Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49-Bis Xoves, 12 de marzo de 2020 Páx. 15991

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de marzo de dous mil vinte, aprobou o seguinte acordo:

Adoptar as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus “COVID-19”, que se xunta como anexo.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, de data 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19

Os coronavirus son unha ampla familia de virus que, normalmente, adoitan afectar só aos animais, aínda que algúns teñen a capacidade de transmitirse dos animais ás persoas, provocando cadros clínicos que van desde o arrefriado común ata enfermidades máis graves, como acontece co coronavirus que causou a síndrome respiratoria aguda grave (SRAS-CoV) e o coronavirus causante da síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS-CoV).

A aparición do coronavirus COVID-19 no mes de decembro de 2019 creou un escenario mundial que require da adopción de medidas preventivas e de accións que permitan facer un seguimento da situación do avance dos casos, o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos que permitan prever e afrontar os múltiples escenarios que se poidan dar, coa maior eficacia posible.

O Regulamento sanitario internacional (RSI 2005), establece a figura da emerxencia de saúde pública de importancia internacional (ESPII) ante eventos extraordinarios que se determine que constitúen un risco para a saúde pública doutros Estados, por mor da propagación internacional dunha enfermidade, e poderían exixir unha resposta internacional coordinada.

O xoves día 30 de xaneiro celebrouse a segunda reunión do Comité de Emerxencias do RSI en relación co abrocho polo novo coronavirus COVID-19 na República Popular de China. Como resultado das deliberacións, o director xeral da OMS declarou que o dito abrocho constitúe unha ESPII.

Neste sentido, todas as actividades propostas pola OMS e polo Comité de Emerxencias neste momento están en marcha en todo o Estado, en coordinación coas comunidades autónomas.

Na Comunidade Autónoma de Galicia constituíse unha Comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes, que ten atribuídas as funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións adoptadas, tanto preventivas como paliativas, en función da situación epidemiolóxica concreta en Galicia e no Estado, a proposta de sistemas de vixilancia, a aprobación dos niveis de decisión e de responsabilidade das actuacións para preparar a resposta e da coordinación coa Administración xeral do Estado, así como a aprobación dos plans e protocolos de preparación e resposta e a coordinación da información.

No último pleno extraordinario urxente do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde nº 130, tratouse a situación actual e as medidas que cómpre adoptar en relación coa epidemia de coronavirus COVID-19, estando presentes representantes das comunidades autónomas.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, establece no seu artigo 1 que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na mesma lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

Segundo o artigo 2 da mesma Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, as medidas inclúen o recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación por mor da situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas ou polas condicións sanitarias en que se desenvolva unha actividade.

O artigo 3 da mesma lei orgánica prevé tamén que, co fin de controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as medidas oportunas para o control dos enfermos, das persoas que estean ou estivesen en contacto cos eles e do ambiente inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.

Por outra banda, o artigo 24 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, prevé que as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde, serán sometidas polos órganos competentes ás limitacións preventivas de carácter administrativo, de acordo coa normativa básica do Estado.

O artigo 26 da mesma Lei 14/1986, do 25 de abril, prevé a posibilidade de que as autoridades sanitarias poidan adoptar as medidas preventivas pertinentes cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. A duración das ditas medidas fixarase para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non excederá o que esixa a situación de risco inminente e extraordinario que as xustificou.

Pola súa banda, os artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, prevé así mesmo a adopción de medidas por parte das autoridades sanitarias en situación de risco para a saúde das persoas.

Na mesma liña, o artigo 34 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, inclúe entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde.

Tamén o artigo 38 da mesma lei prevé que as autoridades sanitarias poderán levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde de terceiras persoas, nos mesmos termos previstos nos artigos 2 e 3 da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril.

O artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, atribúe a condición de autoridade sanitaria ao Consello da Xunta de Galicia.

A situación e evolución do COVID-19, con case 120.000 casos e 114 países afectados no 11 de marzo, provocou que a OMS definise a epidemia como pandemia global.

