DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 9 de novembro de 2026 Páx. 56276

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2026 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior para a Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, para a xestión do proxecto Integrasaúde.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) participa como socio no proxecto europeo Integrasaúde, destinado a impulsar a adaptación dos sistemas públicos de saúde cara a unha efectiva atención centrada na persoa. A duración do proxecto abarca desde o 3 de novembro de 2025 ata o 29 de decembro de 2028.

Resumo do proxecto:

Título: Centro transfronteirizo de innovación para impulsar a adaptación dos sistemas públicos de saúde a unha efectiva atención centrada na persoa.

Acrónimo: Integrasaúde.

Project ID: 0493_INTEGRASAÚDE_1_E.

Coordinador: Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Duración: 38 meses.

Orzamento total: 1.202.074,08 €.

Orzamento ACIS: 599.049,81 €.

Cofinanciamento EU: 75 %.

Integrasaúde enmárcase no Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021-2027 e atópase financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 75 %. Este proxecto, coordinado pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conta coa participación de entidades do ámbito sanitario de Galicia e da rexión do Norte de Portugal.

A finalidade do proxecto é implantar un partenariado transfronteirizo multidisciplinar e complementario entre si, que impulse a adaptación dos sistemas públicos de saúde, con consideración do ámbito sociosanitario cara a unha atención centrada na persoa, con base nos seguintes ámbitos de actuación:

• Apoderamento do paciente e accesibilidade universal ao sistema de saúde.

• Reforzo da investigación e avance cara á coordinación sociosanitaria.

• Innovación sanitaria bottom-up.

• Descubrimento de capacidades da IA en saúde.

A Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de actuacións previstas e dotadas de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Integrasaúde, que se enmarca no Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021-2027, e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2026

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Bases da convocatoria

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Centro transfronteirizo de innovación para impulsar a adaptación dos sistemas públicos de saúde a unha efectiva atención centrada na persoa (Integrasaúde), que se enmarca no Programa de cooperación Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021-2027.

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase proceso selectivo para a contratación dun efectivo para traballar na execución e xestión do proxecto Integrasaúde, persoal laboral temporal (grupo I, categoría 4) cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no número 2.1.3 destas bases.

A persoa seleccionada traballará na execución e xestión do indicado proxecto e levará a cabo as funcións que a continuación se relacionan:

a) Coordinación e seguimento das actividades do proxecto.

– Preparar, organizar e dinamizar reunións de coordinación, grupos de traballo, seminarios, obradoiros e encontros técnicos co resto das entidades socias e cos diferentes axentes implicados na execución do proxecto, participando activamente nas actividades desenvolvidas nos territorios participantes. Os idiomas de traballo serán galego, castelán e inglés.

– Elaborar, coordinar e revisar informes técnicos, documentos de traballo, publicacións, memorias e comunicacións relacionadas co desenvolvemento, resultados e impacto das actuacións realizadas, de acordo coa normativa, regulamentación e prácticas do proxecto europeo Interreg POCTEP.

– Desenvolver actividades de seguimento técnico e financeiro do proxecto, garantindo o cumprimento dos requisitos establecidos polo programa de financiamento e contribuíndo á definición e monitorización dos indicadores de execución e resultados.

– Coordinar a preparación da documentación xustificativa necesaria para acreditar a correcta execución técnica e financeira das actuacións desenvolvidas, así como a elaboración dos informes requiridos polas autoridades competentes do programa.

– Representar a ACIS nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que se leven a cabo, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto.

b) Desenvolvemento técnico das actuacións de innovación sanitaria.

– Coordinar e dinamizar reunións de traballo, seminarios, obradoiros, actividades de intercambio de experiencias e eventos de colaboración transfronteiriza orientados á identificación de retos e á procura de solucións innovadoras para a mellora da atención sanitaria e sociosanitaria.

– Participar na creación e consolidación da rede transfronteiriza de nodos de innovación sanitaria, promovendo a colaboración entre entidades públicas, centros de coñecemento, empresas e organizacións sociais para acelerar proxectos innovadores e favorecer a transferencia de coñecemento.

– Impulsar actuacións relacionadas co empoderamento das persoas usuarias, a accesibilidade universal aos servizos de saúde e a incorporación das súas necesidades e expectativas na definición de novas solucións e tecnoloxías.

– Colaborar no deseño, desenvolvemento e avaliación de pilotos de innovación sanitaria, coordinación sociosanitaria, accesibilidade e implantación de tecnoloxías avanzadas, incluíndo solucións baseadas en intelixencia artificial aplicadas ao ámbito da saúde.

– Elaborar informes técnicos, documentos metodolóxicos, publicacións e materiais de difusión relacionados coas actividades e resultados do proxecto, en galego, castelán e inglés.

c) Comunicación, difusión e transferencia de resultados.

