O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
A Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Bueu asinaron o día 21 de xullo de 2026 un convenio de colaboración para levar a cabo a urbanización da rúa Pazos Fontenla, fase 1. A cláusula terceira do devandito convenio recolle o compromiso do Concello de aceptar o cambio de titularidade ao seu favor do treito da estrada autonómica PO-315 Bueu (PO-551)-Cangas (PO-551), entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+090.
A estrada PO-315, con categoría funcional de rede local, discorre entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 7+165 polo concello de Bueu. No treito comprendido entre o punto quilométrico 0+000 e o punto quilométrico 1+990 atravesa solo clasificado como urbano no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Bueu, aprobado o 22 de setembro de 2017.
A PO-315 comunica os núcleos urbanos de Bueu e Cangas de Morrazo, porén, para os desprazamentos entre ambos os núcleos, a estrada PO-551 constitúe unha alternativa viaria de menor lonxitude e tempo de percorrido, proporcionando un mellor nivel de servizo.
O tramo inicial da PO-315, desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 1+090, corresponde á rúa Pazos de Fontenla, integrada no núcleo urbano de San Martiño de Bueu. Trátase dun tramo consolidado pola edificación, cun marcado carácter local e urbano, cuxa funcionalidade principal é a de servir como unha das principais vías urbanas do núcleo de San Martiño de Bueu.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, e tendo en conta que o treito solicitado polo Concello carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de outubro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Bueu do seguinte treito de estrada da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario:
|
Núm. |
Transferencia |
Inicio |
Final |
|
1 |
Treito inicial da PO-315 (rúa Pazos Fontenla) |
p.q. 0+000 da PO-315 |
p.q. 1+090 da PO-315 |
Artigo 2
Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño (DOG núm. 129, do 8 de xullo), para cambiar os datos da estrada PO-315, que quedarán reflectidos do seguinte xeito:
|
Clave |
Denominación |
Treito |
p.q.i |
p.q.f |
Lonx. treito (km) |
Lonx. total (km) |
Categoría funcional |
Clase de estrada |
Provincia |
|
PO-315 |
Bueu (A Carrasqueira)-Cangas (PO-551) |
Bueu (A Carrasqueira)-Cangas (PO-551) |
1+090 |
15+030 |
13,94 |
13,94 |
Local |
Estrada convencional |
Pontevedra |
O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega).
Artigo 3
En aplicación dos apartados 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Bueu deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.
Artigo 4
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega).
Artigo 5
Correspóndenlle ao Concello de Bueu, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, cinco de outubro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