Sobre esta base, e tendo en conta que diversos estudos indican que, de non poñer en marcha medidas extraordinarias de distanciamento social, ata un 60% da poboación no peor escenario podería infectarse, o que provocaría unha onda epidémica sensiblemente elevada, que ademais, polos datos publicados na literatura científica, incidiría de maneira especial na poboación maior de 70 anos, que constitúe un 19 % da poboación galega, onde a taxa de mortalidade podería superar o 2% entre os afectados, pódese afirmar que a situación actual supón un risco inminente e extraordinario para a saúde da poboación. En consecuencia, de conformidade coas previsións normativas antes indicadas, e considerando así mesmo o acordado no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade,

ACÓRDASE

Primeiro. Medidas preventivas

Adóptanse as seguintes medidas preventivas:

a) No eido das actividades deportivas, e sen prexuízo das medidas adoptadas polas autoridades competentes respecto do deporte de competencia estatal:

1ª) Suspensión da actividade do programa XOGADE.

2ª) Celebración a porta pechada da actividade deportiva oficial de competencia autonómica, nomeadamente a correspondente ás federacións deportivas galegas. Non obstante o anterior, as persoas organizadoras poderán adoptar alternativamente o aprazamento ou a suspensión da actividade co fin de minimizar prexuízos a clubes e deportistas. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte, coa supervisión das autoridades sanitarias, ditará instrucións en que se recollan as limitacións e condicións en que se poderán celebrar actividades deportivas de ámbito federativo que comporten a afluencia de numerosos deportistas participantes, para o cal poderá establecer un número máximo deles.

3ª) Respecto do resto das actividades e eventos deportivos colectivos non mencionados anteriormente, incluídos os organizados polas entidades locais, que impliquen a asistencia de público, deberán ser celebrados a porta pechada ou ser suspendidos.

b) No eido dos servizos sociais, en atención á especial protección que se debe prestar a poboación sensible ou en especial risco:

1ª) Suspensión de toda a actividade dos centros sociocomunitarios; dos centros de día, sexan de maiores, de menores, de protección de menores ou de discapacidade; dos centros ocupacionais; das escolas infantís, puntos de atención á infancia, ludotecas e outros espazos infantís; das residencias de tempo libre; e dos albergues xuvenís e espazos xoves. A consellería competente na materia de política social adoptará as medidas e instrucións pertinentes en relación coa prestación de servizos do persoal e a súa presenza nos centros que asegure o seu mantemento e a continuación reanudación da súa normal actividade.

2ª) Nos centros residenciais:

- Suspensión de todas as actividades que supoñan o acceso de persoas externas a eles.

- As persoas responsables dos centros deberán limitar o número de visitas a un máximo de unha por residente e día e colocar carteis informativos nos accesos sobre estas limitacións e as medidas preventivas e os riscos do coronavirus acorde coa subministrada oficialmente polas autoridades sanitarias.

- Non se aceptarán visitas a residentes por persoas con síntomas respiratorios ou febre.

- Non se aceptarán con carácter xeral visitas aos residentes por persoas maiores de 70 anos ou con patoloxías cardíacas ou respiratorias previas.

- Deberán extremarse as medidas de limpeza.

-Evitarase a aglomeración de residentes en actividades e deberán ser distribuídos de xeito que se limite a presenza de grupos numerosos de persoas en espazos pechados para minimizar as posibilidades de contaxio.

- Paralízanse todos os ingresos en residencias de maiores e persoas con discapacidade, con excepción dos casos derivados polas autoridades sanitarias.

c) No eido educativo, en atención á especial protección que se debe prestar á poboación sensible:

- Suspensión de todo tipo de actividade lectiva regulada en todos os centros de ensino non universitario. Esta suspensión inclúe tamén os servizos educativos complementarios, nomeadamente o comedor, transporte e servizo de madrugadores, con independencia de quen sexa o organizador dos devanditos servizos.

- Suspéndense no ámbito educativo todas as viaxes de estudos, excursións ou calquera tipo de desprazamento de grupos de alumnado ou de profesorado.

- Suspéndense no ámbito educativo todo tipo de festivais, galas ou actividades que impliquen a reunión de alumnado.

- O persoal docente e non docente terá a obriga de acudir ao centro educativo. Para os efectos de favorecer a conciliación do persoal con fillos e fillas menores de 18 anos ou maiores que presenten algunha discapacidade e persoas maiores dependentes, o equipo directivo poderá reorganizar o horario de permanencia no centro educativo de cada docente ou persoal de administración e servizos, cumprindo co cómputo total anual e reorganizando as tarefas para adecuar a prestación dos servizos básicos de información, atención e titorización non presencial da súa comunidade educativa. Todo isto dentro do horario de apertura habitual do centro. Esta medida é de aplicación ao persoal que non presente sintomatoloxía.