– Deseñar e elaborar contidos de comunicación dirixidos aos distintos grupos de interese do proxecto, empregando medios dixitais, redes sociais e outras canles de difusión, de acordo cos criterios contidos nas normas de visibilidade, transferencia e comunicación do POCTEP.

– Xestionar e actualizar os espazos de comunicación do proxecto, promovendo a creación de comunidades de interese arredor da innovación sanitaria, a coordinación sociosanitaria, a accesibilidade e a aplicación da intelixencia artificial á saúde.

– Favorecer o intercambio de coñecementos, boas prácticas e experiencias entre os socios do proxecto e outros actores relevantes, contribuíndo á transferencia dos resultados e á sustentabilidade das actuacións desenvolvidas.

d) Calquera outra función non definida aquí e considerada desde ACIS relacionada coa execución do proxecto Integrasaúde.

* Número de efectivos: 1.

* Lugar de realización: o lugar habitual de desempeño será Santiago de Compostela, sen prexuízo dos desprazamentos que resulten necesarios para a participación en reunións, xornadas, foros e demais eventos relacionados co proxecto, organizados nas rexións socias ou noutras localizacións determinadas polo partenariado.

* Centro directivo: Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, adscrita á Consellería de Sanidade, en Santiago de Compostela.

* Duración: a duración estimada é desde a súa formalización ata o 29 de decembro de 2028. Non obstante, a duración do contrato queda condicionada á existencia de financiamento adecuado e suficiente do proxecto Integrasaúde.

De acordo co artigo 15 da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2026, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, recollidas no anexo VII da Orde do 23 de xaneiro de 2026 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2026 (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro).

1.3. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo laboral temporal de duración determinada segundo o definido na disposición adicional quinta do Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, cumprindo o establecido no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades.

A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para seren admitidos no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no número 2.1.5, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de traballadores.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Teren feitos os dezaseis anos de idade e non superar a idade de xubilación forzosa.

2.1.3. Titulación académica.

– Estar en posesión dunha titulación de grao (ou equivalente) en Administración e Dirección de Empresas.

– Nivel de inglés C1 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados da Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación aos aspirantes que obtiveron o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.1.4. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.1.5. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.6. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non ser inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte neste proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que, no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Currículum vítae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria, e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos, que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberán estar homologadas en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel C1 de inglés ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados da Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

e) Acreditación da experiencia profesional, mediante informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración/empresa privada onde se desempeñaron os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e fin do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante e incluíndo no certificado a relación de proxectos e tarefas/actividades realizadas polo/a traballador/a co fin de comprobar se a actividade está relacionada coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea.

f) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias dos postos obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure neles o número de horas certificadas.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo).

Os/as candidatos/as non terán a obriga de achegar a documentación acreditativa cando esta conste como validada (V) na oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde.

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para os efectos de notificacións e son responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación da solicitude farase no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentar documentación acreditativa asinada electronicamente ou cando a dita documentación conste como validada (V) na oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde, a presentación da solicitude poderá facerse en formato electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixíndoa á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia estas bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es).

O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Para calquera aclaración ou información adicional os/as interesados/as poderanse poñer en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03 ou a través do correo electrónico xestion.acis@sergas.es

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nestas bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 18 puntos.

1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría (persoal laboral, funcionario/a ou estatutario/a) a que se pretende acceder e tarefas similares relacionadas coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,30 puntos ao mes.

2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións ou organismos públicos na mesma categoría (persoal laboral, funcionario/a ou estatutario/a) a que se pretende acceder e relacionados coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,15 puntos ao mes.

3. Por cada mes de servizos prestados en empresas privadas e/ou outros organismos de carácter privado na mesma categoría e relacionados coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea nos últimos cinco (5) anos: 0,10 puntos ao mes.

A suma da puntuación dos números 1, 2 e 3 non poderá exceder os 18 puntos.

Todos os méritos relativos á experiencia profesional para ser tidos en conta terán que ser xustificados documentalmente achegando obrigatoriamente a seguinte documentación:

– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración/empresa privada onde se desempeñaron os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e fin do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante e incluíndo no certificado a relación de proxectos e tarefas/actividades realizadas polo/a traballador/a co fin de comprobar se a actividade está relacionada coa execución de proxectos de cooperación internacional ou transnacional en materia de innovación sanitaria financiados pola Unión Europea.

– Informe de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/s de tempo alegado/s).

Para aqueles candidatos que non acheguen ambos os dous documentos (certificado de tarefas e proxectos realizados e vida laboral) non se poderá ter en conta a experiencia profesional.

4.2. Formación académica relacionada: ata un máximo de 2 puntos.

• Pola titulación de máster relacionado coa innovación, xestión e dirección, economía da saúde ou equivalentes e co posto de traballo que se vai desenvolver (1 punto por cada máster relacionado).

