente ao acceso do curso na plataforma de teleformación da Agasp se deberán inscribir co seu certificado electrónico na sede electrónica da AESA para poder cursar e aprobar os exames teóricos das titulacións e exames oficiais de:
- Escenarios abertos A1, A3 (desexable A2).
- Escenarios estándar europeos STS na súa parte teórica.
- Radiofonista na súa parte teórica das categorías específicas STS e radiofonista, así como cumprir cos prazos legais que establece a AESA para realizar os cursos e exames oficiais na sede electrónica da AESA.
b. Uniformidade: será obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. O incumprimento desta obriga poderá dar lugar á baixa da persoa participante na actividade formativa.
Oitava. Solicitudes
a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados ás persoas interesadas.
b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 39 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
d) A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento no que se detecte o feito.
e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.
f) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.
Novena. Prazo de inscrición
O prazo de inscrición é ata o 28 de outubro de 2026 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
No caso de que non haxa un número suficiente de persoas solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa maior antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.
Décima. Criterios xerais de selección
Os criterios xerais de selección son os que se relacionan a continuación e na orde indicada, sen prexuízo de que algúns cursos requiran criterios específicos, os cales se indicarán na ficha de cada acción formativa concreta publicada na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
1. En cada edición das distintas actividades formativas convocadas por esta resolución, as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo co seguinte:
|
Colectivo |
Porcentaxe |
|
1º grupo: servizos de extinción de incendios e salvamento |
60 % |
|
2º grupo: grupos de emerxencia supramunicipais (GES) |
30 % |
|
3º grupo: servizos municipais de protección civil e emerxencias |
10 % |
No caso de que non haxa suficientes persoas solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos, repartindo as prazas vacantes por igual entre os diferentes grupos sempre e cando o número de prazas o permita e, cando non sexa posible, por ser maior o número de solicitudes que de vacantes, estas distribuiranse pola orde e porcentaxe establecidas dos grupos, empezando a repartición polo grupo 1 e así sucesivamente.
2. De acordo co artigo 155, da Lei 7/2023, de 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, nos cursos, xornadas u outras actividades formativas nas que as mulleres estean infrarrepresentadas, organizados ou financiados pola Administración xeral ou unha entidade do sector público autonómico de Galicia, reservarase un 50 % das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. As mulleres só accederán a esta quenda reservada unha vez que se cubran todas as prazas da quenda non reservada.
3. Se logo de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos e, se o empate persistise, terán preferencia as persoas que cronoloxicamente solicitasen a realización dos cursos con anterioridade.
Décimo primeira. Admisión
A Agasp publicará na súa páxina web (http://agasp.xunta.gal) unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través dunha mensaxe telefónica.
O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.
A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal e cunha antelación mínima de tres (3) días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante. De non comunicar a renuncia, a persoa seleccionada será penalizada coa non admisión en cursos da Agasp durante o prazo de seis (6) meses. No suposto de reincidencia en máis dun curso, o prazo será de doce (12) meses.
A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.
Décimo segunda. Aloxamento
A Agasp proporcionará sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez que se comunica a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao enderezo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal
Todo isto queda condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.
Décimo terceira. Dereitos e deberes do alumnado participante
Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.
Décimo cuarta. Faltas de asistencia
O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:
1. A realización das actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria, a súa non realización deberá xustificarse debidamente e penalizarase disciplinariamente en caso contrario.
2. A asistencia á formación presencial, tanto na parte teórica como na parte práctica, é obrigatoria para o alumnado durante toda a carga horaria e non poderá ausentarse se non é por unha causa de forza maior e xustificada documentalmente.
3. O alumnado que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % do curso será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.
Décimo quinta. Certificado de aproveitamento
Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e que superaron as partes obrigatorias e a proba final do curso.
Décimo sexta. Facultades da Agasp
A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as súas datas e o lugar de realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia, especificamente, poderase suprimir o curso cando o alumnado admitido antes da data de inicio non supere o 50 % das prazas convocadas.
Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar unha resolución, sen necesidade de nova publicación, para interpretar, se fose o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.