- Como medida extraordinaria para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral daquel persoal con fillos e fillas menores de 18 anos, maiores discapacitados ou maiores dependentes ou que presenten algunha discapacidade, este poderá realizar a súa actividade laboral mediante o sistema de teletraballo nunha porcentaxe non superior ao 50% do seu horario total de permanencia no centro.

- O profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos accesibles ao seu alumnado actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.

- Para o alumnado de 2º de Bacharelato o profesorado adoptará todas as medidas específicas necesarias (telemáticas) para garantir de forma non presencial a continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares.

- Suspéndense as prácticas de Formación Profesional (módulo FCT) que se realicen en empresas, incluídas as asociadas a Erasmus.

- Reprogramarase individualmente para cada alumno ou empresa a actividade formativa nos centros de traballo para as ensinanzas impartidas na modalidade de FPDual.

- Nos centros de Educación Especial con servizo de residencia NON se suspende a permanencia do alumnado, agás no caso en que presente sintomatoloxía, caso en que as autoridades sanitarias adoptarán as medidas pertinentes que garantan o non contacto co resto dos usuarios.

- Suspéndese a permanencia de usuarios nos centros residenciais docentes.

- Suspéndense todas as actividades de formación do profesorado que teñan carácter presencial.

d) No eido do ensino universitario.

- Suspéndense as actividades académicas no ensino universitario.

- Permanecerán abertas as residencias universitarias con servizos comúns básicos.

- As bibliotecas universitarias poderán admitir alumnado ata un terzo da súa capacidade, co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus.

e) Suspensión das prácticas que se realizan en calquera centro sanitario situado na Comunidade Autónoma de Galicia nos graos en Ciencias da Saúde ou doutras titulacións e ciclos formativos. Inclúense neste apartado as prácticas dos ciclos formativos de Formación Profesional.

f) Formación dependente doutros órganos da administración autonómica:

- Suspéndese toda a actividade lectiva, de comedor e residencia, no Instituto Galego de Formación en Acuicultura, no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, e nas Escolas Oficiais náutico-pesqueras de Ferrol e Ribeira dependentes da Consellería do Mar, así como nos centros dependentes da Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

- Suspéndese toda a actividade formativa da Escola Galega da Administración Pública e da Academia Galega de Seguridade, salvo a que se desenvolva en réxime de teleformación.

En relación co Centro de Tecnificación Deportiva da Xunta de Galicia na cidade de Pontevedra, acórdase o peche do centro e de todas as súas instalacións. Non obstante, os deportistas internos da residencia que por causas excepcionais e motivadas non poidan ir aos seus lugares de orixe, poderán permanecer no Centro.

g) Medidas no eido do transporte público.

No eido do transporte público regular de uso xeral, no transporte urbano, ferroviario e aeroportuario, en atención á especial protección que se debe prestar á poboación sensibles ou en especial risco:

- Desaconséllase o uso do transporte público regular de uso xeral e do transporte urbano así como das súas infraestruturas aos seguintes grupos de poboación:

- Persoas especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias ou con persoas destas características no seu contorno próximo.

- As persoas que presenten síntomas respiratorios ou que crean que teñen probabilidade de infección.

- As mulleres embarazadas.

No tocante á prevención activa no transporte indicado, aconséllase a adopción das seguintes medidas:

- Adopción polas empresas e autónomos do transporte das medidas de hixiene e desinfección dos vehículos tantas veces como sexa posible ao longo da xornada.

- A instalación de dispensadores de xeles hidroalcólicos invitando os usuarios a que o empreguen ao subir e ao baixar do vehículo.

Así mesmo, deberá realizarse un seguimento estrito das recomendacións sanitarias para a axeitada protección do persoal.

A consellería competente en materia de mobilidade facilitará infografía consistente en carteis informativos para que poidan situarse nas infraestruturas de transpostes sobre as limitacións e as medidas preventivas e os riscos do coronavirus acorde coa subministrada oficialmente polas autoridades sanitarias.

h) Equipamentos culturais.

Suspéndese a apertura ao público de museos, arquivos e outros equipamentos culturais dependentes da Administración autonómica. No caso das bibliotecas, poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus. Así mesmo, recoméndase ás demais administracións titulares de equipamentos culturais a inmediata adopción de medidas semellantes.

i) Espectáculos públicos e actividades recreativas (actividades de lecer, culturais e similares):

- Espazos pechados.

