O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O Decreto 73/2026, do 29 de xuño, aprobou o cambio de titularidade a prol do Concello de Oleiros de diversas estradas e treitos de estradas da rede viaria da Deputación Provincial da Coruña, entre as cales figuraba a transferencia da estrada DP-5803 de Pasaxe a Perillo, comprendido entre o punto quilométrico 0+270 e o punto quilométrico 0+900.
Con posterioridade á publicación do devandito decreto, a Deputación Provincial da Coruña solicitou a rectificación do seu texto, para o que achegou un acordo do Pleno da Deputación da Coruña do día 29 de abril de 2026 e unha nova solicitude do Concello de Oleiros, documentos non achegados inicialmente que reflicten a vontade de transferir e aceptar a totalidade da estrada DP-5803, cunha lonxitude de 953 metros.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou unha proposta favorable á transferencia da totalidade da estrada DP-5803, de Pasaxe a Perillo, ao considerar que cumpre co estipulado no apartado 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificar o Decreto 73/2026, do 29 de xuño
Modifícase o artigo 1 do Decreto 73/2026, do 29 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Oleiros de estradas e treitos delas titularidade da Deputación Provincial da Coruña, e substitúese a referencia relativa á estrada DP-5803 pola seguinte:
|
Transferencia |
Coordenadas inicio |
Coordenadas final |
Lonxitude (m) |
|
Estrada DP-5803 Pasaxe a Perillo |
X = 550785 Y = 4798449 |
X = 550963 Y = 4797679 |
953 |
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, cinco de outubro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