• Pola titulación de doutor/a relacionado co posto de traballo que se vai desenvolver (1 punto).

4.3. Formación continua: ata un máximo de 4 puntos.

Por cada curso relacionado coas tarefas que se van desenvolver organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, a Academia Galega de Seguridade Pública, o INAP, as escolas oficiais de formación das restantes comunidade autónomas ou da Administración xeral do Estado, as universidades, o INEM, a Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, cursos de formación continua do Afedap, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria. Para a valoración establécese a seguinte puntuación:

• Cursos de 15 horas ou máis e menos de 25 horas: 0,2 puntos por cada curso.

• Cursos de 25 horas ou máis e menos de 75 horas: 0,3 puntos por cada curso.

• Cursos de 75 horas ou máis: 0,5 puntos por cada curso.

4.4. Coñecemento acreditado de idiomas oficiais da UE: ata un máximo de 2 puntos.

• Grao superior a Celga 4 no caso de idioma galego: 0,5 puntos.

• Equivalente ou maior a C2 no caso de idioma inglés: 1,5 puntos.

• Polo coñecemento doutros idiomas europeos: ata un máximo de 2 puntos:

– Equivalente ou menor a B1: 0,2 puntos por cada idioma.

– Equivalente a B2: 0,3 puntos por cada idioma.

– Equivalente a C1: 0,5 puntos por cada idioma.

– Equivalente ou maior de C2: 1,5 punto por cada idioma.

Para a valoración dos idiomas deberase achegar certificado de competencias lingüísticas expedido por un organismo oficial. Non se valorarán cursos de idiomas.

Todos os méritos que hai que ter en conta neste proceso valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria.

4.5. Entrevista persoal: ata un máximo de 2,6 puntos.

Consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos aspirantes.

Pasarán a esta segunda fase os/as aspirantes que tiveran as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.

A entrevista versará sobre o currículum vítae dos/das aspirantes, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre as materias relacionadas co obxecto do proxecto.

Para a realización da entrevista, que poderá ser telemática, disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,6 puntos.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso é nomeado pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conforme o previsto no artigo 11 do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á Comisión de Selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/das aspirantes e baremación dos méritos

6.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as para a praza obxecto desta convocatoria, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que as alegacións conteñan documentación acreditativa asinada electronicamente ou cando a dita documentación conste como validada (V) na oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde, as alegacións poderán presentarse en formato electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixíndoas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos.

6.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de vinte e seis puntos (26).

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será de dous con seis puntos (2,6).

6.2.1. Primeira fase: o tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra a baremación da listaxe provisional nun prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que as alegacións conteñan documentación acreditativa asinada electronicamente ou cando a dita documentación conste como validada (V) na oficina do profesional/Expedient-e (Fides) do Servizo Galego de Saúde, as alegacións poderán presentarse en formato electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixíndoas á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

6.2.2. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.

Pasarán a esta segunda fase os/as aspirantes que teñan as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.

A entrevista versará sobre o currículum vítae dos/das candidatos/as, as funcións que van desempeñar e os seus coñecementos sobre proxectos e políticas ou programas comunitarios relacionados coa I+D+i. Parte da entrevista poderá desenvolverse en inglés.

Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,6 puntos.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.gal/) os nomes dos/das convocados/as a esta fase, o lugar e a data e hora de realización da entrevista.

Os/as convocados/as deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Unha vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web https://acis.sergas.gal/ a listaxe coa puntuación provisional dos/das aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

6.3. Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva dos aspirantes que realizaron as dúas fases do proceso, que será elevada á Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas polo mesmo medio que as listaxes provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

6.4. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, e deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

− Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

− Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.5.

− Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.6.

6.5. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior a documentación citada no número 6.4. Procederase desta forma ata que un/unha aspirante presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.6. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, formalizarase a contratación obxecto da convocatoria.

6.7. Se ao longo da duración do proxecto se produce a baixa do/da aspirante contratado/a, procederase ao chamamento, para a súa cobertura, do/da seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista resultante desta convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección publicaranse na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde na epígrafe de avisos e tamén na de transparencia e bo goberno.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II

Solicitude de participación

Datos persoais:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Nome:

DNI/pasaporte:

Nacionalidade:

Enderezo:

Teléfono:

Correo electrónico:

Data de nacemento:

Solicito:

1º. Ser admitido/a na convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, da praza de titulado/a superior como xestor do proxecto Integrasaúde.

2º. Para tal efecto, presento a seguinte documentación: (relacionar dita documentación)

Lugar, data e sinatura

Santiago de Compostela, ... de ... de 2026

Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º A (Edificio CNL).

15707 Santiago de Compostela (A Coruña)