Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54-Bis Mércores, 18 de marzo de 2020 Páx. 17076

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

DECRETO 45/2020, do 18 de marzo, polo que se deixa sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia do 5 de abril de 2020 como consecuencia da crise sanitaria derivada do COVID-19.

Conforme o artigo 12 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia, a convocatoria das devanditas eleccións debe realizarse por decreto que sinalará a data das eleccións, a duración da campaña electoral, así como a data constitutiva do Parlamento.

De acordo co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a disolución do Parlamento e a convocatoria das eleccións, mediante decreto co contido indicado, corresponde á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

En exercicio de tal atribución aprobouse o Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, e fixouse como data de celebración de tales eleccións o 5 de abril de 2020.

Con posterioridade á devandita convocatoria, a evolución do coronavirus COVID-19 determinou a necesidade de adopción de medidas desde varias instancias. En particular, tras a elevación pola Organización Mundial da Saúde, o 11 de marzo de 2020, da situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 a pandemia internacional, mediante o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19. No devandito acordo, adicionalmente, ampliáronse as medidas preventivas, dispoñendo o peche dun bo número de establecementos e a suspensión de diversas actividades.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A dita declaración afecta todo o territorio nacional e a súa duración inicial fíxase en 15 días naturais (artigos 2 e 3), contados desde a data de publicación no Boletín Oficial del Estado do real decreto, aínda que neste se prevé a posibilidade de prórroga do devandito período inicial.

Entre as medidas previstas no real decreto atópanse fortes restricións á liberdade de circulación de persoas, a suspensión da apertura ao público de bo número de locais e establecementos no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais, establecementos e actividades recreativas, actividades de hostalaría e restauración, e outras adicionais, así como a ratificación das medidas autonómicas e locais xa adoptadas en relación co coronavirus COVID-19 que sexan compatibles coas previstas no real decreto.

En aplicación de devandito real decreto as autoridades estatais competentes ditaron ordes e instrucións. Así mesmo, no ámbito autonómico, o Centro de Coordinación Operativa adoptou acordos co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Platerga, activado como consecuencia da declaración de situación de emerxencia sanitaria.

As medidas adoptadas, tanto a nivel nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra o COVID-19, comportan, polo tanto, serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades, así como da apertura de establecementos e locais. Estas medidas, necesarias para a protección da saúde pública, resultan, con todo, incompatibles co normal desenvolvemento dun proceso electoral e, polo tanto, do libre e normal exercicio do dereito de sufraxio. Así, resulta claro, por exemplo, que a limitación da liberdade de circulación das persoas, a suspensión de actividades e o peche de establecementos e locais implica a imposibilidade de desenvolvemento, practicamente total, da campaña electoral, nos termos e coas garantías previstas na normativa de réxime electoral. Unha votación sen unha campaña electoral en tales condicións dificulta o debate público entre as persoas candidatas e as posibilidades de que o electorado poida coñecer os programas das diferentes candidaturas. Ademais, de prorrogarse a vixencia do estado de alarma e abarcar o propio día da votación, o peche comprendería lugares previstos como locais electorais, ademais de que as medidas relativas á limitación da liberdade de circulación de persoas impedirían, así mesmo, o desenvolvemento da xornada electoral coas garantías que o dereito fundamental de sufraxio impón.

A incidencia da declaración do estado de alarma nas eleccións ao Parlamento de Galicia non está, con todo, expresamente prevista na normativa aplicable. O silencio normativo non pode entenderse, porén, como necesaria continuación do proceso electoral iniciado con anterioridade á declaración do estado de alarma, custe o que custe e con independencia dos efectos que a dita continuación poida ter para o exercicio, coas debidas garantías, do dereito de sufraxio, tanto activo como pasivo, como consecuencia, neste caso, da aplicación das medidas derivadas da declaración do estado de alarma. Debe advertirse, neste punto, da transcendencia dos procesos electorais, que forman parte da esencia mesma do Estado democrático de dereito, debido a que, a través das eleccións, se manifesta a vontade popular, fundamento mesmo do principio democrático que informa a Constitución española. En efecto, o dereito de sufraxio é o dereito fundamental que encarna o dereito de participación política no sistema democrático dun Estado social e democrático de dereito, que consagra o artigo 1 da Constitución española e é a forma de exercer a soberanía que o mesmo precepto consagra.

Por tanto, ante o silencio legal, o marco normativo derivado da declaración de estado de alarma obriga, durante a vixencia do devandito estado, a buscar unha solución integradora e conforme o bloque de constitucionalidade entre, por unha banda, as medidas que deben rexer necesariamente nese período, por impoñelo a situación de emerxencia que motivou a declaración do estado de alarma, e, doutra banda, as exixencias que o dereito fundamental de sufraxio comporta, conforme as cales, dada a transcendencia democrática deste dereito fundamental, é necesario garantir, como puxo de manifesto a propia Xunta Electoral de Galicia, que o proceso electoral se articule a través das distintas fases e trámites previstos na normativa electoral coas debidas garantías.

Conforme reiterada doutrina do Tribunal Constitucional son principios de interpretación e aplicación aos procesos electorais o de obrigada interpretación da legalidade favorable aos dereitos fundamentais e o de interpretación máis favorable á plenitude do dereito de sufraxio. Ademais, conforme a mesma doutrina, o proceso electoral, pola súa propia natureza, está constituído por trámites que deben desenvolverse en prazos perentorios e sucesivos, que se atopan interconectados entre si integrando unha unidade, e a natureza do proceso electoral é incompatible cunha apertura indefinida da determinación dos seus resultados. Xunto a iso, a propia normativa electoral non é allea á posible existencia de circunstancias extraordinarias, estrañas ao desenvolvemento do proceso electoral, que poidan ter incidencia nel, ao aludir expresamente á forza maior como circunstancia susceptible de afectar actos clave do proceso electoral como son a votación e o escrutinio (artigos 84 e 95 de Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral).

En atención ao exposto, unha interpretación sistemática, finalista, integradora e con dimensión constitucional do marco normativo derivado da declaración do estado de alarma impón, en prol da efectividade do dereito de sufraxio e do seu exercicio coas debidas garantías, deixar sen efecto a celebración das eleccións convocadas polo Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, e proceder a efectuar unha nova convocatoria no prazo máis breve posible unha vez levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria.

Na súa virtude, oídos os grupos políticos máis representativos de Galicia e a Xunta Electoral de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Procédese a deixar sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento galego convocadas para o próximo 5 de abril de 2020 polo Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.

Artigo 2

A convocatoria de eleccións ao Parlamento galego activarase unha vez levantada a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria. A dita convocatoria realizarase no prazo máis breve posible, oídos os partidos políticos, e por decreto do presidente da Xunta.

Artigo 3

Darase traslado inmediato deste decreto á Deputación Permanente do Parlamento galego.

Disposición derradeira única

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2020

Alberto Núñez Feijoo
Presidente da Xunta de Galicia