Suspéndese a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo da capacidade autorizada, aplicando as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias. Esta limitación non afectará espazos pechados cunha capacidade igual ou inferior a 50 persoas, ben que deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.

- Espazos abertos.

Recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre. En todo caso, suspéndense aquelas que concentren máis de 1000 persoas (mercados, festivais, concertos, feiras, festas populares e similares). En todo caso, deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.

k) Albergues de peregrinos.

Restrínxese a ocupación dos albergues de peregrinos da rede pública da Xunta de Galicia a un terzo da súa capacidade máxima. Ademais, permanecerán pechados os seus servizos comúns.

l) Medidas en materia de emprego:

- Suspensión da actividade formativa en centros e entidades de formación que, no ámbito territorial de Galicia, impartan accións de formación profesional para o emprego, así como na parte presencial na modalidade de teleformación, xestionadas e/ou financiadas pola Xunta de Galicia.

m) Medidas na área de comercio e consumo:

- Suspensión da actividade de dinamización comercial en espazos pechados.

- En superficies comerciais, reforzaranse as medidas de información, as medidas de hixiene, así como as medidas e intervalos de limpeza nas instalacións. Así mesmo, o seu titular adoptará as medidas precisas para evitar aglomeracións e cumprir o réxime de distancias recomendado polas autoridades sanitarias.

- Na Escola Galega de Consumo, suspenderanse as actividades presenciais no recinto e fóra del e suspenderase a súa actividade formativa.

n) Medidas en materia de espazos naturais:

- Suspéndense as vistas guiadas en grupos aos parques naturais, nacional e outros espazos naturais protexidos.

- Asemade, suspéndese a actividade ao público dos centros de visitantes e interpretación dos parques e as aulas de natureza.

ñ) Medidas de carácter xeral:

1ª) Recoméndase evitar as viaxes que non sexan necesarias.

2ª) Recoméndase ás persoas que inicien síntomas respiratorios e/ou febre que permanezan no seu domicilio, sen acudiren aos centros sanitarios, sempre que a súa situación clínica o permita, e ao seu lugar de traballo. As persoas que presenten a dita situación clínica, seguindo o protocolo establecido pola Consellería de Sanidade, poderán chamar ao teléfono 061 ou ao 900400116.

o) Medidas de protección para colectivos específicos:

1ª) Recoméndase o coidado domiciliario dos maiores.

2ª) Recoméndase a todas as persoas maiores, que padecen enfermidades crónicas, pluripatolóxicos ou con estados de inmunosupresión conxénita ou adquirida que limiten as saídas do seu fogar ou residencia. En calquera caso, recoméndase que eviten lugares concorridos nos que non é posible manter a distancia de seguridade interpersoal de polo menos un metro.

Segundo. Procedementos administrativos

As consellerías competentes adoptarán, de acordo coa lexislación aplicable, as medidas de ampliación de prazos que sexan precisas nos procedementos en tramitación, para posibilitar o seu cumprimento polos cidadáns.

Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para posibilitar o cumprimento dos requisitos establecidos nas correspondentes bases reguladoras aos beneficiarios de subvencións.

Procurarase en todos os casos que sexa posible a tramitación telemática dos procedementos evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros.

Terceiro. Vixencia

As medidas previstas no punto primeiro do presente acordo terán unha vixencia de 14 días naturais, sen prexuízo da súa prórroga e revisión transcorrido o prazo inicialmente previsto.

Cuarto. Aplicación das medidas previstas e posible adopción de medidas adicionais ou complementarias

Facúltase a Consellería de Sanidade para ditar os actos e as instrucións e adoptar as medidas que sexan precisas para aplicar e desenvolver o presente acordo.

Así mesmo, a Consellería de Sanidade poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias que sexan necesarias.

De conformidade co previsto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, darase traslado á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia para os efectos de solicitar a ratificación xudicial prevista no parágrafo 2º do artigo 8.6 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, para aquelas medidas que así o precisen.

Quinto. Coordinación coas autoridades sanitarias estatais

A Consellería de Sanidade comunicará as medidas establecidas no presente acordo ás autoridades sanitarias estatais para os efectos da debida coordinación con elas.

Sexto. Publicación e efectos

O presente presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación, excepto para a suspensión de actividades en centros, cuxa entrada en vigor será o luns 16 de marzo.